martes, 31 de xaneiro de 2017

PODE A MÚSICA PARAR UNHA GUERRA?

Onte celebramos o Día da Paz, e no cole reunístesvos para montar parte da partitura que compuxo Beethoven e que forma parte da súa 9ª Sinfonía: a coñecida "Oda á alegría". Cada aula decorou os compases que lle tocaron dunha maneira moi fermosa, así que vos felicito a todos!!! Emocioneime vendo como seguiades as notas cando comezou a soar a música e canta o barítono... 
Sei que nas aulas falastes de paz, pero tamén de cousas que significan todo o contrario. Alguén pode preguntarse: se a música é tan poderosa, pode chegar a parar unha guerra? Pois vouvos contar unha historia que me gustaría que gardarades na vosa memoria. Aquí vos vai:


Para que serve a música? Nas lecturas do proxecto integrado deste curso ofrécense varias respostas a esta pregunta, pero hai moitas máis. Desde aquí queremos contestar a unha pregunta concreta: Pode a música parar unha guerra?
Esta historia verdadeira comezou na Noiteboa do ano 1914, no máis cruel dunha guerra especialmente cruel: a Primeira Guerra Mundial. As tropas británicas e as do imperio austrohúngaro estaban bloqueadas en todo o norte de Europa: ningún exército podía superar ao outro. Librábanse duras batallas por conquistar metros de terra que ao dia seguinte se volvían perder. Como os exércitos non avanzaban (nin podían deixar que o outro avanzase), construíronse trincheiras, que son escavacións estreitas e longas onde se colocaban os soldados para disparar e protexerse do fogo inimigo. Estas trincheiras recibiron o nome de fronte occidental: dúas liñas escavadas na terra, separadas por poucas decenas de metros, que ían desde Suíza ata o Mar do Norte.
A vida dos soldados era tan dura como se poida imaxinar xa que tiñan que permanecer alí, ao aire libre, chovese, nevase ou ventase. Nesas condicións chegou a Noiteboa do ano 1914, e aqueles soldados atrapados no medio do monte puxéronse a celebralo como podían nesas situacións. E puxéronse a cantar. E sucedeu que o bando alemán empezou a cantar unha panxoliña que en alemán se chama Stille Nacht, en inglés Silent night, e é a mesma canción que nós coñecemos como “Noite de Paz”. E como todos coñecían a canción, amigos e inimigos puxéronse a cantar xuntos e intercambiarse saúdos e felicitacións.
Á mañá seguinte, no día de Nadal, acordouse unha tregua durante a cal se aproveitou para recoller aos compañeiros caídos e celebrar un acto pola súa memoria. Tamén se intercambiaron presentes... e mesmo se xogou ao fútbol!

A chamada TREGUA DE NADAL estendeuse a outras zonas, e aínda que nalgúns lugares só durou un día, noutros casos a tregua mantívose ata o mes de febreiro.

Sobre esta historia tan especial fixéronse libros, películas, música... mesmo un anuncio bastante axustado á realidade:

O músico e antigo membro dos Beatles, Paul McCartney, tamén falou deste suceso no vídeo que fixo para a canción Pipes of peace:


Así que... pode a música parar unha guerra? Pode! E mesmo evitala, como ocorreu na Revolución dos Caraveis... Pero diso xa falaremos noutra ocasión.

luns, 30 de xaneiro de 2017

DÍA DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Un ano máis, o 30 de xaneiro celebramos o Día da non violencia e a paz. Esta xornada fundouna en España o poeta e pacifista Llorenç Vidal en 1964, e a data elixida coincide co aniversario da morte de Mahatma Gandhi. 
Ao longo da semana pasada falamos moito da necesidade de paz en calquera recuncho do mundo. Son moitos os problemas que podemos observar, pero o máis triste é que en moitísimas ocasións se tratan de solucionar de maneira violenta. Este tema levounos de novo á música, xa que foron e son moitas as persoas relacionadas con ela as que tratan de cambiar este mundo levándoo polo camiño da paz. A "Oda a alegría" da Novena Sinfonía de Beethoven, "Imagine" de John Lennon, "Sólo le pido a Dios", de Mercedes Sosa, "We are the world" de Michael Jackson, "No dudaría" de Antonio Flores, etc., son algunhas das composicións que me veñen á cabeza. Pero tamén o grande director Daniel Barenboim, fundador dunha orquestra multicultural na que participan israelíes, turcos, palestinos, iraníes e españois. E tamén iniciativas de músicos que tratan de ofrecer aos rapaces que viven en ambientes de violencia unha oportunidade de cambio... 
E para hoxe quero agasallarvos con este vídeo tan fermoso do movemento "Women Wage Peace", no que a cantante israelí Uael Deckelbaum canta a canción "Prayer of the mothers" xunto a mulleres e nais de todas as relixións: hebreas, musulmás, cristiás... Todas xuntas camiñando en Israel pola Paz.


venres, 27 de xaneiro de 2017

SEGUNDA FASE DE CAMPO A TRAVÉS

Hoxe celebrouse a segunda fase de Campo a Través para a que se clasificaran Paula Barcia, Miguel Barrul e Jorge Otero. Esta segunda carreira tivo lugar en Serra de Outes, ata onde viaxaron Paula, Miguel e Jorge acompañados do papá de Paula e do profe David. 
Fixérono moi ben, e pasárono aínda mellor, a pesar de que o tempo non foi o máis apropiado para celebrar unha competición ao aire libre. En calquera caso, quero felicitar aos tres polo esforzo realizado e pola boa clasificación obtida, porque todos chegaron á meta!!! E unha proposta: contaxiade todas as ganas de deporte entre as vosas compañeiras e compañeiros, porque ademais de saudable, é moi divertido. E se tedes algunha dúbida, mirade as fotos que fixeron esta mañá AQUÍ.



E tamén podedes ver á súa chegada á meta nos seguintes vídeos:





DE VISITA AO MACUF

O venres deixamos o cole baleiro, para visitar o Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa en A Coruña. Este lugar é especial para nós, xa que todas as actividades que realizamos a través del aportáronnos moitísimo, e tamén nesta ocasión foi así. Os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º fixemos unha visita guiada por algunhas das exposicións que no museo se atopan, dándonos conta de que moitas veces as imaxes poden enganar moito, ou fixándonos en aspectos que poden quedar nun segundo plano... Os grupos de Infantil, 1º e 2º fixemos un obradoiro sobre o medo. De xeito semellante á nosa celebración do Samaín, falamos en voz alta das cousas que máis nos asustan, coñecemos a historia de Carmola representada en directo para nós, e incluso conseguimos que os nosos medos desapareceran. Como? Pois facendo unha chocolatina moi especial, e ao comela desapareceron todas as nosas teimas!!!
Despois, aproveitando o día de sol, comemos no Monte San Pedro, e recibimos a visita da profe Cruz!!! Pasámolo moi ben e quero que todos vexades as fotos tan fermosas desta xornada. Premede AQUÍ!

domingo, 22 de xaneiro de 2017

O PAN CHEGA AO COLE CUN SORRISO



Dende hai 6 anos, Silvia reparte o pan da Panadaría Ignacio na súa furgoneta. Moitas das persoas que formades parte do Víctor Sáenz tal vez nin a coñezades, porque chega máis cedo que a maioría de vós, pero cada mañá, Silvia tráenos o pan que acompaña as comidas que nos preparan Lourdes e Mariví. Silvia baixa do seu coche, agarra o saco co pan recén feito, e saúda cunha enerxía e un sorriso que se contaxia a todas as persoas que temos a sorte de cruzarnos con ela. Onte entrevistárona en "La Voz de Galicia", e pareceume moi boa idea compartir a noticia convosco. Moitas veces fixámonos nas mensaxes que transmiten persoas famosas, que saen a diario nos medios de comunicación, e non nos damos conta de que as que viven ao noso redor dannos, coma Silvia, toda unha lección para a vida. "Eu penso que se ti dás, tamén recibes", di. Seguro que despois de ler a súa entrevista, cada vez que collades un anaco de pan debuxaredes un sorriso no voso rostro...
 


martes, 17 de xaneiro de 2017

OS VÍDEOS DA 1ª FASE DE CAMPO A TRAVÉS

Aquí tedes os vídeos da carreira celebrada en A Baña a semana pasada. Son curtiños, para ver a saída das rapazas e a dos rapaces, así como a chegada á meta dalgúns delas/es. A próxima cita é o vindeiro venres, 27, para a cal se clasificaron PAULA BARCIA, MIGUEL BARRUL e JORGE OTERO. Desde aquí tamén quero desexarlles MOITA SORTE!!!
 



















OS VÍDEOS CON LUÍS SOTO

Xa sei que pasou bastante tempo desde que Luís Soto nos visitou, pero así lembrámonos del tamén nestas datas, xa que aquí podedes ver os vídeos que gravamos cando nos visitou para celebrar o Día de Santa Cecilia. Seguro que vos fai tanta ilusión como a min lembrar esa xornada tan especial!!!









luns, 16 de xaneiro de 2017

A PÁXINA DO NOSO PROXECTO SOBRE A MÚSICA



Ola, rapaciñas e rapaciños!!!
Dende hoxe tedes á vosa disposición a páxina na que podedes ler os textos que se entregan para a "Hora de ler", entre outras cousas que vos irei enlazando nesa dirección. Desta maneira, os enlaces para ver e escoitar os vídeos que nos textos aparecen será moito máis sinxelo, xa que soamente tedes que premer sobre el para velos. 
Na columna da dereita, buscade a imaxe do noso cartel deste curso, premede sobre el e aí podedes elixir o material que precisedes. 
Unha aperta enorme!!!

venres, 13 de xaneiro de 2017

A ESCRITORA MARILAR ALEIXANDRE INGRESA NA RAG

MARILAR ALEIXANDRE é unha das escritoras galegas máis recoñecidas na actualidade. Aínda que naceu en Madrid, hai case 70 anos, en canto chegou a Galicia converteuse nunha galega máis. Escribiu moitos libros para rapaces/as e adultos, algúns dos cales podedes atopar na nosa biblioteca. 
Tamén tivemos oportunidade de escoitala en directo hai varios anos, cando se celebrou o "IV Día da Ciencia en Galego", e desde o cole puidemos escoitar a súa charla adicada aos insectos.
Esta semana é noticia porque vai ocupar a cadeira da Real Academia Galega que quedou baleira cando morreu XOSÉ NEIRA VILAS.
Se premedes sobre o seu nome podedes ler a noticia completa, onde tamén aparecen os títulos dos seus libros, ou os dos que traduciu ao galego, entre os cales está un moi coñecido por moitos/as de vós: "Harry Potter e a pedra filosofal", de J. K. Rowling.

DOUS MEDALLISTAS NO VÍCTOR SÁENZ

Pois si!!! Esta mañá, un grupo de rapaciños e rapaciñas do cole viaxou ata A Baña para competir na primeira fase da comarca de Campo a Través. A este valente grupo de rapaces e rapazas, acompañado polos profes David e Andrés, non lle puxo medo nin o frío, nin a néboa nin o orballo que caía antes de saír do cole. Pasárono moi ben, todas e todos chegaron á meta, e dous deles foron entre os primeiros en clasificarse: MIGUEL BARRUL e JORGE OTERO, de 3º de Primaria. Así que tamén eu me quero sumar ás felicitacións, pero non só para Miguel e Jorge, senón para todas as persoas participantes, xa que eso é o máis importante. Ademais, escoitei detrás das portas a alegría que levastes ao atoparvos na competición con antigos/as compañeiros/as e amigos/as. E iso é o máis importante, non o esquezades!!!  Aquí vos deixo esta fermosa imaxe, pero hai moitas máis, que podedes ver premendo aquí. E en breve tamén enlazaremos os vídeos que fixo unha das persoas que máis vos animou durante a carreira: o profe DAVID!!!

xoves, 12 de xaneiro de 2017

ENTREVISTA A JOSÉ ANTONIO DÍAZ, DE VOZ NATURA

Voz Natura cumpre 20 anos este curso. Aínda que o noso cole non leva tanto tempo neste programa de educación medioambiental, todas as persoas que apoiamos este proxecto estamos moi contentas de formar parte do mesmo, no que as actividades se dirixen a traballar por un futuro sostible desde as primeiras idades.
Esta semana, no seu blog entrevistan a José Antonio Díaz, coñecido coma "Machiño", unha das persoas fundamentais no comezo desta grande iniciativa. Podedes lela no seguinte enlace:

Blognatura

luns, 9 de xaneiro de 2017

CALENDARIO 2017

Xa temos o noso CALENDARIO para o ano 2017! Esta vez chegou un pouquiño máis tarde, pero penso que mereceu a pena esperar, porque quedou moi bonito!!! Fixestes unhas ilustracións chulísimas que, ademais de que alegrarán cada un dos meses deste ano, decoran o corredor do colexio da mellor maneira que podo imaxinar. Non hai ningún traballo mellor que o que realizades todos vós cando o facedes con esforzo e ilusión. E iso nótase moito, así que NORABOA A TODAS E TODOS POR ESTE FERMOSO TRABALLO!!!!




domingo, 8 de xaneiro de 2017

ARRANCA O SEGUNDO TRIMESTRE

FELIZ ANO 2017!!! Xa estamos de volta!!! Alá van varios días onde as rutinas mudan moito do resto do ano: comemos moitas cousas diferentes e moi ricas, deitámonos tarde e durmimos todo o que nos presta, vemos a persoas que viaxan aos nosos fogares durante estas datas, recibimos agasallos enviados por seres que non deixan de sorprendernos... É o que ten o Nadal!!! 
Pero agora toca retornar a outra rutina, que tamén é moi fermosa: a de chegar ao cole para ver aos amigos/as, aos profes, viaxar en autobús, ir de excursión..., e aprender un montón de cousas novas. Xogar no patio do cole tamén é unha aventura cada día, emocionarse cada vez que sae a mochila viaxeira, alegrarse coas anécdotas que van sucedendo, saltar de contentos/as cos cumpreanos dos nosos compañeiros/as, dar palmadas polos ricos menús que as nosas cociñeiras nos preparan cada día, etc. Son tantas as cousas que viviremos xuntos, que estou desexando xa vervos en acción.
E eu, que durante as vacacións aproveitei tamén para facer as mesmas cousas ca vós, recibín unha curta dun amigo ao que quero moito, e é tan fermosa que vola traigo hoxe de agasallo para comezar o trimestre!!! Titúlase "Alike", e gañou moitísimos premios, incluso o Goya no 2016 á Mellor Curtametraxe de Animación. Non hai diálogo nela, o único son empregado é unha música composta para a mesma moi bonita. É unha curta para reflexionar; ás veces o mundo semella moi gris: traballar sen descanso, problemas por aquí e por alá, persoas que non poden gozar de moitos dos dereitos que nós, afortunadamente, temos... Pero sempre estamos a tempo de cambiar o rumbo, é cuestión de decidir. Todos queremos unha vida chea de aventuras, de cor, de ilusión... Pois a por ela!!!