sábado, 21 de maio de 2022

CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS

Bos días!!!

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, no cole estivemos coñecendo a obra do autor homenaxeado nesta ocasión: Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, algúns grupos do cole tamén aproveitaron esta festividade para adicarlle un programa de radio á nosa admirada Rosalía de Castro. Na aula de 5 anos están fascinadas cos seus poemas, e non dubidaron en contarnos nos micrófonos de "Radio Rosiña" un montón de cousiñas sobre a grande escritora. Seguro que queredes escoitalo, así que aquí volo deixo:

Este podcast enviouse ao IV Concurso de Podcasts Radio na Biblio, ao igual que o que gravaron os grupos de 3º a 6º de Primaria, no que quixeron facer unha homenaxe á muller rural. Podedes escoitalo aquí:

Unha aperta enorme,

Rosiña

venres, 20 de maio de 2022

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN BAIXO O MAR

Ola, rapaces e rapazas!!!

Tremenda actividade a desta mañá no cole!!! De auténtico luxo!!! Foi suficiente ver os vosos rostros saíndo da biblioteca para descubrir que vos encantou este obradoiro. E non é para menos, xa que tivemos a grandísima sorte de recibir a Sara Carrasco e Silvia Iglesias. Estas dúas rapazas forman 13 Grados, unha cooperativa creada no 2020 e que xa foi recoñecida como o mellor proxecto recente neste 2022 pola Xunta de Galicia. Claro que o teñen ben merecido, porque ademais de tratarse dun proxecto moi comprometido co medio ambiente (en particular o medio mariño), son un exemplo de que as mulleres poden acceder ao mundo da ciencia e, ademais neste caso, combinalo con algo tan atractivo como é a ilustración. E sobre isto foi o obradoiro desta mañá, a ilustración científica. En dúas quendas, Sara e Silvia conseguiron que as nenas e nenos do cole participaran con atención e grande ilusión facendo algo que nos encanta: observar a natureza e debuxala ou pintala. Os resultados foron fantásticos, xa que a maxia destas dúas rapazas supera os lapis con truco, os papeis e moitas barreiras máis. Premede sobre a imaxe para comprobar o moito que aprendemos e o ben que o pasamos!!!

A biblioteca esta mañá transformouse nun auténtico museo.
Moitas grazas, Sara e Silvia!!! Foi unha auténtica gozada mergullarse esta mañá con vós...

Apertas,

Rosiña 

venres, 13 de maio de 2022

EXCURSIÓN A CORUÑA

OLA, XENTIÑA!!!

Que tal estades? Eu hoxe con moitas ganas de compartir con todas vós a excursión que fixemos o venres, 13 de maio. Aínda que todo o cole viaxou ata A Coruña, non todos os grupos fixeron as mesmas actividades, así que cóntovos...

O alumnado de 5 anos visitou o Planetario, na Casa das Ciencias, xa que non puideran asistir na ocasión anterior. Ao rematar, foron co outro grupo de Infantil e o de 1º e 2º de Primaria para visitar o Acuario, no que o mundo mariño os tivo hipnotizados/as durante o tempo que alí pasaron.

No acuario ninguén quería perder detalle das explicacións.

Pola súa parte, os grupos de 3º a 6º de Primaria asistiron a un concerto no Palacio da Ópera, no que a Orquestra Sinfónica interpretou algúns dos temas máis coñecidos das películas de Walt Disney. Seguindo a trama ideada por Víctor Grande, con intervencións dunha parella de solistas e un coro, desfrutaron, cantaron e mesmo bailaron ao son de "O rei león", "Vaiana" ou "Coco". Ao rematar, foron camiñando ata o Castelo de San Antón, e desde alí desprazáronse en autobús ata o monte de San Pedro.

Ao rematar o concerto, os grupos de 3º a 6º camiñaron ata o Castelo de San Antón.

Despois de xantar, regresaron para San Cosme, con moitas cousiñas para contar esta fin de semana!!!

Unha aperta,

Rosiña

xoves, 12 de maio de 2022

EXPOSICIÓN SOBRE O SANCOSMEIRO

OLA, RAPAZADA E FAMILIAS!!!
Como estades?
Como sabedes, nos últimos meses o alumnado de 3º e 4º de primaria está a desenvolver o proxecto de aprendizaxe-servizo "O sancosmeiro", co obxectivo de promocionar e contribuír a darlle continuidade a este sombreiro artesanal tradicional como parte do patrimonio inmaterial da nosa parroquia.
Nunha entrada anterior puidestes ver a primeira parte deste proxecto: a elaboración dun vídeo explicativo sobre o sancosmeiro, a participación de todo o alumnado nun obradoiro de sancosmeiros, e a realización dunha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro.
Despois disto, na aula de 3º e 4º continuaron traballando no proxecto, organizando unha exposición de promoción do sancosmeiro que exporán na Casa da Cultura de Mazaricos (A Picota) durante o mes de maio, e no noso colexio o mes de xuño.

O alumnado de 3º e 4º coa profe Alba.

Nesta exposición incluíron diversos traballos que realizaron previamente na aula:
  • Paneis informativos con información sobre o sancosmeiro que podedes ver premendo aquí.
  • Conto viaxeiro "O sancosmeiro voador", creado coa colaboración das familias, no que as protagonistas (dúas nenas e dúas vazas de San Cosme) realizan unha viaxe espectacular que podedes ver neste vídeo:
  • Programa en "Radio Rosiña" que inclúe un concurso de preguntas sobre este sombreiro no que participou o resto do alumnado do colexio e unha pequena intervención de Sandra Alvite, a presidenta da asociación Trenzarte e concelleira de Cultura e Servizos Sociais do Concello de Mazaricos. Podedes escoitalo aquí:

Premede aquí para ver os cadros destas artistas un a un.
  • Concurso de preguntas sobre o sancosmeiro, creado polo alumnado e no que vos animo a participar premendo aquí.
Que traballo tan estupendo vos quedou, rapaces e rapazas!!! EN HORA BOA!!!
E a todas as persoas que nos sigan, ANIMÁDEVOS A VISITAR ESTA ESTUPENDA EXPOSICIÓN, tanto na Casa da Cultura coma no colexio!!! Eu estou desexando vela...
Apertas,
Rosiña

ENTREVISTA AO ALCALDE DE MAZARICOS

OLA A TODOS E TODAS!!!

O pasado luns, o alumnado de 3º e 4º viaxou ata A Picota para colocar a exposición de promoción do sancosmeiro na Casa da Cultura, como xa puidestes ler na entrada anterior do blog.

Tamén visitaron o Concello, onde os recibiu Juan Blanco, o alcalde de Mazaricos, quen lles ensinou as instalacións da Casa consistorial e lles explicou o seu funcionamento.

O grupo de 3º e 4º na súa viaxe ata A Picota.

Aproveitaron a ocasión para facerlle unha entrevista para "Radio Rosiña", con algunhas preguntas feitas por eles/as e outras formuladas polos compañeiros/as de 5º e 6º. Queredes escoitar que lles respondeu o alcalde? Pois aquí tedes o programa que emitiron:

O grupo de 3º e 4º quere agradecer desde aquí o recibimento e o tempo adicado para realizar esta entrevista.

Saúdos,

Rosiña

luns, 9 de maio de 2022

DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TIC

OLA A TODAS!!!

O pasado 28 de abril foi o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e no cole realizamos diferentes actividades para celebralo. A máis emotiva delas foi a que tivo lugar o pasado xoves, 5 de maio, xa que convidamos ás familias a vir ao centro a falarnos sobre como a tecnoloxía mellorou as nosas vidas e os nosos traballos. A proposta foi aceptada por Estefanía, Simón e Mónica, nais e pai de alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, que marabillaron a todo o cole coa súa exposición en tres ámbitos diferentes: o mundo forestal, o traballo administrativo e a saúde bucodental. 

As protagonistas das charlas foron recibidas con grande entusiasmo polo alumnado.

Despois da súa exposición, aproveitamos para facerlles unhas preguntas para Radio Rosiña, que incluímos no seguinte programa radiofónico:


Ademais, estas e outras familias gravaron un vídeo en familia para animar ás nenas, rapazas e mulleres a adicarse a profesións do ámbito científico-tecnolóxico, pois as profesións non teñen xénero e todos/as podemos ser o que queiramos ser. Con todos eles, creamos o seguinte vídeo:

   

Moitas grazas pola vosa participación!!!

Unha aperta, 

Rosiña

PROGRAMA Nº 4 DE "ROSIÑA DJ"

Ola, xentiña!!!

Xa estamos en maio e, como ben sabedes, a música que soa nos diferentes cambios de clase é diferente para cada un dos meses do curso. O alumnado de 5º e 6º encargouse novamente de realizar o programa, así que se estades interesadas en coñecer as melodías e o motivo polo que foron seleccionadas, dádelle ao play para escoitar este novo "Rosiña DJ":


EN HORA BOA, rapaces e rapazas!!! 

Apertas,

Rosiña

luns, 2 de maio de 2022

EXPOSICIÓN "MULLERES QUE FIXERON HISTORIA NO ÁMBITO DA TECNOLOXÍA"

Bo día!!! Hoxe iniciamos o mes de maio no cole cunha noticia marabillosa que chega en forma de podcast!!! Cóntovos:

O pasado 28 de abril celebrouse o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e como xa sabedes, en Primaria andan facendo varios traballos arredor desta temática. Para este último prepararon unha exposición que podedes visitar no corredor do colexio: "Mulleres que fixeron historia no ámbito da tecnoloxía". Ademais de incluír a ficha realizada por cada neno e nena, tamén conta cun código QR, ao que agora engadimos os podcasts que gravaron en "Radio Rosiña". Cada un está adicado a unha das mulleres que foron centro da súa investigación, polo que premendo sobre o seu nome poderedes escoitar a gravación. É posible que non as coñezades a todas, así que aproveitade tamén para aprender moito a través deste traballo grupal. As protagonistas son:

ADA LOVELACE

ÁNGELA RUIZ ROBLES

ANTONIA FERRÍN MOREIRAS

BEGOÑA VILA

CAROL SHAW

EVELYN BEREZIN

FRANCES E ALLEN

HEDY LAMARR

MARY KENNETH KELLER

RADIA JOY PERLMAN

Ademais, investigaron sobre un grupo de mulleres que en 1942 foron contratadas polo exército estadounidense para programar unha das primeiras computadoras, e que se coñecen como "Top Secret Rosies". Sobre esta asociación e as súas integrantes podedes saber máis premendo nos seguintes enlaces:

"TOP SECRET ROSIES"

BETTY SNYDER

FRANCES BILAS

JEAN JENNINGS

KATHLEEN McNULTY

MARLYN WESCOFF

RUTH LICHTERMAN

O 28 de abril, ademais, asistiron a un coloquio online organizado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), no que catro mulleres galegas que se adican ao campo das TIC lles falaron sobre as súas profesións.

Cartel da exposición "Rapazas emprendedoras nas TIC".
 

En hora boa por todo este traballo,

Rosiña



xoves, 28 de abril de 2022

EXCURSIÓN DE 5º E 6º A PONTEVEDRA

Ola, rapazas e rapaces!!!

Hoxe escríbovos para contarvos por que esta xornada non estiveron no cole as nenas e nenos de 5º e 6º: foron de excursión a Pontevedra!!! A viaxe, dentro das programadas polo "Proxecto Terra", foi unha proposta dentro das actividades do Club de Lectura. Para iso, tiveron que madrugar un pouquiño máis que un día normal, pero mereceu a pena, xa que aproveitaron moito o tempo que pasaron na cidade do Lérez. Acompañáronnas unha guía profesional, Uxía, a quen queremos agradecer os coñecementos que compartiu connosco, e os mestres Xavier e Susi. Durante a mañá descubriron algúns dos edificios máis fermosos de Pontevedra, ao tempo que Uxía lles ía contando parte da súa historia, coñecendo moitos datos interesantes. Visitaron a oficina de información turística e, despois de descansar un pouquiño, achegáronse ao Museo de Pontevedra e a Museo Castelao, onde lles chamou moito a atención o moderno edificio. Ao tempo que camiñaban polas prazas e rúas da cidade, puideron comprobar que Pontevedra é merecedora de premios que recoñecen as súas boas prácticas para mellorar as condicións de vida das persoas que a habitan: na parte vella case non hai tráfico, moitas rúas son peonís e está moi limpa.

Xantaron nun parque onde tamén puideron xogar un ratiño, antes de continuar a viaxe hacia Lourizán. Aquí atópase un enorme pazo de estilo modernista que non pode visitarse, pero o máis fermoso e interesante do lugar atópase ao seu redor: o xardín!!! Cheo de árbores chegadas de diferentes partes do mundo, é un lugar fabuloso para aprender e desfrutar paseando, ao tempo que conversaron sobre camelias de diferentes tipos, teixos, buxo, cedros, etc.

Todo o grupo regresou moi contento da experiencia, e con ganas de repetir!!!

Apertas,

Rosiña


luns, 25 de abril de 2022

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

Esta mañá recibimos unha visita moi especial na nosa biblioteca: un cuarteto de música. E digo especial porque as catro persoas que se achegaron hoxe ao cole son catro músicos profesionais que actualmente forman parte da Real Filharmonía de Galicia. O frautista, Luís Soto, xa é ben coñecido no centro, e despois das veces que tivemos a sorte de escoitalo en directo, considerámolo un amigo máis!!! Pero hoxe, ademais, Luís chegou na compañía doutras tres persoas marabillosas: Nikolay Velikov (violín), Ioana Ciobotaru (viola) e Millán Abeledo (violoncello). Como é que estes tremendos músicos nos adicaron parte da mañá non só a escoitar música de Mozart senón tamén a probar a tocar os seus instrumentos? Pois todo xurdiu a raíz do libro que estiveron a ler no Club de Lectura, "O xenio da Cidade do Sal", escrito por Fina Casalderrey. Este libro, ademais dunha historia divertida sobre Mozart, inclúe un disco no que estes músicos interpretan unha serie de cuartetos do famoso compositor aos que se engade algunha peza tradicional galega. A partir de aí, e aproveitando que Xavier, o director do cole, coñece a Luís desde hai tempo, argallaron este espectáculo marabilloso e inesquecible. A todo iso hai que engadir a bondade dos músicos para que as nenas e nenos puideran achegarse aos instrumentos e mesmo facelos soar!!! Que privilexio!!! Seguro que non esquecen unha experiencia tan gratificante!!! 

Moitísimas grazas, Nikolay, Ioana, Millán e Luís polo tempo que nos adicastes, polas vosas interpretacións e por encher esta mañá o cole e os nosos corazóns de música.

Rosiña