mércores, 22 de xuño de 2022

RAPAZAS EMPRENDEDORAS NAS TIC-VÍDEO RESUMO

Ola, rapazas e rapaces!!!

Chega a despedida do curso, e con el as presentacións finais dos proxectos documentais sobre o universo e outros traballos que realizastes durante estes meses. Un deles é o que vos presento hoxe aquí, que realizaron en 3º e 4º de primaria como resumo do proxecto Rapazas emprendedoras nas TIC, que tanto éxito tivo entre o alumnado de primaria. Trátase dun vídeo no que aparecen todas as actividades realizadas ao longo do curso dentro deste proxecto, así que dádelle ao play para velo e lembrar todo o que aprendestes:

Apertas,

Rosiña 

martes, 21 de xuño de 2022

RECOLLIDA DOS PREMIOS DO CONCURSO DE DEBUXO PICASSO

Esta tarde nove das nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria viaxaron ata A Coruña para recoller os premios no VII Concurso de Debuxo Picasso, convocados pola Asociación de Prensa da cidade. O acto de entrega tivo lugar no Instituto Eusebio da Guarda, e estarán expostos na Casa Picasso ata o próximo 10 de xullo, en horario de visita de 11 a 13:30 e de 18 a 20 horas, de martes a sábado; e de 12 a 14 horas os domingos. No acto estiveron presentes o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, e a presidenta da Asociación da Prensa, Doda Vázquez. O alumnado do noso cole recibiu os tres primeiros premios na categoría de primaria; nas categorías de secundaria foron premiados estudantes de institutos de Culleredo, Narón, Laracha e Santiago de Compostela. Ademais concedéronse tamén 19 accésits, dous deles tamén para o noso cole. 

As nenas e nenos dos debuxos premiados foron acompañadas/os das súas nais e a mestra de plástica.
 

En hora boa a todas as persoas que participastes e, por suposto, ás gañadoras!!! Desfrutade moito do premio pero, sobre todo, non deixedes de expresarvos a través do debuxo e da pintura, xa que os seus beneficios van moito máis alá dun premio: para comunicarse, para aumentar a nosa capacidade de concentración, a nosa sensibilidade e creatividade, reducimos o estrés... 

Unha aperta,

Rosiña

luns, 20 de xuño de 2022

HAIKUS EN DIRECTO

Esta mañá o alumnado de 5º e 6º retransmitiu un programa en directo desde Radio Rosiña. O motivo? Compartir con todo o mundo os haikus (poemas xaponeses moi breves relacionados coa natureza) que fixeron durante este último mes, léndoos nun programa que realizaron e emitiron sen modificar absolutamente nada. Pero para todas as persoas que non estiveran conectadas ás 10:30 da mañá, aquí deixamos o podcast para que os escoitedes cando poidades... 


Unha aperta,

Rosiña 

CARTAS DESDE O EXILIO

Bos días!!!

Este curso, como ben sabedes, continuamos a formación en Radio Rosiña. Ademais de publicar programas propios nas diferentes aulas, participamos no programa que a ONG Ayuda en Acción desenvolve no noso centro con Sergio Pascual. Nesta ocasión, tamén Sergio veu formar ao alumnado de primaria cunha proposta moi interesante desde Laboratorio de Radio, do que el forma parte. Esta formación está financiada pola Consellería, dentro das actividades de Radio na biblio, e para ela Sergio fixo unha proposta ao alumnado de 5º e 6º que consistía en escribir unha carta á súa familia no caso de que, como lle sucedeu a Florencio Delgado Gurriarán, tiveran que exiliarse. O resultado dese traballo podedes escoitalo aquí:

Desexando que cada vez sexan menos as persoas que vivan situacións deste tipo, recibide unha forte aperta,

Rosiña

venres, 17 de xuño de 2022

CONCURSO PICASSO

Hoxe escríbovos para contarvos unha noticia que recibimos esta semana no cole. Como sabedes, ao longo do curso realizamos algunhas actividades que nos ofertan outros colectivos, asociacións, etc. Algunhas desas propostas tamén inclúen concursos nos que en ocasións participamos. Así sucedeu este curso, cando recibimos as bases para participar no VII Concurso de Debuxo Picasso (convocado pola Asociación da Prensa), dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria. Como a todas as persoas destes grupos lles encanta este artista, non dubidaron en intentalo, e parece que os astros se puxeron de acordo para conceder os tres primeiros premios ao alumnado do noso centro, ademais de dous accésit!! Por este motivo, o vindeiro martes, as nenas e nenos ás que lles concederon un premio, irán ata A Coruña para recollelo: Alicia, Íker, Guille, Paula, Mai, Ángel, Xoel, Soraya e Aroa, así como as súas familias e algunha mestra ou mestre. 
Pero tamén vos quero dicir que todos os traballos presentados merecen un forte aplauso e a felicitación para as súas autoras e autores, xa que foron moi ben valorados polo xurado do citado concurso, e así nolo transmitiron telefonicamente. 
E para que poidades desfrutar de todas estas creacións, premendo AQUÍ podedes velas todas.
Unha aperta para todas,
Rosiña



mércores, 15 de xuño de 2022

ROSIÑA DJ

Bos días!!! 

Entre tanta actividade as nenas e nenos de 5º e 6º case non tiveron tempo para contarnos cales son as músicas que soan nos cambios de clase durante este último mes do curso. Pero, por fin, aquí está o último programa de Rosiña DJ do curso, que redactaron e gravaron en Radio Rosiña durante estes días:


En hora boa!!!

Rosiña

sábado, 11 de xuño de 2022

XORNADA DE CONVIVENCIA

Este curso puidemos celebrar a xornada de convivencia como adoitabamos facer antes de que comezara a pandemia. Así, convidamos ás familias do alumnado a pasar un día en Balarés, cunha proposta do máis atractiva: un grupo fixo un roteiro polo paseo marítimo a carón da desembocadura do río Anllóns; outro desde Ponteceso ata a praia, acompañados por un guía do concello. Despois de facer os citados percorridos, xuntámonos para xantar, comida que compartimos ao aire libre, no piñeiral de Balarés. Tamén nos acompañaron Lorena e Jenni, da ONG Ayuda en Acción, e Luís, Millán, Ioana e Nikolay, o cuarteto da Real Filharmonía de Galicia que nos volveu marabillar coa súa música. Claro que nesta ocasión o entorno converteu o concerto nun espectáculo aínda máis máxico!!! Cantas persoas poden dicir que asistiron a un espectáculo musical de tan alto nivel nun lugar tan espectacular? Sinceramente, eu coñezo a moi poucas... 

Estou segura de que o pasastes moi ben, de que mereceu a pena todo o esforzo do equipo directivo e do profesorado para facelo posible, e tamén das cociñeiras, o conserxe e os pais e nais que botaron unha man... Un exemplo máis de que o traballo en equipo sempre consegue mellores resultados, ou polo menos iso é o que se intenta amosar desde o cole. A todas esas persoas, moitas grazas!

A xornada de convivencia en Balarés foi todo un éxito.

Unha aperta enorme e, agora que queda moi pouquiño, feliz fin de curso para todos e todas!!!

Rosiña

martes, 7 de xuño de 2022

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Hoxe pasamos o día en Santiago de Compostela. Fomos todo o cole, pero o alumnado de Infantil e 1º e 2º de primaria viaxaron nun autobús e visitaron o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Ademais de coñecer a exposición da man das monitoras Rebeca e Susana, tiveron tamén a oportunidade de realizar un obradoiro no que demostraron que a parte creativa dáselles verdadeiramente ben!!! Sorprendeume moito en que foron capaces de convertir un simple prato de cartón!!! Despois foron paseando polas rúas de Compostela ata a Alameda, onde xantaron na compañía do resto do cole.

A xornada foi ben bonita e para iso só hai que preguntarlles a elas e eles, e ver as fotos que fixeron, onde podemos comprobar que non perderon ningún detalle:

As Marías alegráronse moito de recibir a visita de Infantil, 1º e 2º.

Pola súa parte, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria estiveron no CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia, no que Fernando e Mª José lles explicaron a función deste edificio situado no Campus da Universidade de Santiago, importantísimo para as persoas que se adican á investigación na nosa comunidade, grazas aos servizos que ofrece, entre os que destaca o almacenamento masivo de datos ou a posibilidade de acceso desde calquera ordenador conectado á rede Internet.

Mª José e Fernando despois de amosar as instalacións do CESGA.

E, por último, visitaron o Parlamento de Galicia, onde foron convidados a participar nun pleno dentro da Campaña Mundial pola Educación. Para iso, as ONG Ayuda en Acción e Educo propuxéronnos escribir un texto describindo o cole, explicar cales eran as melloras necesarias para que o centro fora inclusivo e plantexar algunhas preguntas para facer ás autoridades. Neste proceso guiounos Laura, a representante de Educo que visitou o noso centro. No Parlamento representáronnos Soraya e Guille, que o fixeron de marabilla e mesmo chegaron a emocionarnos co seu discurso e o ben que falaron nun ambiente tan novidoso para todos/as nós. Premendo na imaxe podedes ver tamén as fotos que fixeron (algunhas das cales nos enviou Laura), así coma o vídeo no que falan Soraya e Guille.

Soraya e Guille ocupando os sillóns do Parlamento.

Tamén podedes ver o vídeo completo deste acto premendo aquí.

A experiencia foi moi gratificante para todo o grupo, e desde aquí queremos agradecer a todas as persoas que o fixeron posible, en especial ás mencionadas ONG pola súa implicación connosco: Jenni e Laura.

E tamén ás que nos acompañaron nas actividades sinaladas anteriormente a esta: as monitoras do CGAC -Rebeca e Susana- e a Mª José e Fernando -do CESGA-, que con tanta atención nos recibiron. 

Unha aperta,

Rosiña


martes, 24 de maio de 2022

TOUPICIENCIA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Boa tarde!!!!

Hoxe estou aquí para contarlle a todo o mundo o moito que nos divertimos esta mañá na nosa biblioteca. O responsable de tanta gargallada foi Mario, un rapaz que traballa na compañía de teatro "A Xanela do Maxín" e que hoxe acompañou a Toupiña ata San Cosme, onde se transformou no seu axudante. Por una anaco, a biblioteca transformouse nun laboratorio moi interesante onde nos quedou moi claro o importante que é ler para descubrir cousas fantásticas, para investigar e mesmo para realizar experimentos, xa que se non o facemos corremos o risco de ocasionar algúns problemiñas, verdade? 

Aquí vos deixo as imaxes desta sesión na que tanto desfrutaron os grupos de Infantil e Primaria:

Toupiña e Mario demostraron ser unhas expertas en ciencia.
Unha aperta,

Rosiña



A QUE ALTURA ESTÁ O CEO?

Ola, amigas e amigos!!!

O título da noticia de hoxe é tamén o dun libro do físico e divulgador científico Jorge Mira, quen nos visitou esta mañá. Jorge, apaixonado do universo, falou con nós sobre os tamaños dos planetas que forman o sistema solar, comparando uns con outros, así como coa estrela máis grande arredor da cal xiramos: o Sol. Ademais de falar dos seus tamaños, Jorge tamén quixo axudarnos a imaxinar as enormes distancias que hai entre uns planetas e outros, así como entre os planetas e o Sol. Para iso, saímos ao patio do cole, e representando ao Sol cunha laranxa, comezamos a medir -coa axuda dun metro- a separación á que estarían Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno e Urano. Neptuno xa non foi posible situalo, xa que teriamos que saír á estrada xeral. 

Con Jorge Mira despois da nosa viaxe espacial.
 

Foi unha conversa moi entretida e interesante, xa que non é doado imaxinar o enorme que é o universo, e a pouquiña cousa que representamos nós dentro desa inmensidade. Para reflexionar... Moitísimas grazas, Jorge, por adicarnos parte desta mañá na túa apretada axenda.

Unha aperta,

Rosiña