Estades buscando un colexio no que matricular ao voso fillo ou filla? En 3º, 4º, 5º e 6º pensaron que este podía ser un bo motivo para emitir un programa especial no que anunciar aquelas cousas do noso cole das que máis orgullosos e orgullosas se senten, e aproveitaron a visita de Pablo Portabales para gravar diferentes cuñas nas que anuncialas. Para iso, organizáronse en cinco grupos e cada un fixo un anuncio que nos presentan aquí, neste estupendo programa especial:
Animádevos a visitarnos e a matricularvos no noso cole!!!
A semana pasada recibimos a Loreto Silvoso en "Radio Rosiña", e esta mañá, a Pablo Portabales!!! Pablo é, coma Loreto, locutor de "Radio Voz", emisora na que traballan dende hai moitos anos cun programa de grande éxito na cidade herculina: "Voces de A Coruña". Pablo falounos dun interesante recurso que nos ofrece a radio: as cuñas publicitarias. E uniu este tema a outro ben preocupante na actualidade: o descenso da natalidade. Tendo en conta estes dous aspectos, Pablo invitou ás nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º a crear unha cuña publicitaria para anunciar as cousas que máis lles gustan do noso cole e atraer así a futuras persoas que non teñan decidido onde matricular aos seus fillos e fillas. Desenvolveron a actividade en grupos pequenos, traballando en equipo e amosando moito entusiasmo e orixinalidade, sobre todo no momento de gravalo en "Radio Rosiña", onde contaron coa axuda dos nosos técnicos Samuel e Jorge Otero. Estou segura de que tedes moitas ganas de escoitar o que fixeron esta mañá co xeneroso profesional Pablo, pero por agora só podedes ver as fotos; os podcast imos editalos para que poidades desfrutalos como se merece, así que pídovos un pouquiño de paciencia. Unha aperta e moitísimas grazas, Pablo, por compartir con nós estas dúas sesións formativas.
O Día Internacional da Muller conmemórase cada 8 de marzo. Esta data é recoñecida pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e reflexionar sobre a situación das mulleres na sociedade. É certo que na nosa comunidade as cousas mudaron ao longo da historia, pero todavía queda camiño por percorrer para que poidamos falar de igualdade. Sen ir máis lonxe, e centrándonos no tema da música, sobre o que xira o proxecto deste curso, cantas mulleres compositoras coñecemos?, cantas directoras?, cantas construtoras de instrumentos? Pero ao lado de Bach, Mozart, Beethoven ou Stravinsky tamén deberían figurar nomes de mulleres que os libros de historia esqueceron durante moitos anos.
Como exemplo, a película "Nannerl, la hermana de Mozart", preséntanos a unha nena prodixio. Ao final dunha xira familiar que durou 3 anos, coñeceu ao fillo do rei Luís XV, quen a anima a escribir a súa propia música. Pero Nannerl era unha muller, e as mulleres non tiñan dereito a compoñer. Aquí podedes ver o tráiler da película:
Tamén podedes ver no seguinte vídeo un programa adicado ás mulleres compositoras ao longo da historia:
O músico Miguel Bosé tamén participou hai varios anos nunha homenaxe ás mulleres, "Que vivan las mujeres", a través dun anuncio publicitario para unha marca de roupa chilena:
E en Galicia? Pois tamén aquí temos marabillosas representantes, que ademais de facer boa música, amosan un grande interese por apoiar campañas, actos, etc., na procura da igualdade entre homes e mulleres. Así, podemos falar de MARÍA MANUELA, SES, UXÍA SENLLE, MERCEDES PEÓN, SUSANA SEIVANE, NAJLA SHAMI... E GUADI GALEGO, da cal eliximos unha fermosa canción que adica a todas as mulleres que loitaron na sociedade galega por sacar adiante a familia, que traballaron arreo no mar, no campo... Titúlase "Matriarcas" e podedes escoitala e ver o vídeo aquí:
Pero antes destas artistas, houbo outras, coma EUGENIA OSTERBERGER. Nacida no ano 1852 en Santiago de Compostela, foi unha figura relevante no panorama musical e cultural de Galicia no
último tercio do século XIX. Instalouse en A Coruña, onde firmaba as partituras co nome de Madmoiselle Saunier, apelido que tomou do seu marido. En 1907 mudouse á Costa Azul francesa, onde se lle perde a pista. Sen embargo, a editorial Ouvirmos acaba de publicar un libro-CD con 15 pezas para voz e piano desta grande compositora, para coñecela e/ou redescubrila!!! Se queredes escoitar un anaquiño da súa música, premedeAQUÍ.
Os xogos olímpicos son tamén a inspiración para algunhas das persoas que realizan anuncios publicitarios. Nalgunhas ocasións, aproveitan a recoñecida imaxe de grandes deportistas para publicitar prendas de roupa, complementos, colonias, etc. E nesta época previa ao Nadal tamén hai anuncios relacionados coas comidas e bebidas que adoitan servirse nesta celebración anual: turróns, mazapáns, polvoróns..., e cava ou champán.
Pois un deses anuncios protagonízao este ano o conxunto español de ximnasia rítmica. As ximnastas clasificáronse para os Xogos de Río 2016, ao gañar en setembro a medalla de bronce nos Mundiais de Rítmica.
Aquí tedes o resultado dun vídeo que nos amosa ás ximnastas movendo os instrumentos cos que adoitan acompañarse: aros, fitas, mazas, pelotas, cordas... E os 5 aros olímpicos sempre presentes: nas burbullas, nos movementos, nos fugaces debuxos que fan as deportistas cos seus movementos...
Xa no 2008 a selección española de natación sincronizada protagonizara o anuncio desta mesma compañía: