Amosando publicacións coa etiqueta historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta historia. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de xaneiro de 2020

EXPOSICIÓN DINOSAUROS SANTIAGO DE COMPOSTELA

Ola!!!
Hoxe escríbovos para facervos unha proposta para esta fin de semana. Xa que en Educación Infantil están desenvolvendo un proxecto sobre os dinosauros, e xa que as aves evolucionaron a partir destes antigos animais, chegou unha interesante exposición chamada "Dinosaurs Tour". Desde mañá, 18 de xaneiro, e ata o domingo 26, poderase visitar esta exposición de dinosauros animatrónicos en Santiago de Compostela. O horario da mesma non coincide co do cole, polo que non poderemos ir en horario escolar, pero para as persoas que estean interesadas na mesma e poidan viaxar ata a capital de Galicia, déixovos aquí a información (premede sobre a imaxe):

A oficina de turismo de Santiago ofrece máis información.

Un saúdo e boa fin de semana!!!


venres, 20 de abril de 2018

COÑECENDO A NOSA CONTORNA

https://photos.app.goo.gl/1WGWReafTj5ekovI2
Incrible que ata onte non coñecera algúns dos tesouros que agocha o noso concello... E mirade que me gusta camiñar para aquí e para alá, pero descoñecía por completo que aquí en Mazaricos tiñamos riquezas coma as que onte nos amosou Nina na nosa excursión polos arredores.
A primeira parada fixémola no Monte Aro, que nos regalou unha das vistas máis fermosas do lugar: montes e vales divísanse dende o lugar no que se asentou un dos castros máis importantes, e iso que o día non estivo especialmente despexado para poder apreciar incluso o mar, aínda que si puidemos ver como se asomaba un pouquiño un dos montes máis máxicos do mundo: o monte Pindo!
Despois, baixamos ata Pedras Miúdas onde, por primeira vez nas nosas vidas, merendamos ao carón dunha mámoa!!!
Por último, achegámonos a Ponte Olveira, onde o río Xallas divide os concellos de Mazaricos e Dumbría. Esta ponte, ademais, foi testemuña dunha das batallas máis heroicas na nosa historia: a loita dos veciños de toda a contorna contra o exército napoleónico durante a Guerra da Independencia (1809). Foi tamén aquí onde se orixinou, a ámbalas beiras do río)  a feira que posteriormente se trasladaría ata A Picota, onde segue a celebrarse na actualidade.
E aprendemos moitas máis cousas, ademais de coñecer parte do Camiño de Santiago a Fisterra por Mazaricos e ver algúns dos lugares nos que vivides algúns dos nenos e nenas do cole, mentras cruzabamos un mar de herba que enchía os nosos ollos de infinitos tons verdes... Ai, que mañá tan fermosa!!!!
Premede sobre a imaxe ou AQUÍ para ver as fotos e presumir das cousas tan fermosas que tedes, para VALORALAS, RESPECTALAS e COIDALAS!!!

luns, 16 de abril de 2018

DOUS VÍDEOS PARA A CHARLA SOBRE ARQUEOLOXÍA

Mañá recibimos no cole a Nina, a arqueóloga do noso concello. Esta é a segunda ocasión na que nos visita, e antes de que nos reunamos con ela vimos un vídeo que fala sobre os castros, para comprender mellor todos os conceptos dos que nos fale mañá. Déixovolo aquí por se queredes velo de novo:


E tamén nos propuxo ter en conta estoutro vídeo, xa que fala dun dos restos arqueolóxicos que máis abundan na nosa contorna: os dolmens ou antas. Estes monumentos pertencen ao período da historia denominado megalitismo, termo que procede das palabras gregas mega (grande) e lithos (pedra). Seguro que aprendedes moito a través del:






venres, 9 de xuño de 2017

UNHA SESIÓN DE ROCK CON VÍCTOR DE LAXE

Víctor de Laxe é un marabilloso rapaz de Laxe que visitou o noso centro este venres. Ademais, Víctor é un músico profesional namorado do rock, e por iso aceptou a invitación que lle fixemos: facer un percorrido pola historia deste estilo musical. 
Foi así como, a través de vídeos e de pequenos fragmentos musicais que tocaba o propio Víctor (coa guitarra, o baixo ou a harmónica) puidemos ver e escoitar como evolucionou o rock desde os seus comezos ata agora. E incluso nos amosou como se baila o rock and roll, aínda que aquí o público amosouse un pouquiño tímido... 
Tamén cantamos con Víctor as cancións que nos propuxo ter preparadas ("La plaga" e "Rock del primitivo"), aínda que ao final moitas das nenas e nenos conseguiron que o noso invitado tocara os acordes de cancións que coñecían moito mellor.
E rematamos baixando ao patio para montar unha curta batukada, xa que o tempo non deu para máis. Que ben o pasamos!!! Moitas grazas por vir, Víctor!!! Esperamos que marcharas coa mesma satisfacción coa que nos deixaches a todos nós aquí. 
E como seguro que queredes ver as imaxes dese día, podedes premer AQUÍ.

mércores, 10 de maio de 2017

VIAXE Á IDADE MEDIA

Hai un par de semanas liamos varios textos na "Hora de Ler" sobre a música na Idade Media. Ademais de coñecer a música popular dos trobadores e dos xograres, tamén puidemos achegarnos ao canto gregoriano, que soaba nas igrexas e catedrais desde o século V ata o XV. 

Este martes puidemos imaxinar tamén como sería a vida nalgúns dos edificios máis representativos desa época. Para isto viaxamos ata dous concellos moi achegados ao noso: o de Vimianzo e o de Zas. No primeiro fixemos unha parada no Castelo, onde Manuel nos foi contando a súa historia ao tempo que nos amosaba algunhas das partes máis importantes do mesmo (o foxo, as torres, o patio de armas, os fortes muros, os escudos, as ventás para disparar frechas, etc.).
O castelo foi construído entre finais do século XII e comezos do XIII polos Mariño de Lobeira. Da primitiva fortaleza soamente quedan os restos do que puido ser unha torre do homenaxe no actual patio de armas. A comezos do século XV pasa a mans da familia Moscoso, quenes conseguirán o título de Condes de Altamira, chegando a converterse nunha das familias nobiliarias con máis influencia da Península.
No século XV prodúcense as Guerras Irmandiñas nas que o pobo, cansado das opresións económicas dos señores feudais, toman esta fortaleza. O Arzobispo de Santiago Alonso II de Fonseca apodérase do castelo, pero uns anos máis tarde, Lope Sánchez de Moscoso, Conde de Altamira, volverá a Galicia para recuperar a súa propiedade, polo que pertencerá a esta familia ata o século XIX. 
No ano 1870 é adquirido por Ramón Martelo Núñez, presidente da Deputación da Coruña, e o seu fillo, o poeta Evarito Martelo restáurao para convertelo na súa residencia de verán. En 1965 o edificio sofre un devastador incendio, e posteriormente Dolores Martelo de la Maza lega esta propiedade ao Arzobispado de Santiago, que en 1973 a venderá á Deputación de A Coruña.  
A Deputación rehabilitouno, e actualmente está xestionado polo Concello de Vimianzo. A fortaleza de orixe medieval atópase en moi bo estado de conservación e está convertida nun museo de artesanía en vivo no que todo o ano se poden contemplar palilleiras, artesás do liño, cestería, prata e vidro, olería de Buño, coiro e maquetas de barcos, con exposicións permanentes destos traballos artesanais. 
Podedes ver todas as fotografías premendo AQUÍ.

E despois, sen deternos, cambiamos de concello, para ir ata a parroquia de O Allo, en Zas. Aquí agardábannos Os Quinquilláns, quenes se encargaron de trasladarnos á vida nas Torres do Allo, un dos pazos máis antigos de Galicia. Os Quinquilláns interpretaron os personaxes de Francisca Riobóo e Víctor López Seoane, un dos personaxes máis famosos que habitou o pazo. Este naturalista foi tal vez o que tivo a idea de facer unha entrada ás Torres entre árbores que medran ás dúas marxes da estrada: carballos e pradairos, entre outras, forman un fermoso corredor que onte lucía espectacular.
Os Quinquilláns explicáronnos algunhas das actividades que se realizarían neste pazo durante esa época: os tributos que pagaban os campesiños, a organización da casa, como elaboraban o pan, entre outras cousas. E case contratan a algún dos rapaciños do cole para comezar a traballar no pazo como panadeiro!!! Para ver todas as fotos, premede AQUÍ.
Tamén podedes ler a noticia publicada no xornal "La Voz de Galicia" (edición de Carballo), para a cal nos retratou o fotógrafo José Manuel Casal, premendo AQUÍ.
Desde o C.E.I.P. Víctor Sáenz queremos agradecer a invitación que o Concello de Zas nos fixo para coñecer esta parte da nosa historia, facilitándonos incluso o transporte.

venres, 1 de abril de 2016

VISITA AO DOLMEN DE DOMBATE

Esta mañá viaxamos a un lugar moi preto xeograficamente -Cabana de Bergantiños-, mais moi lonxano no tempo: á Prehistoria. Visitamos o DOLMEN DE DOMBATE, considerado o monumento megalítico máis importante de Galicia. Realmente, o túmulo ou mámoa contén dous dolmens, aínda que o máis coñecido e de maior tamaño é o denominado Dombate "recente". Este foi construído arredor do ano 3700 a. C. e clausurouse como lugar de enterramento cara ao 2700 a. C. O Dombate "antigo" data de finais do V milenio e deixou de utilizarse co levantamento do novo dolmen. A mámoa que alberga os dous dolmens mide 24 metros de diámetro e 1,8 de altura, e está a uns 197 metros sobre o nivel do mar.
A visita completouse co visionado dun documental sobre os dolmens da Costa da Morte e un vídeo sobre a época coñecida como "Megalitismo".
A segunda parte da excursión consistiu nun obradoiro. Os grupos de Infantil, 1º e 2º de Primaria participamos en "As cores de Dombate: pinturas máxicas". Tamén nesta época tan lonxana a pintura era moi importante, para expresarse, para decorar os espazos, etc. Pero a maneira que tiñan de obter os pigmentos cambiou moito co paso dos anos. Centrándonos nesta arte, recreamos unha pintura Neolítica que agora forma parte da decoración do noso cole.
Os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria realizamos un obradoiro no que descubrimos o proceso de transformación do barro desde que se recolle ata que se transforma nunha cerámica, converténdonos en oleiros moi creativos!

Deixámosvos tamén aquí algúns enlaces que poden resultar do voso interese:
-O home Neolítico, debuxos animados da serie "Érase una vez el hombre":


-Outro capítulo da mesma serie sobre os vales fértiles:


-O seguinte vídeo é sobre un documental adicado a esta antiga construción, centrándose en Antequera, na provincia de Málaga. Para velo preme aquí.
-Tamén podes ler máis información sobre o Dolmen de Dombate premendo aquí.

E a continuación podes ver as fotos desta histórica mañá: