Esta semana recibimos a visita de Luís Soto, un músico marabilloso que xa nos visitou o curso no que estabamos traballando a temática da música no cole. Nesta ocasión, e como non podía ser doutro xeito ao tratarse dun frautista, volveu encher a nosa biblioteca con obras musicais moi fermosas. Pero tamén tivo a grande idea de ter en conta o noso proxecto deste ano, sobre a ciencia, e Luís falounos entre peza e peza de cousas moi interesantes relacionadas coa mesma. Destacou a importancia do silencio para que poida existir a música, da ausencia de ruído, e atreveuse a interpretar para todas as persoas aquí reunidas unha das pezas que máis deu que falar no século XX: "4'33", de John Cage. Foi tan sorprendente que seguramente non sexa necesario lembrarvos que caracteriza esta obra de 1952.
Luís tamén tivo un ratiño para contarnos un par de recordos que quixo compartir con todas nós. A primeira delas foi que hai un ano e un mes Galicia ardía de xeito pavoroso, e a aldea na que se criou foi unha das afectadas. Luís contounos o sorprendente silencio que sentíu no primeiro paseo que deu polo bosque completamente queimado. A segunda, hai dous anos Luís visitounos para celebrar connosco o "Día de Santa Cecilia", patroa da música. Nese ano, o 2016, Fran Pérez, NARF, acababa de morrer. A música galega perdía así a un músico marabilloso, pero afortunadamente quedan tamén músicos e persoas tan fantásticas coma Luís, que rematou o concerto de hoxe cun dos temas máis fermosos de Narf: "Aló irmao".
Premendo sobre esta imaxe podedes ver todas as fotos. |
E por se fora pouco, trouxo outro fermoso agasallo para o cole: dúas fotos do concerto da "Novena Sinfonía" de Beethoven en Santiago de Compostela, co que celebramos a "Xornada de convivencia" do curso 2016-17, e unha foto espectacular do último concerto de Narf no Teatro Principal de Compostela que el mesmo sacou. Luís, deixáchesnos sen palabras!!! Agradecidísimas todas as persoas que te coñecemos e que tanto te queremos...
Ningún comentario:
Publicar un comentario