Amosando publicacións coa etiqueta concerto didáctico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concerto didáctico. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de maio de 2022

EXCURSIÓN A CORUÑA

OLA, XENTIÑA!!!

Que tal estades? Eu hoxe con moitas ganas de compartir con todas vós a excursión que fixemos o venres, 13 de maio. Aínda que todo o cole viaxou ata A Coruña, non todos os grupos fixeron as mesmas actividades, así que cóntovos...

O alumnado de 5 anos visitou o Planetario, na Casa das Ciencias, xa que non puideran asistir na ocasión anterior. Ao rematar, foron co outro grupo de Infantil e o de 1º e 2º de Primaria para visitar o Acuario, no que o mundo mariño os tivo hipnotizados/as durante o tempo que alí pasaron.

No acuario ninguén quería perder detalle das explicacións.

Pola súa parte, os grupos de 3º a 6º de Primaria asistiron a un concerto no Palacio da Ópera, no que a Orquestra Sinfónica interpretou algúns dos temas máis coñecidos das películas de Walt Disney. Seguindo a trama ideada por Víctor Grande, con intervencións dunha parella de solistas e un coro, desfrutaron, cantaron e mesmo bailaron ao son de "O rei león", "Vaiana" ou "Coco". Ao rematar, foron camiñando ata o Castelo de San Antón, e desde alí desprazáronse en autobús ata o monte de San Pedro.

Ao rematar o concerto, os grupos de 3º a 6º camiñaron ata o Castelo de San Antón.

Despois de xantar, regresaron para San Cosme, con moitas cousiñas para contar esta fin de semana!!!

Unha aperta,

Rosiña

luns, 25 de abril de 2022

UNHA VISITA MOI ESPECIAL

Esta mañá recibimos unha visita moi especial na nosa biblioteca: un cuarteto de música. E digo especial porque as catro persoas que se achegaron hoxe ao cole son catro músicos profesionais que actualmente forman parte da Real Filharmonía de Galicia. O frautista, Luís Soto, xa é ben coñecido no centro, e despois das veces que tivemos a sorte de escoitalo en directo, considerámolo un amigo máis!!! Pero hoxe, ademais, Luís chegou na compañía doutras tres persoas marabillosas: Nikolay Velikov (violín), Ioana Ciobotaru (viola) e Millán Abeledo (violoncello). Como é que estes tremendos músicos nos adicaron parte da mañá non só a escoitar música de Mozart senón tamén a probar a tocar os seus instrumentos? Pois todo xurdiu a raíz do libro que estiveron a ler no Club de Lectura, "O xenio da Cidade do Sal", escrito por Fina Casalderrey. Este libro, ademais dunha historia divertida sobre Mozart, inclúe un disco no que estes músicos interpretan unha serie de cuartetos do famoso compositor aos que se engade algunha peza tradicional galega. A partir de aí, e aproveitando que Xavier, o director do cole, coñece a Luís desde hai tempo, argallaron este espectáculo marabilloso e inesquecible. A todo iso hai que engadir a bondade dos músicos para que as nenas e nenos puideran achegarse aos instrumentos e mesmo facelos soar!!! Que privilexio!!! Seguro que non esquecen unha experiencia tan gratificante!!! 

Moitísimas grazas, Nikolay, Ioana, Millán e Luís polo tempo que nos adicastes, polas vosas interpretacións e por encher esta mañá o cole e os nosos corazóns de música.

Rosiña

luns, 24 de xaneiro de 2022

DE CONCERTO EN A CORUÑA

Esta semana de xaneiro rematou cunha viaxe para o alumnado de Educación Infantil-5 anos e 1º e 2º de Educación Primaria. Foron de excursión a Coruña, para asistir a un concerto no Palacio da Ópera. Os protagonistas, o grupo de percusión ODAIKO, que no cole xa coñecemos e que tanto nos gustan. Ademais, convidaron a algunhas das nenas e nenos a subir ao escenario; entre elas Zaira. Tamén Sofía foi a destinataria dun agasallo improvisado polos músicos: unha baqueta que escachou en pleno concerto!!!

Chegaron ao cole moi contentas e contaxiando as ganas de facer o mesmo ao resto do alumnado!

Na entrada ao Palacio da Ópera de A Coruña.

Premendo aquí podedes ver as fotos que fixeron! 

Rosiña

venres, 14 de febreiro de 2020

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Rematamos a semana de viaxe a Santiago de Compostela. Nesta ocasión, tamén en dúas quendas.
Por un lado, o alumnado de 3º a 6º de Primaria asistiu a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia. Aproveitando que o concerto comezaba ás 12, ao chegar ao Auditorio fixeron unha visita guiada á exposición "Xirarei: deseño de cubertas no disco galego 1955/1995". A través dela coñecemos como foron evolucionando as carpetas dos discos de vinilo, ademais de poder ver algúns dos reprodutores e outros aparatos que xa forman parte case en exclusiva das persoas que os coleccionan.
Despois dun pequeno descanso, entramos na sala de concertos, na que o grupo de percusión Píscore nos ofreceu, acompañados pola Banda Municipal de Música, un concertazo!!! Pasámolo xenial con este espectáculo titulado "Con fusión", no que mesturan música, teatro, humor, comedia xestual, participación do público... Cunha marimba como eixo principal, van incorporando diversos matices musicais e ritmos moi diferentes: música latina, rock and roll, reggae, pop e ata música disco. Un auténtico espectáculo!!!!
Ao rematar o concerto fotografámonos cos catro membros de Píscore: Pepe, Diego, Félix e Pablo.
Por outra banda, os grupos de Infantil e 1º e 2º de Primaria visitaron o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).  

Realizando o obradoiro de arte no CGAC.
Aínda que se repartiron en dous grupos, fixeron as mesmas actividades: visitaron a exposición paisaxística relacionada coa natureza do artista lucense CHRISTIAN VILLAMIDE, titulada "In landscape mode", e a fotográfica do compostelán JESÚS MADRIÑÁN, que baixo o título "I am light" amosa unha novedosa mirada sobre a realidade do Camiño de Santiago e os seus peregrinos.
Ademais disto, realizaron un obradoiro no que modificaban fotografías de grandes cidades sobre as que pegaban diferentes elementos da natureza (árbores, flores, ríos) que atraeran a chegada de diferentes animais, que tamén incorporaron nos seus deseños.
Pasárono tamén moi ben!!!!
E despois, os dous grupos regresaron ao cole para xantar.

Para ver todas as fotos só tedes que premer sobre calquera das que aquí aparecen.

xoves, 21 de novembro de 2019

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Hoxe viaxamos ata Santiago de Compostela en dous autobuses. O primeiro deles, co alumnado de 3º a 6º de Primaria, con rumbo ao Auditorio de Galicia, onde asistiron a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia. O concerto, titulado "Clásicos á galega", é idea de Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde, e foi ofrecido pola Banda Municipal de Música de Santiago. Nel interpretaron melodías moi coñecidas da música clásica, pero dándolles un "acento galego" ao incorporar instrumentos populares galegos (noz, charrasco, tarabela, culleres, pandeiro, pandeira, tixola, lata, zanfona, requinta, asubío, gaita, sacho...). Así, a Banda e a narración de Suso Vaamonde achegáronnos obras de Beethoven, Strauss, Bizet, Grieg, Rossini, Ravel ou Brahms, entre as cales incluso soou algún paxariño. 
O grupo de 3º a 6º de Primaria diante do cartel da exposición.
E despois da música, fixemos unha visita guiada á exposición "I̶N̶ ̶VISIBLE WOM@RTS", centrada na obra de mulleres artistas que parten dunha realidade cultural e xeracional propia. A través das súas creacións presentan cuestións tan interesantes como a "natureza" da muller, o arraigo social, a historia ou os pasos futuros. Unha exposición moi interesante que nos fará reflexionar tamén de cara ao vindeiro 25 de novembro, "Día contra a violencia cara á muller".
Gustáronnos moito as dúas actividades!!! Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos que fixemos no Auditorio de Galicia.
 

sábado, 6 de abril de 2019

EXCURSIÓN A CORUÑA

Os grupos de Infantil, 1º e 2º na entrada do Palacio da Ópera.
Este venres estivemos en A Coruña. A diferenza doutras veces, levamos 2 autobuses, xa que as actividades previstas eran diferentes e, debido ás previsións meteorolóxicas, decidimos que a mellor opción era estar de volta para xantar no cole. Nun bus saíron as nenas e nenos de Infantil, 1º e 2º de Primaria, acompañados dos mestres Patricia, Manoli, Sonia e David. Este grupo asistiu a un concerto didáctico no Palacio da Ópera, onde escoitaron algúns temas tradicionais dalgunhas rexións de África, acompañados por instrumentos populares africanos, coma o djembé, o caxixi ou a kalimba.


As nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º escoitando a Nazareth.
O outro autobús levou ás rapazas e rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, coas mestras Marina, Teba e Susi, ata o polígono de Sabón, en Arteixo, para coñecer as instalacións de La Voz de Galicia. Aquí foron recibidos por Nazareth Díaz, quen lles ensinou as instalacións deste xornal, explicándolles brevemente en que consistía o traballo que se facía en cada unha delas. Entraron na redacción central, espazo que ocupan as e os periodistas; despois coñeceron a sala de impresión e viron as xigantes rotativas coas que conta este periódico, aínda que non puideron velas en funcionamento; a continuación fixeron unha parada no almacén de papel e, por último, visitaron o Museo, no que puideron retroceder centos de anos en canto aos aparatos empregados antes de que se modernizara a imprenta. Foi moi interesante aínda que se bota de menos non poder ver o funcionamento real do periódico: periodistas nos seus postos, as rotativas en funcionamento, a carga de camións para o reparto, etc.
Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotos destas actividades.

xoves, 15 de novembro de 2018

LUÍS SOTO, BENVIDO!!!!

Esta semana recibimos a visita de Luís Soto, un músico marabilloso que xa nos visitou o curso no que estabamos traballando a temática da música no cole. Nesta ocasión, e como non podía ser doutro xeito ao tratarse dun frautista, volveu encher a nosa biblioteca con obras musicais moi fermosas. Pero tamén tivo a grande idea de ter en conta o noso proxecto deste ano, sobre a ciencia, e Luís falounos entre peza e peza de cousas moi interesantes relacionadas coa mesma. Destacou a importancia do silencio para que poida existir a música, da ausencia de ruído, e atreveuse a interpretar para todas as persoas aquí reunidas unha das pezas que máis deu que falar no século XX: "4'33", de John Cage. Foi tan sorprendente que seguramente non sexa necesario lembrarvos que caracteriza esta obra de 1952. 
Luís tamén tivo un ratiño para contarnos un par de recordos que quixo compartir con todas nós. A primeira delas foi que hai un ano e un mes Galicia ardía de xeito pavoroso, e a aldea na que se criou foi unha das afectadas. Luís contounos o sorprendente silencio que sentíu no primeiro paseo que deu polo bosque completamente queimado. A segunda, hai dous anos Luís visitounos para celebrar connosco o "Día de Santa Cecilia", patroa da música. Nese ano, o 2016, Fran Pérez, NARF, acababa de morrer. A música galega perdía así a un músico marabilloso, pero afortunadamente quedan tamén músicos e persoas tan fantásticas coma Luís, que rematou o concerto de hoxe cun dos temas máis fermosos de Narf: "Aló irmao"
https://photos.app.goo.gl/oeGVsfRShMHg24RA7
Premendo sobre esta imaxe podedes ver todas as fotos.
E por se fora pouco, trouxo outro fermoso agasallo para o cole: dúas fotos do concerto da "Novena Sinfonía" de Beethoven en Santiago de Compostela, co que celebramos a "Xornada de convivencia" do curso 2016-17, e unha foto espectacular do último concerto de Narf no Teatro Principal de Compostela que el mesmo sacou. Luís, deixáchesnos sen palabras!!! Agradecidísimas todas as persoas que te coñecemos e que tanto te queremos... 



venres, 9 de novembro de 2018

EXCURSIÓN A COMPOSTELA

A semana rematou coa excursión de Primaria a Santiago de Compostela, para asistir a un concerto didáctico fabuloso: "O crebanoces", de Piotr Ilych Chaikovski. Os seus intérpretes, a Real Filharmonía de Galicia e a Compañía de monicreques "Per Poc" fixeron unha selección deste coñecido ballet para presentarnos a un misterioso viaxeiro, un segredo, unha aventura a lombos da imaxinación. Pasámolo moi ben escoitando esta música que nos transportou aos soños, a través de monicreques e teatro de sombras que se descubrían nun escenario de luces, formas, xogos, fíos..., e unha orquestra na que chamou moito a atención a celesta.
Se queredes saber máis, visitade o blog de música premendo aquí.

Despois, debido ao mal tempo, cancelamos o resto da programación para esa xornada, pero sen dúbida unha visita ao Auditorio de Galicia, para ver profesionais coma estes, sempre merece a pena. Premendo AQUÍ podedes ver algunhas fotos do espectáculo.


sábado, 14 de abril de 2018

EXCURSIÓN Á CORUÑA

https://photos.app.goo.gl/v3atkn5J9TFGFiSU2 

O martes foron de excursión as rapaciñas e rapaciños de 3º a 6º de Primaria. E este venres tocoulles aos de Infantil e 1º e 2º de Primaria!!! O destino foi outro, e as actividades que realizaron tamén, por iso vos quero contar o que fixeron na cidade herculina.
Na súa viaxe á Coruña puideron desfrutar do concerto didáctico "Pequeno Circo Ambulante". Foi un espectáculo moi divertido onde atoparon pallasos, malabaristas..., á vez que desfrutaron moito da música de circo. 
Fíxolles especial ilusicón que Aroa saíse a facer de equilibrista, Xavi a bailar e Ainhoa a ensinar as súas brillantes botas. 
Despois visitaron a estación de tren de A Coruña e descubriron que é moito máis grande que a de Santiago. Ata viron saír algúns trens. 
Por último, divertíronse moito xogando nun parque do centro da cidade que non coñecían.
Seguro que estades desexando ver as fotos e vídeos desta estupenda xornada. Só tedes  que premer AQUÍ (ou sobre a imaxe).

 

mércores, 11 de abril de 2018

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este martes foi un día atípico no noso cole, xa que os grupos de 3º a 6º foron de excursión a Santiago, e o centro quedou coas rapaciñas de Infantil, 1º e 2º, e os mestres Patricia, Óscar e David. A saber o que farían mentras estabamos de viaxe... Pero eu vouvos contar o ben que o pasamos na capital galega. A primeira parada fixémola na Praza do Toural, onde visitamos a Fundación Eugenio Granell. A través dunha visita guiada puidemos coñecer un pouquiño máis a obra deste destacado pintor surrealista. Ademais, este artista galego viaxou e viviu en moitos outros lugares (Madrid, República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico e Nova York entre eles), o que influíu moito na súa obra. E non só na pictórica, xa que entre os óleos tamén descubrimos algunhas esculturas, debuxos, colaxes e mesmo obxectos persoais do artista.
Ademais, tivemos a oportunidade de pisar unha das terrazas máis espectaculares do casco histórico de Compostela, xa que o museo atópase no Pazo de Bendaña, que ademais de ser un edificio fermosísimo, amosa unha vista pouco coñecida da cidade. 
Despois camiñamos ata o Teatro Principal para asistir ao espectáculo de danza "Emoticores", interpretado por "Las Tricotouses", onde as emocións toman forma a través das cores e o movemento, unido ao son e ás proxeccións audiovisuais.
Ao rematar, subimos camiñando ata a Praza de Abastos, onde aínda tivemos tempo para visitar algúns dos seus postos (carnizarías, peixarías, panadarías e froitarías), nalgúns dos cales nos detivemos para facer preguntas sobre aquelo que máis nos chamou a atención ou para escoitar aos vendedores que, amablemente, nos contaron cousas moi interesantes. 
Desde logo, pasámolo pipa!!!!! Podedes comprobalo vendo as fotos que fixemos se premedes AQUÍ.

E se queres aprender máis sobre a Fundación Eugenio Granell, premendo sobre a imaxe podes visitar a súa páxina web.

http://www.fundacion-granell.org/actualidad/index.php


sábado, 24 de febreiro de 2018

EXCURSIÓN Á CORUÑA

Despedimos a semana viaxando ata A Coruña, onde desfrutamos moito das actividades que tiñamos programadas e tamén do día, xa que foi estupendo para ir de excursión.
O alumnado de 3 e 4 anos de Infantil foi ao Acuario, xunto cos mestres Patri e David. Alí descubriron un montón de animais mariños que lles encantaron: os peixes pallaso, os polbiños, as estrelas e os cabaliños de mar, as focas... E, sobre todo, o tiburón Gastón!!!
Mentras tanto, o grupo de 5 anos de Infantil e toda Primaria foron ata o Palacio da Ópera, acompañados de Xavi, Óscar e Susi. Alí asistiron ao concerto didáctico "Noé, Noemí e Noemilia", interpretado pola Orquestra Sinfónica e a narradora Belén Otxotorena, baixo a dirección de Andrés Valero Castells.
Despois, xuntámonos para subir ao monte San Pedro, onde recibimos a visita da profe Cruz, comemos ao aire libre e xogamos un ratiño antes de regresar, pasándoo xenial nas randeeiras, nos tobogáns e, sobre todo, no labirinto!!!
Premendo AQUÍ podedes ver todas as imaxes da excursión de Infantil (3-4 anos).
Premendo AQUÍ podedes ver as fotos da excursión de Infantil (5 anos) e Primaria.
Premendo AQUÍ podedes ver as fotos que fixemos no monte San Pedro.

sábado, 11 de marzo de 2017

EXCURSIÓN A COMPOSTELA

O pasado mércores, coincidindo co Día da Muller, viaxamos á capital galega para asistir a unha actuación estupendísima do grupo de percusión ODAIKO, que ofreceu un concerto didáctico no Auditorio de Galicia no que desfrutamos moitísimo. Ademais de coñecer varios e interesantes instrumentos dunha das familias de instrumentos que máis nos atraen, rímonos moito coa posta en escea destes catro rapaces fantásticos.
Pero antes puidemos facer unha pequena parada na Praza de Abastos, onde enchemos os nosos ollos e os nosos narices con todas as cores e olores dos produtos que alí se ofrecen: peixe, marisco, froita, verduras e hortalizas, pans, queixos, comida recén cociñada, etc. Desfrutamos moito desta visita exprés a un dos lugares máis emblemáticos de Santiago.
E despois do concerto, aproveitando o sol que iluminaba as rúas de Compostela, demos un paseo pola zona vella: percorremos algunhas das rúas máis coñecidas, algúns rincóns agochados moi fermosos, visitamos a Catedral e as prazas que a rodean, o grupo de Infantil fixemos unha parada en Correos para enviar varias cartas, saudamos ás Marías, a Valle Inclán e a Rosalía na Alameda, observamos as súas árbores, e descansamos nas escaleiras que dan entrada ao Campus universitario, onde comemos e xogamos un ratiño antes de regresar a San Cosme. Foi un día completo e moi fermoso; para ver o ben que o pasamos premede AQUÍ.

sábado, 25 de febreiro de 2017

EXCURSIÓN Á CORUÑA

O martes volvemos visitar A Coruña. Nesta ocasión, aínda que viaxamos todos xuntos desde o cole, realizamos dúas actividades diferentes. As nenas e nenos de Infantil, coas mestras Patri, Chus e Laura visitaron un dos museos que máis nos atraen: o acuario.
Alí pasaron toda a mañá desfrutando entre peixes, e fixeron moitas fotos que podemos ver premendo AQUÍ. 
Tamén gravaron algúns vídeos:







E mentras, o grupo de Primaria asistiu a un concerto no Palacio da Ópera. Un concerto do que xa falamos nunha entrada anterior para presentar as obras que interpretaría a Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Diego García Rodríguez e a narración de Quico Cadaval, con quenes, ademais, tivemos a oportunidade de falar ao rematar o espectáculo. A verdade é que foi moi fermoso poder compartir co director uns minutos de faladoiro sobre os seus inicios, sobre o seu traballo como director en distintas cidades do mundo, e escoitar unha lenda máis na voz de Quico Cadaval, que se detivo un anaquiño antes de marchar para coller o tren. Moitísimas grazas aos dous!!!! Para ver as fotos, só tedes que premer AQUÍ. 
 Aquí podedes ver un vídeo, correspondente á parte de "O cofre está en alta mar", lembrádesvos?



E despois? Xuntámonos todos para ir xantar ao monte San Pedro, que tanto nos gusta polas fermosas vistas que de A Coruña nos ofrece. Premede AQUÍ para velas!!!

sábado, 18 de febreiro de 2017

IREMOS AO PALACIO DA ÓPERA

O vindeiro martes volvedes ir de excursión!!! Nesta ocasión para asistir a un concerto no Palacio da Ópera, que xa coñecedes porque o vistes en xaneiro. Lembrádesvos? Puidestes ver o interior do edificio, o que pouquísimas persoas tiveron a oportunidade de ver: a parte traseira, onde se gardan os instrumentos, onde se colocan os decorados para as obras que os requiren, e tamén os camerinos (incluso o do director!!!) ou as salas especiais.
O martes, sen embargo, sentarémonos nas butacas, para asistir como público a un espectáculo baseado en historias relacionadas co mar, nas que se inspiraron dous grandes compositores do século XIX e XX: Richard WAGNER e Benjamin BRITTEN. Se premedes sobre os seus nomes, podedes ver as entradas no blogue de música.
Os encargados de interpretar as obras elixidas son os músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixidos por DIEGO GARCÍA RODRÍGUEZ. Diego naceu en Escarabote, Boiro (A Coruña). É director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo (T.A.C.), no cal desenvolve unha intensa actividade na difusión da música contemporánea e a súa interrelación con outras disciplinas artísticas.
Dirixiu tamén varias orquestras como director invitado, tanto en España (Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Filarmónica de Málaga, a Xoven Orquestra da  Sinfónica de Galicia) coma noutros países (Francia, Polonia, Inglaterra). 
Pero tamén ten un amplo percorrido dirixindo óperas, entre as cales "Carmen", de George BIZET e "La Traviata", de Giuseppe VERDI, son as máis coñecidas. 

Neste concerto, ao tempo que escoitaremos a abertura de "O holandés errante" de WAGNER, e os "Catro interludios mariños" de BRITTEN, escoitaremos tamén as historias que nos irá contando QUICO CADAVAL, coa intención de transportarnos á beira do mar.
Quico Cadaval é un destacado actor, director e dramaturgo nacido en Ribeira (A Coruña). Ademais das obras que estreou como director, tamén participou en varios festivais de narración oral e tamén traballou como actor na televisión. Ademais, tamén imparte xornadas e congresos nos que ensina e transmite o seu saber e o seu amor pola súa profesión.
O seu bo facer foi recoñecido con premios tan importantes coma o Premio Cultura Galega, o Premio Max, o Premio María Casares ou o Premio Coruxa do Humor. 

Agora só queda... DESFRUTAR DO CONCERTO!!!


ÓPERA E MUSEO EN A CORUÑA



O pasado 14 de febreiro celebrastes un Día dos Namorados moi especial... Mentras eu andaba remexendo textos románticos e cancións que eran auténticas declaracións de amor, vós viaxastes ata A Coruña para pasar unha mañá moi especial. Por un lado, porque asististes á ópera "A frauta máxica", que se representou no Teatro Colón. Por outro, porque puidestes aproveitar un bo anaco dun dos museos máis destacados da nosa provincia: a Domus. E xa me dei conta, vendo todas as fotos que vos fixeron, que o pasastes moi ben.
A ópera de Mozart, o grande compositor do Clasicismo, foi representada pola compañía "Ferro teatro", quenes fixeron unha adaptación para o público infantil onde se intercalaban escenas cantadas e dramatizadas que tiveron a todas as persoas asistentes moi entretidas. Se queredes recordar algunhas das partes que soaron no Teatro Colón, podedes ver os vídeos do blogue de música premendo AQUÍ.
Despois cambiastes de escenario e, do teatro, pasastes ao museo. A Domus tívovos moi entretidos, xa que ademais de partes expositivas, ten moitos xogos interactivos nos que pasastes un montón de tempo aprendendo cousas moi interesantes. 
Para ver as fotos desta xornada, só tedes que premer AQUÍ. 



domingo, 13 de novembro de 2016

EXCURSIÓN MUSICAL POR A CORUÑA

Así foi o pasado mércores, no que viaxamos á cidade herculina para asistir a un espectáculo moi diferente aos que estamos adoitados: un ballet!!! O espectáculo, a cargo do Centro Coreográfico Galego, tivo lugar no Teatro Colón, e as coreografías que realizaron acompañaban a música dun dos grandes compositores do Barroco: "As catro estacións" de Antonio VIVALDI. Antes disto, no cole preparamos algunha actividade previa, na que falamos do compositor veneciano e da danza. 
O día da viaxe desfrutamos moito dese espectáculo, no que un grupo de 8 bailaríns e bailarinas nos ensinaron unha maneira de bailar que non adoita ofrecerse polo noso concello. A visión por medio da danza contemporánea das catro estacións de Vivaldi, xunto con imaxes proxectadas que nos recordaban a paisaxe galega e pequenos textos que nos fixeron reflexionar, mantiveron a nosa atención durante toda a función. Un auténtico luxo para o alumnado de Primaria e o profesorado que o acompañou asistir a este espectáculo tan fermoso e visual, no que tan só botamos de menos que a música non fora en directo.
Ao rematar, fomos camiñando ata o Palacio da Ópera. Cruzamos os xardíns Méndez Núñez, observamos o tráfico da cidade e mesmo enredamos con algunhas persoas que paseaban cos seus canciños. A visita ao Palacio da Ópera tamén foi moi especial e moi diferente ao que poderiamos supoñer. Non había concerto, nin baile, nin exposición, nin conferencia... Non!!! Coñecemos o Palacio como edificio: a súa historia, a arquitectura, as diferentes salas, as cabinas de son... E mesmo nos deixaron ver a zona "entre bambalinas" do escenario da sala grande, que é a parte que se atopa detrás do escenario visible ao público. Sorprendeunos a súa altura, como se cambian os decorados ou as teas para as representacións que as precisen, e a enormidade dos estoxos dos instrumentos!!! Tamén nos permitiron entrar no camerino do director titular da Orquestra Sinfónica de Galicia!!! INESQUECIBLE!!! Agradecidísimas todas as persoas que viaxamos ata A Coruña da xente que con tanta amabilidade nos foi contando todo aquelo que non aparece nos programas de man... Mesmo o profe Óscar tivo ocasión de contarnos a súa primeira experiencia cantando unha ópera.
Se queredes ver as fotos que fixemos, premede sobre a seguinte imaxe.

https://goo.gl/photos/NjhhaAT1PUYqYQc18

sábado, 5 de novembro de 2016

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O xoves fomos de excursión a Santiago de Compostela!!! Nesta ocasión, as/os afortunadas/os fomos os grupos de Infantil, 1º e 2º de Primaria. Pasámolo moi ben e aquí queremos deixar constancia diso. A primeira parada foi no Auditorio de Galicia, onde visitamos a exposición "Semente", composta por unha selección de obras destacadas (premiadas ou non) de 35 novos artistas.
Algunhas chamaron a nosa atención polo seu tamaño, outras polo material empregado, outras pola explicación que sobre ela nos deu a guía que nos acompañou na visita, e unha porque nos quedamos coas ganas de probala: un parque cheo de bólas para xogar coa característica particular de que todo era de cor negra!!! Aquí tedes as fotos que fixemos (preme sobre a imaxe):

https://goo.gl/photos/7e8A32xJ5Gnef5Py9

Despois asistimos ao concerto didáctico ofrecido por Pitusa Semifusa. Pitusa Semifusa é unha rapaciña que canta moi ben, e subiu ao escenario acompañada da súa avoa, quen tocaba o piano, e un guitarrista. Xuntos interpretaron varios temas que nos ían amosando as diferentes familias de instrumentos: a de corda, a de vento e a de percusión. Pasámolo moi ben, e incluso algúns de nós puidemos subir ao escenario!!! A ver se atopades a Guille e a Mai nas seguintes fotos (preme sobre a seguinte):

https://goo.gl/photos/qEbyRBeMyPFfCQdTA

E despois da música, demos un paseo estupendo pola Alameda de Santiago: observamos os parrulos, as fermosas vistas da Catedral, a estatua do escritor Valle-Inclán, as pegadas de xigantes que roubaron toda a nosa atención, as árbores coas cores propias do outono, e case, case movemos o enorme eucalipto que hai no Paseo dos Leóns!!! Ten máis de 120 anos de idade, mide case 40 metros de alto e ten 8 metros de diámetro. Coñécese como a "árbore dos namorados".
Despois de tanto exercicio, desfrutamos da comida que con tanto cariño nos prepararan nas nosas casas. E aínda nos quedou un anaco de tempo para xogar no parque, antes de regresar ao cole. Un día completo e estupendo!!! Se premedes sobre a seguinte imaxe podedes ver todas as fotos:

https://goo.gl/photos/REMvqWc6an2NThR19

venres, 15 de abril de 2016

CONCERTO E EXPOSICIÓN "IX PREMIO AUDITORIO DE GALICIA 2015"

Pois si que foi completamente artístico este venres. Por un lado, asistimos ao concerto didáctico que ofreceu a Banda Municipal de Santiago de Compostela no Auditorio de Galicia. O programa, baixo o título "Bandanza", incluía pezas que soan nos bailes de salón, algunhas das cales recoñecemos rapidamente!!! Pero tamén chamou moito a nosa atención o baile en directo de dúas persoas profesionais: Lucía Vázquez e Cristian García. Se premedes aquí podedes escoitar algunhas das pezas interpretadas esta mañá, ao tempo que desfrutades das fotografías que fixemos na Sala Ángel Brage do Auditorio:


Pero tamén tivemos tempo para visitar a Exposición "IX Premio Auditorio de Galicia 2015", composta por 40 obras que convidan a pensar sobre o papel das e dos artistas na actualidade. Fotografía, pintura, escultura, debuxo, instalacións, vídeo-instalacións, etc., captaron a nosa atención ao tempo que Loli (a guía que nos acompañou) nos ía contando de que trataba cada unha delas. Chamáronnos moito a atención, sobre todo a escultura feita con xoguetes que representaba a violencia a través do xogo de sombras, o cadro que tiña parte debuxada nas paredes, un espello convertido en obra de arte, unha fotografía ao lado da cal se podía ler a conversa mantida entre o fotógrafo e o retratado, ou o vídeo-montaxe na que aparecían tres mulleres musulmás falando da súa situación no noso país. Esta última, que invita a reflexionar sobre o racismo, foi a gañadora do 1º premio.
E todas estas obras nos inspiraron para crear nós mesmos, en pequenos grupos, a nosa obra de arte. E todas esas creacións están expostas no corredor do colexio, porque tamén no C.E.I.P. Víctor Sáenz hai auténticos artistas!!!

venres, 24 de abril de 2015

CONCERTO E EXPOSICIÓN

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º cursos rematamos a semana cunha saída a Santiago de Compostela. No Auditorio de Galicia asistimos a un concerto ofrecido pola Filarmónica de Galicia e a compañía de monicreques Per Poc, quenes representaron a súa versión da obra "Romeo e Xulieta". Esta coñecidísima obra de teatro de William Shakespeare inspirou moitas películas e obras musicais, sendo unha das máis destacadas o ballet que compuxo Sergei Prokofiev en 1938.
Despois do concerto, asistimos á actividade "Emocións creativas dunha colección-Teatro de Emocións", na Sede Afundación da rúa do Vilar. Aquí falamos de sentimentos, identificámolos, resolvemos situacións e construímos un cubo das emocións. 
E despois de comer, regreso ao cole moi contentos con todo o aprendido. 

martes, 24 de marzo de 2015

MÚSICA E CINE EN COMPOSTELA

Comeza a última semana do trimestre cargadiña de actividades e saídas. Esta mañá parte do alumnado (3º, 4º, 5º e 6º) viaxamos a Santiago de Compostela, para asistir a un espectáculo no colexio La Salle, ofrecido polo grupo "La armónica invisible". Este grupo, formado por tres músicos (teclado, guitarra, batería e voces) interpretou unha serie de temas ilustrativos do que foi e é a música na historia do cine. Desfrutamos con temas adaptados aos distintos xéneros cinematográficos e faláronnos sobre a función da música nalgunhas escenas de películas moi coñecidas. Todo iso, con música en directo e imaxes dos filmes proxectados nunha pantalla que nos mantivo moi atentos/as durante parte da mañá.
Despois, completamos a viaxe coa visita á exposición no Auditorio de Galicia "Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns". Alí puidemos ver parte da produción deste creador pontevedrés, que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes. As obras expostas no Auditorio, en papel e cartón (probas de autor, gravados, técnicas mixtas sobre papel, pochoirs, etc.), fixeron voar a nosa imaxinación!
E a pesar de que ameazaba chuvia, puidemos desfrutar da nosa comida ao aire libre e dun ratiño facendo o que máis nos gusta: XOGAR!!!
Aquí van as fotos dun día especial no que botamos de menos aos rapaciños e rapaciñas que non puideron vir e ao resto dos grupos e mestres que quedaron no cole.