Amosando publicacións coa etiqueta nadal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nadal. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de decembro de 2020

BO NADAL E FELIZ 2021

Ola, familias!!! Este curso despedimos o primeiro trimestre dun xeito moi diferente ao que estabamos acostumadas, pero ocorréusenos outra actividade: gravar un vídeo para felicitarvos as festas!!! Eliximos unha canción de Iván Vale na que incluímos a linguaxe de signos, e que aprendemos en grupos para logo xuntar nun vídeo colectivo que aquí vos presento. Pasámolo moi ben aprendéndoo, e espero que o resultado vos chegue ao corazón e vos alegre este Nadal tan diferente; seguro que debuxamos moitos sorrisos nos vosos fogares, e iso é o verdadeiramente importante!!!

Moitísimas grazas a todas as persoas por animarse a participar, xa que ademais das nenas e nenos do cole saen as mestras e mestres, as cociñeiras, o conserxe... Só quedei eu, porque teño serias dificultades para atopar unha máscara que me permita achegarme a vós, pero paseino moi ben vendo todo o proceso...

Aquí vos presento o resultado, aproveitando tamén para enviarvos un abrazo enorme a todas:

 


martes, 22 de decembro de 2020

CONCERTO DE PAKOLAS

Se a xornada de onte foi máxica, a de hoxe foi musical a tope!!! Recibimos a Pakolas, quen xa nos acompañou hai varios cursos polo "Día da Biblioteca". Hoxe veu cunha compañeira moi especial: a ilustradora Laura Romero, que ía realizando debuxos fantásticos ao tempo que Pakolas interpretaba os rockeiros temas do seu último disco. Pasámolo xenial cantando, bailando, saltando, rindo, escoitando e observando... Só tedes que premer AQUÍ para comprobar que conto a verdade!!!

Pakolas e Laura nun momento do espectáculo.

Esta foi a actividade de despedida do trimestre, xa que este curso decidimos non celebrar o festival de Nadal... Unha mágoa non poder preparar algo para compartir coas nosas familias, falar un ratiño e abrazarnos desexándonos unhas boas festas, pero polo menos puidemos despedirnos cunha actividade colectiva que nos gustou moito: moitas grazas, Paco e Laura polo voso ben facer!!!

Unha aperta,

luns, 21 de decembro de 2020

MAXIA CON IAN E ELISA

A xornada de hoxe foi máxica!!! Esta mañá estiveron no cole Ian e Elisa, unha parella que nos entretivo durante unha sesión na que combinaron contos e teatro, sombras chinesas e trucos de maxia... Pasámolo moi ben, e ademais coincidiu co cumpre de Anxo, así que parte do espectáculo tamén foi adicado a el!!!


Foi todo tan máxico que ata vimos nevar no cole!!!



Anxo estaba moi contento co agasallo que recibiu.

E se queredes ver o resto das fotos desta mañá, só tedes que premer AQUÍ.

POSTAIS PREMIADAS NO NADAL 2020

Hoxe entregamos os premios ás postais gañadoras no "Concurso de postais de Nadal 2020". Xa que este curso non as tivemos expostas tantos días como en anteriores edicións, é posible que non vos lembredes dos deseños que crearon as vosas compañeiras e compañeiros. Por iso xunto aquí a recollida do premio coa postal:


A verdade é que tivo que ser moi complicado decidirse por unhas ou outras, xa que todas estaban moi ben e son un bo exemplo da vosa creatividade e bo facer, así que en hora boa a todas as persoas por participar!!!!

Se queredes ver todas as fotos premede AQUÍ.


 

venres, 18 de decembro de 2020

GUÍA DE LECTURA NADAL 2020

Aquí vos traigo a segunda GUÍA DE LECTURA do curso, que nesta ocasión chega con algunhas novidades que podedes pedir aos Reis Magos, ao Apalpador ou a Papá Noel... Nela van recomendacións para idades diferentes, incluíndo tamén adultas, e unha pequena selección de cousiñas que podedes compartir en familia. Espero que vos guste e, se algunha destas ideas se converte nun agasallo, non dubidedes en contarme que vos pareceu!!! 

Unha aperta enorme:





EXPOSICIÓN DAS POSTAIS DE NADAL E UN VÍDEO ESPECIAL

Ola!!! Xa falta pouco para rematar o trimestre, e coa chegada destas primeiras vacacións comezan tamén as festas de Nadal. No cole convocamos o "Concurso de postais", animándovos tamén a que as escribirades pensando nas persoas ás que podemos enviárllelas, xa que este ano as celebracións deberán ser menos numerosas do que desexariamos... Así que estou segura de que as persoas que reciban as vosas postais se alegrarán moito e sentiranse moi contentas de saber que vos acordades delas. Eu, antes de que comecen a súa viaxe, fíxenlles unha foto para que poidades ver o bonitas que quedaron, e aquí van para todas vós: FOTOS "CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL 2020"

Lembrade que algunhas delas recibirán un premio que entregaremos no comedor do cole. Cales serán as gañadoras? 

Tamén quería compartir con vós un vídeo que fala da soidade das persoas nesta época do ano. Tristemente, son moitas as que pasan os días sen compañía, durante o Nadal pero tamén durante o resto do ano, e moitas veces sen desexalo. Así sucede nesta ocasión, e aínda que o vídeo xa foi realizado hai un ano, adáptase moi ben para esta situación de pandemia... Espero que vos guste moito!

Unha aperta enorme!!! 


venres, 11 de decembro de 2020

CELEBRAMOS OS DEREITOS

Un curso máis, no cole celebramos o "Día dos Dereitos da Infancia" e o "Día dos Dereitos Humanos", datas que adoitamos agrupar nunha actividade que aproveitamos tamén para decorar a árbore de Nadal. Este ano, debido ás circunstancias, e como vimos facendo desde setembro, participamos nestes actos conmemorativos co grupo no que estamos escolarizados, e despois facemos unha montaxe audiovisual para poder vernos todas as participantes. 

Para esta celebración, propuxemos facer oviños de aves, e decoralos libremente para colgar, xunto a un desexo, na nosa árbore, que cada neno e cada nena lía para a gravación. O resultado é o que podedes ver a continuación; espero que vos guste moito e que se vexan cumpridos tantos bos desexos!!! 

Unha aperta,

 


mércores, 11 de decembro de 2019

CACHIRULO TEATRO E A HISTORIA DO APALPADOR

O Apalpador é un persoanxe da tradición popular galega nacido no Courel. Está unido ás festas do Nadal, e gústalle compartir connosco estes días. Esta tarde visitounos con Jorge, de Títeres Cachirulo, quen nos fixo pasar un rato moi entretido coñecendo a este pastor grandullón e bo, de mirada doce e barba longa que, co seu abrigo cheo de remendos percorre Galicia a grandes zancadas.
Durante o ano fabrica carbón, aliméntase de froitos silvestres, recolecta mel e fai aparecer xoguetes que as árbores do bosque agochan. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita ás nenas e nenos casa por casa e déixalles castañas quentiñas e xoguetes de madeira.
Pasámolo moi ben coas aventuras desta compañía que xa ten un longo percorrido, xa que desde a súa creación (no ano 1985) foron moitos os espectáculos que achegaron ao público infantil. E que sigan moitos máis!!!!
Moitas grazas, Jorge, polo teu ben facer!!! Esperamos verte en novas ocasións!

Premendo sobre esta imaxe podedes ver as fotos desta xornada.


martes, 10 de decembro de 2019

CELEBRAMOS O DÍA DOS DEREITOS

A árbore de Nadal chea de paxariños.
Hoxe, 10 de decembro, celebramos o "Día dos Dereitos" no cole. Para iso xuntámonos no corredor do cole, onde o alumnado de 5º e 6º preparou un pequeno texto informativo sobre a súa orixe e o que significa para todas e todos eles. Despois colgamos os nosos paxariños cheos de bos desexos para celebrar o Nadal. Nas súas siluetas había frases moi fermosas que facían referencia á igualdade, ao respecto, á liberdade, á paz... Cada persoa colgou o seu paxariño e leu o que nel incluía, enchendo a árbore non só de bonitas figuras e cores, senón tamén de palabras que debemos ter presentes en todo momento, xa que fan referencia ás cousas máis importantes da vida.
Para rematar o acto, escoitamos o podcast realizado en 3º e 4º sobre Ana Frank, coñecendo así a dura historia desta nena. 
Aquí vos deixo as fotos que fixemos esta mañá (premede sobre a imaxe para velas todas).


xoves, 20 de decembro de 2018

XORNADA DE INCHABLES E OUTRAS ACTIVIDADES

Izan, Luzdivina e Valeria desfrutaron a tope!
A xornada de hoxe anticipou as próximas vacacións. Despois do recreo, a empresa encargada das actividades extraescolares no centro trouxo un dos agasallos cos que máis desfrutades as nenas e nenos do cole: os inchables!!!! Pero tamén organizaron xogos de equipo e algunha actividade individual, como a elaboración de chapas que vós mesmas/os deseñastes!!!
O xogo da ra tamén atrapou o entusiasmo de nenas e nenos
As imaxes xa amosan o ben que o pasastes, nun día que adicamos a ensaiar para o festival de mañá, entregarvos as notas, recoller algúns dos traballos que fomos facendo ao longo do trimestre, etc.
O paracaídas
Tamén nos encantou o obradoiro de chapas!!!
Premendo sobre as imaxes tedes as fotografías de hoxe. Queremos agradecer ás monitoras e ao monitor a súa proposta e o esforzo por desenvolvela desta maneira!!!


luns, 10 de decembro de 2018

DÍA DOS DEREITOS NO COLE

https://photos.app.goo.gl/VW6feiaB2c1w2mnBAEsta semana arrancou coa celebración dunha data moi importante para nós: os 70 anos da Declaración dos Dereitos Humanos. Este documento, firmado en París polos países da Organización das Nacións Unidas (ONU) en 1948, é un dos documentos máis importantes da historia da humanidade. Os dereitos humanos son os dereitos que temos todas as persoas polo simple feito de existir. Respectalos permite crear as condicións indispensables para que os seres humanos vivamos dignamente nun entorno de liberdade, xustiza e paz. Moitos deles foron elixidos por vós para decorar o símbolo do ADN, que acabamos colgando na nosa árbore de Nadal!!! Tristemente, moitos deses dereitos aínda non se cumpren en moitos lugares do noso pequeno planeta. Por iso pensamos que, neste ano adicado á ciencia, sería marabilloso podelos incluír dentro das instrucións do noso ADN. Se entre as instrucións xenéticas dese libriño, como nolo explicou Ángel Carracedo, estiveran todos estes dereitos, canto máis amor non habería no mundo!!! Cada unha de nós temos que facer todo o posible para que iso sexa así, estades de acordo?  
Podedes ver todas as fotos premendo na imaxe.

martes, 12 de decembro de 2017

CELEBRAMOS OS DEREITOS

Arrancamos esta semana coa celebración dos Dereitos do Neno e Humanos. Ademais de ler e consultar os libros que temos na exposición do corredor, durante estes días nas aulas falamos moito de dereitos, uníndonos tamén á "Carreira Save the Children", que nesta ocasión se adicou a Sudán do Sur, o país máis xoven e tamén un dos máis vulnerables. Por este motivo, falamos de África, dos dereitos, das dificultades que atravesan as persoas sursudanesas, etc., expoñendo no corredor do cole un pequeno mural que resume algúns dos aspectos máis traballados nas aulas. E cantamos en galego unha canción de orixe francesa que tamén ten a súa versión en varios países africanos: "Frère Jacques", para o cal nos acompañaron os guitarristas e ukelelistas do cole!!!
Despois, colgamos os nosos desexos na árbore de Nadal, que este curso escribimos en cunchas de vieira, símbolo dos peregrinos do Camiño de Santiago. E, para rematar, un bo feixe de abrazos entre todas as persoas aquí reunidas!!!
Premendo AQUÍ podedes ver todas as fotos.


xoves, 22 de decembro de 2016

VISITA DE RUBÉN Á RADIO

Este luns, Rubén Blanco Pereira visitou a radio!!! Viaxou ata Cee con outros rapaces e rapazas do concello, onde gravaron unha cuña en Radio Nordés Cadena SER para felicitarnos o Nadal. Queredes escoitalos? Seguro que si, así que aquí vos deixo un vídeo con imaxes desa tarde, pero estade atentos tamén á radio!!!

martes, 20 de decembro de 2016

GÚIA DE LECTURA NADAL 2016

Xunto coa postal e as notas, tamén levades para casa unha guía de lectura, na que atoparedes algunhas recomendacións literarias para pedir aos Reis, ao Apalpador ou a Papá Noel este Nadal. Algunhas delas, ademais, están moi relacionadas coa música!!! Seguro que algunha delas atrae a vosa atención!!!

venres, 9 de decembro de 2016

CELEBRANDO O DÍA DOS DEREITOS

Coma noutras ocasións, tamén este ano traballamos no cole o tema dos Dereitos do Neno e o dos Dereitos Humanos. O primeiro deles, que se celebra cada 20 de novembro dende 1954, é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos/as, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desarrollo. O obxectivo é recordar á cidadanía que os nenos e nenas son quenes máis padecen as crises e os problemas do mundo, e que todos e todas teñen dereito á saúde, á educación e á protección, entre outros, sen importar en que lugar do mundo nacen e/ou viven. 
O Día dos Dereitos Humanos celébrase todos os 10 de decembro. Este ano, esta data fixo unha chamada a todos para defender os dereitos dos demais, sen importar as súas características: dun refuxiado ou migrador, unha persoa con discapacidade, unha muller, un indíxena, ou calquera outra persoa en risco de ser discriminada ou sufrir algún acto violento. 
As Nacións Unidas elaboraron o seguinte vídeo para este 2016:

 

Entre as organizacións que traballan por conseguir que todas as persoas do mundo teñan dereitos está "Save the Children", ONG coa que colaboramos desde hai moitos anos. Nesta ocasión, a edición adicouse a Etiopía, un dos países de África que máis está padecendo as consecuencias da seca na actualidade, o que afecta a máis de 8 millóns de persoas!!! Foi por iso que tamén o alumnado de 5º e 6º nos contou algunhas cousas sobre Etiopía e a importancia da auga doce, imprescindible para a vida humana. 
Para rematar a sesión, colocamos a nosa particular árbore de Nadal, que nesta ocasión decoramos con notas musicais (corcheas) de diferentes cores nas que cada persoa escribiu un desexo relacionado cos dereitos da infancia e dos adultos. Esperamos que se vexan todos cumpridos!!! 
Se queredes podedes ver todas as fotos premendo AQUÍ.

venres, 19 de decembro de 2014

CARTA AO APALPADOR

Pois como non podía ser doutra maneira, pensei que nesta ocasión as peticións literarias tiñan que estar relacionadas co cine. Así é como decidín escribir unha cartiña con películas baseadas en obras literarias!! É esta unha guía especial, unha guía con recomendacións para ler, ver e escoitar...


venres, 20 de decembro de 2013

FESTIVAL DE NADAL

Hoxe, venres 20 de decembro, celebramos o Festival de Nadal 2014 coas representacións e actuacións preparadas nas titorías por tódolos cursos, e algunhas actuacións individuais. Case todas as actuacións tiñan relación co Proxecto Integrado de este ano PAPACONTOS ZAMPALIBROS, que xira arredor do tema da gastronomía.
Ao rematar o festival recibimos a visita dos REIS MAGOS DE ORIENTE, que nos trouxeron unha chea de agasallos para todos os nenos e nenas do cole.
Aquí tedes algunhas fotos da xornada.




A biblioteca deixavos á vosa disposición o enlace a un recopilatorio de recursos sobre o Nadal que de seguro vos vai encantar. Pincha sobre a ilustración para acceder a eles



domingo, 15 de decembro de 2013

GUÍA DE LECTURA NADAL 2013

Velaí van as nosas recomendacións lectoras para este Nadal. Podedes ir botándolle un ollo para anotalas para as vosas cartas ao Apalpador, a Papá Noel ou aos Reis Magos. Seguro que atopades algún título que vos guste.
Escollede ben !!!


venres, 13 de decembro de 2013

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Todos os anos se convoca o CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL e este ano non ía ser menos. Os nenos e nenas presentaron os seus magníficos traballos feitos na aula. 
Os gañadores deste concurso resultaron ser: 

  • Educación Infantil: Todos os alumnos 
  • 1º Ciclo de Educación Primaria: Mª JOSÉ VILA GRILLE (1º
  • 2º Ciclo de Educación Primaria: ALEX INSUA MOLDES (4º)
  • 3º Ciclo de Educación Primaria:  DANIEL ANTELO REY (6º)

A postal da Daniel resultou finalmente a gañadora final e converteuse na postal oficial do colexio. Foi enviada aos domicilios de todos os alumnos e a outros centros educativos e estamentos públicos.

 Podes descargala desde AQUÍ

    martes, 20 de decembro de 2011

    A NOSA CARTA PARA OS REIS MAGOS: GUIA DE LECTURA 2011

            Aínda non escribiches a carta para os Reis Magos??? De verdade?? Pero a qué estás esperando??
    Bueno, como de seguro, xa oiches na tele ou na casa, estamos en tempos de CRISE; así que tes que facer peticións con moito sentidiño e pensar que aos Reis tamén lles afecta a crise.
    Non podemos pedir todo o que queiramos pero sí podemos elixir cousas que non son moi caras e que, sen embargo, nos van a facer pasar momentos moi divertidos.
    Eu suxírovos que elixades aquí algún dos vosos regalos para Reis. Podo asegurarvos que todos serán do voso gusto.
    Xa ten forma de carta así que se a imprimides tan só tedes que rodear o que queredes.