Amosando publicacións coa etiqueta día da Muller. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta día da Muller. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de marzo de 2022

VISITA DE JOSEFINA LING, UNHA MULLER ASTRÓNOMA

A actividade desta xornada tamén estivo centrada nas mulleres, nesta ocasión relacionándoa tamén co proxecto deste curso. Por ese motivo, contactamos con Josefina Ling, unha experta en astronomía. Josefina estivo contándolle ao alumnado do cole como comezou a interesarse por este tema tan fascinante e explicándolles en que consistía o seu traballo no Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Santiago de Compostela), centrado na observación das estrelas dobres. Confesounos a súa emoción cando descubriu unha destas estrelas, na constelación de Casiopea, que agora leva o seu nome: Ling 1. Falounos tamén dalgunhas das vidas de grandes astrónomas, como Carolina Herschel, Jocelyn Bell ou a galega Antonia Ferrín Moreiras, que forman parte da exposición que podedes visitar no noso cole durante esta semana, que foi coordinada pola propia Josefina Ling. 

O alumnado de 3º a 6º con Josefina na entrada da biblioteca.
 Ao final, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tamén puido facerlle unha pequena entrevista para realizar un programa de radio adicado a esta importante muller que tivemos a sorte de coñecer. Moitísimas grazas, Josefina, polo teu traballo e pola túa amabilidade con todas as persoas que compartimos esta mañá contigo!!!

Premendo sobre a imaxe podedes ver o resto das fotografías.

Unha aperta,

Rosiña

martes, 8 de marzo de 2022

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Hoxe, 8 de marzo, celebramos o Día da Muller, e por iso no cole temos varias actividades programadas. Unha delas iniciámola no mes pasado, coa proposta para o "Día da nena e a muller na ciencia" na que cada familia realizaría un traballo de investigación sobre unha científica elixida libremente. O resultado desa exposición xa podedes observalo na entrada da biblioteca, na que atoparedes as creacións que fixestes nos vosos fogares. Podedes visitala cando queirades, e aínda que nas aulas xa falastes e expuxestes cal foi a vosa elixida, aproveitade tamén para descubrir a elección do resto dos grupos. Descubriredes as interesantes vidas dalgunhas biólogas, astrónomas, naturalistas, químicas..., de distintas partes do mundo (galegas tamén!). Os traballiños quedaron moi xeitosos, pero o máis importante é que reflexionemos como sociedade para que a igualdade da muller sexa acadado en todos os ámbitos: o científico, por suposto, pero tamén moitos outros que a pesar de non estar presentes na exposición é necesario ter en conta, xa que o xénero non debería ser nunca motivo de discriminación

Estes días, a cor violeta ilumina a entrada da biblioteca.

 

Unha aperta,

Rosiña

martes, 19 de outubro de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DA MULLER RURAL

O pasado venres, 15 de outubro, celebrouse o "Día da Muller Rural", unha data que nos parece moi importante por moitas razóns; entre elas:

-grazas a moitas das mulleres que se adican á agricultura, que labran a terra e plantan sementes, poden alimentarse nacións enteiras;

-garanten a seguridade alimentaria das súas poboacións, e axudan a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático.

Sen embargo, como sinala a ONU, as campesiñas sofren moitas desvantaxes en relación cos homes que se adican tamén a actividades no ámbito rural: resúltalles máis difícil acceder aos terreos, aos materiais agrícolas, a axudas, etc. E en moitos casos, ademais, son tamén elas as que se encargan dos traballos domésticos sen recibir ningún salario (limpeza da casa, preparar a comida, coidar das persoas maiores, etc.)

No cole fixémoslles unha homenaxe a todas esas mulleres que nos facilitan tanto a vida, porque valoramos moito o seu esforzo, a súa adicación, e porque nos sentimos moi orgullosas delas. Tamén porque nos parece un traballo moi digno, nun entorno privilexiado, e gustaríanos que todas as nenas do cole que soñan con traballar no rural o teñan máis doado.

Para iso partimos do tema do proxecto, e xurdiu unha actividade na que ilustramos a Ceres, a deusa da agricultura para os romanos, e construímos planetas ananos feitos con diferentes cereais, e quedounos algo tan bonito coma isto:

Todo o alumnado participou na celebración.

Rosiña

martes, 22 de xuño de 2021

ORNITÓLOGAS E PIONEIRAS

Ola!!!

Outro traballo que chega coa fin do curso: un vídeo realizado en 5º e 6º de Primaria sobre un traballo de investigación adicado a mulleres ornitólogas. Partindo da celebración do "Día da nena e a muller na ciencia", e unido ao "Día da muller", quixeron centrar o seu estudo en mulleres que estiveran moi relacionadas co mundo das aves, e que ademais destacaran nalgún aspecto determinado. Así, aquí atoparedes sobre todo mulleres estadounidenses, pero tamén unhas cantas de España e unha latinoamericana coa que tiveron a sorte de conversar. Espero que aprendades moito e que vos resulte tan interesante como a este grupo, a quen dou tamén a en hora boa:

Unha aperta,

Rosiña

luns, 8 de marzo de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Hoxe, 8 de marzo, celebramos o "Día Internacional da Muller", unha data moi importante que debe ser tida en conta cada día do ano se queremos conseguir a igualdade entre homes e mulleres. No cole traballamos día tras día este tema, pero para esta celebración fixemos uns traballos determinados que queremos compartir no noso blog. Hoxe chega o resultado do realizado en 3º e 4º de Primaria, no que investigaron sobre algunhas "Galegas que fixeron historia", buscando información na aula de informática, elaboraron unha ficha sobre elas que expuxeron no corredor e gravaron un programa radiofónico para facer un vídeo que lles quedou así de ben:

Mural realizado polo alumnado de 3º e 4º.

Seguramente coñezades a todas ou a moitas das protagonistas deste vídeo, pero aínda que sexa así merece moito a pena ver esta estupenda montaxe das nenas e nenos de 3º e 4º, polo que quero darlle a en hora boa a todo o grupo!!! Canto aprendemos con todas as vosas aportacións!!!
 
En 1º e 2º gravaron un programa para "Radio Rosiña", que podedes escoitar a continuación:
 
 

Nas aulas de Infantil partiron do conto "¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?" . Como na maioría dos contos os príncipes visten de azul e as princesas de rosa decidiron cambiar o conto: vestiron de rosa ao príncipe e de azul á princesa, e escribiron que cousas poden facer uns e outros. Todo isto tendo en conta que non hai cores de nenos e cores de nenas, así que as persoas podemos vertirnos das cores que queiramos!!! E tamén temos a liberdade de facer as tarefas que nos gustan, así como axudar naquelas que ao mellor nos custan un pouquiño máis. Nada mellor para que entendamos todo isto que vendo as fotos que reflexan todo este traballo premendo aquí, así como o estupendo vídeo que gravaron na aula de 3 e 4 anos:

Aínda chegarán algunhas cousiñas máis, pero mentras tanto, recibide un montón de apertas, 

Rosiña

xoves, 11 de febreiro de 2021

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Preme aquí para saber máis.

Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o "Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia", proclamado pola Asemblea das Nacións Unidas no ano 2015, co fin de lograr o acceso e a participación na ciencia ás mulleres e ás nenas, que ao longo da historia viron a imposibilidade de adicarse a profesións relacionadas con este tema por consideralas apropiadas tan só para homes. Parácheste a pensar que pasaría se algún deses homes recoñecidos a nivel mundial pola súa contribución á ciencia fora unha muller? Tería o mesmo recoñecemento? Aparecería nos libros de texto? 

A realidade é que houbo e hai moitas mulleres valentes que abriron ese camiño para as futuras xeracións, en traballos moi diferentes, entre os cales tamén se atopan os científicos. Foi e é tamén unha boa maneira de poñer en valor o galego como lingua científica, porque as nenas e mulleres galegas tamén poden facer ciencia. 

E a vós, gustaríavos adicarvos no futuro á ciencia? 

Animádevos a ver os enlaces que atoparedes sobre a imaxe ou premendo AQUÍ, mentras nas aulas imos traballando este tema que uniremos tamén ao do 8 de marzo, "Día da Muller". Entre estas dúas datas realizaremos un obradoiro no centro adicado ás mulleres na ciencia, que terá lugar o vindeiro 26 de febreiro.

Rosiña