Amosando publicacións coa etiqueta medio ambiente. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta medio ambiente. Amosar todas as publicacións

venres, 20 de maio de 2022

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN BAIXO O MAR

Ola, rapaces e rapazas!!!

Tremenda actividade a desta mañá no cole!!! De auténtico luxo!!! Foi suficiente ver os vosos rostros saíndo da biblioteca para descubrir que vos encantou este obradoiro. E non é para menos, xa que tivemos a grandísima sorte de recibir a Sara Carrasco e Silvia Iglesias. Estas dúas rapazas forman 13 Grados, unha cooperativa creada no 2020 e que xa foi recoñecida como o mellor proxecto recente neste 2022 pola Xunta de Galicia. Claro que o teñen ben merecido, porque ademais de tratarse dun proxecto moi comprometido co medio ambiente (en particular o medio mariño), son un exemplo de que as mulleres poden acceder ao mundo da ciencia e, ademais neste caso, combinalo con algo tan atractivo como é a ilustración. E sobre isto foi o obradoiro desta mañá, a ilustración científica. En dúas quendas, Sara e Silvia conseguiron que as nenas e nenos do cole participaran con atención e grande ilusión facendo algo que nos encanta: observar a natureza e debuxala ou pintala. Os resultados foron fantásticos, xa que a maxia destas dúas rapazas supera os lapis con truco, os papeis e moitas barreiras máis. Premede sobre a imaxe para comprobar o moito que aprendemos e o ben que o pasamos!!!

A biblioteca esta mañá transformouse nun auténtico museo.
Moitas grazas, Sara e Silvia!!! Foi unha auténtica gozada mergullarse esta mañá con vós...

Apertas,

Rosiña 

venres, 4 de xuño de 2021

"O LIXO MARIÑO", UNHA ACTIVIDADE EN COLABORACIÓN CO CEIDA

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, CEIDA, situado na illa de Santa Cruz, Oleiros (A Coruña), é un centro de referencia en canto á educación ambiental. As súas actividades están dirixidas a traballar na procura de solucións aos problemas ambientais, así como a fomentar boas prácticas entre as cidadás para que a pegada do ser humano na natureza non sexa tan negativa. Por este motivo, este curso solicitamos unha actividade titulada "O lixo mariño", que se dividiu en dúas partes: 

-por un lado, unha charla no centro sobre a problemática do lixo, onde Laura e Flor nos falaron da importancia dos mares, os problemas que lles afectan (cambio climático, sobrepesca, explotación industrial, lixo...) ou os impactos ambientais e socioeconómicos que provocan os desperdicios que chegan ao mar, etc.;

-por outra banda, aínda que a situación é moi preocupante, non debemos rendernos, podemos mellorala facendo moitas cousas que tampouco supoñen un grande esforzo. Unha delas foi a que realizamos este venres, que consistiu en visitar a praia de O Ézaro e observar como estaba.

Despois da recollida falamos dos residuos atopados con Jorge e Laura.
 

Para esta segunda actividade acompañáronnos Laura e Jorge, e en grupos pequenos fixemos un inventariado dos residuos que atopamos na praia, facendo despois unha posta en común na que quedou claro que a maior porcentaxe do lixo que atopamos pertencía ao grupo dos plásticos!!! Afortunadamente, o Concello de Dumbría realiza unha limpeza da praia a cotío, polo que os residuos atopados non foron moitos, algo que xa nos comentou antes de comezar o traballo Raúl, un dos concelleiros que nos recibiu á nosa chegada ao Ézaro. 

Esta saída coincide ademais con dúas datas ben importantes relacionadas coa natureza, xa que mañá, 5 de xuño, celébrase o "Día Mundial do Medio Ambiente", e o vindeiro martes, día 8, o "Día Mundial dos Océanos". A xornada foi realmente interesante e sei que desfrutastes moito, tanto con esta actividade como coas outras que completaron este fermoso día: visita á fervenza do Xallas, xantar ao aire libre, paseo pola praia, xeado... Vamos, que repetiriades outra vez seguro!!!

Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron nesta importante formación!!!

Unha aperta,

                     Rosiña


luns, 20 de xaneiro de 2020

"CARABELA", UNHA OBRA SOBRE O EXCESO DE PLÁSTICOS DUN SÓ USO

La Voz de Galicia entrevistounos.


A compañía de teatro Galeatro, que xa recibimos no noso cole con obras como "Contos no faiado" ou "O xogo das letras", acaba de estrenar un novo espectáculo: "Carabela". Nesta ocasión, a temática sobre a que xira a obra é un dos temas que máis preocupa na actualidade á sociedade: o uso esaxerado do plástico, especialmente do que se emprega unha soa vez. Carabela é a protagonista da historia, cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
 

Modelo do rexistro das aulas.
Aproveito a noticia tamén para lanzar o reto das merendas deste trimestre: conseguir que, polo menos 3 días á semana, non traiamos plástico dun só uso na merenda da mañá. Durante o 1º trimestre conseguistes superar a proposta que vos fixen, así que agora é importante manterse aí ou dar un paso máis!!! Estou segura de que o faredes!!!!



 

domingo, 12 de xaneiro de 2020

DÍA MUNDIAL DAS AVES

O pasado venres, 10 de xaneiro, foi o "Día Mundial das Aves", e na prensa que chega ao cole recolleron unha noticia relacionada con esta celebración, que ademais leva a firma do corresponsal de "La Voz de Galicia" no concello de Mazaricos. Xoán Ramón Alvite fala, nesta ocasión, de Mazaricos como lugar para observar aves, actividade coa que este curso estamos moi sensibilizadas. 
O periodista fala dunha ruta polo concello que permite ver diferentes especies: patos, garzas, paspallás, píllaras, lavandeiras, miñatos e falcóns. Podedes ler a noticia completa premendo na imaxe:

Mazaricos conta cunha ruta para observar aves.
Tamén me gustaría aproveitar para lembrarvos que tedes un texto sobre esta actividade no "Google sites" adicado ao proxecto, e podedes lelo premendo aquí. Observar aves é unha actividade fascinante, así que non deixedes de practicala!!!!

Por outro lado, tamén vos quero comentar que a Sociedade Española de Ornitoloxía convoca cada ano a elección dunha ave para adicarlle o ano. Desde o ano 1988, esta organización elixe 3 candidatas para chamar a atención da situación preocupante que atravesan. Nesta ocasión, para o 2020 propoñen ás seguintes: picanzo real, paspallás e tartaraña cincenta. Cal elixiriades vós? Na páxina de SEO Birdlife (premendo aquí) tedes información sobre cada unha delas, e se vos apetece participar na votación, adiante!!! 

xoves, 3 de outubro de 2019

LANZAMOS O PRIMEIRO RETO CONTRA OS PLÁSTICOS DE UN SÓ USO

Rexistro de aula
Ola, rapaciños e rapaciñas!!!!
Durante estas primeiras semanas de curso estivemos rexistrando os plásticos de un só uso que aquí vos lanzo o PRIMEIRO RETO DO CURSO para este trimestre (comenzamos o luns, día 7): intentar que, polo menos dous días á semana, non traiamos a merenda para o recreo en envoltorios que se tiren no lixo. Tedes un montón de opcións:
traiamos ao cole para a hora da merenda. Moitas e moitos de vós consumides alimentos que veñen envoltos en paquetes que se tiran en canto se rematan. En ocasións é difícil substituílos (iogures bebibles, paquetes de galletas/magdalenas/etc. individuais, zumes...), pero noutras ocasións non é tan complicado (o bocadillo pode vir nun tapper en lugar de envolvelo en papel de aluminio, por exemplo). Así que
-unha peza de froita;
-algún vexetal (cenoria, pemento...);
-un bocadillo;
-un anaco dalgunha sobremesa feita na casa (biscoito, galletas, magdalenas, tortas de avea, etc.);
-froitos secos (noces, améndoas, pistachos, anacardios, dátiles, arandos, etc.), que podemos mercar a granel (mellor sen sal) e traer ao cole nun tapper.
Intentámolo? Así tamén conseguiremos que a vosa merenda sexa máis variada, xa que algunhas das persoas do cole traen sempre o mesmo, 5 días á semana, 20 días ao mes, máis de 150 días ao curso!!!
Imaxinas que no comedor todos os días tiveramos o mesmo menú?
Estou segura de que ao longo do trimestre conseguiremos baixar a cantidade de lixo que xeramos durante o tempo do recreo. Ademais, con iso estaremos facendo un enorme beneficio para o medio ambiente. Este planeta é a nosa casiña, e debemos coidala moito para que siga así de fermosa!!!!
Unha aperta!!!

luns, 5 de xuño de 2017

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

O 5 de xuño é o "Día Mundial do Medio Ambiente", unha data establecida pola ONU para sensibilizar á poboación mundial en relación a temas ambientais. Cada ano, ademais, elíxese un país anfitrión e un tema central sobre o que se realizan actividades en todo o mundo. No 2017 foi a quenda de Canadá, e o tema "Conectar ás persoas coa natureza". 
Así trataron tamén de conectarnos esta mañá nun espectáculo ao que nos invitou o Concello de Santa Comba. Os Monicreques de Kukas representaron, no Auditorio do Edificio Multiusos, a historia "O encoro enmeigado". A través dos seus personaxes, inspirados na vida real e nos seres fantásticos asociados a moitas das lendas da nosa cultura, puidemos descubrir que, como ben di o avó Marcelino, "O progreso non é malo, pero hai que construír o menos posible e respectando e sen danar á Natureza".
Desfrutamos moito con este espectáculo desta compañía creada en 1979 por Marcelino de Santiago "Kukas" e Isabel Rei, a máis antiga de Galicia e tamén unha das máis destacadas. 
Todas as persoas que asistimos á representación desfrutamos dunha posta en escena moi fermosa e coidada (as luces, a música, os movementos dos monicreques...), polo que felicitamos á compañía polo seu traballo e agradecemos ao Departamento de Cultura e Medio Ambiente de Santa Comba pola súa invitación.
Podedes ver as fotos desta mañá premendo AQUÍ.

 

sábado, 18 de marzo de 2017

NOTICIAS DO PAPAGAIO: O LIXO ELÉCTRICO E ELECTRÓNICO

A revista "O Papagaio", á que estamos subscritos, xa vai polo número 6. Nesta ocasión trae unha noticia que chamou a atención dunha boa parte do alumnado, e queren contala para todas as persoas que seguen o noso blogue. Trata sobre o lixo eléctrico e electrónico. Como imaxinaredes, na actualidade é enorme a cantidade de obxectos deste tipo que utilizamos na nosa vida cotiá: electrodomésticos, ordenadores, móbiles, memorias USB, etc. E que facemos cando deixan de funcionar e queremos desfacernos deles? Seica en Galicia producimos máis de 4.000 toneladas deste tipo de lixo ao ano!!! Pois non debemos tiralos en calquera colector, xa que é moi contaminante, e moitos dos elementos que os compoñen son tóxicos, polo que prexudican o medio ambiente e a saúde dos seres humanos. Unha pila botón pode contaminar 600.000 litros de auga; a batería dun móbil, 50.000 e un só frigorífico pode emitir unha cantidade de gases equivalente aos dun coche circulando durante 15.000 km. Que barbaridade!!! Polo tanto, debemos prestar moita atención a este tipo de obxectos. 
Que deberiamos facer? Pois levalos a un punto limpo, que son os lugares habilitados polos concellos para almacenar os residuos que non se poden botar nos colectores da rúa. Premendo sobre a imaxe inferior podedes consultar todos os puntos limpos de Galicia, onde se indica tamén a dirección, o horario e o tipo de lixo que recollen, ademais doutro tipo de información moi interesante.

http://sirga.xunta.gal/listaxe-de-puntos-limpos

Agradecemos dende aquí a sección de "O Papagaio" adicada á ecoloxía, e lémbrovos que na Biblio tedes moitos libros relacionados con este tema!!!