O próximo venres 20 de marzo despedimos o inverno dun xeito especial: producirase un eclipse de Sol.
Un eclipse prodúcese cando a Lúa oculta ao Sol, desde a perspectiva da Terra.
Nos seguintes vídeos poderás entender mellor como se produce este fenómeno:
Dependendo do lugar no que nos atopemos, veremos un eclipse total (toda a superficie do Sol queda cuberta pola Lúa) ou parcial (a Lúa non tapa por completo ao Sol), que será como se vexa na maior parte de Europa. En España o eclipse comezará ás 09:05 da mañá, e acabará ás 11:18. Os case 3 minutos máis espectaculares chegarán ás 10:09. Se queredes coñecer máis detalles sobre o eclipse do próximo 20 de marzo, premede AQUÍ. Tamén vos pode resolver moitas dúbidas o enlace que atoparedes neste artigo de La Voz de Galicia ou nestoutro do Observatorio da Armada, que inclúe tamén varias animacións sobre este espectáculo astronómico (premede sobre os nomes escritos a cor).
A mellor zona para velo será GALICIA, así que xa sabedes!! Pero para poder observalo tedes que tomar varias precaucións, xa que é moi perigoso mirar cara o Sol directamente, e pode provocar graves lesións nos ollos. Así que nada de gafas de sol, radiografías, cristais afumados e cousas similares. Si podedes empregar filtros solares, cristais de soldadura cun alto factor de protección ou gafas especiais.
Pero tamén hai outras opcións:
-unha delas, proxectando a imaxe do Sol empregando dúas cartulinas. A unha fáiselle un buratiño duns milímetros e agarrámola de costas ao Sol, de xeito que a luz pase polo burato e apareza na outra cartulina, situada a dous palmos de distancia e á sombra da primeira.
Se premes enriba da imaxe poderás ler un documento do Observatorio Astronómico Nacional que contén máis información sobre as precaucións que debemos tomar á hora de ver un eclipse.
E como seguramente estaredes moi impacientes, no seguinte vídeo podedes ver o eclipse de Sol do ano 2008, desde Novosibirsk, Rusia, aínda que tamén queremos recordarvos que o eclipse de mañá será retransmitido en directo desde as illas Feroe (situadas no Atlántico Norte).
Ningún comentario:
Publicar un comentario