Amosando publicacións coa etiqueta Olerpíadas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olerpíadas. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de xullo de 2016

FESTIVAL DE FIN DE CURSO-ACTUACIÓNS

Xa podedes ver as actuacións do noso festival de fin de curso. Intentamos que fora un bo peche das nosas "Olerpíadas", por iso soaron temas de Brasil, himnos, e houbo coreografías nas que se empregaban materiais propios das e dos mellores deportistas olímpicos.
Comezaron os nenos e nenas de Infantil, que elixiron unha canción brasileira para inaugurar o último festival do curso: "A janelinha":

1-Ajanelinha from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Despois, tocoulles o turno a Iria, Miriam e Ainhoa, de 3º e 4º. Xuntas prepararon esta coreografía rítmica coa música "Alas":

2-Alas-Miriam, Ainhoa e Iria from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

A terceira actuación foi a de Álex Ínsua, de 6º, que interpretou a seguinte peza instrumental no teclado:


3-Don Juan-Álex Ínsua from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Volveron subir os meniños e meniñas de Infantil con outro tema brasileiro: "Boi, boi". A diferenza do primeiro, este é un tema moito máis enérxico:


4-Boi, boi-Infantil from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

En 3º e 4º engadiron un ritmo con periódicos deportivos ao recoñecido "Campeóns":


4-Boi, boi-Infantil from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Álex Ínsua tamén nos agasallou con esta "Jota de Pazos":


6-Jota de Pazos-Álex Ínsua from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

"O baile do cadrado" foi o tema elixido por 1º e 2º coa mestra Isa, que tamén bailou!


7-El baile del cuadrado-1º e 2º from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Outro baile realizado por Andrea Labandeira, de 5º, con Paula, Soraya e Daniela, de 3º. Todo este esforzo para enviarnos unha fermosa mensaxe: "Be Happy".


8-Happy-Andrea, Paula, Soraya e Daniela from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Despois foron as nenas e nenos de 6º quenes subiron ao escenario, para dicirnos a través do seu baile que "No hay dos sin tres":


9-No hay dos sin tres from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

A continuación volveron as ximnastas rítmicas máis espectaculares do cole: as nenas de 3º e 4º. Pablo non puido demostrarnos o seu talento nesta modalidade, xa que un accidente obrigouno a ter unha perna en repouso durante case todo o trimestre:


10-Canción Xogos Río 2016 from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

A seguinte actuación foi a de Nuria e Andrea, que interpretaron coas súas guitarras o tema "Greensleeves":


11-Greensleeves from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

A "Samba di Janeiro" soou nesta festa coa coreografía que prepararon en 3º e 4º:


12-Samba di Janeiro-3º e 4º from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

En 5º e 6º, en lugar de fixarse nos instrumentos das ximnastas rítmicas, elixiron os balóns para facer este ritmo:


13-Ritmo con pelotas from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

En 5º chegaron galopando, coa música da "Obertura de Guillermo Tell", de Rossini:


14-Obertura de Guillermo Tell from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

E, para rematar, o "Himno galego", que interpretaron en frautas 5º e 6º, e acompañaron cantando os grupos de 3º e 4º:

15-Himno galego from bibliotecavictorsaenz1 on Vimeo.

Despois fíxose a entrega dos diplomas por parte da ANPA, e tamén do alumnado que comezará a Educación Primaria o vindeiro curso, ademais de despedirnos das nenas e nenos de 6º e das mestras Ana, Isa, Patri e María. 
Esperamos que o pasárades moi ben e que en setembro nos vexamos cheas e cheos de ganas de iniciar un novo proxecto. Cal será???

BO VERÁN PARA TODAS E TODOS!!!!
Rosiña.

mércores, 22 de xuño de 2016

FESTIVAL DE FIN DE CURSO

As "Olerpíadas" chegaron ao seu fin. O curso 2015-2016 rematou coa celebración dun festival no que participamos todo o colexio. A maioría das actuacións tiveron en conta o proxecto deste ano, pero tamén a cultura brasileira. Ademais, as rapaciñas e rapaciños que estudan música fóra da escola agasalláronnos con diferentes pezas que interpretaron ao teclado, á pandeireta e coa guitarra. Moitas grazas, Álex Ínsua, Nuria e Andrea Labandeira polo voso esforzo!!! 
Ao rematar o festival entregáronse os diplomas das actividades organizadas pola ANPA durante este curso, así como as orlas do alumnado de Infantil-5 anos, que comezará en setembro unha nova etapa en Primaria, e as de 6º, que se despiden do cole de San Cosme. Tamén aproveitamos a ocasión para desexarlles moita sorte ás mestras que non estarán para o vindeiro curso con nós: Isa, María, Patri e Ana. 
E antes de marchar para as nosas casas, recibimos un grupo de monitoras de tempo libre contratado pola ANPA que fixeron un obradoiro de maquillaxe estupendo para todas as cativas e cativos do cole. 
Aquí tedes algunhas das fotos que fixemos desta mañá de despedidas... Os vídeos irémolos subindo a vindeira semana.

martes, 21 de xuño de 2016

O SANCOSMEIRO Nº 29

Como cada ano, ao rematar o curso facemos entrega das notas. E xunto con elas, tamén vai para os vosos fogares O Sancosmeiro, a nosa revista. Esperamos que todo o alumnado desfrute da súa lectura, que a comparta con moitas persoas, que se vexa identificado en cada unha das páxinas que a compoñen... Este traballo é un resumo de todas as actividades que fomos realizando ao longo do curso, e sen a vosa aportación non sería posible facela, así que moitas grazas por participar, por esforzarvos, por encher o buzón de Rosiña de tantas cousas fermosas... E grazas tamén ao profe David, porque se non fora pola cantidade de fotos que nos saca en cada celebración e en cada excursión, as páxinas da revista non lucirían así de bonitas.
Sabemos que é moito mellor desfrutala en papel, pero deixámosvola tamén aquí para que poidades lela e vela tamén dende o blogue:


Tamén vos entregamos unha Guía de Lectura na que seleccionamos algunhas das últimas novidades en galego e castelán para diferentes idades. Xa nos contaredes a vosa opinión se vos animades a ler algúns destes libros:

xoves, 9 de xuño de 2016

GÓMEZ NOYA GALARDOADO CO PRINCESA DE ASTURIAS

Nun curso no que os deportes olímpicos estiveron moi presentes nas nosas aulas, hai que destacar a figura do triatleta galego Javier Gómez Noya. Onte foille concedido o "Premio Princesa de Asturias do Deporte", galardón que tamén recibiron en anteriores edicións Rafa Nadal, Pau e Marc Gasol ou Fernando Alonso. Gómez Noya é un dos mellores deportistas do noso país, e mostra disto son a cantidade de premios que conseguiu ata agora: cinco títulos mundiais, catro campionatos de Europa e unha medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012. Non sabemos aínda o que sucederá en Río, pero mentras tanto, Gómez Noya segue os seus entrenamentos con moito rigor: cada semana fai unha media de 30 quilómetros de natación, 400 de bici e ao redor de 110 correndo. Que vos parece? A todo isto hai que sumar as horas de ximnasio, estiramentos, fortalecementos, etc. Javier Gómez Noya disputou o seu primeiro tríatlon con 15 anos, así que aínda estades a tempo de animarvos vós tamén!!!

mércores, 8 de xuño de 2016

OS NOSOS PROXECTOS OLÍMPICOS XA ESTÁN AQUÍ!!!

Pois xa podemos ir vendo parte do resultado dos Proxectos Documentais que este curso elaboramos no cole. O tema, as Olimpíadas! E aquí tedes o que fixeron na clase de Pedagoxía Terapéutica coa mestra María: un estupendo traballo sobre a deportista Teresa Perales, unha gran loitadora!!! Sabedes que dicía esta nadadora paralímpica? "O único imposible é aquelo que non intentas". Así que tomade nota!!! O traballo feito por Andrea Carballo, Iria López, Álex Otero, Yanira París e Alejandro Villar titúlase "Eu tamén quero ser olímpica" e quedoulles así de fermoso:



Tamén en Educación Infantil traballaron moito durante o curso o tema dos deportes olímpicos, e fixeron un traballo moi completo que titularon "Río 2016". Aínda que se centraron no atletismo, neste proxecto tamén poderedes atopar moitas cousas máis: actividades plásticas, vocabulario sobre deportes, os seus traballos para algunhas das datas que celebramos no cole, etc. Desfrutádeo!!!



En 1º e 2º de Primaria, coa axuda da profe Isa, afondaron nesas figuras que tanto nos gustan dos Xogos Olímpicos: as mascotas! E no seu traballo fálannos das que representaron os Xogos dende que se celebraron en España (Barcelona '92) ata os que se celebrarán este ano, por primeira vez nun país latinoamericano: Brasil (Río 2016). A través deste proxecto coñecerás moito máis sobre cada unha destas mascotas: que tipo de personaxe é, quen a creou, que representa... Aquí tedes as "Mascotas olímpicas dende Barcelona '92 ata Río '16":


En 3º e 4º de Primaria emocionáronse coa auga e non saíron dela! O seu proxecto, titulado "Natación", está centrado neste deporte acuático que moitas e moitos de vós practican na piscina de Santa Comba e, no verán, tamén na praia. Aquí está todo o que aprenderon coa mestra Patricia:

En 5º e 6º de Primaria centráronse nas e nos deportistas das que foron disfrazadas no Entroido, estudando a súa biografía, e tamén investigaron un pouquiño de que iba cada un dos deportes aos que se adicaban. E o seu proxecto, "Deportistas e deportes olímpicos" quedou así:


martes, 3 de maio de 2016

A CHAMA OLÍMPICA CHEGA A BRASIL

Pois si, rapaciñas e rapaciños, despois de catro días en Lausana (sede do Comité Olímpico Internacional) a chama olímpica xa aterrizou en Brasilia, a capital do país que este ano acollerá os Xogos. Carlos Nuzman, o xefe do comité organizador dos Xogos Olímpicos, descendeu dun avión no que se lía "Sueño olímpico a bordo" e, xunto a el, portaba a chama nunha lanterna. 
A primeira relevista do facho será unha xoven refuxiada siria de 12 anos, Hanan Dacka, quen fuxiu coa súa familia da súa cidade natal hai case catro anos. A partir de aí, o facho percorrerá 20.000 quilómetros, pasando por 328 cidades, ata Río de Janeiro, da man de 143 persoas, entre as cales haberá moitas e moitos deportistas.
Se premedes aquí podedes ver o momento no que a presidenta de Brasil, Dilma Rousseff, recibe a chama.
Tamén vos deixamos algunhas das imaxes do facho en Lausana:

La llama olímpica prende en el pebetero de Lausana, donde ha hecho una parada antes de poner rumbo a Brasil.

La llama olímpica ha estado visible para el público durante cuatro días antes de su viaje a Brasil.

Bach y Nuzman, frente al museo olímpico de Lausana

mércores, 27 de abril de 2016

O ABANDEIRADO DE ESPAÑA NOS XOGOS OLÍMPICOS

Coñecédelo todos, e é un dos mellores tenistas do mundo!!! Natural de Mallorca (Illas Baleares), onde naceu no ano 1986, este xogador posúe, entre outros moitos, unha medalla de ouro nas Olimpíadas de Pequín 2008 e 14 títulos do "Grand Slam", que son os catro torneos máis grandes de tenis (o "Aberto de Australia", o "Roland Garros", o "Campionato de Wimbledon" e o "Aberto de Estados Unidos").
Pois claro que se trata de Rafa Nadal!!! Hoxe mesmo comunicouse que será el o encargado de abandeirar ao equipo de xogadores e xogadoras que viaxarán desde España para competir nos Xogos Olímpicos de Río. En total, polo de agora están clasificados 171 deportistas, dos cales 93 son homes e 78 mulleres. Pero aínda quedan algunhas probas por concluír, así que este número pode variar.
Se queredes, premendo aquí podedes ver o anuncio da noticia e a opinión do tenista.

CERIMONIA DE ENTREGA DA CHAMA OLÍMPICA

Unha semana despois de que a chama olímpica fora acendida en Atenas, hoxe celebrouse a cerimonia de entrega na capital grega, onde foi recibida por Brasil. No país latinoamericano comezará o maior evento deportivo mundial dentro de 100 días, así que comeza a conta atrás!!!
A cerimonia tivo lugar no estadio Panathinaikó, onde a gran sacerdotisa entregou a chama a varios/as deportistas gregos/as, que foron as persoas encargadas de facer un pequeno percorrido ata chegar á pira, que xa non se apagará ata chegar ao estadio brasileiro de Maracaná.
Ademais, un coro de nenas e nenos interpretaron os Himnos de Brasil e de Grecia, así como o Himno Olímpico, e a gran sacerdotisa, acompañada das súas vestais, bailaron unha coreografía ao redor da pira acendida.
Se queredes ver a cerimonia, premendo aquí podedes acceder ao vídeo que retransmitiron desde "Teledeporte".

xoves, 21 de abril de 2016

ACENDIDO DA CHAMA OLÍMPICA

O 21 de abril, a actriz Katerina Lehu acendeu a chama que dentro de 100 días e unha semana comezará a arder no estadio olímpico de Río de Janeiro. Katerina, no seu papel de sacerdotisa, capturou os raios do sol nun espello parabólico ante o templo de Hera en Olimpia, o lugar onde se celebraron os Xogos na antigüidade. A chama atravesará Grecia nun traxecto de máis de 2000 km., que inclúe a cidade de Maratón e a illa de Corfú, rematando no estadio Panathinaiko de Atenas. Despois, subirá a un avión onde, protexida por unha pantalla, voará ata Lausana, e de alí a Brasilia. Durante case 100 días percorrerá o país no que se celebran este ano os Xogos Olímpicos, chegando ao estadio olímpico de Río o 5 de agosto.
Queredes ver o vídeo?

mércores, 6 de abril de 2016

OS XOGOS OLÍMPICOS ESTÁN DE CUMPREANOS

Pois si!!! Hoxe cumpren 120 anos os Xogos Olímpicos Modernos!!! E neste curso, que no cole está adicado a esta temática, queremos tamén celebralo. Celebráronse en Atenas (Grecia), no ano 1896, entre o 6 e o 15 de abril. Participaron 241 atletas procedentes de 14 países, que competiron en 9 deportes: atletismo, ciclismo, esgrima, ximnasia, halterofilia, loita, natación, tenis e tiro. Mais foron uns Xogos que non tiveron para nada en conta ás mulleres deportistas, xa que todos os atletas eran masculinos. 
Spiridon1.gifCelebráronse no Estadio Panathinaikó, o primeiro gran estadio do mundo moderno. O grego Spiridon Louis "Spyros" (na fotografía) conseguiu a victoria na maratón, correndo os 40 km. en 2 horas, 58 minutos e 50 segundos. Tiña 23 anos. Despois dos Xogos, "Spyros" retirouse ao seu pobo natal para traballar como granxeiro e despois como policía. 
Pero o competidor que máis medallas gañou foi o alemán Carl Schuhmann, que conseguiu catro medallas de ouro (en ximnasia e loita grecorromana).
Desde entón, cada catro anos, deportistas de todos os países reúnense para celebrar esta competición mundial. Só se suspenderon durante as guerras mundiais do século XX. E, no ano 2004, Grecia organizou por segunda vez os Xogos Olímpicos.

120.º aniversario de los primeros Juegos Olímpicos modernos

martes, 8 de marzo de 2016

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

Manuel María, o escritor ao que se lle adicará o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas, publicou no ano 1970 un libro chamado "Remol". Entre as súas páxinas podemos atopar un poema ben fermoso adicado ás mulleres galegas que non aparecen nas enciclopedias, nos libros, nos informativos, etc. E, cando aparecen, adoita ser por motivos que nos fan sentir pouco orgullosos e orgullosas da sociedade na que vivimos. Con este poema, Manuel María rende homenaxe a esas mulleres que temos preto, que vemos día tras día, que traballan arreo para sacarnos adiante, para manter a familia unida, para escoitarnos, para abrazarnos, para querernos... As compañeiras, as amigas, as veciñas, as irmás, as tías, as avoas, as nais... Ben se merecen esta e outras moitas maneiras de homenaxe, non credes? Pois a partir de hoxe, non vos paredes e, da maneira na que prefirades, escribídelle á muller que vós queirades uns versos, unha carta, unha postal... Agradecédello todos os días, pero se queredes aproveitar esta celebración, facede algo especial para entregarllo en persoa!!! 

Aquí podedes ler o poema do escritor da Terra Chá MANUEL MARÍA:

As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polos poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,
sonetos perfetísimos
a donas que falan en galego,
que son a forza do pobo,
porque non teñen xeitos requintados,
deprendidos en colexos elegantes,
nin vestidos fermosos,
nin frases retorneadas
-nunca foron á escola,
nin alternaron tampouco en sociedade-
i as súas maus non se semellan
ás azas dos paxaros,
nin teñen soavidades de veludo:
están encallecidas polo traballo,
son duras como as pedras,
só tenras pro garimo, 
con soavidades de mel
pra perdoar e comprender,
pra sementar tenrura e máis amor,
pra arrincar odios.

Tamén o mundo do deporte e o olimpíaco tivo marxinada á muller durante moitísimos anos, e mesmo na actualidade atopamos moitas disciplinas nas que apenas participa. Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a páxina MARCA BUZZ publicou un artigo homenaxeando a 10 das mulleres máis importantes do deporte hoxe en día. Queres saber cales son? Preme enriba das letras vermellas e accederás ao documento.
Mentras tanto, no cole elaboramos unhas bandeiras olímpicas moi especiais, nas que cada grupo se centrou en cinco mulleres deportistas, especiais por moitas razóns que vos amosamos nas seguintes imaxes:

sábado, 6 de febreiro de 2016

ENTROIDO 2016

Este ano case non nos deu tempo a repousar entre as festas do Nadal e as do Entroido! Seica ten algo de culpa nisto a lúa chea... O caso é que alá vai tamén o noso Entroido, centrado este ano nas Olimpíadas. Durante toda a semana o Meco foi deixando os seus mandadiños, moi deportivos nesta ocasión.


E o venres chegou o momento de lucir as nosas prendas máis deportivas!!! 
Quedou moi xeitoso e colorido: en Infantil convertéronse en campos de fútbol; en 1º e 2º elixiron un dos símbolos máis representativos das Olimpíadas: a antorcha, e verdadeiramente parecían estar prendidas!!!; 3º e 4º fixeron unha viaxe por todo o mundo converténdose nas nosas abandeiradas e no noso abandeirado máis especiais; 5º e 6º invitaron para a un bo grupo de deportistas de diferentes disciplinas que non dubidaron en sumarse ao Entroido do noso cole. E os mestres e mestras? Pois tamén foi variado: o mellor entrenador persoal do mundo, un xogador de baloncesto que mete triples sen querer, e un feixiño de mascotas olímpicas que encheron de cores e sorrisos o noso patio. E coma sempre, houbo nais que se animaron a acompañarnos vestidas para a ocasión, algo que nos alegra moito a todos e todas, porque o sentido do humor axuda a facer moito máis levadeiros os momentos menos alegres. E ademais, puidemos probar as primeiras filloas, orellas e rosquillas deste Entroido, ademais dalgún biscoito espectacular. Moitas grazas a todas as persoas que axudaron a facer posible a celebración dunha das festas máis tradicionais de Galicia. E o dito: a rirse todo o mundo e a desfrutar do Entroido!!!

venres, 29 de xaneiro de 2016

DÍA DA PAZ 2016

Son moi variados os actos que se realizan en moitos colexios públicos para celebrar o Día da Paz, que conmemora a morte de Mahatma GANDHI en 1948. 
Tamén no CEIP Víctor Sáenz quixemos propoñer unha idea nova, relacionándoa co proxecto que estamos desenvolvendo sobre as Olimpíadas. Para comezar, pensamos que é imprescindible para un clima de paz coñecernos a nós mesmos, controlar as nosas emocións, saber expresar cales son os nosos sentimentos... Así foi como fixemos un traballo conxunto durante a mañá partindo do filme "Inside Out".  Tamén elaborarmos en grupos bandeiras olímpicas que se diferenciaban soamente no símbolo empregado (mans, pombas, etc.); o resto, era o propio da bandeira olímpica: as formas dos aros, as súas cores, o fondo branco... Expuxémolas no corredor do cole e quedaron moi, moi bonitas!! Tamén lemos un "Manifesto pola paz" que redactamos en 5º e 6º coa axuda da teacher Marina, coa que aprendemos a dicir a palabra PAZ en 15 IDIOMAS DIFERENTES!!!
E despois baixamos ao patio para bailar!!! Nesta ocasión quixemos aproveitar esta celebración para analizar a situación que están a vivir en Siria, así que nas clases de música viaxamos a través dos mapas a este país no que se cruzan tres continentes: África, Asia e Europa. E nesta rexión quedamos durante varios días para aprender unha danza dun país veciño a Siria: ISRAEL. O seu título: "Hora Chadera". Aquí podedes ler un pouquiño máis sobre isto:

E aquí podedes ver as fotos que sacamos nun día tan fermoso, no que rematamos... ABRAZÁNDONOS!!!

domingo, 17 de xaneiro de 2016

O NOSO FESTIVAL DE NADAL

Xa temos aquí as nosas actuacións do festival de Nadal, moi relacionado nesta ocasión cos deportes. O "pistoletazo" de saída dérono os rapaces e rapazas de 5º e 6º, recitando un poema de Xosé Neira Vilas que fala do outono, estación que, xunto co trimestre, despedimos o pasado mes de decembro.

Introdución-Poema de Xosé Neira Vilas from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Os meniños e meniñas de Infantil, fixeron un baile olímpico co que animaron a todas as persoas asistentes a facer os xestos dalgúns deportes moi coñecidos:

Ed. Infantil - Baile Olímpico from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

Chegou despois o turno da nosa primeira solista: Nuria Esperante Maneiro, á guitarra.


A seguinte actuación subiu ao escenario en bicicleta, cos rapaciños e rapaciñas de 3º e 4º.


Non podían faltar as tradicionais panxoliñas... Álex Ínsua interpretou para todos nós, ao piano, a coñecidísima "Noite de paz".


E despois de Álex, moitísima marcha con esta coreografía de 1º e 2º:


Despois de 1º e 2º, Andrea Labandeira demostrou no escenario que é unha guitarrista marabillosa!


A seguinte actuación foi para as nadadoras e o nadador nº 1 de 3º e 4º!!!


A música tradicional tamén foi incluída neste programa de Nadal. Os encargados de facela soar nesta ocasión foron Álex Ínsua e Fran Amigo, de 6º, que cantaron acompañados das súas pandeiretas.


A seguinte actuación, de 3º e 4º, achegounos á "Obertura" dunha das óperas máis famosas: "Carmen", de George BIZET. Esta música formou parte de moitísimas películas, campañas publicitarias... E seguro que tamén acompañou coreografías deportivas!


A última actuación solista foi a de Miguel Romero, de 5º, que se animou a interpretar un blues á guitarra.


As actuacións do festival remataron con "Carros de lume" e "We are one", interpretadas polos grupos de 5º e 6º.

13-5º e 6º - We are one from bibliotecavictorsaenz1 on Vimeo.

E rematou o festival coa visita dos Reis Magos, que nos sorprenderon cuns agasallos de campionato. Na seguinte presentación de fotografías podedes ver algunhas das imaxes destes inesquecibles momentos:

domingo, 10 de xaneiro de 2016

NOVO GOOGLE SITES "OLÍMPICO"

Se premedes aquí, poderedes acceder á páxina que imos elaborando desde a Biblioteca para aprender moitas cousas sobre os Xogos Olímpicos. Tamén podedes acceder na barra lateral dereita do blogue, premendo sobre a imaxe do cartel das "Olerpíadas 2015-2016". 

venres, 1 de xaneiro de 2016

CALENDARIO 2016

Pois xa está aquí o calendario do ano 2016. Nesta ocasión tocou centrarse en temas relacionados cos Xogos Olímpicos, e para iso eliximos estas 12 ilustracións que acompañarán os próximos 366 días deste ano recén estreado. 

xoves, 17 de decembro de 2015

POSTAIS DE NADAL E GUÍA DE LECTURA

Antes de comezar as vacacións, despedimos o 1º trimestre coa celebración do Concurso de Postais de Nadal. Nesta ocasión, sorprendéronnos moitísimo as vosas olímpicas ilustracións! Mira que lle dades á cabeciña... Reis Magos subidos ao podio olímpico, árbores de Nadal ou nubes construídas a base de aros olímpicos, xogos inventados por vós ("despluma-pavos", "come-turrón"), e mesmo o "Discóbolo" transformado en Papá Noel participaron nun concurso no que se entregaron 5 medallas de ouro: 
-en Educación Infantil o premio foi para TODA A CLASE;
-en 2º de Educación Primaria houbo dous agasallados: NEREA OZÓN OTERO e ALEJANDRO VILLAR NEGREIRA, quen obtivo a medalla especial do xurado;
-en 4º, a medalla foi para IRIA BLANCO DEL RÍO;
-en 6º, para DIEGO COUSO NIETO.
E como seguro que queredes velas, aquí tedes as cinco premiadas:

E, de todas elas, seleccionouse unha para imprimir e enviar ás familias, felicitando as festas do Nadal e o vindeiro ano 2016. E así de fermosa luciu a postal de Alejandro, a elixida para adornar os nosos fogares durante estes días. Acompañámola cun poema sobre o ano novo do escritor recentemente falecido Xosé Neira Vilas:

A continuación podedes ver o resto de postais expostas no corredor:

E, para rematar, tamén elaboramos unha guía de lectura na que atoparedes libros, xogos, películas ou CD's que podedes incluír nas vosas cartas ao Apalpador ou aos Reis Magos!

venres, 11 de decembro de 2015

DEREITOS E DESEXOS PARA O NADAL

Esta tarde xuntámonos no patio do colexio para celebrar un acto con motivo do Día dos Dereitos do Neno (20 de novembro) e os Dereitos Humanos (10 de decembro). Aínda que ambas datas xa pasaron, hoxe reunímonos para falar do traballo realizado nas aulas durante estas últimas semanas, e o alumnado de 6º tamén nos leu un pequeno resumo sobre a Convención dos Dereitos do Neno, aprobada pola Asamblea das Nacións Unidas no ano 1989. 
Xunto á actividade de traballar nas aulas os dereitos, este curso tamén engadimos unha novidade, que consistíu en convertir un aro olímpico nun adorno para a nosa árbore de Nadal. Así, cada grupo decorou varios aros e escribiu un desexo en cada un relacionado cos dereitos. Esta tarde lémolos e colgámolos na árbore, na que tamén engadimos imaxes relacionadas coas Olimpíadas: deportes, iconas, deportistas, etc.
E por último, fixemos unha carreira moi especial, ao participar na XII edición de "Quilómetros de solidariedade" de SAVE THE CHILDREN. Medrar san e feliz, cumprir anos, soñar con ser maior..., son algunhas das cousas que esperamos suceda na vida de calquera neno/a. Pero non todos poden facelo. Cada día morren no mundo 16.000 nenos e nenas menores de 5 anos a causa de enfermidades como a desnutrición, a diarrea, o xarampón ou a malaria, debido a que non teñen acceso á atención médica ou non dispoñen de alimentos e tratamentos adecuados a tempo. Así ocorre en países do continente africano coma Burkina Faso, Níxer, Mauritania ou Malí. E a estes países e aos que Save the Children destinará os fondos recadados entre todos/as nós. 
E aquí están as imaxes dunha tarde solleira na que tamén escoitamos cancións tradicionais africanas, mais estas non saen nas fotos:

xoves, 3 de decembro de 2015

AS OLIMPÍADAS NOS ANUNCIOS

Os xogos olímpicos son tamén a inspiración para algunhas das persoas que realizan anuncios publicitarios. Nalgunhas ocasións, aproveitan a recoñecida imaxe de grandes deportistas para publicitar prendas de roupa, complementos, colonias, etc. E nesta época previa ao Nadal tamén hai anuncios relacionados coas comidas e bebidas que adoitan servirse nesta celebración anual: turróns, mazapáns, polvoróns..., e cava ou champán. 
Pois un deses anuncios protagonízao este ano o conxunto español de ximnasia rítmica. As ximnastas clasificáronse para os Xogos de Río 2016, ao gañar en setembro a medalla de bronce nos Mundiais de Rítmica.
Aquí tedes o resultado dun vídeo que nos amosa ás ximnastas movendo os instrumentos cos que adoitan acompañarse: aros, fitas, mazas, pelotas, cordas... E os 5 aros olímpicos sempre presentes: nas burbullas, nos movementos, nos fugaces debuxos que fan as deportistas cos seus movementos... 


Xa no 2008 a selección española de natación sincronizada protagonizara o anuncio desta mesma compañía:


mércores, 25 de novembro de 2015

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O certo é que é moi triste que teñamos que celebrar datas coma esta. O "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller", débese, segundo á Organización das Nacións Unidas (ONU), a datos tan horribles coma os seguintes:
-a violencia contra a muller é unha violación dos dereitos humanos;
-a violencia contra a muller é consecuencia da discriminación que sofre, tanto en leis como na práctica, e nas desigualdades pola razón de xénero;
-a violencia contra a muller afecta e impide o avance en moitas áreas, incluídas a eliminación da pobreza, a loita contra a paz e a seguridade, etc.;
-a violencia contra a muller pódese evitar. A prevención é posible e indispensable;
-a violencia contra a muller segue sendo unha pandemia global. Ata un 70% das mulleres sofren violencia na súa vida.
O caso é verdadeiramente grave e alarmante!!!!
A ONU decidiu poñer en marcha a campaña "16 días contra a violencia de xénero", que comeza o 25 de novembro e remata o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos. Esta campaña ten como obxectivo chamar á acción para poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas en todo o mundo.
Este ano, a campaña invita á participación na iniciativa "Pinta o mundo de laranxa: pon fin á violencia contra mulleres e nenas".
Ademais de pintar o mundo de laranxa, tamén podedes ver algúns dos seguintes vídeos, que tratan en profundidade este tema tan preocupante:

UN XOGO PARA OS RAPACIÑOS E RAPACIÑAS DE ED. INFANTIL:


"LITTLE MERMAID"
Esta curta conta a historia de Saúl, un meniño de 5 anos que decide vestirse de "Sereo" para a festa de Entroido do seu cole, e a súa nai comeza a preocuparse en exceso... 


"SEIS GRADOS"
Un anuncio publicitario que gañou un premio no ano 2009.


"NO ES AMOR"
Este anuncio tamén obtivo un premio no ano 2013.


E QUE SUCEDE NO DEPORTE? Aproveitando que as Olimpíadas é o tema principal do noso proxecto este curso, non queremos deixar pasar esta data sen telo en conta. Vós que pensades? Hai diferencias nos deportes entre homes e mulleres? E no cole? Que sucede cando xogades? Estas preguntas son unha invitación á reflexión para os rapaces e rapazas de 5º e 6º. Para todos, aquí van algúns vídeos que tratan este tema a partir de mulleres deportistas:

-VÍDEO QUE RESUME BREVEMENTE A PRESENCIA DA MULLER NOS XOGOS OLÍMPICOS



-VÍDEO POLA IGUALDADE DE MULLERES DEPORTISTAS ESPAÑOLAS


-VÍDEO REALIZADO PARA CELEBRAR AS "II XORNADAS DE DEPORTE, IGUALDADE E VIOLENCIA DE XÉNERO", ELABORADO POR UN EQUIPO FEMININO DE RUGBY