Amosando publicacións coa etiqueta carta Rosinha. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta carta Rosinha. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de novembro de 2020

ACTIVIDADE PARA CELEBRAR O DÍA CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER

OLA, RAPACIÑOS E RAPACIÑAS!!!

Como estades? Eu, sinceramente, moi contenta de vervos polo cole, de saber que seguides sans e coas enerxía que vos caracteriza!!! Lembrade que é moi importante que sigamos tomando todas as precaucións acordadas.

Hoxe escríbovos para contarvos a próxima celebración que realizaremos no cole, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro. Esa data aparece sinalada no calendario como o "Día contra a violencia cara a muller", aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999. Desde entón xa pasaron 21 anos, pero aínda seguimos vivindo situacións que amosan que moitas persoas seguen a sufrir diferentes tipos de violencia.

Eu quero convidarvos a realizar unha actividade na aula que logo expoñeremos por todo o cole. Leva por título “QUE NINGUÉN TE ENGAIOLE” e consiste en realizar unha gaiola na que se atope a silueta dunha ave que vós elixades e na que os seus barrotes estean compostos por oracións que falen daqueles dereitos que ninguén debe quitarche. Tede en conta que hai moitas maneiras de violencia, non só pegar fisicamente é maltrato… Poden comezar con “Ninguén ten dereito a…” 

E as nenas e nenos de Infantil, que estades aprendendo a escribir, podedes construír a gaiola empregando as vosas pegadas dactilares.

Na súa portiña, podemos escribir o número 016, que é o número de teléfono de atención a víctimas de violencia de xénero.  

Agardo ver os vosos traballos!!!

Unha aperta,

 

martes, 20 de setembro de 2016

O TEMA PARA O PROXECTO DESTE CURSO É...

Ola, rapaciñas e rapaciños!!!
Como estades? Eu sigo no Brasil. Onte remataron os Xogos Paralímpicos, nos que España conseguiu un total de 31 medallas, a grande parte delas en natación, como as que gañou a nosa coñecida TERESA PERALES. A festa destes grandes deportistas paralímpicos coincidiu coa cerimonia de clausura: a pira non se acenderá ata dentro de 4 anos a miles de quilómetros de Río: os próximos Xogos Olímpicos celebraranse en Tokio.
E eu, durante estas semanas no Brasil, ademais de desfrutar dos acontecementos deportivos, tamén quixen coñecer a fondo esta cultura, así que aproveitei todo o que puiden: viaxes, espectáculos, xuntanzas con amizades, películas, encontros con persoas relacionadas co mundo da literatura, cociñeiros e cociñeiras, etc. Tantas cousas que non vou ter tempo para contárvolo todo!!! 
Pero o que si vos quero dicir é que houbo unha cousa que me sorprendeu moitísimo: a CAPOEIRA. Descoñecía por completo o que era isto, e a primeira vez que puiden ver un espectáculo de capoeira quedei marabillada. Introducida no Brasil por descendentes africanos sobre o século XVI, é unha arte marcial que combina danza, música e acrobacias. Caracterízase polos movementos de pernas e brazos e polos saltos. Tradicionalmente practicábase ao ritmo do "berimbau", que é un instrumento de corda percutida, pero na actualidade tamén se empregan outros instrumentos de percusión como acompañamento. Vendo o seguinte vídeo podedes facervos unha idea sobre como se leva a cabo:


E no seguinte podedes observar en que consiste unha clase de capoeira para nenos e nenas:

Bueno, non quero contarvos máis sobre a capoeira, pero si dicirvos que tanto me emocionei vendo aos brasileiros practicándoa que pensei: a capoeira ten algo de deporte e moito de música. Sobre o deporte xa investigamos, pero... sobre a MÚSICA non!!! Así que aquí vai a miña proposta: que tal se convertimos o 2016-2017 nun curso musical? Que banda/s sonora/s lle poñemos? 
Para empezar, anímovos a que me axudedes co lema. Chegarei na próxima semana, así que sería estupendo que xa o tiverades decidido!!! Veña, poñede xa esa creatividade en marcha; seguro que saen cousas tan atraíntes que non quedará unha soa persoa que non se enganche á biblioteca a través da música. Agardo as vosas propostas con tanta emoción que xa non sei se durmirei durante os próximos días...
Unha aperta enorme para todos, ARTISTAS!!!!

luns, 12 de setembro de 2016

BENVIDA AO CURSO 2016-17

Ola, rapaciñas e rapaciños!!!
Aquí estamos de novo!!! Como vos foi o verán? Seguro que tedes un montón de cousas para contarme. A min e aos mestres e mestras que vos reciben hoxe na escola. Xa me gustaría estar aí convosco. Mais nesta ocasión tamén me perderei a inauguración do curso, xa que estou no Brasil. Despois dun ano adicado ás Olimpíadas, non quixen perder a ocasión de viaxar ata aquí para vivilas en directo. Tiven moitísima sorte e atopei un billete a bo prezo nun avión moi especial: a comandante era unha vaquiña que seica naceu en Pino de Val, as azafatas eran unha gata e unha porquiña, e os "azafatos" eran un can e un rato. Non imaxinades que voo tan confortable!!! E Brasil é espectacular!!! Ademais de desfrutar das súas tradicións, da súa xente, da súa maneira de falar..., tamén asistín a varios dos acontecementos deportivos que alí se celebraron. Celebrei todas as medallas que conseguiu España, 17 en total, e retrateime con Carolina, Mireia, Ruth, Rafa e Pau. Escribo só os seus nomes porque xa os considero colegas meus, pero para os máis despistados, falo de Carolina Marín, Mireia Belmonte, Ruth Beitia, Rafa Nadal e Pau Gasol. 
E despois de tan fermosa experiencia, non quixen perder a ocasión de asistir tamén ás competicións Paralímpicas que están a celebrarse estes días. Ademais, despois da fermosa carta que nos escribiu Teresa Perales, apetecíame moito vela en acción. Xa vos contarei todos os detalles ao meu regreso!! Pero ata entón, quería mandarvos un saúdo moi forte e darlle a benvida ás rapaciñas de 3 anos e tamén ás novas mestras e mestres do cole. E, por suposto, tamén a todas as persoas que xa coñezo!!! Espero que teñades un fermoso comezo de curso e que veñades cheas de enerxía para aproveitalo ao máximo. Envíovos esta fermosa canción brasileira para que compartades no patio. A letra di, "o verde é maravilha"; este curso tamén pode ser unha marabilla!!! Comezamos xa!

mércores, 30 de setembro de 2015

O TEMA DOS PROXECTOS PARA ESTE CURSO

Pois por fin chegou Rosiña!!! Tardou pero veu cos deberes feitos: deixounos unha cartiña na que xa propón o tema sobre o cal xirarán todas as actividades posibles ao longo do curso. E cal é? Pois para todas aquelas persoas que non puideron ler a súa misiva adiantámoslles que a nosa porquiña preferida elixiu os XOGOS OLÍMPICOS!!! Será que quere viaxar a Brasil o próximo verán? Ou é idea dalgunha das persoas que se cartean con ela no seu buzón? Fora como fora, o caso é que xa está decidido. Como diría unha tartaruga que todos/as vós coñecedes, "a miña decisión está tomada"! 
E xa sabedes que neste primeiro comunicado Rosiña retouvos: adiviñastes de onde vén iso de "MARATÓN"? Por que se lle chama así a esa carreira tan longa? Non esperedes para sorprendela e comezade a deixar as vosas conclusións no seu buzón!!!


luns, 22 de setembro de 2014

SAÚDO DE ROSIÑA

Ola, rapaciñas e rapaciños!
Xa estamos de novo aquí, inaugurando un novo curso escolar. Nesta ocasión, decidimos facelo cantando un tema de Magdalenas Fleitas cunha mensaxe que esperemos non se nos esqueza ningún día: "SONREÍR NO CUESTA NADA, Y SONREÍR LO PUEDE TODO". Tamén un sorriso se lle debeu debuxar na súa cara a Rosiña, ao ver que a Biblioteca xa estaba funcionando a pesar de que ela aínda non chegara das súas vacacións. Pero Rosiña trae novidades para este curso: un novo proxecto!!! Seguro que xa lestes a carta que vos deixou nas aulas, pero deixámosvola aquí para os que non puideran facelo e para os que queiran volvela ler. E xa sabedes que agora hai que comezar a traballar, porque queremos aprender un montón de cousas sobre o cine, non si? Pois adiante!!!


luns, 7 de outubro de 2013

CARTA DE BENVIDA DE ROSIÑA

O venres chegou unha carta de Rosiña para todos as nenas e os nenos do cole!!  É unha carta de benvida ao novo curso!
Seguramente xa a lestes na clase coa vosa profe pero podedes volver a lela aquí!!
Deixamos enton que sexa ela a que nos saúde e nos da a benvida a un novo curso e a unha nova aventura!!