Como sabedes, nos últimos meses o alumnado de 3º e 4º de primaria está a desenvolver o proxecto de aprendizaxe-servizo "O sancosmeiro", co obxectivo de promocionar e contribuír a darlle continuidade a este sombreiro artesanal tradicional como parte do patrimonio inmaterial da nosa parroquia.
Nunha entrada anterior puidestes ver a primeira parte deste proxecto: a elaboración dun vídeo explicativo sobre o sancosmeiro, a participación de todo o alumnado nun obradoiro de sancosmeiros, e a realización dunha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro.
Despois disto, na aula de 3º e 4º continuaron traballando no proxecto, organizando unha exposición de promoción do sancosmeiro que exporán na Casa da Cultura de Mazaricos (A Picota) durante o mes de maio, e no noso colexio o mes de xuño.
Nesta exposición incluíron diversos traballos que realizaron previamente na aula:
Paneis informativos con información sobre o sancosmeiro que podedes ver premendo aquí.
Conto viaxeiro "O sancosmeiro voador", creado coa colaboración das familias, no que as protagonistas (dúas nenas e dúas vazas de San Cosme) realizan unha viaxe espectacular que podedes ver neste vídeo:
Programa en "Radio Rosiña" que inclúe un concurso de preguntas sobre este sombreiro no que participou o resto do alumnado do colexio e unha pequena intervención de Sandra Alvite, a presidenta da asociación Trenzarte e concelleira de Cultura e Servizos Sociais do Concello de Mazaricos. Podedes escoitalo aquí:
Caligramas sobre o sancosmeiro elaborados polo alumnado, con poemas inventados por eles/as. As imaxes dos mesmos podedes atopalas premendo aquí, e os audios sobre o nome de cada unha das persoas que os gravaron: AINHOA, ALEJANDRO, ALICIA, ANXO, ISMAEL, LAURA, LUCÍA, LUZDIVINA, OLALLA, PABLO, PAULINA eUXÍA.
Cadros inspirados no sancosmeiro realizados polo alumnado.
Concurso de preguntas sobre o sancosmeiro, creado polo alumnado e no que vos animo a participar premendo aquí.
Que traballo tan estupendo vos quedou, rapaces e rapazas!!! EN HORA BOA!!!
E a todas as persoas que nos sigan, ANIMÁDEVOS A VISITAR ESTA ESTUPENDA EXPOSICIÓN, tanto na Casa da Cultura coma no colexio!!! Eu estou desexando vela...
Nas últimas datas, o alumnado de 3º e 4º está realizando un pequeno proxecto sobre o sancosmeiro. Como sabedes, o sancosmeiro é un sombreiro tradicional galego, elaborado con palla trenzada e cosida, orixinario da nosa parroquia, San Cosme de Antes, desde sempre gran produtora de cereais.
Actualmente, son moi poucas as persoas que saben elaborar este tipo de sombreiros, polo que a continuidade desta parte da nosa cultura está en risco. Para resolver esta situación, é moi importante que a infancia e a xuventude da zona aprenda e se interese polos sancosmeiros.
Por este motivo, en 3º e 4º elaboraron o seguinte vídeo no que nos falan sobre o sancosmeiro:
Tamén convidaron ao resto do colexio a participar nun obradoiro de elaboración de sancosmeiros a cargo da asociación "Trenzarte", no que aprenderon a trenzar a palla e mesmo fixeron unha pulseira que levaron de agasallo! Encantoulles a experiencia, e podedes comprobar a través destas imaxes en que consistiu a actividade na que as artesás nos guiaron con moita paciencia:
Por último, realizaron unha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro, e a verdade é que vos queda realmente ben a todas, e xa estou eu pensando tamén en facer un retrato con este sombreiro tan espectacular!
O grupo de 3º e 4º gravaron un programa en "Radio Rosiña" moi interesante, no que falan de Mazaricos, o noso concello. Fanno con tanta emoción e profesionalidade que calquera que o escoite non lle quedará ningunha dúbida de que este lugar é máxico e está cheo de recunchos para coñecer e explorar... Con este programa queren promocionar esta zona, e estou segura de que o conseguirán!!! NORABOA, rapaces e rapazas!!! Fixestes un traballo estupendísimo!!!
Mural que elaboraron en 3º e 4º para promocionar Mazaricos.
Hoxe non temos cole, xa que é un dos días que a Consellería nos concedeu como non lectivos, pero teño que darvos unha noticia moi importante: MAÑÁ SAÍMOS NA RADIO GALEGA!!!! Bueno, sae o programa "O mazarico", que fixeron as nenas e nenos de Infantil en Radio Rosiña e que gañou un dos premios no I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio. Imaxino que todas as persoas que nos seguen xa o escoitaron, pero na Radio Galega vai ser a primeira vez que o retransmitan, así que se non queredes perdelo, sintonizade a emisora e estade moi atentas ao "Diario Cultural" de mañá, 17 de maio, ás 14:45. O programa, adicado ao Día das Letras Galegas, falará do concurso, entrevistará a persoas que coordinan a biblioteca de diferentes coles e emitirán os programas gañadores. Podedes ler a noticia da emisión premendo AQUÍ.