mércores, 11 de abril de 2018

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este martes foi un día atípico no noso cole, xa que os grupos de 3º a 6º foron de excursión a Santiago, e o centro quedou coas rapaciñas de Infantil, 1º e 2º, e os mestres Patricia, Óscar e David. A saber o que farían mentras estabamos de viaxe... Pero eu vouvos contar o ben que o pasamos na capital galega. A primeira parada fixémola na Praza do Toural, onde visitamos a Fundación Eugenio Granell. A través dunha visita guiada puidemos coñecer un pouquiño máis a obra deste destacado pintor surrealista. Ademais, este artista galego viaxou e viviu en moitos outros lugares (Madrid, República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico e Nova York entre eles), o que influíu moito na súa obra. E non só na pictórica, xa que entre os óleos tamén descubrimos algunhas esculturas, debuxos, colaxes e mesmo obxectos persoais do artista.
Ademais, tivemos a oportunidade de pisar unha das terrazas máis espectaculares do casco histórico de Compostela, xa que o museo atópase no Pazo de Bendaña, que ademais de ser un edificio fermosísimo, amosa unha vista pouco coñecida da cidade. 
Despois camiñamos ata o Teatro Principal para asistir ao espectáculo de danza "Emoticores", interpretado por "Las Tricotouses", onde as emocións toman forma a través das cores e o movemento, unido ao son e ás proxeccións audiovisuais.
Ao rematar, subimos camiñando ata a Praza de Abastos, onde aínda tivemos tempo para visitar algúns dos seus postos (carnizarías, peixarías, panadarías e froitarías), nalgúns dos cales nos detivemos para facer preguntas sobre aquelo que máis nos chamou a atención ou para escoitar aos vendedores que, amablemente, nos contaron cousas moi interesantes. 
Desde logo, pasámolo pipa!!!!! Podedes comprobalo vendo as fotos que fixemos se premedes AQUÍ.

E se queres aprender máis sobre a Fundación Eugenio Granell, premendo sobre a imaxe podes visitar a súa páxina web.

http://www.fundacion-granell.org/actualidad/index.php


Ningún comentario:

Publicar un comentario