mércores, 11 de decembro de 2019

CACHIRULO TEATRO E A HISTORIA DO APALPADOR

O Apalpador é un persoanxe da tradición popular galega nacido no Courel. Está unido ás festas do Nadal, e gústalle compartir connosco estes días. Esta tarde visitounos con Jorge, de Títeres Cachirulo, quen nos fixo pasar un rato moi entretido coñecendo a este pastor grandullón e bo, de mirada doce e barba longa que, co seu abrigo cheo de remendos percorre Galicia a grandes zancadas.
Durante o ano fabrica carbón, aliméntase de froitos silvestres, recolecta mel e fai aparecer xoguetes que as árbores do bosque agochan. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita ás nenas e nenos casa por casa e déixalles castañas quentiñas e xoguetes de madeira.
Pasámolo moi ben coas aventuras desta compañía que xa ten un longo percorrido, xa que desde a súa creación (no ano 1985) foron moitos os espectáculos que achegaron ao público infantil. E que sigan moitos máis!!!!
Moitas grazas, Jorge, polo teu ben facer!!! Esperamos verte en novas ocasións!

Premendo sobre esta imaxe podedes ver as fotos desta xornada.


martes, 10 de decembro de 2019

CELEBRAMOS O DÍA DOS DEREITOS

A árbore de Nadal chea de paxariños.
Hoxe, 10 de decembro, celebramos o "Día dos Dereitos" no cole. Para iso xuntámonos no corredor do cole, onde o alumnado de 5º e 6º preparou un pequeno texto informativo sobre a súa orixe e o que significa para todas e todos eles. Despois colgamos os nosos paxariños cheos de bos desexos para celebrar o Nadal. Nas súas siluetas había frases moi fermosas que facían referencia á igualdade, ao respecto, á liberdade, á paz... Cada persoa colgou o seu paxariño e leu o que nel incluía, enchendo a árbore non só de bonitas figuras e cores, senón tamén de palabras que debemos ter presentes en todo momento, xa que fan referencia ás cousas máis importantes da vida.
Para rematar o acto, escoitamos o podcast realizado en 3º e 4º sobre Ana Frank, coñecendo así a dura historia desta nena. 
Aquí vos deixo as fotos que fixemos esta mañá (premede sobre a imaxe para velas todas).


luns, 9 de decembro de 2019

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA EN RADIO ROSIÑA

As nenas e nenos de 3º e 4º prepararon un traballo estupendo para celebrar o "Día Universal da Infancia", que queren achegar a todas as visitantes do noso blog. Para iso informáronse sobre Ana Frank, unha nena alemá de ascendencia xudía cuxa vida se coñece a nivel mundial polo libro "Diario de Ana Frank". Pero é mellor que vexades o vídeo que gravaron as nenas e nenos de 3º e 4º, porque o fan moito mellor ca min. Aquí volo deixo:


NORABOA, RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!!!




mércores, 4 de decembro de 2019

PARTICIPAMOS NA FASE COMARCAL DE CAMPO A TRAVÉS

O grupiño de participantes co profe David.
Este mércores case queda o cole baleiro, xa que 21 rapaciños e rapaciñas de Primaria pasaron a mañá en A Baña, onde se celebrou a "Fase Comarcal de Campo a Través". Para algunhas e algúns deles esta viaxe ten un significado especial, xa que é a primeira vez que participan nunha competición, e ademais fóra do seu entorno máis achegado. Pero para aquelas e aqueles que xa o coñecen tamén supón unha experiencia inesquecible, á que asisten con grande ilusión e con moitas ganas de chegar ao final, sen importar o posto no que rematen. E isto é o verdadeiramente importante: facer deporte para desfrutar, para pasalo ben e adicar o noso tempo libre a actividades saudables. Mentras esperamos saber como quedou a clasificación, desde aquí si quero felicitar a todas as persoas que vos animastes a ir a esta carreira, porque sodes un bo exemplo para moitas das compañeiras e compañeiros coas que compartides este cole!!! 
Unha aperta!!!

luns, 2 de decembro de 2019

CELEBRACIÓNS DE DECEMBRO

Comezou o mes de decembro, e con el traigo as últimas novas do trimestre e do ano. Para a semana celebraremos os Dereitos, e tamén está convocado xa o Concurso das postais de Nadal. Deixeivos a cartiña nas vosas clases, pero se queredes lela aquí tamén o podedes facer; só tedes que premer AQUÍ.

domingo, 1 de decembro de 2019

UNHA CURTA SOBRE O PILRO TRIDÁCTILO

O pilro tridáctilo é unha ave que podemos observar durante o inverno nas praias da nosa costa. Esta ave desplázase velozmente seguindo os movementos das ondas. O pilro é un viaxeiro infatigable, capaz de percorrer miles de quilómetros desde as rexións árticas onde crían, para invernar nas áreas temperadas e tropicais do planeta. 
No ano 2016 Pixar estrenou "Piper", unha pequena curtametraxe na que o pilro protagonista supera o seu medo á auga. Gañou varios premios, entre os cales se atopa o Oscar á mellor curtametraxe no ano 2017. Se queredes velo, aquí vos deixo este pequeniño agasallo, que tamén podedes ver na páxina de Google Sites creada para o proxecto: 



sábado, 30 de novembro de 2019

O BLOG DE 3º E 4º

A clase de 3º e 4º preséntanos o blog que creou a súa titora Alba para ir contando moitas das cousiñas que queren compartir con todas as persoas que o visiten. Boa parte delas coincidirán coas realizadas por todo o cole, pero outras serán idea deste grupiño de Primaria e da súa profe. Para poder acceder a el, só tedes que premer sobre a imaxe que delas aparece na barra lateral do noso blog. Seguro que vos gusta moitísimo!!!!

luns, 25 de novembro de 2019

TÍTERES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A xornada de hoxe estivo marcada polo "Día contra a violencia cara á muller". Aínda que xa falamos sobre este tema cando recibimos a visita de Palmira e construímos unhas fermosas anduriñas, o certo é que tamén hoxe era preciso reflexionar sobre algo que nos preocupa moitísimo, xa que todos os días aparecen noticias relacionadas coa violencia.
Nas clases de música aproveitaron para falar das nosas "matriarcas", aproveitando unha canción de Guadi Galego que forma parte xa da nosa historia; unha homenaxe a todas as mulleres que nos rodean (nais, avoas, irmás, fillas, netas, amigas, noivas...)
Nas aulas fixestes tamén traballos en grupo para falar da igualdade entre homes e mulleres, e mesmo expuxestes algúns traballos en diferentes recunchos do cole, que quedaron moi fermosos. 
E pola tarde recibimos aos Títeres Cascanueces, que nos contaron a historia "Unha armadura con ferruxe", onde trataron de transmitir unha mensaxe sobre a igualdade de xénero. Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos desta sesión de títeres.

O cabaleiro estaba preso na súa armadura.

CHARLA PARA NAIS E PAIS

A semana pasada rematamos celebrando unha charla sobre como educar con afecto e firmeza.
Celebrouse no noso cole ás 12 da mañá, e estivo impartida pola Psicóloga Begoña Rial Calvo, quen compartiu un ratiño coas persoas que se achegaron ao centro para falar sobre algo tan importante como a práctica da disciplina positiva.
Premendo AQUÍ podedes ver as fotos desta sesión orientada ás nais e pais do alumnado do centro, e queremos agradecer a presenza de todas aquelas que amosaron o seu interese por ela e fixeron o esforzo de asistir á mesma. 


 

domingo, 24 de novembro de 2019

RELATOS DE MEDO DE 1º E 2º EN RADIO ROSIÑA

As nenas e nenos de 1º e 2º de Primaria estaban moi ilusionadas e ilusionados en gravar os relatos que escribiron para o concurso literario do Samaín. Por ese motivo, acudiron ao estudio de Radio Rosiña e puxéronse mans á obra... 
Aquí podedes escoitalos todos, ademais do que xa gravou Pablo na entrada adicada aos relatos premiados. Comprobaredes que todos estaban moi ben, e que son merecedores de saír nas nosas ondas e de que se escoiten en todos os recunchos aos que chega a nosa radio.
Comezamos co de Ainhoa:


O seguinte é o de Alejandro:



Seguimos co de Alicia:



Aquí podedes escoitar o de Anxo:



O de Laura aparece no seguinte enlace:


Lucía gravouno así de ben:



O de Luzdivina é o seguinte:



Aquí podedes escoitar o de Olalla:



A continuación temos o de Paulina:


E, por último, o de Uxía:



NORABOA, RAPACIÑOS E RAPACIÑAS!!! 
Espero que vos gusten tanto como a min e que sigades atentos ás novidades de Radio Rosiña!!!!

xoves, 21 de novembro de 2019

VISITA Á RADIO GALEGA

Hoxe os grupos de 4 e 5 anos de Infantil e o de 1º e 2º de Primaria fixemos unha saída moi especial: estivemos na RADIO GALEGA!!!! Esta visita foi parte do premio que recibimos por gañar o curso pasado un premio no "I Concurso de Podcasts Radio na Biblio", e tiñamos moitísimas ganas de facelo realidade. Nas instalacións da Radio Galega recibiunos Lola, unha muller encantadora que nos acompañou durante todo o tempo que durou a visita. Tamén coñecemos a Carlos, quen con moita amabilidade nos foi explicando cales eran algúns dos recunchos que formaban parte deste lugar no que a maxia existe: os estudios, os aparatos que neles hai, que é unha pecera, por que as portas son tan fortes, o código das luces para saber se están gravando, etc. O técnico de son Quique tamén nos ensinou a súa mesa de mezclas, moito máis complicada ca da nosa Radio Rosiña...
A cara de alegría indica o ben que nos trataron na Radio Galega.
E despois vimos como emitían en directo o programa "Galicia por diante", que dirixe Kiko Novoa. E foi aquí onde vivimos un momento inesquecible: o mesmísimo Kiko invitounos a entrar no seu estudio!!!!! A todas as persoas!!!!! En directo!!!! Puxémonos algo nerviosas porque non contabamos con ese agasallo extra, e porque non todos os días podemos contar cousas así de sorprendentes... Kiko e a súa compañeira Cristina abriron os micrófonos para nós, así que nas ondas da Radio Galega soaron as voces dalgunhas das nenas e nenos do cole: Óliver, Betty, Luzdivina, Krasimir, Víctor... Pero tamén de todas as persoas á vez!!! Queredes velo? Premendo aquí tedes a proba auditiva e visual.
Despois, Lola acompañounos para que viramos o boneco Xabarín e o coche dos Picapedra, onde tamén quixemos facernos varios retratos. 
E no momento da despedida agasalláronnos cun libro sobre animais que nos encantou!!!
A verdade é que esta foi unha visita desas inesquecibles, por todo o que vivimos esta mañá na Radio Galega: moitísimas grazas a todas as persoas que compartiron connosco este ratiño, con tanta paciencia e amabilidade... Regresamos encantadas!!!



EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Hoxe viaxamos ata Santiago de Compostela en dous autobuses. O primeiro deles, co alumnado de 3º a 6º de Primaria, con rumbo ao Auditorio de Galicia, onde asistiron a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia. O concerto, titulado "Clásicos á galega", é idea de Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde, e foi ofrecido pola Banda Municipal de Música de Santiago. Nel interpretaron melodías moi coñecidas da música clásica, pero dándolles un "acento galego" ao incorporar instrumentos populares galegos (noz, charrasco, tarabela, culleres, pandeiro, pandeira, tixola, lata, zanfona, requinta, asubío, gaita, sacho...). Así, a Banda e a narración de Suso Vaamonde achegáronnos obras de Beethoven, Strauss, Bizet, Grieg, Rossini, Ravel ou Brahms, entre as cales incluso soou algún paxariño. 
O grupo de 3º a 6º de Primaria diante do cartel da exposición.
E despois da música, fixemos unha visita guiada á exposición "I̶N̶ ̶VISIBLE WOM@RTS", centrada na obra de mulleres artistas que parten dunha realidade cultural e xeracional propia. A través das súas creacións presentan cuestións tan interesantes como a "natureza" da muller, o arraigo social, a historia ou os pasos futuros. Unha exposición moi interesante que nos fará reflexionar tamén de cara ao vindeiro 25 de novembro, "Día contra a violencia cara á muller".
Gustáronnos moito as dúas actividades!!! Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos que fixemos no Auditorio de Galicia.
 

RELATOS DE MEDO PREMIADOS NO CONCURSO DO SAMAÍN 2019

Xa están nas ondas os relatos premiados no "X Concurso de Relatos de Medo", que foron entregados na pasada celebración do Samaín. Seguro que tedes moitísimas ganas de escoitalos, así que non me vou estender nas presentacións...
Aquí podedes escoitar ao alumnado de 4 e 5 anos de Infantil, que gravou o seu conto "A bruxa comenenos e o dragón aterrador":



O seguinte é o de Pablo Arosa Antelo (2º curso), que o titulou "A bruxa":

A continuación tedes o de Ángel Grille Calvelo (3º curso), que o titulou "O moucho, a bruxa e as tres curuxas":


E por último, o de Jorge Lema Zamora (6º curso), que deixou no meu buzón a historia "O misterio das andoriñas meixa":

Seguro que vos gustaron tanto como a min!!!! Lembrade que podedes descargalos e gardalos para escoitar sempre que queirades!!!



A POBOACIÓN DE MAZARICOS EN RADIO ROSIÑA

Mural elaborado en 3º e 4º coa información recollida.
Nas últimas semanas, o alumnado de 3º e 4º estivo a traballar sobre a poboación de Mazaricos. Para tal fin, puxéronse en contacto co Concello, solicitándolle algúns datos sobre o padrón municipal, quenes responderon de contado con moita amabilidade, polo que queren darlles as grazas dende aquí.
Se queredes coñecer como é a poboación do noso Concello, non perdades o programa que prepararon os rapaces e rapazas para "Radio Rosiña"!

Podedes escoitalo aquí:



martes, 19 de novembro de 2019

TEATRO EN INGLÉS

Esta mañá viaxamos ata A Picota para asistir a dúas sesións de teatro en inglés. A compañía "Face 2 face", que xa coñecemos dende hai varios cursos, ofreceu dous espectáculos diferentes na Casa da Cultura. O primeiro deles, para o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria titulábase "Under the sea", onde a serea Milly nos convidou a acompañala nas súas aventuras no fondo do mar e axudarlle a atopar o que máis desexaba: unhas pernas!!! Para iso contou coa axuda dalgunhas das nenas do noso cole: Luzdivina, Alicia, Paulina, Sofía e Laura, ademais doutras rapaciñas do colexio de Pino de Val.
Sofía, Laura e Paulina mergulláronse nun mar imaxinario.
O segundo espectáculo, chamado "Circus Life", estaba dirixido aos grupos de 3º a 6º de Primaria, e contaba a historia de Meg, unha rapaza que sempre soñara con ser artista. Cando o circo visita o seu pobo, pensa que pode facer realidade os seus soños. Para preparar o seu número pide axuda a varias persoas, entre as cales se atopaban Joel, Paula Barcia e Martina, ademais de dous rapaciños de Pino de Val. 
Joel parecía un rockeiro auténtico.
Pasámolo moi ben con estas aventuras en inglés, coas que sempre aprendemos moito!!!
Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotografías.



domingo, 17 de novembro de 2019

CARTEL PARA O PROXECTO E PÁXINA DE RECURSOS


Este é o noso cartel para o proxecto deste curso, no que as aves están centrando toda a nosa atención. E eu, encantada de aparecer nesta bonita imaxe acompañada dun fermoso mazarico e outras aves coas que todas as persoas do noso contorno estamos familiarizadas.
No blog, na columna da dereita, atoparás tamén esta imaxe. Se premes sobre ela (ou sobre esta) abrirase outra páxina na que atoparás información relacionada co proxecto, que se irá ampliando a medida que avance o curso e segundo vaiamos aprendendo máis e máis... Se queredes incluír algunha outra cousa, non tedes máis que propoñelo...

Unha aperta, paxareiras!!!

venres, 15 de novembro de 2019

ANDURIÑAS DE PAPEL


Despedimos esta semana de novembro cunha actividade moi fermosa que achegou ao noso cole PALMIRA. Esta rapaza de Fisterra xa estivo en San Cosme hai varios cursos facendo moitos e coloridos barquiños de papel. Tamén nesta ocasión foi a papiroflexia ou origami unha das partes do obradoiro que nos presentou hoxe.
Achégase o 25 de novembro, unha data na que se celebra o Día contra a violencia cara á muller, algo que, tristemente, segue a formar parte das noticias do noso país día tras día. Por este motivo, Palmira estivo connosco conversando sobre o que é o feminismo, en que situacións se dá violencia de xénero, qué podemos facer nós para axudar a que eses feitos desaparezan... Aínda que pareza incríble, dánse casos en moitos e diferentes contextos (fogares, lugares de traballo, lugares de ocio, etc.), e non hai que ir nada lonxe para coñecer a algunha muller, rapaza ou nena que sufra situacións de violencia. Sen ir máis lonxe, Palmira lembrounos que dúas meniñas de Carballo sufriran o ataque de varios rapaces polo simple feito de bicarse. 
Despois desta primeira parte de conversar, a nosa invitada contounos dúas lendas moi bonitas e apropiadas para esta temática: a historia xaponesa das mil grúas e a das tatuaxes de anduriñas nunha man. E da unión de ámbalas dúas, Palmira deseñou unha anduriña que realizamos coa técnica da papiroflexia. Quedaron moi bonitas e pasamos unha mañá inesquecible con Palmira, á que tanto cariño temos no noso cole. Moitísimas grazas por todo o compartido con nós, Palmira!!!
Se queredes, premendo AQUÍ ou sobre a imaxe podedes ver as fotos deste obradoiro, e practicade a facer miles de anduriñas para que non se vos esquezan os pasos e, quen sabe, ao mellor tamén se vos cumpren os vosos desexos!!!

Amosando as nosas anduriñas de papel na biblioteca do cole.


luns, 11 de novembro de 2019

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Este ano celebramos o Magosto nunha data moi fermosa, xa que coincidiu co San Martiño. Aínda que é o patrón de Ourense, en toda Galicia é coñecida esta celebración, e incluso ao mes de novembro se lle chama tamén "o mes do San Martiño". A cultura popular amósanos moitos refráns que fan referencia a el:
"Polo San Martiño, castañas e viño".
"Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño".
"Polo San Martiño, mata o teu porquiño".
"Polo San Martiño, a neve no fociño".
Hai moitos máis, pero como exemplo non está nada mal... Gustaríame atopar algún que fixera referencia ás aves, mais non o conseguín!!!! E por certo, o de matar o porquiño non me fai moito chiste a min, como comprenderedes...
E que fixemos no cole? Pois ademais de desfrutar dun bonito día nas clases, compartindo lecturas, actividades e outras cousiñas, pola tarde recibimos a visita do mago Benxamín, que nos mantivo moi entretidas a todas as persoas que nos reunimos na biblioteca, asombrándonos cos seus trucos e facéndonos rir en moitas ocasións. Ademais, solicitou a participación do público, e marabilláronnos tanto coma o propio mago: Puri, Martina, Joel, Alba, David... 
Puri e Martina abraiadas co truco de maxia que lles fixo o mago Antón en directo.
E despois de tanta diversión, baixamos ao patio para comer as castañas asadas, que con moito cariño nos prepararon as nosas cociñeiras Lourdes e Mariví.

As castañas compartímolas con todas as persoas que nos acompañaron nesta festa tradicional.
Premendo sobre as imaxes podedes ver as fotos desta xornada, na que ademais saíu o sol para que puideramos charlar e xogar como a nós nos gusta, verdade?

xoves, 31 de outubro de 2019

CELEBRAMOS O SAMAÍN

Na exposición de cabazas había moitas ideas relacionadas coas aves.
A última xornada desta terrorífica semana pasámolo xenial!!!! Comezamos a mañá cantando a canción do moucho, que acompañamos con xestos, e que nos emociona moito cando a música comeza co seu accelerando! Despois falamos desta ave (como é, onde vive, a que grupo de aves pertence, de que se alimenta...), para rematar decorando un moucho enorme que formará parte das ilustracións deste curso cheo de plumas.

A canción do moucho inspirounos para este Samaín.
Unha familia de pitiños.
A seguinte actividade foi gastronómica: elaborar os petiscos terroríficos para merendar no recreo. Moitos deles estaban relacionados tamén coas aves, por iso neste menú había niños feitos con pan, ovos convertidos en pitiños, pavos reais, gusanos e arañas, que son insectos dos que se alimentan moitas das aves que coñecemos, etc. Quedaron xenial, pasámolo moi ben facéndoos e papámolos todos!!!!



Rímonos moito coa profe Puri.

Despois do recreo chegou o momento de realizar o obradoiro de maquillaxe e caretas, onde descubrimos que algunhas e algúns de vós faino coma auténticas/os profesionais.













O xantar, tamén terrorífico, foi tamén o momento elixido para facer entrega dos premios do "X Concurso de Relatos de Medo" e do "Concurso de Cabazas"

O grupo de 3 anos de Infantil estaba emocionadísimo co seu premio.
E pola tarde celebramos unha "Hora de Ler" moi especial, convidándovos a apadriñar e amadriñar ás nenas e nenos de Infantil e 1º e 2º de Primaria. Moitas de vós elixistes historias de medo, pero tamén houbo persoas que quixeron outros contos, e o certo é que calquera boa lectura é estupenda para celebrar e compartir. 
Ramiro estrenouse nesta actividade lendo para Lucía.
Como estou segura de que teredes moitísimas ganas de ver as fotos, non me entreteño máis. Premendo sobre elas poderedes ver as correspondentes a cada obradoiro. E para ler os textos gañadores, premede AQUÍ. Pronto poderedes escoitalos tamén en "Radio Rosiña". Estade moi atentas/os!!!
Unha aperta enorme!!!! Vémonos o próximo 4 de novembro!!!


GUÍA DE LECTURA SAMAÍN 2019

Aquí tedes a primeira guía de lectura do curso, na que eliximos algunhas lecturas para estes días de outono no que, xunto aos primeiros lumes, podemos compartir tamén momentos en compañía das persoas que nos rodean. Neses ratos podemos pasar tamén algún tempiño lendo, así que aquí tedes un feixe de boas lecturas, para pasar medo... ou non!!!! Premede AQUÍ ou sobre a imaxe para ver a guía completa:

https://issuu.com/tirititraun/docs/gu_a_de_lectura_sama_n_2018_71bcea4e85bf60


venres, 25 de outubro de 2019

ACTIVIDADES PARA O SAMAÍN

Xa está rematando o mes de outubro, e despedímolo cunha das celebracións que máis nos gustan no cole: o SAMAÍN!!!
Para iso convocamos o "X Concurso de Relatos de Medo", que xa estou recibindo no meu buzón, e tamén enviamos unha cartiña ás vosas familias para animalas a participar no "Concurso de Cabazas", que seguramente vos fai moitísima ilusión! Nesa carta tamén informamos das actividades que realizaremos o mércores, 30 de outubro, e que tamén podedes ler aquí (premede sobre a imaxe para ler todo o boletín):

https://issuu.com/tirititraun/docs/d_ptico_sama_n_para_blog



martes, 22 de outubro de 2019

DÍA DA BIBLIOTECA 2019

O 24 de outubro celébrase o "Día da Biblioteca". Cada ano, a Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil encarga a dúas persoas a elaboración dun pregón e un cartel. Nesta ocasión, o cartel é deseño do ilustrador valenciano Miguel Calatayud, e o pregón foi escrito pola valenciá Gemma Pasqual, texto que traduciu ao galego Héctor Cajaraville.
Aquí vos deixo os dous documentos, para que poidades compartilos o próximo xoves:



E xa que Isabel Risco nos falou onte sobre profesións, aquí lanzo tamén unha pregunta para todas vós: non vos gustaría ser bibliotecarias e bibliotecarios? 





luns, 21 de outubro de 2019

ACTIVIDADES PARA CELEBRAR O DÍA DA BIBLIOTECA 2019

O próximo 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca". No noso cole xa tivemos hoxe unha actividade con motivo desta celebración, onde a ratiña Lilí Gruyère (Compañía de teatro Trinque Trinque), chegada de Lonxedetodo, xogou connosco a adiviñar diferentes profesións, ademais de contarnos un par de historias moi entretidas: "O meu pai é un pallaso" e "Familias, familias, familias".



Divertímonos moito con Isabel Risco e o seu espectáculo, a quen agradecemos desde aquí a súa visita ao noso cole. Premendo AQUÍ podedes ver as fotos que fixemos durante esta sesión na nosa biblioteca.