luns, 12 de novembro de 2018

MAGOSTO 2018

A chuvia non impediu que celebraramos unha das nosas festas preferidas: O MAGOSTO!!!! Así que este luns todas as persoas colaboramos no posible para facer desta xornada un momento de xuntanza no que compartimos tamén risas grazas a Dani Blanco, da compañía "As sircópatas". Durante a mañá as nenas e nenos de 5º e 6º encargáronse de preparar as castañas que ao mediodía asaron Lourdes e Mariví no comedor, mentras o profesorado facía cucuruchos para as mesmas. Despois do xantar, reunímonos na biblioteca, onde todas as persoas desfrutamos coa maxia e os malabares do noso convidado Dani, convertido no pallaso Rogelio, así como das persoas que saíron voluntarias para participar no seu espectáculo: Álvaro, Pablo, Marco, Luís e Candela. Ao rematar a actuación, baixamos ao patio para degustar este froito propio desta época do ano, convidando tamén a toda a comunidade educativa.
Coma sempre, aquí vos deixo as fotos desta xornada de festa!!! Premede sobre a imaxe para velas todas.

 https://photos.app.goo.gl/Tnx1Pv1oC8Gxrmf69
 

venres, 9 de novembro de 2018

EXCURSIÓN A COMPOSTELA

A semana rematou coa excursión de Primaria a Santiago de Compostela, para asistir a un concerto didáctico fabuloso: "O crebanoces", de Piotr Ilych Chaikovski. Os seus intérpretes, a Real Filharmonía de Galicia e a Compañía de monicreques "Per Poc" fixeron unha selección deste coñecido ballet para presentarnos a un misterioso viaxeiro, un segredo, unha aventura a lombos da imaxinación. Pasámolo moi ben escoitando esta música que nos transportou aos soños, a través de monicreques e teatro de sombras que se descubrían nun escenario de luces, formas, xogos, fíos..., e unha orquestra na que chamou moito a atención a celesta.
Se queredes saber máis, visitade o blog de música premendo aquí.

Despois, debido ao mal tempo, cancelamos o resto da programación para esa xornada, pero sen dúbida unha visita ao Auditorio de Galicia, para ver profesionais coma estes, sempre merece a pena. Premendo AQUÍ podedes ver algunhas fotos do espectáculo.


domingo, 4 de novembro de 2018

GOOGLE SITES SOBRE CIENCIA

Aquí vos deixo o "Google Sites" no que atoparedes información sobre o proxecto ao que está adicado este curso: "Ler con-ciencia".
Está organizada por bloques: definicións de xente, páxinas sobre ciencia, experimentos e xogos científicos, proxectos sobre ciencia desenvolvidos noutros centros, libros sobre ciencia, curiosidades, vídeos, a relación entre ciencia e natureza e arte e, no último apartado, os traballos que imos elaborando no noso cole. 
Esta páxina irase actualizando ao longo do curso, segundo vaiamos avanzando nos nosos traballos en cada grupo, polo que tamén aparecerán aqueles temas nos que vaiades centrando as vosas investigacións. Podedes acceder a ela dende a barra lateral dereita, ou tamén desde esta entrada, na imaxe inferior ou premendo AQUÍ.

https://sites.google.com/view/lerconciencia/p%C3%A1gina-principal

 Unha aperta!

xoves, 1 de novembro de 2018

UN BUZÓN CHEO DE RELATOS DE MEDO

Seguro que estes días de Samaín tedes un ratiño para ler todas as historias non premiadas que chegaron ao meu buzón para participar no Concurso de Relatos de Medo, así que preparei esta montaxe con todas elas. Están agrupadas por cursos (as presentadas en 1º e 2º; as de 3º e 4º e as de 5º e 6º). Ao mellor vós dariádeslle o premio a outras, así que lédeas e contádeme cal vos deu máis medo!!!








GUÍA DE LECTURA PARA SAMAÍN

Aquí tedes a Guía de Lectura que preparamos para este Samaín 2018. Aínda que vola entregamos onte, tamén vola deixo aquí para que a consultedes cando queirades. 




mércores, 31 de outubro de 2018

SAMAÍN 2018

Que ben o pasamos nesta semana de Samaín!!!! Foron tan só 3 días, pero cheos de emoción e moita orixinalidade... Sorprendéronnos as cabazas presentadas ao Concurso, no que tivestes moi en conta o tema do proxecto, polo que no corredor do cole puidemos ver varios Einstein, algún Newton, científicos imaxinarios, robots..., e mesmo laboratorios equipados ao completo ou circuítos que sorprenderían a calquera persoa adicada ao mundo da ciencia!!! NORABOA A TODAS AS PERSOAS que participaron nesta nova edición do Concurso de Cabazas!!!

Paula Maneiro, Uxía Grille e Jorge Lema foron as persoas gañadoras desta edición, pero premendo AQUÍ podedes ver todas as cabazas presentadas.

Por outro lado, tamén o Concurso de Relatos de Medo recolleu no buzón de Rosiña historias moi terroríficas, onde os seus protagonistas eran científicos/as, os sucesos transcurrían en laboratorios pouco comúns, etc. Tremín de medo na biblioteca con todas elas, así que PARABÉNS a todas as persoas que se esforzaron por facerme pasar con esas lecturas uns ratos tan entretidos!!!

A aula de Educación Infantil presentou "A casa encantada" e recibiu o premio con esta alegría.
Aquí vos deixo o seu relato:




Soraya gañou o premio dos relatos presentados en 1º e 2º.

Aquí está a súa historia:




Paula recibiu o premio dos relatos presentados en 3º e 4º.
Podedes lelo completo aquí:




Mª José recibiu o premio en 5º e 6º.
Aquí podedes ler a súa historia:



Anxo estaba contentísimo co premio especial ao seu relato.
Podedes lelo aquí:



O resto das imaxes da entrega de premios atoparédelas premendo AQUÍ.
Antes da entrega de premios adicouse o día a esta primeira gran festa do curso, polo que organizamos varios obradoiros no comedor do cole, no que participastes todo o alumnado e o profesorado. Comezamos entrando en calor bailando dúas cancións sobre o medo ("Medomedá") e as caveiras ("Chumbalacachumba"); preparamos os petiscos terroríficos que zampamos durante o recreo; maquillámonos e montamos un títere terrorífico e vimos " Coco", unha das películas máis fermosas que trata o tema da morte e ademais nos amosa unha tradición mexicana onde a música e a relación dun meniño coa súa familia están moi presentes.

Para algunhas nenas e nenos foi o seu primeiro Samaín no cole.
Outras xa desfrutaron desta festa en varias ocasións.
Podedes ver todas as fotos do obradoiro de música premendo AQUÍ.
Para ver as do obradoiro de maquillaxe, AQUÍ.
O obradoiro de petiscos está premendo AQUÍ.
Se premedes AQUÍ veredes as imaxes da proxección de "Coco".

Os petiscos tiñan tan boa pinta que custaba moito decidirse por un!
Foi unha xornada estupenda e espero que todas as persoas desfrutaran tanto coma min!!!
Vémonos o  vindeiro luns!!! 


CHARLA SOBRE INTERNET

Onte recibimos a Adrián Brañas Castro, quen veu ofrecernos unha charla dentro do programa "Navega con Rumbo polo Ciberespazo", unha iniciativa encamiñada a que as rapazas e rapaces naveguen coa maior seguridade posible pola rede, evitando riscos de Internet. Esta charla, á que estabades convidadas/os tamén todas/os as nais e pais do alumnado, foi entretida e moi interesante, e aínda que foron poucas as persoas que asistiron á mesma, pensamos que é moi importante coñecer moitas das recomendacións que expertos como Adrián nos ofrecen, antes de que calquera de nós se vexa nunha situación de ciberacoso ou outro risco. Prever nunca está de máis; seguro que pensamos todas o mesmo!!!
Se queredes coñecer o programa podedes acceder premendo aquí. 
Para ver as imaxes da charla no cole, premede AQUÍ.

Un saúdo, 




luns, 29 de outubro de 2018

A RECOLLIDA DE TAPÓNS TEN SENTIDO

Resultado de imagen de matías rey mourelle
Matías, coa súa familia, cando tiña 8 anos.
Dende hai varios cursos, no noso cole xuntamos todos os tapóns que podemos. Cada certo tempo, encárganse de vir recollelos, e así seguimos... Para algunhas persoas pode parecer unha tontería, mais esta fin de semana a prensa recolleu unha noticia que amosa a importancia desta actividade, converténdoa nun xesto moi solidario. Cos tapóns que recollemos estamos axudando a financiar a terapia de Matías, un neno compostelán de 11 anos con parálise cerebral. É certo que non resolvemos o seu problema, e tamén que son moitas as persoas que o precisan, pero se o pouquiño que facemos dende o cole serve para que unha soa persoa teña unha vida máis digna, non cabe dúbida de que merece a pena, non cres? Podedes ler a noticia premendo AQUÍ.
Aínda que no cole adoitamos recoller tapóns de tetrabriks de leite e de botellas de auga, son moitos os tapóns que serven para esta campaña solidaria. Aquí podedes ver diferentes tipos de tapóns que podedes achegar dende os vosos fogares:



mércores, 24 de outubro de 2018

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA CON XURXO SOUTO

Fermosa a tarde que pasamos hoxe na compañía de Xurxo Souto!!! Esta persoa tan coñecida achegouse ao cole para celebrar con nós o "Día da Biblioteca", convertendo a xornada nun día moi especial. Xurxo acompañounos no xantar, para despois ser entrevistado polos rapaciños e rapaciñas de 5º e 6º en "Radio Rosiña". A emoción e os nervios levaban presentes varios días no grupo, onde pasaron algúns ratiños investigando sobre a figura deste personaxe tan entrañable e incombustible: escritor, músico, locutor... Con Xurxo inauguramos un novo programa na nosa radio, que ademais comezou a emitir neste curso. O programa titúlase "Entrevistas Porquiñas" e emitirá sempre que teñamos a ocasión de preparar algunha entrevista que poida ser emitida dende "Radio Rosiña". Pasamos un rato moi agradable conversando co noso primeiro invitado, e queremos compartilo con todas as persoas que nos siguen a través dos nosos podcast, polo que aquí volo deixamos:


Despois do interrogatorio, xuntámonos na Biblioteca, como non podía ser doutra maneira tal día coma hoxe. E todas as persoas xuntas cantamos "O rato de biblioteca" para darlle a benvida a Xurxo, que mesmo chegou a improvisar unha estrofa máis para esta divertida canción. 

E despois comezamos a viaxe co noso convidado, navegando polo mar, como a el lle gusta, escoitando o seu son a través dunha enorme buguina, coñecendo historias de mariñeiros, de seres fantásticos que habitan nas augas salgadas..., e do emblema da súa cidade: a Torre de Hércules... Houbo tempo para cantar ao son do acordeón, para rir, para descubrir cousas moi interesantes, e mesmo para chegar á conclusión de que o centro do mundo está en Pazos!!!


Ademais desta fermosa foto de grupo, podedes ver AQUÍ o resto das imaxes e vídeos que fixemos na biblioteca, e premendo AQUÍ as realizadas en "Radio Rosiña".

Desde aquí queremos dar as grazas a Isabel, da libraría "Ler" de Santa Comba, quen nos facilitou o contacto con Xurxo Souto para facer deste "Día da Biblioteca" unha auténtica ledicia. E, por suposto, a Xurxo: "MEDRE O MAR!!!!"

luns, 22 de outubro de 2018

CONCURSOS DO SAMAÍN 2018

Xa está chegando o Samaín, e esta tarde deixei nas vosas aulas a cartiña convocando o Concurso de Cabazas e o de Relatos de Medo deste ano... Ai, non damos feito!!!! Entre preparar o Samaín, celebrar o Día da Biblioteca... Estamos que non paramos!!!! Pero a min encántame vervos a todas e todos con moitas ganas de aprender e de inventar!!! Por iso espero con moitas ganas esas historias que tan bos ratos me fan pasar, aínda que iso vaia unido a tremer durante toda a noite....

Aquí vos deixo toda a información:

PREMEDE AQUÍ PARA LER A CARTA

E PREMEDE AQUÍ PARA LER TODA A INFORMACIÓN SOBRE O SAMAÍN E O CONCURSO DE CABAZAS

Lembrade, ademais, que nos esperan moitas máis sorpresas o día da celebración. Seguro que tedes tantas ganas coma min!!!!