Amosando publicacións coa etiqueta Encontros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de abril de 2017

VISITOUNOS CONCHA BLANCO

A mañá de hoxe foi moi especial no cole. O motivo? Recibimos a visita da escritora CONCHA BLANCO, como xa anunciaramos hai varias semanas. Tres días despois de que se celebrara o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, recibir a unha das escritoras en lingua galega máis coñecidas foi todo un orgullo para nós.
Despois do recreo xuntámonos na biblioteca, e alí Concha falounos un pouco de datos históricos que sucederon o 5 de abril de diferentes anos. Tamén nos lembrou datas relacionadas cos libros e outras anécdotas máis persoais. Pero o momento no que mellor o pasamos foi cando puidemos facerlle as preguntas que fomos apuntando durante esta temporada, preguntas que xurdiron tras ler a súa autobiografía ou algunha das súas obras. E Concha contestou tranquilamente unha por unha, convertendo a sesión nun rato moi entretido. Así, descubrimos cal é o seu escritor preferido, por que lle gusta escribir dentro do coche, como se fixo escritora, as súas afeccións, se prefire comezar a escribir as súas historias a man ou directamente no ordenador, cales son as súas temáticas preferidas..., e un montón de cousas máis!!! 
Despois, firmounos algúns dos exemplares dos nenos e nenas que os trouxeron ao cole, e tamén algúns dos que temos na biblioteca e que tanto nos gustan. Un deles, ademais, inspirou ao profe Óscar para preparalo con música, e esta foi a nosa maneira de agradecerlle a Concha a súa visita ao noso centro: cantando e lendo o poema "Un, dous, tres" do seu libro "Do, Re, Mi, fantasía". E pensamos que lle gustou moito!!! Como seguro que lle gustaron os agasallos das meniñas e meniños de Infantil, e que Concha levou para a súa casiña.
Desde aquí queremos agradecer a posibilidade de reunirnos con Concha a Isabel, da libraría "Ler" de Santa Comba, que nos facilitou este encontro e moitas outras cousas! Graciñas ás dúas por facer posible un rato tan agradable.

Quen sabe se desta xuntanza sae algunha historia, ou algún escritor ou escritora?

Premede AQUÍ para ver todas as fotos do encontro.

luns, 27 de marzo de 2017

ENCONTRO CON CONCHA BLANCO

Ola, rapaciñas e rapaciños!!!
Como xa ben saberedes polos vosos mestres e mestras, o próximo 5 de abril visitaranos CONCHA BLANCO!!!!! No cole estamos todos moi ilusionados coa visita desta escritora tan achegada a nós. Por un lado, porque na biblio contamos con varias das súas obras, así que algunhas desas historias seguro que viaxaron nas mochilas viaxeiras, nos caixóns de lecturas, ou mesmo as elixistes vós mesmos para ler no tempo libre. Por outro, porque no clube de lectura do cole comezaron a ler unha das súas últimas publicacións, que redactou conxuntamente coa súa filla María Canosa: "Será correcto?" é unha guía sobre o protocolo escrita de maneira entretida e informal e a excusa destes días para pasar un rato falando entre "Os Xurelos Lectores" do cole. Pero ademais Concha Blanco é de Cee, que é un pobo que coñecemos moitas das persoas que estamos no cole!!! E o seu último libro publicado, "Do, Re, Mi, fantasía" está na exposición de libros sobre o proxecto deste curso "Bailemos na musiteca".
Pois con todo isto, eu, Rosiña, decidín prepararvos un pequeno caderno con toda a información que penso deberades coñecer para recibir a Concha. Nel atoparedes a súa autobiografía, así coma as obras publicadas e unha páxina para que vaiades pensando e anotando todo aquelo que vos gustaría saber sobre esta grande escritora. E non esquezades que tedes un recuncho adicado a ela no corredor do cole, así que... a que estades esperando para coñecer algunha das súas obras? 
Aquí vos deixo tamén o caderno para que poidades lelo tantas veces como desexedes!

Unha aperta!

luns, 28 de marzo de 2016

ENTRE LOBOS

Pois entre lobos estivemos o venres, 18 de marzo, durante toda a mañá. O Concello de Santa Comba organizou unhas "Xornadas Nacionais do Lobo", desenvolvendo diferentes actividades durante os días 18 e 19. Entre elas, a proxección da película "Entre lobos", baseada na vida de MARCOS RODRÍGUEZ PANTOJA, criado durante doce anos por unha manda de lobos, sen apenas contacto coa humanidade. O Concello convidounos a asistir á mesma, e decidimos que era unha boa idea ver esta película-documental, que contaba ademais coa presencia do propio Marcos, quen tivo ocasión de falar con nós, responder a algunhas das preguntas que lle fixemos as persoas asistentes (había varios centros educativos ademais do noso) e mesmo firmarnos dun xeito moi orixinal as entradas que nos entregaron no Edificio Multiusos de Santa Comba. Foi toda unha experiencia! Aquí podedes ver as fotos desa mañá, e se queredes coñecer máis sobre a vida do protagonista, premede sobre o seu nome ou sobre este enlace.

sábado, 16 de abril de 2011

ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011

Celebránrose no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011 os días 7 e 8 de abril. A eles asistimos todos os coordinadores dos centros educativos incluidos neste Plan. Para nós, que somos novatos, era a primeira vez que acudiamos a estes encotnros e asistimos ambos días (o día 7 era só para os centros de nova incorporación coma nós).

Os encontros foron inaugurados polo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez.

Os xoves acudimos as seguintes ponencias:
  • "Bibliotecas escolares ¿para qué? Como facer da biblioteca algo imprescindible." A cargo de Monica Baró.
  • "Plan de mellora de bibliotecas escolares. Centros de nova incorporación" a cargo de Cristina Novoa e Pilar Sampedro.
  • "Proxecto Meiga. Posibilidades pedagóxicas." A cargo de Cesar Iglesias.
  • "Redes Sociais, Web 2.0 e bibliotecas escoalres. Recursos para a aprendizaxe." a cargo de José Antonio Cordón.
  • "A colección da biblioteca escolar entre interrogantes: Por qué, para qué, qué e cómo" a cargo de Luis Miguel Cencerrado.
O venres acudimos ás seguintes actividades:
  • "Avaliar para avanzar. Prácticas de autoevaluación na biblioteca escolar" a cargo de Teresa Mañá e Mónica Baró.
  • Presentaicón de experiencias en sesións simultáneas baixo o título "Literatura en imaxes. Cine e Banda Deseñada"
  • Xuntanzas por zonas de representantes dos centros para intercambiar experiencias e materiais.
  • "Libros e lectura na xente nova" a cargo do escritor Xosé Neira Vilas.
Dende a nosa biblio queremos dar as grazas a todas as persoas que fixeron posibles estes Encontros en especial a Pilar Sampedro e Cristina Novoa da Asesoría de Bibliotecas Escolares.
Os materias dos encontros, así como os vídeos pódense atopar AQUI  entrando como convidado.