luns, 2 de xullo de 2018

PREMIO NA FUNDACIÓN FERNANDO BLANCO DE CEE

Nerea acompañada pola súa familia o día da entrega dos premios.
A Fundación Fernando Blanco de Lema, en Cee, convocou para este curso recén rematado o "V Concurso de Debuxos". Nesta ocasión, o tema sobre o que xirarían os mesmos eran os xogos populares e tradicionais, e na clase de 3º e 4º animáronse rapidamente a participar, xa que o curso pasado un dos gañadores foi Miguel Barrul, lembrádesvos?
Pois nesta edición tamén tivemos unha persoa gañadora: NEREA Ozón Otero, de 4º curso!!!! Que alegría, Nerea!!!! Xa sabemos que estabas moi nerviosa o pasado sábado, día da entrega de premios, pero nas fotos o que podemos apreciar é que estabas guapísima e moi ben acompañada!!!! Ademais da túa familia, ata Cee tamén se achegou Xavier, o noso director, sempre tan pendente dos nosos pasos, quen ademais se encargou de mandarme estas fotiños para o noso blog (podedes ver mais premendo sobre a imaxe).


Este foi o debuxo que presentou Nerea, no que representa a unha nena xogando á mariola, e para o cal empregou témperas, rotuladores, papel prateado e plastilina. Que bonito quedou!!!

Un exemplo máis de que, con ganas e ilusión podemos conseguir moitas cousas!!!!

Alegría e orgullo para todas as persoas que formamos parte desta etapa da túa vida. NORABOA, NEREA!!!!


venres, 22 de xuño de 2018

FESTIVAL DE FIN DE CURSO

Pois desta maneira despedimos o 2017-18, un curso no que as viaxes, o turismo e o noso patrimonio foron a parte central da nosa aprendizaxe. E tamén estivo moi presente nas actuacións do festival de fin de curso!!! Seguro que estades desexando ver as fotos que fixemos, así que aquí volas deixo, para que poidades compartilas coas vosas familias, amizades, veciños... 
Unha aperta enorme e FELIZ VERÁN para todas as persoas que nos len a través do blog!!!
Premendo AQUÍ atoparedes un feixe de imaxes!!!


xoves, 21 de xuño de 2018

O SANCOSMEIRO Nº 31 E UNHA GUÍA DE LECTURA PARA O VERÁN

Desta maneira rematamos hoxe a xornada: entregando o último número da nosa revista escolar "O Sancosmeiro", que xa vai polo número 31. Esperamos que guste moito a todas as familias e que sexa un bo recurso para compartir lembranzas, conversas, sorrisos... Déixovola tamén no blog:



E a guía de lectura para o verán tamén:




mércores, 20 de xuño de 2018

AS NENAS E NENOS DE 4 E 5 ANOS EN RADIO ROSIÑA!!!!

Vaia notición!!!! E que alegría tan grande cando vos escoitei!!!! Esta mañá estiveron en "Radio Rosiña" as nenas e nenos de 4 e 5 anos!!!! E alí gravaron a historia de "A margarida branca", porque no festival de mañá queren cantar a canción. Como é moi curtiña, o profe Óscar propúxolles ler a historia desta flor. Encantoulles a idea, e aproveitando a nosa radio, pensamos que era boa idea lelo con tranquilidade no fermoso estudio que temos. E quedou tan ben que non me canso de escoitarvos... 
Lembrámonos moito de Uxía, que esta temporada non puido estar connosco, pero quédannos moitas aventuras máis en "Radio Rosiña"!!!!
Escoitade a primeira gravación destes marabillosos/as artistas: Alicia, Pablo, Anxo, Lucía, Luzdivina, Ainhoa, Laura e Olalla. Recoñecedes as súas voces?





luns, 18 de xuño de 2018

XORNADA DE CONVIVENCIA 2018

Vaia xornada tan estupenda a do venres!!! Tivestes un día espectacular, desfrutastes moito das actividades que fixestes e da compañía de todas as persoas que vos acompañaron...Unha mágoa que algunhas non puideran ir convosco, pero por suposto lembrástesvos moito delas e por iso tamén quero contarlles todo o que fixestes nesta xornada de convivencia tan turística...
En bus viaxastes ata O Grove, onde ás 12 subistes nun catamarán no que fixestes un percorrido pola Ría de unha hora de duración. Navegar polo mar mentras falabades, escoitabades ás persoas da empresa contándovos en que consistía o traballo das bateas en canto ao cultivo dos mexillóns, das vieiras e ostras foi unha experiencia única. Ademais, puidestes tamén bailar un pouco e degustar uns mexillóns exquisitos!!! 
Despois visitastes o Acuario, no que puidestes ver diferentes tipos de peixes ao tempo que vos ían contando algunhas das características de diferentes zonas de Galicia en canto aos ecosistemas marítimos.

E por último, o xantar. Para iso viaxastes ata a Illa da Toxa, e nun parque ben fermoso aproveitastes para comer, falar, xogar, etc. Despois da comida algunhas persoas animáronse a visitar a Aldea Grobit, e pouco máis tempo quedou, xa que tocaba regresar de novo a San Cosme.
Pasástelo xenial e no cole queremos agradecer a todas as persoas que axudaron a que todo saíra así de ben!!!!
Como estaredes ansiosos/as por ver as fotos, premendo AQUÍ podesdes acceder a elas!!!



TEXTOS GAÑADORES NO CONCURSO DAS LETRAS GALEGAS 2018

Pois aquí están os escritores que nos faltaba por escoitar, que gañaron este curso o premio das Letras Galegas 2018. 
Empezamos con Guille, de 1º de Primaria, que nos le así de ben a súa creación:


Seguimos con Alejandro, de 4º de Primaria, que presentou un conto que escribiu coa profe Cris na aula de A.L. e P.T. Alejandro, ademais, inspirouse nunha fermosa anécdota que vivimos este curso no cole, cando coñecemos aos peregrinos Ginés, Marina e Komotú no seu percorrido por San Cosme hacia Fisterra.


E, por último, Paula Barcia, tamén de 4º de Primaria, que tamén nos le o seu conto en "Radio Rosiña":


NORABOA A TODOS E TODAS, tanto ás persoas gañadoras coma a todas as que participaron no concurso!!!!

xoves, 14 de xuño de 2018

PROGRAMA ESCOLAR DE CONSUMO DE LEITE E PRODUTOS LÁCTEOS

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, co apoio económico da Unión Europea, levou adiante esta iniciativa ao observar que as estatísticas amosan un descenso no consumo de leite e produtos lácteos na poboación española de menor idade. O obxectivo do programa é fomentar o seu consumo, ademais de dar a coñecer a importancia do leite para manter unha dieta equilibrada. 
Ao noso cole tamén chegou esta charla, que estivo dirixida por Patricia, quen expuxo os contidos en dúas quendas: a primeira para o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria (premede AQUÍ para ver as fotos); a segunda, para as nenas e nenos de 3º a 6º (premede AQUÍ para ver as fotos). 




mércores, 13 de xuño de 2018

A CLASE DE 1º E 2º RECOMENDA DESDE "RADIO ROSIÑA"

Ai, que alegría recibir as vosas gravacións!!!! Hoxe chegáronme as entrevistas que fixeron en 1º e 2º para o programa "Tes que lelo", onde os rapaciños e rapaciñas da clase de Óscar nos queren recomendar un montón de libros interesantes. Anotade ben, eh!!!!











NOVIDADES NO PATIO DO COLE

Durante esta temporada o patio do cole amosa algunhas sorpresas: xogos tradicionais pintados sobre o cemento!!!
A petición saíu da clase de Educación Infantil, xa que a todas e todos lles encantaba xogar no patio a máis cousas que correr, xogos de pelota e/ou de corda... Pero había ocasións nas que lles apetecía outro tipo de entretemento, así que xuntaban un bo puñado de xices e pintaban no patio diferentes taboleiros para xogar. Mais a chuvia facía que eses deseños duraran moito menos do que lles gustaría, así que escribiron unha carta solicitando que se puideran pintar para sempre!!! E nestas anda todo o cole, porque tamén quixeron colaborar os demais cursos, algo do que me alegro moitísimo!!!
Por agora só puidemos estrenar os que pintamos nas zonas cubertas, pero en canto quente o soliño, poderemos empezar tamén os de fóra. Queredes ver como van quedando? Premede AQUÍ!


sábado, 9 de xuño de 2018

TEXTOS GAÑADORES DO CONCURSO DAS LETRAS GALEGAS 2018

Desde Radio Rosiña pensamos que sería unha boa idea que todas as persoas interesadas puiderades escoitar os textos que gañaron o "Concurso das Letras Galegas 2018". Hoxe empezamos!!! A encargada de facelo foi Iria Blanco del Río (6º de Primaria), quen gañou un dos premios co poema que presentou. Encárgase Pablo González (5º de Primaria) de presentala, ademais de encargarse da mesa de control como un auténtico profesional. Queredes escoitalos? Aquí os tedes:




venres, 8 de xuño de 2018

OS PROXECTOS DOCUMENTAIS

Pois xa están aquí os Proxectos Documentais que fostes realizando ao longo deste curso... A través de "O mundo é máis lindo lendo" descubrimos que o turismo non consiste só en ir tomar o sol a unha praia, visitar museos ou facer fotografías diante de monumentos importantes... Hai moitas maneiras de viaxar e coñecer novos lugares, pero o importante é que sexamos responsables e que o impacto que causamos como turistas sexan o menos prexudicial posible: o respeto ao medio ambiente, ás comunidades que visitamos, o coidado dos bens considerados patrimonio, etc., teñen que estar por diante de todo!!! 
Queredes ver en que andiveron inmersos os diferentes grupos do cole? Pois aquí vos deixo os seus traballiños; seguro que léndoos aprendedes moitísimas cousas interesantes!
Empezamos co de Educación Infantil. Aquí levan moitos días de viaxe, percorrendo o mundo con Míster Fogg, o personaxe de "A volta ao mundo en 80 días". E o título deste coñecido libro de Julio Verne é tamén o do seu proxecto, no que nos amosan cousas que descubriron de Londres, Exipto, a India, a China, Xapón e Nova York!!! Creo que lles levou máis de 80 días, pero a volta dérona!!! NORABOA!!!


 
En 1º e 2º de Primaria centráronse na gastronomía como parte do noso patrimonio inmaterial, e para o seu proxecto elixiron unha das receitas máis características do noso concello: o bolo do pote. Ademais, este curso invitáronos a participar no programa do "Bolo miúdo", celebrado na Casa da Cultura de A Picota, onde tamén tiveron a oportunidade de elaborar este prato tradicional e mesmo de saír na tele. Un grupo de artistas!!! NORABOA por este bonito traballo: "O Bolo do Pote"!!!



En 3º e 4º probaron un montón de maneiras de viaxar, así que decidiron presentar un proxecto titulado "Os medios de transporte". NORABOA, rapaces e rapazas!!!



En 5º e 6º fixeron dous proxectos. O primeiro deles, nas clases de Lengua Castellana e Inglés, que titularon "Destino: Londres". Nel preparan unha viaxe para pasar uns días na capital do Reino Unido, con hotel incluído!!! Animádevos que xa nolo dan todo feito!!!



O segundo fixérono nas clases de Lingua Galega. Este ano o "Día das Letras Galegas" estivo adicado a María Victoria Moreno. A súa vila natal compartía con Mazaricos algo moi relacionado con isto do turismo, os dólmenes, así que decidiron unir a información de ámbolos dous lugares neste traballo que titularon "Unha ponte entre Mazaricos e Valencia de Alcántara".



NORABOA polos vosos traballos!!!

 

mércores, 6 de xuño de 2018

"TERÍA QUE SER PATRIMONIO CULTURAL..."-Exposición

No mes de marzo propúxenvos participar na exposición "Tería que ser patrimonio cultural...", cubrindo unha pequena ficha na que escribiriades sobre o ben do voso contorno que elixirades para incluír como tal. Algunhas das persoas que participastes enviastes tamén unha fotografía real, ademais de facer a vosa propia ilustración. Moitas grazas!!! 
Eu pensaba que ao mellor aínda medraba máis, pero a estas alturas de curso xa estou case convencida de que non achegaredes ningún máis, así que fotografeinos todos para que puiderades velos tamén aquí. Gustáronme moito!!! Algúns contaba que apareceran, pero outros sorprendéronme moitísimo!!! E a vós?




venres, 1 de xuño de 2018

PEDALEANDO POLA PICOTA


O mes de xuño inaugurámolo cunha marcha ciclista organizada polos encargados de Deportes do Concello, que reuniron aos tres centros do Concello na Picota. O percorrido, de 10 km. aproximadamente, estivo moi ben organizado, atendendo en todo momento calquera contratempo que tiveran os nenos e nenas: cansazo, saída de cadeas das bicis, etc. A cada participante entregáronlles un chaleco reflectante da DXT que, ao remate da marcha, levaron de agasallo.
Miguel, Jorge Lema, Joel, Pablo, Samuel, Brais Carreira, Martina, Brais Capelo, Íker, Jorge Otero, Nerea, Paula Barcia, Andrea, Aroa e Xoel partiron do cole así de contentos/as e animados/as!!! Acompañáronos/as Manoli e David.
As bicis foron trasladadas por persoal do Concello dende o centro ata A Picota.
A ruta pasou por lugares moi fermosos: A Picota, Sanfoga, Corzón, Ponte Olveira, Colúns, A Choupana, área recreativa de A Pontenova, Outeiro de Bois, Argueirón, A Picaraña e regreso á Picota. 
E tamén se reencontraron con bos amigos e amigas!!! Premede AQUÍ para ver todas as fotos!







mércores, 30 de maio de 2018

EXCURSIÓN ATA A CORUÑA

A xornada de onte pasámola nunha cidade moi coñecida por todas e todos nós, xa que foron varias as saídas que fixemos ata A Coruña. Sen embargo, ata esta ocasión non visitaramos os lugares nos que nos detivemos onte: o Porto e o Castelo de San Antón.
Na visita ao porto fixemos unha parada na Lonxa, onde nos explicaron como se realizaba a poxa polo peixe cada mañá, e vimos tamén a zona na que se coloca en caixas para a súa distribución ou se despeza no caso de exemplares de gran tamaño.
Despois regresamos ao autobús para achegarnos ao Peirao de Transatlánticos, onde a mesma mañá de onte atracou o transatlántico "Ventura". Esta enormidade foi construída no ano 2008, mide case 300 metros de eslora e ten capacidade para máis de 3.500 pasaxeiros. As persoas que traballan nel, que reciben o nome de tripulación", son 1226. Nós só puidemos velo de cerca, pero a verdade é que nos impresionou o seu tamaño!!!!


A última parada foi no Castelo de San Antón, fortaleza construída no século XVI. Durante os dous séculos seguintes foi un edificio defensivo e prisión. O museo como tal inaugurouse en 1968, e desde 1994 é monumento histórico-artístico, no que podemos atopar obxectos arqueolóxicos de diferentes épocas (megalitismo, Idade de Bronce, Cultura castrexa, romanización...).  Fíxonos moitísima ilusión subir á terraza, onde as vistas da cidade son espectaculares, e baixar ao alxibe.

Despois de comer no "Fórum Metropolitano", regresamos ao cole, cansadiñas/os pero contentas/os dunha estupenda mañá!!!! Premendo AQUÍ podedes ver todas as imaxes.



venres, 25 de maio de 2018

TES QUE LELO, UN PROGRAMA DE "RADIO ROSIÑA"

Pois aquí está o primeiro programa de "Radio Rosiña", no que os rapaces e rapazas do cole van elixindo algúns dos seus libros preferidos para recomendárllelo aos nosos ouvintes. E quixeron facelo a modo de entrevista, así que aquí tedes o resultado do grupo de 5º e 6º, que se entrevistaron entre eles/as para recomendarnos a todas as persoas que nos escoiten un montón de libros moi interesantes (aínda que teño que confesarvos que eu xa os lin todos!!!!)
O programa titúlase "TES QUE LELO" e nel participan as persoas que o desexan...

1- Pablo entrevista a Miriam:


2- Miriam entrevista a Pablo:


3- Iria López entrevista a Mª José:


4- Mª José entrevista a Iria López:


5- Iria Blanco entrevista a Daniela:


6- Daniela entrevista a Iria Blanco:


7- Paula entrevista a Ainhoa:

8- Ainhoa entrevista a Paula:

martes, 22 de maio de 2018

PUM, PUM!, TEATRO EN SANTA COMBA

Esta mañá pasamos un ratiño no Auditorio Municipal de Santa Comba, onde asistimos á representación "Pum, pum", da compañía Baobab Teatro
"Pum Pum" é un espectáculo que fala da historia de Marieta, unha meniña rodeada de portas que se abren e contan historias, historias cotiás que lles pasan a todos os nenos e nenas. Pero unha delas garda un segredo que Marieta non contara a ninguén. E esta última porta fálanos dunha historia moi diferente ás outras que nos deixa unha mensaxe: non gardedes un mal segredo, contádeo e pesará menos!
Aínda que foi unha mágoa que non viñerades todos/as a vela, o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria desfrutou moito con este espectáculo que presentaba varias técnicas (teatro de actor/actriz, monicreques, máscaras, sombras) e con música orixinal creada para a obra e interpretada en directo. Aquí podedes ver o tráiler:


Queremos agradecer ao Concello de Santa Comba a súa invitación a un espectáculo tan interesante, e á compañía Baobab Teatro polo seu traballo tan ben feito sobre un tema tan delicado. E, ademais, aínda se pararon a saudarnos a todos/as ao remate da actuación e a fotografarse diante do escenario con todos/as nós. Moitísimas grazas!!!


luns, 21 de maio de 2018

POESÍAS PARA ESCOITAR...

Para celebrar o Día de Rosalía, no cole fixemos unha actividade ben bonita partindo da iniciativa da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega: abrimos as nosas fiestras a poemas da escritora galega, ilustrándoos por nós mesmas/as para expoñer no corredor do colexio. Esta semana tamén Rosalía estivo moi presente nas nosas actividades, xa que foi ela, coa súa obra "Cantares Gallegos", a que inaugurou a primeira celebración do 17 de maio como Día das Letras Galegas. E como naquel momento aínda non tiñamos o logo preparado para a nosa "Radio Rosiña", non publicamos nada, pero agora xa podedes escoitar os poemas que soaron nas voces de 5º e 6º aquela xornada de febreiro na nosa biblioteca.

O primeiro describe unha paisaxe moi fermosa:


O segundo, "Unha voda na aldea":

O último deles é "Un repoludo gaiteiro":



venres, 18 de maio de 2018

O LOGO DE RADIO ROSIÑA

Aquí está!!! POR FIN temos o LOGO para "RADIO ROSIÑA"!!!!
Estou convencida de que estabades tan ansiosos e ansiosas coma min!!! 
Desde que comezou esta aventura da Radio na Escola, foron moitas as actividades que realizamos nos diferentes grupos do cole dentro do noso estudio, pero ata hoxe non publicamos nada máis que a participación de Paula Maneiro (5º de Primaria) con motivo da celebración do "Día da Radio". 
A partir de agora xa podemos enlazar todos os podcast, con logotipo incluído!!!!
Todas as persoas que formamos parte deste proxecto estamos contentísimas con esta experiencia, así que queremos agradecer unha vez máis ás persoas de "Bibliotecas Escolares de Galicia", que nos permitiron inaugurar este laboratorio radiofónico enchéndonos de ilusión a todos/as!!!! E, por suposto, a Javier Prado -de "Radio Espora"- que, como xa vos contamos, axudounos moitísimo na utilización de todo o equipamento necesario.

A partir de hoxe, estade atentas e atentos aos podcast que vaiamos publicando no blog. E lembrade que podedes escoitalos, pero tamén descargalos para gardar no voso ordenador ou no móbil. Así que tedes moitas posibilidades de escoitarvos!!!!

mércores, 16 de maio de 2018

Celebramos os Maios e o Día das Letras Galegas

Esta tarde celebramos unha das datas que máis nos gustan no cole: os Maios e o Día das Letras Galegas. Coa construción do Maio demos a benvida á primavera, á aparición dos primeiros froitos, das primeiras flores, aos cantos dos paxariños que levabamos meses sen escoitar... E nesta ocasión sorprendeume a cantidade de flores que todas as familias achegastes ao cole: moitísimas grazas!!! Se non fora pola vosa colaboración, o Maio non quedaría así de fermoso. Unha vez construído, cantámoslle, por suposto!!! Ata o grupo de guitarras e ukeleles sacou os seus instrumentos para acompañar unha canción que escribiron os grupos de 5º e 6º. 


E nese fermoso escenario, entregamos os premios do Concurso de Ilustración e Literario que convocou o cole. A participación foi total, o cal me enche de orgullo, porque me fixestes pasar unha tarde estupenda mentras lía as vosas historias e vía os vosos debuxos. NORABOA a todas as persoas por participar!!!! Os agasallos recibíronos cinco persoas, pero quero dicirvos que poderían ser moitas máis, polo que non deixedes de escribir, de ler, de debuxar... Sodes uns/unhas auténticos/as artistas!!!!

Déixovos AQUÍ as fotos desta xornada, e tamén as historias que foron premiadas!!!





Ademais destas creacións, houbo moitas outras merecedoras de felicitacións, polo que aquí volas deixo para que poidades desfrutar con todas elas:

ILUSTRACIÓNS PRESENTADAS EN EDUCACIÓN INFANTIL 




CREACIÓNS REALIZADAS NA AULA DE AUDICIÓN E LINGUAXE E PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA




CREACIÓNS REALIZADAS EN 1º E 2º DE PRIMARIA




CREACIÓNS REALIZADAS EN 3º E 4º DE PRIMARIA




CREACIÓNS REALIZADAS EN 5º E 6º DE PRIMARIA



Unha aperta,

mércores, 9 de maio de 2018

CONTOS NO FAIADO

Galeatro é unha compañía de teatro que se formou en Carballo no ano 2013 co fin de achegar aos espectadores as figuras máis relevantes das letras galegas. Nesta ocasión a súa proposta está baseada na estrutura da obra "A festa no faiado", da escritora homenaxeada o próximo 17 de maio María Victoria Moreno. Baixo o título "Contos no faiado", os dous actores convértense nunha boneca chamada Uxía -que vive soa e abandonada no faiado dunha casa- e  nun gato moi especial.

https://photos.app.goo.gl/ZJe50oVa5USJn7Ng2
A través da súa relación, descubrimos historias moi divertidas que ademais nos levaron ás obras de María Victoria Moreno "Xa non teño medo", "Un cachiño de bica" e "Can negro, can branco". Con esta última historia, ademais, rímonos un montón, porque os actores invitaron a participar na mesma a Martina, que fixo o papel de canciño, a Brais Capelo, que se transformou nun lobo, e ao profe David, que nos fixo rir moitísimo no seu papel de auténtica señorita... 
Seguro que estades desexando ver as fotos!!! Só tedes que premer AQUÍ ou na imaxe.
Moitas grazas a estes dous simpáticos actores que esta mañá transformaron a nosa biblioteca nun faiado tan especial...