Amosando publicacións coa etiqueta día da biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta día da biblioteca. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de outubro de 2021

DÍA DAS BIBLIOTECAS

O 24 de outubro celébrase o "Día das Bibliotecas", un dos espazos con máis maxia que existe. Na nosa biblioteca, tan acolledora, pasamos moitos momentos ao longo do curso, e aínda que a covid nos impide compartir moitas actividades en grandes grupos, podemos sentirnos moi orgullosas de mantela aberta durante toda esta época de cambios.

Por iso, esta semana rematámola facendo nela unha actividade que nos gusta moito: compartir historias!!! Por iso veu ao cole Alba Bermúdez, que nos xuntou en dúas quendas na biblioteca, onde pasamos unha xornada moi entretida e divertida. Baixo o título "Comechíns, segundo prato", Alba mergullounos nun mundo imaxinario e a través de varias historias descubriunos como a lectura pode abrir o apetito... Moitas delas témolas na nosa biblioteca, así que xa sabedes que podedes facer cada vez que vos entre a fame!!! 
Premendo aquí podedes ver as fotiños que fixemos nesta magnífica sesión. Moitas grazas, Alba!!!
Apertas, 
Rosiña

luns, 26 de outubro de 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Aquí vos  presento o vídeo que realizaron as nenas e nenos do CEIP Víctor Sáenz para conmemorar o "Día das Bibliotecas", porque aínda que estamos vivindo unha situación que nos impide realizar as actividades do xeito no que estabamos acostumadas, sabemos que as bibliotecas non deben faltar nas nosas vidas!!! 

Espero que vos guste moito esta pequena montaxe que fixemos cos vosos recitados, poetas marabillosas!!!


martes, 22 de outubro de 2019

DÍA DA BIBLIOTECA 2019

O 24 de outubro celébrase o "Día da Biblioteca". Cada ano, a Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil encarga a dúas persoas a elaboración dun pregón e un cartel. Nesta ocasión, o cartel é deseño do ilustrador valenciano Miguel Calatayud, e o pregón foi escrito pola valenciá Gemma Pasqual, texto que traduciu ao galego Héctor Cajaraville.
Aquí vos deixo os dous documentos, para que poidades compartilos o próximo xoves:



E xa que Isabel Risco nos falou onte sobre profesións, aquí lanzo tamén unha pregunta para todas vós: non vos gustaría ser bibliotecarias e bibliotecarios? 





luns, 21 de outubro de 2019

ACTIVIDADES PARA CELEBRAR O DÍA DA BIBLIOTECA 2019

O próximo 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca". No noso cole xa tivemos hoxe unha actividade con motivo desta celebración, onde a ratiña Lilí Gruyère (Compañía de teatro Trinque Trinque), chegada de Lonxedetodo, xogou connosco a adiviñar diferentes profesións, ademais de contarnos un par de historias moi entretidas: "O meu pai é un pallaso" e "Familias, familias, familias".



Divertímonos moito con Isabel Risco e o seu espectáculo, a quen agradecemos desde aquí a súa visita ao noso cole. Premendo AQUÍ podedes ver as fotos que fixemos durante esta sesión na nosa biblioteca.



luns, 22 de outubro de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA 2018


O próximo 24 de outubro celebramos o "Día da Biblioteca"!!!
 
Este ano, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil celebrará o “Día da Biblioteca” en Oviedo, na biblioteca “Ramón Pérez de Ayala”. Alí reuniranse persoas que se adican a profesións moi relacionadas cos libros: persoas bibliotecarias, escritoras, ilustradoras, narradoras de historias, editoras… E tamén mestras e mestres. Pode que incluso se acheguen algúns animais á citada biblioteca… Eu, polo menos, penso ir. Ademais, coma cada ano dende 1997, a Asociación encarga a elaboración dun pregón e dun cartel, que nesta ocasión recaeu no escritor Gonzalo Moure (Premio Cervantes Chico 2017), e no ilustrador Alfonso Zapico (Premio Nacional de Cómic 2012).
Gonzalo Moure é un escritor do que temos varias obras na nosa biblioteca, algunha das cales foi elixida tamén no noso club de lectura “Os Xurelos Lectores”. Se non o coñecedes, memorizade ben o seu nome, xa que este escritor é desas persoas que sempre aportan, que merecen a pena, que son imprescindibles… Queredes ler o pregón que escribiu para celebrar o “Día da biblioteca” este ano? Leva por título “O día da luz”, e di así:

Veño do deserto do Sahara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis olvidado dos cinco campamentos de refuxiados saharauis. É a cuarta biblioteca que construímos, e é fermosa. No centro plantamos árbores, para que os nenos e xóvenes do Sájara poidan experimentar o gozo de sentarse á súa sombra a ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún “templo do silencio”, senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir a buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorarse mirando uns ollos por riba dun libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar no que se descubre ao outro, de papel ou de carne.
Nunha película inesquecible, a mellor película de ciencia ficción da historia, “2001, unha odisea do espazo”, aparece un monólito cada vez que o home se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debería poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio do home, o lugar no que se experimenta con emocións, descubrimentos, utopías, apostas. Somos o que somos porque pensamos e escribimos sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as próximas xeracións. 
Así que unha biblioteca non é só un lugar no que invitar a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar no que invitar a escribir. As bibliotecas do século XXI son, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, mollóns do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo. 

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para os saharauis. Págaas a nosa sociedade civil, mediante socios adultos, e mediante actividades solidarias en colexios, institutos e bibliotecas. E os alumnos e lectores que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprender a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a miles de nenos, xóvenes e adultos que fixeron o posible co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lector saharaui ten ao seu carón a miles de lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima en un lugar tan hostil.  
Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña cerca unha biblioteca, ou un amoroso bibliobús. Que non haxa un só neno, xoven ou adulto, que non roce a man dunha bibliotecaria que lle aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa un só ser humano conectado ao que foi, ao que é e ao que será. 
Na túa man hai millóns de mans, estreitando a túa, acompañándote no camino. Tenras ou cheas de callos, pequenas ou grandes. No libro que te espera na mesiña de noite ou onda o sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Pero todos preciosos. Conectados todos por un invisible fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabable e luminoso. Inacabable, e así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir O día da luz.
Feliz día, feliz século.
(Texto: Gonzalo Moure. Cartel: Alfonso Zapico)

martes, 16 de outubro de 2018

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA

Para celebrar o Día da Biblioteca, este curso no que o eixe temático é a ciencia, eliximos unha canción na que o protagonista é un dos animais máis utilizados nos laboratorios científicos: os ratiños. Neles realízanse estudos de biotecnoloxía e na industria médico-farmacéutica, co obxectivo de desarrollar novos produtos (vacinas, por exemplo), e probar a eficacia e seguridade de todo tipo de medicamentos, así como para analizar procesos coma o cancro e enfermidades infecciosas, entre outras.  

Considéranse un animal idóneo para isto porque é pequeno, manexable, fácil de criar e cun ciclo vital rápido, aínda que son moitas tamén as persoas que amosan a súa oposición a esta actividade, que acaba coa vida de miles de animaliños dunha maneira pouco digna.

Pero nós imos elixir un ratiño que non é empregado para estes fins, afortunadamente!!! Este é un ratiño de campo, pero ao que deixou de gustarlle o queixo… Seica coñeceu a Rosiña e fixo moi boas migas con ela, así que lle contaxiou a súa afección pola lectura. Esa paixón tamén a transmiten día tras día as persoas que traballan nas bibliotecas, así que con esta canción queremos homenaxear a todas as bibliotecarias e bibliotecarios!!!! Escoitade e cantade “O rato de biblioteca”, poema escrito por Xoán Neira no seu libro “Chafarís”: