venres, 22 de abril de 2022

LECTURAS NA BIBLIO CON TONE MARTÍNEZ

Premede aquí para ver as fotos.
Aquí está o resumo dunha das actividades que realizamos no cole para celebrar o "Día do Libro": a visita á nosa biblioteca de Tone Martínez. Nesta ocasión, Tone veu acompañado dunha morea de historias e... de bechos!!! Si, porque así chamaba a súa madriña aos bichos que atopaba nos bosques, prados e outros lugares nos que pasaban moito tempo xuntos. Desta maneira, Tone consegue deixar de xogar moito tempo coas maquiniñas e desfrutar moito, moito, da natureza que o rodea. Xusto hoxe, que é o "Día Mundial da Terra", foi ben bonito escoitar estas historias na voz dun actor tan estupendo coma Tone. Historias moi relacionadas co planeta que nos acolle e que debemos coidar día tras día, pero tamén cos libros, xa que moitas das aventuras que nos contou Tone atópanse nalgúns dos libros da nosa biblioteca, como "A Mosca chosca"; outros, como "O grilo Míllelo" gustouvos tanto que habemos mercalo. Pero tamén houbo outras historias que lle contou a súa madriña, quen ademais lle ensinou a importancia de respectar e coidar o medio ambiente para seguir desfrutando del. Así, entre bechos, foi como pasamos esta mañá extraordinaria. Moitísimas, grazas, Tone; encantounos!!!

Apertas e FELIZ DÍA DA TERRA E DO LIBRO,

Rosiña

 

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO

Ola, amiguiñas e amiguiños!!!

Que tal pasastes as vacacións do 2º trimestre? Seguro que cargastes ben as pilas para comezar o último tramo do curso!!! Ademais, empezamos con forza, xa que esta semana se celebra o "Día do Libro", e xa que o día -23 de abril- coincide coa fin de semana, decidimos adiantar a súa celebración no cole para este venres. Para iso contratamos unha actuación na biblioteca que comentarei noutra entrada do blog. Pero hoxe escríbovos porque chegou ao meu correo algo que fixestes no cole que me gustou moitísimo: un conto viaxeiro. É unha das actividades realizadas dentro do programa "Rapazas emprendedoras nas TIC" do Plan Proxeta+, ademais da aportación colectiva para celebrar esta Semana do Libro. Aquí vos presento a "Daniela, a inventora que cambiou o mundo":

 

Unha aperta enorme e FELIZ DÍA DO LIBRO!!!

Rosiña

luns, 11 de abril de 2022

DESPEDIMOS O 2º TRIMESTRE

Pasámolo xenial con Paco Nogueiras.
Hoxe despedimos o 2º trimestre do curso, e vaia xeito de facelo!!! Nada máis e nada menos que co grande PACO NOGUEIRAS!!! Paco xa nos visitou coa súa "Radio Bule Bule" para celebrar o "Día mundial da radio", e para hoxe trouxo o seu espectáculo "Brinca Vai!", no que interpreta cancións adicadas a moitas das datas que celebramos ao longo do ano: o Entroido, o Nadal, o Magosto... Tamén deixa oco para cantarlle á amizade, á importancia de plantar árbores (e todo tipo de plantas) e moitas máis!!! E é que Paco é todo un showman, xa que ademais de tocar un montón de instrumentos, fíxonos rir moitísimo coas súas bromas e coa relación tan especial que ten con esa máquina que o acompaña a todos os concertos.

Pasámolo xenial, en especial Breixo, xa que lle gusta moito Paco e firmoulle o seu disco. Incluso rematou a actuación coa canción que el lle pediu: "Radio Bule Bule". Tampouco se esquecerán del as rapazas e rapaces que se achegaron a pedirlle un autógrafo ao rematar o concerto, non si?


Moitas grazas, Paco, e ata a próxima!!!!

Apertas,

Rosiña

xoves, 7 de abril de 2022

PROGRAMA Nº 3 DE ROSIÑA DJ

Ola, xentiña!!!

Antes de rematar o trimestre, o alumnado de 5º e 6º quixo contarvos cales son as músicas seleccionadas para este mes de abril, así que adicaron un ratiño da xornada de hoxe a gravar en "Radio Rosiña" o terceiro programa de "Rosiña DJ". Espero que vos guste tanto a selección coma os comentarios que tan ben fan este grupo de nenos e nenas, cada día máis profesionais...

Unha aperta,

Rosiña 

martes, 5 de abril de 2022

OBRADOIROS CIENTÍFICOS

Comezamos a semana con dúas xornadas adicadas á ciencia! Para iso, viñeron ao cole Suso e Amparo, as persoas que forman "Ciencia en movemento" e que xa coñecemos de cursos anteriores. Nesta ocasión, trouxeron varias propostas relacionadas co universo, xa que é o tema sobre o que estamos centrándonos este ano. O luns asistiron ao mesmo o alumnado de 3º a 6º de Primaria, e o martes tocoulle a quenda ás aulas de Infantil e 1º e 2º de Primaria.

A través das fotos podedes lembrar todo o que nos contaron sobre o sistema solar, algunhas curiosidades dalgúns planetas, as fases da lúa, a importancia dos avances científicos para coñecer o espazo, etc. E tamén houbo tempo para realizar algún experimento moi interesante. 

O alumnado de 5º e 6º atendendo ás explicacións de Suso.

Julia amosando o seu experimento.

Moitísimas grazas a Suso e Amparo por achegarnos, unha vez máis, todos estes interesantes contidos.

Apertas,

Rosiña 

OBRADOIRO DE SANCOSMEIROS

OLA A TODOS/AS!!!

Nas últimas datas, o alumnado de 3º e 4º está realizando un pequeno proxecto sobre o sancosmeiro. Como sabedes, o sancosmeiro é un sombreiro tradicional galego, elaborado con palla trenzada e cosida, orixinario da nosa parroquia, San Cosme de Antes, desde sempre gran produtora de cereais.
Actualmente, son moi poucas as persoas que saben elaborar este tipo de sombreiros, polo que a continuidade desta parte da nosa cultura está en risco. Para resolver esta situación, é moi importante que a infancia e a xuventude da zona aprenda e se interese polos sancosmeiros.
Por este motivo, en 3º e 4º elaboraron o seguinte vídeo no que nos falan sobre o sancosmeiro:
 

Tamén convidaron ao resto do colexio a participar nun obradoiro de elaboración de sancosmeiros a cargo da asociación "Trenzarte", no que aprenderon a trenzar a palla e mesmo fixeron unha pulseira que levaron de agasallo! Encantoulles a experiencia, e podedes comprobar a través destas imaxes en que consistiu a actividade na que as artesás nos guiaron con moita paciencia:

O obradoiro tivo lugar na Aula de Natureza.
 

Por último, realizaron unha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro, e a verdade é que vos queda realmente ben a todas, e xa estou eu pensando tamén en facer un retrato con este sombreiro tan espectacular!

Premendo aquí podedes ver as fotos individuais.
 

Con todas as fotos elaboraron o seguinte vídeo:

En 3º e 4º continúan traballando sobre o tema, polo que moi pronto traerannos máis novidades; estade moi atentos/as!!!!!

Recordade que a continuidade do sancosmeiro é responsabilidade de todos/as. Animádevos a seguir aprendendo!!!!

Apertas, 

Rosiña.

venres, 1 de abril de 2022

OBRADOIRO "PENEIRANDO EMOCIÓNS"

Este primeiro de abril recibimos no cole ás integrantes de "Aquelar psicoloxía", que desenvolveron para todos os grupos do cole un obradoiro sobre as emocións. Esta actividade, dentro do programa de igualdade do Concello de Mazaricos e financiada polo Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, consistiu en traballar a intelixencia emocional a través dun conto sobre o que se comentaban as diferentes situacións nel relatadas. Como ben sabedes, este é un tema ao que prestamos moitísima atención no cole, así que esta actividade foi unha continuación a todas as que imos realizando nas aulas de Infantil e Primaria. Pareceunos moi interesante e valoramos positivamente que este tipo de obradoiros se extendan a cantos máis lugares mellor, xa que regular e dirixir as nosas emocións é un dos aspectos que, como seres humanos, non debemos ignorar.

Moitas grazas ás rapazas de "Aquelar psicoloxía" que se achegaron ata o noso cole para compartir esta mañá connosco!!!

O alumnado participou nas actividades de "Aquelar".

Rosiña

martes, 22 de marzo de 2022

PRIMEIRO RECREO SEN MÁSCARAS

OLA!!!!

Canta ILUSIÓN vos fixo saír esta mañá ao patio!!!! Xa sei que vos gusta sempre, pero hoxe sentistes cunha emoción especial, xa que despois do regreso ás aulas debido á covid-19, esta foi a primeira xornada na que puidemos desfrutar do tempo libre no patio SEN MÁSCARA!!! Estabades tan contentas e contentos, tan guapas e tan guapos, que o profe David non puido conterse e fíxovos unhas cantas fotos nas que, por fin, vemos os vosos sorrisos!!!!

As caras de alegría brillaban hoxe moito máis!

Unha aperta,

Rosiña


O COLE ESTÁ DE CUMPREANOS!!!

"Parabéns para ti..." é unha das cancións que máis escoitamos ao longo do curso no cole. Pero nesta ocasión non a cantamos adicándolla a un neno ou unha nena, tampouco a un/unha profe, nin a ningunha das mamás ou papás que fan garda no comedor... Estes días cantámoslla ao cole, xa que o edificio no que se atopa a escoliña que tanto queremos está de cumpreanos: 50 ANOS!!! Case nada, eh? Cantas persoas pasaron parte da súa vida neste espazo!!! Se botamos contas seguro que sae unha cantidade ben grande: entre alumnado, profesorado, familias, persoas que nos visitaron con certa frecuencia... Ai, se as paredes deste cole falaran cantas historias nos contarían... Nós quixemos poñelo ben guapo para a celebración, polo que durante este mes ocupou o patio do cole Brais, un rapaz que forma parte do colectivo "Vella Escola", que se adica a realizar cultura urbana, e transformou deste xeito tan colorido a parede do ximnasio:

O cambio na fachada do ximnasio é moi notable.

Ademais, o alumnado de 3º a 6º puido experimentar como se pinta con spray, algo que lles encantou e no que amosaron ser verdadeiros/as artistas. 

Unha aperta, Rosiña.  

luns, 21 de marzo de 2022

NO COLE DICIMOS "NON Á GUERRA"

"NON Á GUERRA" é o lema que escribimos nas ventás do colexio, que xa colocamos a semana pasada para amosar o noso rechazo ante calquera tipo de violencia. Son moitos os conflitos armados que están sucedendo en diferentes zonas do mundo (Gaza, Siria, Afganistán, República Democrática do Congo...), ao que desde hai varios días se veu sumar un máis: o ataque a Ucraína por parte do exército ruso. No cole celebramos un acto conxunto, colaborando tamén na recadación de fondos impulsada por "Save the Children", lendo un manifesto e bailando unha canción do folclore ucraíno titulada "Oi u haiu".

Este acto comparte a data con outras conmemoracións moi interesantes que teremos en conta tamén ao longo da xornada e mesmo da semana, xa que hoxe é o "Día Mundial da Poesía", o "Día Internacional dos Bosques", o "Día Mundial do Síndrome de Down" ou o "Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial". 

Podedes premer na imaxe para ver todas as fotos e tamén algún dos vídeos que gravamos:

No CEIP Víctor Sáenz dicimos: "NON Á GUERRA"

Unha aperta,

Rosiña