Amosando publicacións coa etiqueta Voz Natura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Voz Natura. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de xaneiro de 2020

"CARABELA", UNHA OBRA SOBRE O EXCESO DE PLÁSTICOS DUN SÓ USO

La Voz de Galicia entrevistounos.


A compañía de teatro Galeatro, que xa recibimos no noso cole con obras como "Contos no faiado" ou "O xogo das letras", acaba de estrenar un novo espectáculo: "Carabela". Nesta ocasión, a temática sobre a que xira a obra é un dos temas que máis preocupa na actualidade á sociedade: o uso esaxerado do plástico, especialmente do que se emprega unha soa vez. Carabela é a protagonista da historia, cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
 

Modelo do rexistro das aulas.
Aproveito a noticia tamén para lanzar o reto das merendas deste trimestre: conseguir que, polo menos 3 días á semana, non traiamos plástico dun só uso na merenda da mañá. Durante o 1º trimestre conseguistes superar a proposta que vos fixen, así que agora é importante manterse aí ou dar un paso máis!!! Estou segura de que o faredes!!!!



 

venres, 8 de novembro de 2019

EXPOSICIÓN "AVES DE GALICIA" DO CEIDA



A exposición pode ser visitada por todas as persoas que veñan ao cole.
O CEIDA é o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, que se atopa no Castelo de Santa Cruz do Concello de Oleiros (A Coruña). O CEIDA é un centro de referencia para a educación ambiental en Galicia que trata de proporcionar medios axeitados para capacitar á sociedade neste ámbito, facilitando a difusión de materiais relacionados co medio ambiente e fomentando o coñecemento dos valores e dos problemas actuais, co fin de sensibilizar e xerar unha conciencia crítica.
Dentro do apartado da educación e divulgación realiza diferentes actividades, entre as cales se atopa a oferta de exposicións itinerantes. Unha delas está adicada ás "Aves de Galicia", que nós solicitamos para que as coñecerades, vos informarades sobre elas e entre todas tratemos de axudar a conservalas. Chegou estes días e permanecerá connosco ata o mes de decembro, así que animamos a toda a comunidade a visitala. 





xoves, 3 de outubro de 2019

LANZAMOS O PRIMEIRO RETO CONTRA OS PLÁSTICOS DE UN SÓ USO

Rexistro de aula
Ola, rapaciños e rapaciñas!!!!
Durante estas primeiras semanas de curso estivemos rexistrando os plásticos de un só uso que aquí vos lanzo o PRIMEIRO RETO DO CURSO para este trimestre (comenzamos o luns, día 7): intentar que, polo menos dous días á semana, non traiamos a merenda para o recreo en envoltorios que se tiren no lixo. Tedes un montón de opcións:
traiamos ao cole para a hora da merenda. Moitas e moitos de vós consumides alimentos que veñen envoltos en paquetes que se tiran en canto se rematan. En ocasións é difícil substituílos (iogures bebibles, paquetes de galletas/magdalenas/etc. individuais, zumes...), pero noutras ocasións non é tan complicado (o bocadillo pode vir nun tapper en lugar de envolvelo en papel de aluminio, por exemplo). Así que
-unha peza de froita;
-algún vexetal (cenoria, pemento...);
-un bocadillo;
-un anaco dalgunha sobremesa feita na casa (biscoito, galletas, magdalenas, tortas de avea, etc.);
-froitos secos (noces, améndoas, pistachos, anacardios, dátiles, arandos, etc.), que podemos mercar a granel (mellor sen sal) e traer ao cole nun tapper.
Intentámolo? Así tamén conseguiremos que a vosa merenda sexa máis variada, xa que algunhas das persoas do cole traen sempre o mesmo, 5 días á semana, 20 días ao mes, máis de 150 días ao curso!!!
Imaxinas que no comedor todos os días tiveramos o mesmo menú?
Estou segura de que ao longo do trimestre conseguiremos baixar a cantidade de lixo que xeramos durante o tempo do recreo. Ademais, con iso estaremos facendo un enorme beneficio para o medio ambiente. Este planeta é a nosa casiña, e debemos coidala moito para que siga así de fermosa!!!!
Unha aperta!!!

venres, 27 de setembro de 2019

FOLGA POLO CAMBIO CLIMÁTICO

Este venres, 27 de setembro, está convocada unha folga a nivel mundial contra o cambio climático. En todos os países do mundo realizaranse concentracións e manifestacións relacionadas con este tema que nos afecta a todas as persoas, pero non só ao ser humano, senón ao conxunto da Terra. Trátase dun tema realmente preocupante, así que tamén no noso cole nos queremos sumar a esta protesta dun xeito colectivo.
Déixovos aquí un vídeo de Greta Thunberg, a rapaciña que o ano pasado comezou unha iniciativa que conseguiu traspasar todas as fronteiras, onde explica como podemos comprometernos con algo tan serio:



venres, 15 de marzo de 2019

PROTESTA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

A xornada de hoxe está sinalada en todo o mundo para moitos/as mozos e mozas. Este mércores coñeciamos a noticia a través dun artigo que escribiu Antonio Sandoval en "La voz de la escuela", o suplemento que vén no periódico "La Voz de Galicia" cada mércores do curso escolar. O citado escritor fala da grande contradición que se vive na actualidade, onde moitas veces observamos que ao tempo que máis xente nova se comporta con sensatez e compromiso, moitas persoas adultas fan exactamente o contrario...
No noso cole levamos anos intentando facer que a nosa pegada no medio ambiente sexa o menor posible. Tamén a nivel mundial hai moitos colectivos de persoas que adican esforzos enormes a que este problema de todos (o cambio climático) se poida deter. Temos que comezar a pensar que o noso planeta non é unha herdanza dos nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos e fillas, como di un proverbio hindú.
A continuación tedes a ligazón para ler a noticia de Antonio Sandoval, que nos debería facer reflexionar e poñernos xa en actitude de actuar fronte a algo tan grave como a destrución do noso fermoso planeta.

Noticia de "La voz de la escuela" sobre o cambio climático.

xoves, 22 de marzo de 2018

COMEZAMOS A PLANTAR NO INVERNADOIRO

Esta última semana de marzo no cole comezamos a plantación no invernadoiro. Despois da grande axuda do noso conserxe José e o papá de Mateo, Luís, quenes se encargaron de preparar a terra e colocar a tea que iremos cubrindo coas diferentes plantas, esta xornada adicaron un ratiño algúns dos grupos do cole. O primeiro en facelo foi o grupo de Infantil que inauguraron o horto plantando amorodeiras. Ademais de colocar na terra as súas plantiñas, tamén tiveron tempo de observar os caracois, a auga, e tamén enlarafuzarse un pouco coa terra!!! 
Despois foron as nenas e nenos de 3º e 4º, que plantaron leitugas, porros e cebolo. E, por último, 5º e 6º, a quenes lles tocou rematar a faena: brócoli, coliflor e repolo. Á volta das vacacións veremos como foron medrando todas estas plantiñas, ademais de ver as fotos dunha xornada marcada por esta actividade tan necesaria como produtiva.
Quedaron as nenas e nenos de 1º e 2º, polo que serán os primeiros na segunda volta, que terá lugar ao regreso das vacacións! Preparádevos, eh?

Unha aperta!!! 


martes, 21 de novembro de 2017

APRENDENDO SOBRE COGOMELOS

Esta mañá, o cole agardaba unha sorpresa agochadiña nun dos patios interiores: unha exposición moi coidada de cogomelos!!! Encargáronse da mesma Emilio e Mª Carmen, membros da Asociación Micolóxia "Sendeiriña" de Negreira. Ademais de achegar ao centro máis de 130 especies diferentes de cogomelos (recollidos en Negreira, Santiago e A Baña) que puidemos observar, cheirar e mesmo tocar, os nosos invitados tamén prepararon unha charla para contarnos moitas das características destes interesantes organismos. Tamén puxeron á nosa disposición unha interesante exposición de libros para que puideramos ollalos durante toda a xornada.
Foi unha xornada moi interesante e divertida, na que ademais aprendemos moitísimas cousas sobre os cogomelos!!! Moitísimas grazas a Emilio e Mª Carmen por este agasallo!!!

Premendo AQUÍ podedes ver todas as fotografías tomadas.

E como sei que vos gustará volver ler a información sobre os diferentes cogomelos, tamén vos deixo as presentacións que prepararon Emilio e Mª Carmen, que nos deixaron con moita amabilidade para ter á nosa disposición.


sábado, 18 de marzo de 2017

NOTICIAS DO PAPAGAIO: O LIXO ELÉCTRICO E ELECTRÓNICO

A revista "O Papagaio", á que estamos subscritos, xa vai polo número 6. Nesta ocasión trae unha noticia que chamou a atención dunha boa parte do alumnado, e queren contala para todas as persoas que seguen o noso blogue. Trata sobre o lixo eléctrico e electrónico. Como imaxinaredes, na actualidade é enorme a cantidade de obxectos deste tipo que utilizamos na nosa vida cotiá: electrodomésticos, ordenadores, móbiles, memorias USB, etc. E que facemos cando deixan de funcionar e queremos desfacernos deles? Seica en Galicia producimos máis de 4.000 toneladas deste tipo de lixo ao ano!!! Pois non debemos tiralos en calquera colector, xa que é moi contaminante, e moitos dos elementos que os compoñen son tóxicos, polo que prexudican o medio ambiente e a saúde dos seres humanos. Unha pila botón pode contaminar 600.000 litros de auga; a batería dun móbil, 50.000 e un só frigorífico pode emitir unha cantidade de gases equivalente aos dun coche circulando durante 15.000 km. Que barbaridade!!! Polo tanto, debemos prestar moita atención a este tipo de obxectos. 
Que deberiamos facer? Pois levalos a un punto limpo, que son os lugares habilitados polos concellos para almacenar os residuos que non se poden botar nos colectores da rúa. Premendo sobre a imaxe inferior podedes consultar todos os puntos limpos de Galicia, onde se indica tamén a dirección, o horario e o tipo de lixo que recollen, ademais doutro tipo de información moi interesante.

http://sirga.xunta.gal/listaxe-de-puntos-limpos

Agradecemos dende aquí a sección de "O Papagaio" adicada á ecoloxía, e lémbrovos que na Biblio tedes moitos libros relacionados con este tema!!!

venres, 10 de marzo de 2017

COMEZA A ACTIVIDADE NO INVERNADOIRO

A falta duns días para que comece a primavera, no invernadoiro comezamos xa a facer algunhas actividades. Sacamos as plantas que non daban froito e aireamos a terra, ademais de abonala. E esta semana chegaron as primeiras plantas: amorodeiras, leitugas, repolos, coliflores, brócoli, cebolas e porros foron as encargadas de inaugurar esta nova temporada. E para que todas estas plantas medren moito, as meniñas e meniños do cole, xunto cos seus mestres, plantáronas con moito cariño durante esta tarde... Agora, iremos coidándoas para que poidamos desfrutalas nos menús que nos preparan Lourdes e Mariví no cole.
Premendo AQUÍ podedes ver algunhas das imaxes desta tarde!

xoves, 12 de xaneiro de 2017

ENTREVISTA A JOSÉ ANTONIO DÍAZ, DE VOZ NATURA

Voz Natura cumpre 20 anos este curso. Aínda que o noso cole non leva tanto tempo neste programa de educación medioambiental, todas as persoas que apoiamos este proxecto estamos moi contentas de formar parte do mesmo, no que as actividades se dirixen a traballar por un futuro sostible desde as primeiras idades.
Esta semana, no seu blog entrevistan a José Antonio Díaz, coñecido coma "Machiño", unha das persoas fundamentais no comezo desta grande iniciativa. Podedes lela no seguinte enlace:

Blognatura