martes, 19 de novembro de 2019

TEATRO EN INGLÉS

Esta mañá viaxamos ata A Picota para asistir a dúas sesións de teatro en inglés. A compañía "Face 2 face", que xa coñecemos dende hai varios cursos, ofreceu dous espectáculos diferentes na Casa da Cultura. O primeiro deles, para o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria titulábase "Under the sea", onde a serea Milly nos convidou a acompañala nas súas aventuras no fondo do mar e axudarlle a atopar o que máis desexaba: unhas pernas!!! Para iso contou coa axuda dalgunhas das nenas do noso cole: Luzdivina, Alicia, Paulina, Sofía e Laura, ademais doutras rapaciñas do colexio de Pino de Val.
Sofía, Laura e Paulina mergulláronse nun mar imaxinario.
O segundo espectáculo, chamado "Circus Life", estaba dirixido aos grupos de 3º a 6º de Primaria, e contaba a historia de Meg, unha rapaza que sempre soñara con ser artista. Cando o circo visita o seu pobo, pensa que pode facer realidade os seus soños. Para preparar o seu número pide axuda a varias persoas, entre as cales se atopaban Joel, Paula Barcia e Martina, ademais de dous rapaciños de Pino de Val. 
Joel parecía un rockeiro auténtico.
Pasámolo moi ben con estas aventuras en inglés, coas que sempre aprendemos moito!!!
Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotografías.



domingo, 17 de novembro de 2019

CARTEL PARA O PROXECTO E PÁXINA DE RECURSOS


Este é o noso cartel para o proxecto deste curso, no que as aves están centrando toda a nosa atención. E eu, encantada de aparecer nesta bonita imaxe acompañada dun fermoso mazarico e outras aves coas que todas as persoas do noso contorno estamos familiarizadas.
No blog, na columna da dereita, atoparás tamén esta imaxe. Se premes sobre ela (ou sobre esta) abrirase outra páxina na que atoparás información relacionada co proxecto, que se irá ampliando a medida que avance o curso e segundo vaiamos aprendendo máis e máis... Se queredes incluír algunha outra cousa, non tedes máis que propoñelo...

Unha aperta, paxareiras!!!

venres, 15 de novembro de 2019

ANDURIÑAS DE PAPEL


Despedimos esta semana de novembro cunha actividade moi fermosa que achegou ao noso cole PALMIRA. Esta rapaza de Fisterra xa estivo en San Cosme hai varios cursos facendo moitos e coloridos barquiños de papel. Tamén nesta ocasión foi a papiroflexia ou origami unha das partes do obradoiro que nos presentou hoxe.
Achégase o 25 de novembro, unha data na que se celebra o Día contra a violencia cara á muller, algo que, tristemente, segue a formar parte das noticias do noso país día tras día. Por este motivo, Palmira estivo connosco conversando sobre o que é o feminismo, en que situacións se dá violencia de xénero, qué podemos facer nós para axudar a que eses feitos desaparezan... Aínda que pareza incríble, dánse casos en moitos e diferentes contextos (fogares, lugares de traballo, lugares de ocio, etc.), e non hai que ir nada lonxe para coñecer a algunha muller, rapaza ou nena que sufra situacións de violencia. Sen ir máis lonxe, Palmira lembrounos que dúas meniñas de Carballo sufriran o ataque de varios rapaces polo simple feito de bicarse. 
Despois desta primeira parte de conversar, a nosa invitada contounos dúas lendas moi bonitas e apropiadas para esta temática: a historia xaponesa das mil grúas e a das tatuaxes de anduriñas nunha man. E da unión de ámbalas dúas, Palmira deseñou unha anduriña que realizamos coa técnica da papiroflexia. Quedaron moi bonitas e pasamos unha mañá inesquecible con Palmira, á que tanto cariño temos no noso cole. Moitísimas grazas por todo o compartido con nós, Palmira!!!
Se queredes, premendo AQUÍ ou sobre a imaxe podedes ver as fotos deste obradoiro, e practicade a facer miles de anduriñas para que non se vos esquezan os pasos e, quen sabe, ao mellor tamén se vos cumpren os vosos desexos!!!

Amosando as nosas anduriñas de papel na biblioteca do cole.


luns, 11 de novembro de 2019

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Este ano celebramos o Magosto nunha data moi fermosa, xa que coincidiu co San Martiño. Aínda que é o patrón de Ourense, en toda Galicia é coñecida esta celebración, e incluso ao mes de novembro se lle chama tamén "o mes do San Martiño". A cultura popular amósanos moitos refráns que fan referencia a el:
"Polo San Martiño, castañas e viño".
"Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño".
"Polo San Martiño, mata o teu porquiño".
"Polo San Martiño, a neve no fociño".
Hai moitos máis, pero como exemplo non está nada mal... Gustaríame atopar algún que fixera referencia ás aves, mais non o conseguín!!!! E por certo, o de matar o porquiño non me fai moito chiste a min, como comprenderedes...
E que fixemos no cole? Pois ademais de desfrutar dun bonito día nas clases, compartindo lecturas, actividades e outras cousiñas, pola tarde recibimos a visita do mago Benxamín, que nos mantivo moi entretidas a todas as persoas que nos reunimos na biblioteca, asombrándonos cos seus trucos e facéndonos rir en moitas ocasións. Ademais, solicitou a participación do público, e marabilláronnos tanto coma o propio mago: Puri, Martina, Joel, Alba, David... 
Puri e Martina abraiadas co truco de maxia que lles fixo o mago Antón en directo.
E despois de tanta diversión, baixamos ao patio para comer as castañas asadas, que con moito cariño nos prepararon as nosas cociñeiras Lourdes e Mariví.

As castañas compartímolas con todas as persoas que nos acompañaron nesta festa tradicional.
Premendo sobre as imaxes podedes ver as fotos desta xornada, na que ademais saíu o sol para que puideramos charlar e xogar como a nós nos gusta, verdade?

venres, 8 de novembro de 2019

EXPOSICIÓN "AVES DE GALICIA" DO CEIDA



A exposición pode ser visitada por todas as persoas que veñan ao cole.
O CEIDA é o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, que se atopa no Castelo de Santa Cruz do Concello de Oleiros (A Coruña). O CEIDA é un centro de referencia para a educación ambiental en Galicia que trata de proporcionar medios axeitados para capacitar á sociedade neste ámbito, facilitando a difusión de materiais relacionados co medio ambiente e fomentando o coñecemento dos valores e dos problemas actuais, co fin de sensibilizar e xerar unha conciencia crítica.
Dentro do apartado da educación e divulgación realiza diferentes actividades, entre as cales se atopa a oferta de exposicións itinerantes. Unha delas está adicada ás "Aves de Galicia", que nós solicitamos para que as coñecerades, vos informarades sobre elas e entre todas tratemos de axudar a conservalas. Chegou estes días e permanecerá connosco ata o mes de decembro, así que animamos a toda a comunidade a visitala. 





xoves, 31 de outubro de 2019

CELEBRAMOS O SAMAÍN

Na exposición de cabazas había moitas ideas relacionadas coas aves.
A última xornada desta terrorífica semana pasámolo xenial!!!! Comezamos a mañá cantando a canción do moucho, que acompañamos con xestos, e que nos emociona moito cando a música comeza co seu accelerando! Despois falamos desta ave (como é, onde vive, a que grupo de aves pertence, de que se alimenta...), para rematar decorando un moucho enorme que formará parte das ilustracións deste curso cheo de plumas.

A canción do moucho inspirounos para este Samaín.
Unha familia de pitiños.
A seguinte actividade foi gastronómica: elaborar os petiscos terroríficos para merendar no recreo. Moitos deles estaban relacionados tamén coas aves, por iso neste menú había niños feitos con pan, ovos convertidos en pitiños, pavos reais, gusanos e arañas, que son insectos dos que se alimentan moitas das aves que coñecemos, etc. Quedaron xenial, pasámolo moi ben facéndoos e papámolos todos!!!!



Rímonos moito coa profe Puri.

Despois do recreo chegou o momento de realizar o obradoiro de maquillaxe e caretas, onde descubrimos que algunhas e algúns de vós faino coma auténticas/os profesionais.













O xantar, tamén terrorífico, foi tamén o momento elixido para facer entrega dos premios do "X Concurso de Relatos de Medo" e do "Concurso de Cabazas"

O grupo de 3 anos de Infantil estaba emocionadísimo co seu premio.
E pola tarde celebramos unha "Hora de Ler" moi especial, convidándovos a apadriñar e amadriñar ás nenas e nenos de Infantil e 1º e 2º de Primaria. Moitas de vós elixistes historias de medo, pero tamén houbo persoas que quixeron outros contos, e o certo é que calquera boa lectura é estupenda para celebrar e compartir. 
Ramiro estrenouse nesta actividade lendo para Lucía.
Como estou segura de que teredes moitísimas ganas de ver as fotos, non me entreteño máis. Premendo sobre elas poderedes ver as correspondentes a cada obradoiro. E para ler os textos gañadores, premede AQUÍ. Pronto poderedes escoitalos tamén en "Radio Rosiña". Estade moi atentas/os!!!
Unha aperta enorme!!!! Vémonos o próximo 4 de novembro!!!


GUÍA DE LECTURA SAMAÍN 2019

Aquí tedes a primeira guía de lectura do curso, na que eliximos algunhas lecturas para estes días de outono no que, xunto aos primeiros lumes, podemos compartir tamén momentos en compañía das persoas que nos rodean. Neses ratos podemos pasar tamén algún tempiño lendo, así que aquí tedes un feixe de boas lecturas, para pasar medo... ou non!!!! Premede AQUÍ ou sobre a imaxe para ver a guía completa:

https://issuu.com/tirititraun/docs/gu_a_de_lectura_sama_n_2018_71bcea4e85bf60


venres, 25 de outubro de 2019

ACTIVIDADES PARA O SAMAÍN

Xa está rematando o mes de outubro, e despedímolo cunha das celebracións que máis nos gustan no cole: o SAMAÍN!!!
Para iso convocamos o "X Concurso de Relatos de Medo", que xa estou recibindo no meu buzón, e tamén enviamos unha cartiña ás vosas familias para animalas a participar no "Concurso de Cabazas", que seguramente vos fai moitísima ilusión! Nesa carta tamén informamos das actividades que realizaremos o mércores, 30 de outubro, e que tamén podedes ler aquí (premede sobre a imaxe para ler todo o boletín):

https://issuu.com/tirititraun/docs/d_ptico_sama_n_para_blog



martes, 22 de outubro de 2019

DÍA DA BIBLIOTECA 2019

O 24 de outubro celébrase o "Día da Biblioteca". Cada ano, a Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil encarga a dúas persoas a elaboración dun pregón e un cartel. Nesta ocasión, o cartel é deseño do ilustrador valenciano Miguel Calatayud, e o pregón foi escrito pola valenciá Gemma Pasqual, texto que traduciu ao galego Héctor Cajaraville.
Aquí vos deixo os dous documentos, para que poidades compartilos o próximo xoves:



E xa que Isabel Risco nos falou onte sobre profesións, aquí lanzo tamén unha pregunta para todas vós: non vos gustaría ser bibliotecarias e bibliotecarios? 





luns, 21 de outubro de 2019

ACTIVIDADES PARA CELEBRAR O DÍA DA BIBLIOTECA 2019

O próximo 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca". No noso cole xa tivemos hoxe unha actividade con motivo desta celebración, onde a ratiña Lilí Gruyère (Compañía de teatro Trinque Trinque), chegada de Lonxedetodo, xogou connosco a adiviñar diferentes profesións, ademais de contarnos un par de historias moi entretidas: "O meu pai é un pallaso" e "Familias, familias, familias".



Divertímonos moito con Isabel Risco e o seu espectáculo, a quen agradecemos desde aquí a súa visita ao noso cole. Premendo AQUÍ podedes ver as fotos que fixemos durante esta sesión na nosa biblioteca.