luns, 22 de outubro de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA 2018


O próximo 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca"!!!
 
Este ano, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil celebrará o “Día da Biblioteca” en Oviedo, na biblioteca “Ramón Pérez de Ayala”. Alí reuniranse persoas que se adican a profesións moi relacionadas cos libros: persoas bibliotecarias, escritoras, ilustradoras, narradoras de historias, editoras… E tamén mestras e mestres. Pode que incluso se acheguen algúns animais á citada biblioteca… Eu, polo menos, penso ir. Ademais, coma cada ano dende 1997, a Asociación encarga a elaboración dun pregón e dun cartel, que nesta ocasión recaeu no escritor Gonzalo Moure (Premio Cervantes Chico 2017), e no ilustrador Alfonso Zapico (Premio Nacional de Cómic 2012).
Gonzalo Moure é un escritor do que temos varias obras na nosa biblioteca, algunha das cales foi elixida tamén no noso club de lectura “Os Xurelos Lectores”. Se non o coñecedes, memorizade ben o seu nome, xa que este escritor é desas persoas que sempre aportan, que merecen a pena, que son imprescindibles… Queredes ler o pregón que escribiu para celebrar o “Día da biblioteca” este ano? Leva por título “O día da luz”, e di así:

Veño do deserto do Sahara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis olvidado dos cinco campamentos de refuxiados saharauis. É a cuarta biblioteca que construímos, e é fermosa. No centro plantamos árbores, para que os nenos e xóvenes do Sájara poidan experimentar o gozo de sentarse á súa sombra a ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún “templo do silencio”, senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir a buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorarse mirando uns ollos por riba dun libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar no que se descubre ao outro, de papel ou de carne.
Nunha película inesquecible, a mellor película de ciencia ficción da historia, “2001, unha odisea do espazo”, aparece un monólito cada vez que o home se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debería poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio do home, o lugar no que se experimenta con emocións, descubrimentos, utopías, apostas. Somos o que somos porque pensamos e escribimos sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as próximas xeracións. 
Así que unha biblioteca non é só un lugar no que invitar a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar no que invitar a escribir. As bibliotecas do século XXI son, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, mollóns do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo. 

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para os saharauis. Págaas a nosa sociedade civil, mediante socios adultos, e mediante actividades solidarias en colexios, institutos e bibliotecas. E os alumnos e lectores que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprender a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a miles de nenos, xóvenes e adultos que fixeron o posible co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lector saharaui ten ao seu carón a miles de lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima en un lugar tan hostil.  
Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña cerca unha biblioteca, ou un amoroso bibliobús. Que non haxa un só neno, xoven ou adulto, que non roce a man dunha bibliotecaria que lle aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa un só ser humano conectado ao que foi, ao que é e ao que será. 
Na túa man hai millóns de mans, estreitando a túa, acompañándote no camino. Tenras ou cheas de callos, pequenas ou grandes. No libro que te espera na mesiña de noite ou onda o sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Pero todos preciosos. Conectados todos por un invisible fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabable e luminoso. Inacabable, e así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir O día da luz.
Feliz día, feliz século.
(Texto: Gonzalo Moure. Cartel: Alfonso Zapico)

venres, 19 de outubro de 2018

TEATRO NA CASA DA CULTURA

Rematamos a semana viaxando ata a Casa da Cultura de A Picota para asistir á representación teatral "Contos do Recreo", da compañía "Redrum Teatro". Nesta comedia musical, Alicia desfruta mofándose dos seus compañeiros e compañeiras do cole. No recreo previo ao exame máis importante do curso, aparece nun lugar máxico habitado por Xacobe, unha estrafalaria estatua que se encarga de vixiar a porta da entrada dese territorio. Para poder saír de alí e chegar ao exame, Alicia terá que resolver os enigmas e superar as probas que se agochan tras as portas dos recreos pasados, presentes e futuros. 
Esta obra continúa tratando o tema do acoso escolar, iniciado xa na representación "A nena que quería navegar", á que tamén asistimos o curso pasado. 

Para ver as fotos desta xornada, premede AQUÍ.


xoves, 18 de outubro de 2018

RESUMO DE "RADIO NA BIBLIO"

Ai, rapaciñas e rapaciños!!!!
Hoxe chegoume unha noticia estupenda!!! Un vídeo no que "Radio Espora" recolle algúns dos momentos vividos nos coles que participamos no proxecto "Radio na Biblio" o curso pasado. Si, e tamén sae "Radio Rosiña"!!! A verdade é que é emocionante ver con canto entusiasmo e ilusión participamos a través deste medio de comunicación que nos marabillou dende o primeiro momento. Co resumo do 2017-2018 presentado, xa podemos comezar a nosa aventura neste novo curso. Estades preparados/as? Seguro que si!!! Novos retos esperan a todas as persoas que se animen a participar na nosa "Radio Rosiña". 
Antes de enlazar o vídeo, queremos tamén agradecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares por loitar por este proxecto tan interesante, así como a Javier Prado, quen nos visitou para formarnos e demostrarnos que, dende logo, esto da radio si que engancha!!!

martes, 16 de outubro de 2018

O LEMA GAÑADOR É...

Xa temos o lema gañador deste curso:

"LER CON-CIENCIA"  
 
Este foi o lema que máis votos recibiu por parte do alumnado e o profesorado, así que a partir de agora, será o que identifique todo o relacionado con este tema tan interesante.
En breve poderedes ver o cartel que estamos preparando para colocar no corredor do colexio!!!
Unha aperta a todas e todos!!!!

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA

Para celebrar o Día da Biblioteca, este curso no que o eixe temático é a ciencia, eliximos unha canción na que o protagonista é un dos animais máis utilizados nos laboratorios científicos: os ratiños. Neles realízanse estudos de biotecnoloxía e na industria médico-farmacéutica, co obxectivo de desarrollar novos produtos (vacinas, por exemplo), e probar a eficacia e seguridade de todo tipo de medicamentos, así como para analizar procesos coma o cancro e enfermidades infecciosas, entre outras.  

Considéranse un animal idóneo para isto porque é pequeno, manexable, fácil de criar e cun ciclo vital rápido, aínda que son moitas tamén as persoas que amosan a súa oposición a esta actividade, que acaba coa vida de miles de animaliños dunha maneira pouco digna.

Pero nós imos elixir un ratiño que non é empregado para estes fins, afortunadamente!!! Este é un ratiño de campo, pero ao que deixou de gustarlle o queixo… Seica coñeceu a Rosiña e fixo moi boas migas con ela, así que lle contaxiou a súa afección pola lectura. Esa paixón tamén a transmiten día tras día as persoas que traballan nas bibliotecas, así que con esta canción queremos homenaxear a todas as bibliotecarias e bibliotecarios!!!! Escoitade e cantade “O rato de biblioteca”, poema escrito por Xoán Neira no seu libro “Chafarís”:


luns, 15 de outubro de 2018

COMO ESCRIBIR UNHA BIOGRAFÍA

Ola!!!
Como xa sei que nalgúns cursos andades investigando sobre a vida dalgunhas persoas que se adicaron á ciencia, seguro que vos interesa ter a man "COMO ESCRIBIR UNHA BIOGRAFÍA", que elaborei coa axuda do Equipo de Biblioteca. Esperamos que vos sexa útil!!!




mércores, 26 de setembro de 2018

ROSIÑA ANUNCIA O NOVO PROXECTO

Esta tarde Rosiña deixou unha carta en todas as clases da escola, para anunciar o tema do Proxecto Documental Integrado deste curso: a CIENCIA!!!! Carai, coa de cousas que podemos incluír dentro desa temática... 
Deixámosvos aquí a carta para que poidades lela de novo e para que vaiades tamén inspirándovos e presentedes o voso lema!!!



Por outra parte, tamén vos queremos recordar, de parte de Rosiña, que as Mochilas Viaxeiras están listas para partir aos seus primeiros fogares neste curso, así que estade ben atentos e atentas á foto que estará o venres no peto correspondente da mochila do corredor. Desexamos que desfrutedes moito dela en todas as familias!!!!

Unha aperta!!!

sábado, 15 de setembro de 2018

DAMOS A BENVIDA AO CURSO 2018-19

https://photos.app.goo.gl/vSGr2tcYLXViXM518

Ola!!! Que tal estades? Cargados/as de enerxía para comezar un novo curso? Seguro que si!!!! Xa puiden ver que o mércores chegastes todas as persoas moi puntuais ao cole, aínda que algunhas traían unha cariña de sono... Había moita emoción, moitas ganas de ver aos amigos e amigas, de estrenar os novos materiais escolares, de coñecer ao novo profesorado, de poñernos algo tristes polas persoas que botaremos de menos... Pero comezamos con moita enerxía, como facemos sempre, e para iso nesta ocasión eliximos unha canción de Kenia, "Jambo bwana", na que saúdan ás persoas que chegan de visita a ese país, e preséntano como un lugar marabilloso no que non debes ocupar a túa vida con preocupacións. Seguramente algúns atrancos xurdan ao longo deste 2018-19, pero o importante é que consigamos superalos, e para iso é moi importante apoiarse nas persoas que nos rodean. No cole somos unha "grande" familia na que desexamos que esta primeira semana fora o comezo dunha etapa chea de momentos inesquecibles. (Premendo na imaxe podedes ver todas as fotos e o vídeo coa canción)
Alá imos!!!!