martes, 24 de marzo de 2015

MÚSICA E CINE EN COMPOSTELA

Comeza a última semana do trimestre cargadiña de actividades e saídas. Esta mañá parte do alumnado (3º, 4º, 5º e 6º) viaxamos a Santiago de Compostela, para asistir a un espectáculo no colexio La Salle, ofrecido polo grupo "La armónica invisible". Este grupo, formado por tres músicos (teclado, guitarra, batería e voces) interpretou unha serie de temas ilustrativos do que foi e é a música na historia do cine. Desfrutamos con temas adaptados aos distintos xéneros cinematográficos e faláronnos sobre a función da música nalgunhas escenas de películas moi coñecidas. Todo iso, con música en directo e imaxes dos filmes proxectados nunha pantalla que nos mantivo moi atentos/as durante parte da mañá.
Despois, completamos a viaxe coa visita á exposición no Auditorio de Galicia "Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns". Alí puidemos ver parte da produción deste creador pontevedrés, que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes. As obras expostas no Auditorio, en papel e cartón (probas de autor, gravados, técnicas mixtas sobre papel, pochoirs, etc.), fixeron voar a nosa imaxinación!
E a pesar de que ameazaba chuvia, puidemos desfrutar da nosa comida ao aire libre e dun ratiño facendo o que máis nos gusta: XOGAR!!!
Aquí van as fotos dun día especial no que botamos de menos aos rapaciños e rapaciñas que non puideron vir e ao resto dos grupos e mestres que quedaron no cole.

Ningún comentario:

Publicar un comentario