Amosando publicacións coa etiqueta día do libro infantil e xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta día do libro infantil e xuvenil. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de abril de 2020

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Ilustración para o ano 2020.
FAME DE PALABRAS

"A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.
Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, esgótanos... E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca... 
E que ocorre cos poemas e cos contos?
Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade.
E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: "Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!"
As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.
Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.
Pero a fame das palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata do que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.
Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.
Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame?
Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.
E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran.
E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez."

Texto escrito por Peter Svetina (Eslovenia), ilustrado por Damijan Stepancic (Eslovenia) e traducido ao galego por Héctor Cajaraville (Galicia) para celebrar o "Día Internacional do Libro Infantil".

martes, 2 de abril de 2019

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL: OS LIBROS FANNOS ACOUGAR

Coma en anos anteriores, o IBBY (International Board on Books for Young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril,  data  de nacemento  de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2019 correspondeulle a Lituania. A autoría do texto e a ilustración son de Kestius Kasparavicius, quen titula a súa mensaxe: Os libros fannos acougar. A Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, Galix, facilítanos a mensaxe traducida ao galego. 

Gustáronme moito estes materiais, e seguro que a todas vós tamén! Este é o cartel:

Aquí podedes ler información sobre Kestius Kasparavicius, o autor do texto e a ilustración deste ano: 
 
Na seguinte imaxe podedes ler o fermoso texto, moi relacionado tamén coa idea do mindfulness, ao que tanta importancia lle damos no noso cole. Lédeo e reflexionade sobre el, porque é posible que nos agarde algunha sorpresiña adicada só a lectores e lectoras interesantes!!!


xoves, 19 de abril de 2018

DÍA DO LIBRO 2018

O pasado 2 de abril foi o Día Internacional do Libro Infantil, data de nacemento do escritor Hans Christian Andersen.
Cada ano encárgase un país de elaborar o cartel e redactar un texto para celebrar esta data. Nesta ocasión correspondeulle a Letonia. A imaxe é do ilustrador Reinis Petersons, e o texto da poeta, editora e activista da promoción da lectura Inese Zandere, que titulou "Os libros fan grande o máis pequeno". A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix), traduciuno ao galego, así que tamén eu quero compartilo con todas/os vós. Podedes lelo premendo AQUÍ.

E o luns 23 de abril celebramos o Día do Libro, e premendo nos seguintes enlaces atoparedes interesantes actividades:
-Roberto Andrés Pacini Sarli recolle apuntes interesantes sobre esta data (por que se celebra o 23 de abril, a revolución do libro, e propón un conto ao que terás que escribirlle o seu final).
-Na web Lapicero Mágico propoñen 50 actividades para o Día do Libro.
-Na web Actiludis recolleron adiviñas e crebacabezas para os cursos de 1º a 4º de Primaria.
- "Un conto que contaba o mundo enteiro" en diferentes idiomas (tamén en galego).
-Na web Tiching.com destacarei, entre as moitísimas propostas, a Curtametraxe "Leer en corto", porque nada mellor que un libro para viaxar!!! 

A vindeira semana agárdannos moitas actividades no cole, porque xa sabedes que eu son unha auténtica devoradora de libros, así que estou desexando celebralo convosco!!!
Apertas,                                                                                                                                   
   

mércores, 5 de abril de 2017

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O pasado domingo, 2 de abril, celebrouse o Día Internacional do Libro Infantil. A data non é unha casualidade: coincide co nacemento do escritor danés Hans Christian ANDERSEN. "A Sereíña", "O parrulo feo" ou "O soldadiño de chumbo" son algúns dos títulos dos libros de Andersen que seguramente coñezas. 
Cada ano, ademais, un ilustrador elabora un cartel e encárgaselle a un escritor un texto para a celebración. Nesta ocasión o país elixido foi Rusia. O cartel elaborouno Mikhail Fedorov, e o texto foi escrito polo poeta Sergey Makhotin, que traduzo aquí ao galego para todos vós:

Medremos cos libros!
Na miña infancia gustábame construír casiñas con bloques e todo tipo de xoguetes, adoitaba usar como tellado libros infantís ilustrados; en soños, subía ata o interior da casa, deitábame na cama feita con caixas de mistos e contemplaba as nubes ou o ceo estrelado, todo dependía da imaxe que máis me gustara. 
Instintivamente, seguín a lei de vida de todo neno que busca inventar ambientes e, para conseguilo, un libro foi de auténtica axuda.
Despois medrei e aprendín a ler; na miña imaxinación, un libro comezou a parecerse máis a unha bolboreta ou a un paxara que a un tellado. As páxinas do libro eran como ás e susurros. Era como se o libro saíra voando inesperadamente pola ventá aberta hacia espazos descoñecidos. Collino, empeceino a ler e o libro tranquilizoume. Despois seguino a través doutros mundos, mentras o meu universo imaxinario se ía extendendo. 
Que alegría ter un novo libro nas miñas mans! Ao principio non sabes de que trata, resistéste á tentación de abrilo pola última páxina, e que ben ule! Ten un aroma especial a libro, un aroma excitante e único.
A medida que vas medrando o mundo vaise complicando. Enfréntaste a cuestións que incluso un adulto é incapaz de resolver. Sen embargo, é convinte poder compartir as dúbidas e os segredos con alguén, e aquí é cando o libro vén na túa axuda. Probablemente moitos de nós plantexámonos algunha vez: eu escribín este libro! E, de pronto, o personaxe favorito parece ser coma ti e incluso vive os mesmos problemas; outro personaxe non se parece en nada a ti, pero queres que sexa coma o teu ideal, valente e capaz!
Faime rir cando un rapaz ou unha rapaza me din "non me gusta ler"; non lles creo, seguro que comen xeados, xogan e ven películas moi interesantes. Noutras palabras, gústalles divertirse. A lectura, fronte ao desarrollo dos sentimentos e a personalidade, non é unha tarefa tan agotadora, se ben, ante todo, é un grande pracer.
Precisamente, esta é a intención dos autores que escriben libros para nenos! 

Tamén a editorial Anaya fixo esta fermosa ilustración co título "Abraza un libro, abraza un amigo", que podedes ver aquí e na biblioteca do cole! E a vós, que tanto vos gustan os abrazos, cal será o próximo libro que abracedes? 

 


luns, 9 de abril de 2012

COÑECENDO A HANS CHRISTIAN ANDERSEN

Dende o C.E.I.P. Mestres Goldar de Vigo, chéganos este traballo sobre Hans Christian Andersen. Lembrade que é a data de nacemento deste autor, o 2 de abril, como podedes ver máis abaixo, a que conmemoramos na celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil.
Con esta actividade LIM, elaborada pola mestra e coordinadora da biblioteca do CEIP Mestres Goldar Julia González, podedes coñecer un pouquiño mellor a este autor tan importante para a Literatura Infantil e tamén traballar algúns dos seus famosísimos contos. 
Esperamos que a aproveitedes e a disfrutedes!!
Gracias a Julia por compartir este impresionante traballo!!

luns, 2 de abril de 2012

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

   Hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. A celebración foi promovida polo IBBY (International Board on Books for Young People) e elixiu esta data por coincidir co aniversario do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.
    A finalidade da festa é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre vós os máis xóvenes. Cada ano, un país membro do IBBY encárgase de editar o cartel anunciador e de difundir a mensaxe dirixida aos nenos. Este ano, o responsable é IBBY-México. O autor da mensaxe é o escritor Francisco Hinojosa e o ilustrador Juan Gedovius.
     Aquí vos deixamos a mensaxe de Francisco Hinojosa:

"Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro. Ese conto en realidade non era un só, senón moitos máis que comezaron a poboar o mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos seductores, de zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos inxeniosos e soldadiños de chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. Poboárono de palabras, de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir, asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces “Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro…”
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten no camiño.
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchennos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas.
Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen e morren, os contos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais. En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que, ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.
E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e lendas que viaxaron polos séculos, de boca en boca, para exhibir a súa idea da creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos con maior posibilidade de ser felices."