martes, 20 de setembro de 2011

MAÑÁ COMEZA O OUTONO

Aínda que pareza mentira con estas calores que estamos disfrutando estes días, mañá CHEGA O OUTONO tamén a Mazaricos.

Dende a Biblioteca do CPI Viaño Pequeno de Trazo nos chega esta fermosa presentación de imaxes sobre o outono.


Fermosas imaxes verdade??? Poderían ser de Mazaricos pero foron tomadas na Selva de Irati. Non sabedes onde está?? Pois xa sabedes, ide a biblioteca a buscar información sobre ese lugar.
Queredes unha pequena axudiña!!: consultade este enlace: http://www.selvadeirati.com/

Ademais deixámosvos este pequeno fragmento dun comentario do escritor Ramón Otero Pedrayo sobre este cambio de estación. A aldea, o outono, os labregos: o noso.

 "Xa os derradeiros días de sol amañeceron
unhas mancholas cor de cobre nas ponlas
máis valentes dos vellos negrillos da estrada.
Os amieiros musicais afeitos a seguir a carreira das
augas tamén adquiren unha mística pureza de ouro
melancólico sobre o lucir da alba. As campás do val
rachan as xordas néboas. No serán locen feixes de
rosas murchas nas montañas do poente. O outono.
“¡Que triste está a aldea!” din os cidadáns
maxinando os camiños lamigosos, as casas afumadas,
os espellos da auga encorada nos sucos do
centeo, o trecolear dos zocos nas costas pedregullentas.
O vivir parece que detén o seu ritmo ó
compás do crecemento das noites e do medoñento
caer das follas e dos ourizos nos soutos seculares. Xa
non estoupan os foguetes da festa nin se ergue o
alalá das escascas coma nas doces noites setembrinas.
O cidadán pensa que a aldea morre
agardando coa paciencia dos penedos a que volte o
ledo rexurdir primaveral. Mais chegádevos a unha
verdadeira parroquia campesía, ollade prós terreos,
entrade nos curros e veredes que a vida lonxe de se
deter, corre máis axiña e loce máis luminosa igual
que a lapa petrucial da lareira..."
                                                       Novembro 1926
                                          Ramón Otero Pedrayo

Ningún comentario:

Publicar un comentario