Amosando publicacións coa etiqueta Día da Muller e a Nena na Ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Muller e a Nena na Ciencia. Amosar todas as publicacións

martes, 8 de marzo de 2022

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Hoxe, 8 de marzo, celebramos o Día da Muller, e por iso no cole temos varias actividades programadas. Unha delas iniciámola no mes pasado, coa proposta para o "Día da nena e a muller na ciencia" na que cada familia realizaría un traballo de investigación sobre unha científica elixida libremente. O resultado desa exposición xa podedes observalo na entrada da biblioteca, na que atoparedes as creacións que fixestes nos vosos fogares. Podedes visitala cando queirades, e aínda que nas aulas xa falastes e expuxestes cal foi a vosa elixida, aproveitade tamén para descubrir a elección do resto dos grupos. Descubriredes as interesantes vidas dalgunhas biólogas, astrónomas, naturalistas, químicas..., de distintas partes do mundo (galegas tamén!). Os traballiños quedaron moi xeitosos, pero o máis importante é que reflexionemos como sociedade para que a igualdade da muller sexa acadado en todos os ámbitos: o científico, por suposto, pero tamén moitos outros que a pesar de non estar presentes na exposición é necesario ter en conta, xa que o xénero non debería ser nunca motivo de discriminación

Estes días, a cor violeta ilumina a entrada da biblioteca.

 

Unha aperta,

Rosiña

venres, 11 de febreiro de 2022

DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA

O día 11 de febreiro celébrase o "Día da muller e a nena na ciencia", e no cole preparamos unha exposición de libros adicados a grandes científicas de ámbitos diferentes: medicina, física, astronomía, bioloxía... Ademais, ao longo deste mes estades realizando un traballiño en familia para investigar a aportación de moitas desas mulleres que máis chamaron a vosa atención, e que expoñeremos o vindeiro mes para celebrar o "Día da muller". 


 

Se queredes acceder á recompilación de materiais que realizamos en cursos anteriores, premede aquí.

Apertas,

Rosiña

martes, 22 de xuño de 2021

ORNITÓLOGAS E PIONEIRAS

Ola!!!

Outro traballo que chega coa fin do curso: un vídeo realizado en 5º e 6º de Primaria sobre un traballo de investigación adicado a mulleres ornitólogas. Partindo da celebración do "Día da nena e a muller na ciencia", e unido ao "Día da muller", quixeron centrar o seu estudo en mulleres que estiveran moi relacionadas co mundo das aves, e que ademais destacaran nalgún aspecto determinado. Así, aquí atoparedes sobre todo mulleres estadounidenses, pero tamén unhas cantas de España e unha latinoamericana coa que tiveron a sorte de conversar. Espero que aprendades moito e que vos resulte tan interesante como a este grupo, a quen dou tamén a en hora boa:

Unha aperta,

Rosiña

sábado, 27 de febreiro de 2021

OBRADOIRO SOBRE MULLERES CIENTÍFICAS

Os diferentes grupos participaron por quendas.
Rematamos o mes de febreiro cun obradoiro-exposición sobre ciencia con Suso e Amparo, as persoas
encargadas de "Ciencia en movemento" que amosaron aos rapaces e rapazas do centro algúns dos descubrimentos máis importantes da historia nos que tiveron moito que ver un bo número de mulleres que foron ignoradas inxustamente. Ao tempo que se amosaban e explicaban interesantes novidades, falamos de Hipatia de Alexandría, Ada Lovelace, Rosalind Franklin, Hedy Lamarr e as galegas María Wonenburger e Begoña Vila, entre outras. 

Moitas grazas a Suso e Amparo por achegar este tema tan fascinante ás persoas que tal vez sexan científicas no futuro... En calquera caso, o importante é presentar ese coñecemento a todas as nenas e nenos!!! 

Unha aperta, 

Rosiña.

 

xoves, 11 de febreiro de 2021

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Preme aquí para saber máis.

Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o "Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia", proclamado pola Asemblea das Nacións Unidas no ano 2015, co fin de lograr o acceso e a participación na ciencia ás mulleres e ás nenas, que ao longo da historia viron a imposibilidade de adicarse a profesións relacionadas con este tema por consideralas apropiadas tan só para homes. Parácheste a pensar que pasaría se algún deses homes recoñecidos a nivel mundial pola súa contribución á ciencia fora unha muller? Tería o mesmo recoñecemento? Aparecería nos libros de texto? 

A realidade é que houbo e hai moitas mulleres valentes que abriron ese camiño para as futuras xeracións, en traballos moi diferentes, entre os cales tamén se atopan os científicos. Foi e é tamén unha boa maneira de poñer en valor o galego como lingua científica, porque as nenas e mulleres galegas tamén poden facer ciencia. 

E a vós, gustaríavos adicarvos no futuro á ciencia? 

Animádevos a ver os enlaces que atoparedes sobre a imaxe ou premendo AQUÍ, mentras nas aulas imos traballando este tema que uniremos tamén ao do 8 de marzo, "Día da Muller". Entre estas dúas datas realizaremos un obradoiro no centro adicado ás mulleres na ciencia, que terá lugar o vindeiro 26 de febreiro.

Rosiña

luns, 11 de febreiro de 2019

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o ¨Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia". Esta conmemoración é moi recente, xa que foi establecida pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015. Este día é un recordatorio de que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental neste campo, e a súa participación debe fortalecerse. 
Ao longo da historia, o papel da muller na ciencia estivo pouco presente, e moitas nenas e rapazas viron prohibido o seu acceso polo simple feito de non ser homes. Este curso, co noso proxecto "Le con-ciencia", podemos comprobar que no noso cole todas as persoas somos capaces de aportar neste campo: os experimentos científicos fixéstelos todos e todas, a mesa de son da radio é manexada por nenos e nenas, nos proxectos estades participando nenos e nenas... Como pensar que a ciencia está relacionada co xénero? Para nada!!!!
Déixovos aquí un vídeo no que a gran coñecedora dos chimpancés Jane Goodall envía unha mensaxe moi interesante a todas as rapazas que queren ser científicas. Non podedes perdelo!!!

 
Gustaríame tamén invitarvos a participar nunha actividade ao longo desta semana, para a cal teredes de prazo ata o 8 de marzo, que é cando celebramos outra data: o Día da Muller.
Consiste no seguinte: elixir unha científica galega e investigar un pouquiño sobre ela (datos biográficos, estudos, traballo, en que destacou, por que tela en conta, etc.). O texto que elaboredes acompañarase dunha ilustración que fará cada unha e cada un de vós. En breve pasareivos o modelo que podedes empregar, así como a científica que vos será asignada. Ao mellor algún ou algunha de vós descubre a súa vocación, quen sabe...
E lembrade que hai unha páxina moi interesante na que podedes descubrir un montón de cousas interesantes sobre esta data no seguinte enlace (que tedes no Google Sites do proxecto):

https://11defebrero.org/