Amosando publicacións coa etiqueta familias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta familias. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de xuño de 2022

XORNADA DE CONVIVENCIA

Este curso puidemos celebrar a xornada de convivencia como adoitabamos facer antes de que comezara a pandemia. Así, convidamos ás familias do alumnado a pasar un día en Balarés, cunha proposta do máis atractiva: un grupo fixo un roteiro polo paseo marítimo a carón da desembocadura do río Anllóns; outro desde Ponteceso ata a praia, acompañados por un guía do concello. Despois de facer os citados percorridos, xuntámonos para xantar, comida que compartimos ao aire libre, no piñeiral de Balarés. Tamén nos acompañaron Lorena e Jenni, da ONG Ayuda en Acción, e Luís, Millán, Ioana e Nikolay, o cuarteto da Real Filharmonía de Galicia que nos volveu marabillar coa súa música. Claro que nesta ocasión o entorno converteu o concerto nun espectáculo aínda máis máxico!!! Cantas persoas poden dicir que asistiron a un espectáculo musical de tan alto nivel nun lugar tan espectacular? Sinceramente, eu coñezo a moi poucas... 

Estou segura de que o pasastes moi ben, de que mereceu a pena todo o esforzo do equipo directivo e do profesorado para facelo posible, e tamén das cociñeiras, o conserxe e os pais e nais que botaron unha man... Un exemplo máis de que o traballo en equipo sempre consegue mellores resultados, ou polo menos iso é o que se intenta amosar desde o cole. A todas esas persoas, moitas grazas!

A xornada de convivencia en Balarés foi todo un éxito.

Unha aperta enorme e, agora que queda moi pouquiño, feliz fin de curso para todos e todas!!!

Rosiña

luns, 9 de maio de 2022

DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TIC

OLA A TODAS!!!

O pasado 28 de abril foi o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e no cole realizamos diferentes actividades para celebralo. A máis emotiva delas foi a que tivo lugar o pasado xoves, 5 de maio, xa que convidamos ás familias a vir ao centro a falarnos sobre como a tecnoloxía mellorou as nosas vidas e os nosos traballos. A proposta foi aceptada por Estefanía, Simón e Mónica, nais e pai de alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, que marabillaron a todo o cole coa súa exposición en tres ámbitos diferentes: o mundo forestal, o traballo administrativo e a saúde bucodental. 

As protagonistas das charlas foron recibidas con grande entusiasmo polo alumnado.

Despois da súa exposición, aproveitamos para facerlles unhas preguntas para Radio Rosiña, que incluímos no seguinte programa radiofónico:


Ademais, estas e outras familias gravaron un vídeo en familia para animar ás nenas, rapazas e mulleres a adicarse a profesións do ámbito científico-tecnolóxico, pois as profesións non teñen xénero e todos/as podemos ser o que queiramos ser. Con todos eles, creamos o seguinte vídeo:

   

Moitas grazas pola vosa participación!!!

Unha aperta, 

Rosiña

martes, 8 de marzo de 2022

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Hoxe, 8 de marzo, celebramos o Día da Muller, e por iso no cole temos varias actividades programadas. Unha delas iniciámola no mes pasado, coa proposta para o "Día da nena e a muller na ciencia" na que cada familia realizaría un traballo de investigación sobre unha científica elixida libremente. O resultado desa exposición xa podedes observalo na entrada da biblioteca, na que atoparedes as creacións que fixestes nos vosos fogares. Podedes visitala cando queirades, e aínda que nas aulas xa falastes e expuxestes cal foi a vosa elixida, aproveitade tamén para descubrir a elección do resto dos grupos. Descubriredes as interesantes vidas dalgunhas biólogas, astrónomas, naturalistas, químicas..., de distintas partes do mundo (galegas tamén!). Os traballiños quedaron moi xeitosos, pero o máis importante é que reflexionemos como sociedade para que a igualdade da muller sexa acadado en todos os ámbitos: o científico, por suposto, pero tamén moitos outros que a pesar de non estar presentes na exposición é necesario ter en conta, xa que o xénero non debería ser nunca motivo de discriminación

Estes días, a cor violeta ilumina a entrada da biblioteca.

 

Unha aperta,

Rosiña

luns, 18 de outubro de 2021

PREPARÁMONOS PARA O SAMAÍN

 Ola, rapazada! 

Xa está chegando o Samaín!!! Ademais, este curso celebrarémolo uns días antes, xa que o día propio, que é o 31, coincide cun domingo, polo que a primeira festa do curso terá lugar o venres, 29 de outubro. Como sei que vos gusta moitísimo, xa comezamos cos preparativos no cole, así que cóntovos algúns deles!

O primeiro, como moitas de vós saberedes, é a creación dunha historia de medo para o “XII Concurso de Relatos de Medo”. Seguro que o proxecto deste curso vos inspira narracións cheas de misterio arredor dos elementos que atopamos no universo: planetas, astros, galaxias, satélites, obxectos non identificados… Pero como estou segura de que as vosas ideas son moito mellores que as que poida aportarvos eu, non quero influír na vosa imaxinación, polo que queda aberto o campo da ficción para que o redactedes como mellor queirades. 

O que si vos vou lembrar son as bases, que seguirán como en anos anteriores:

-Estarán escritos en galego.

-Entregaranse rotulados unha vez corrixidos.

-Terase en conta a presentación: valorarase moito a curiosidade.

-Pódense realizar ilustracións que acompañen o texto, así conseguiredes que a vosa historia sexa máis atractiva!!! Lembrade rotulalas e pintalas...

-Facédelle unha portada onde se poida ler o título da historia, o voso nome e, se queredes, unha ilustración.

-Se estades en Educación Infantil ou en 1º e 2º de Primaria, podedes escribir unha historia colectiva entre todas as persoas do grupo.

-Para os que estades nos cursos de 3º a 6º, os traballos serán individuais.

-Os traballos meteranse no meu buzón, á entrada da Biblioteca, pero comunicádello antes á vosa mestra ou mestre, para metelos todos xuntiños!!!!

-O prazo de entrega remata o vindeiro MÉRCORES, 27 de outubro.

-Os premios entregaranse o día 29, cando celebraremos a festa no cole. Haberá un premio para Infantil, outro para 1º e 2º, un máis para 3º e 4º e outro para 5º e 6º.

AGARDO AS VOSAS HISTORIAS!!!

A outra noticia que quero comentarvos e que haberá Concurso de Cabazas!!! Premendo na imaxe podedes ler toda a información!!!
 

 

 

Rosiña