Amosando publicacións coa etiqueta visita de autores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta visita de autores. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de novembro de 2021

RECIBIMOS UNHA CARTIÑA MOI ESPECIAL DE...

Que alegría recibir unha carta!!! E ademais dunha persoa á que queremos moito porque asociamos con momentos moi fermosos no cole: ANXO MOURE!!!

Si, Anxo escribiunos desde Chantada, a onde regresou coa súa bici cargada de libros, e desde alí adicounos estas palabras:

Bos días dende o Val do Asma, terras de Chantada.
Aquí vai o grande agradecemento unha vez máis á vosa xenerosidade, cariño, tenrura, conversa, confianza...., e todo o que nos fai sentir que este mundo pode ser mellor grazas a proxectos coma o voso que incluíu gastronomía, contos, cantos.
Grazas Antes, grazas Mazaricos e, sobre todo, grazas nenas e nenos porque non sabedes o que significa que cando un contacontos entra polo pasillo dunha escola xa lle chamen polo seu nome como se fora da familia, do lugar ou da escola, un agasallo inesquecible.
Apertas 

Anxo

Ilustración que acompañou a carta de Anxo Moure.
Anxo, moitísimas grazas!!! Nós encantadas de recibirte, de abrirche as portas desta casiña con historias cheas da vitamina da Natureza, con cancións que nos levan polos bosques, con apertas arbóreas que practicaremos... Quedouche o atrapacontos, que gardamos con orgullo na nosa biblioteca, agardando que volvas!!!

Unha aperta enorme de todas nós!!!!

Rosiña

mércores, 24 de outubro de 2018

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA CON XURXO SOUTO

Fermosa a tarde que pasamos hoxe na compañía de Xurxo Souto!!! Esta persoa tan coñecida achegouse ao cole para celebrar con nós o "Día da Biblioteca", convertendo a xornada nun día moi especial. Xurxo acompañounos no xantar, para despois ser entrevistado polos rapaciños e rapaciñas de 5º e 6º en "Radio Rosiña". A emoción e os nervios levaban presentes varios días no grupo, onde pasaron algúns ratiños investigando sobre a figura deste personaxe tan entrañable e incombustible: escritor, músico, locutor... Con Xurxo inauguramos un novo programa na nosa radio, que ademais comezou a emitir neste curso. O programa titúlase "Entrevistas Porquiñas" e emitirá sempre que teñamos a ocasión de preparar algunha entrevista que poida ser emitida dende "Radio Rosiña". Pasamos un rato moi agradable conversando co noso primeiro invitado, e queremos compartilo con todas as persoas que nos siguen a través dos nosos podcast, polo que aquí volo deixamos:


Despois do interrogatorio, xuntámonos na Biblioteca, como non podía ser doutra maneira tal día coma hoxe. E todas as persoas xuntas cantamos "O rato de biblioteca" para darlle a benvida a Xurxo, que mesmo chegou a improvisar unha estrofa máis para esta divertida canción. 

E despois comezamos a viaxe co noso convidado, navegando polo mar, como a el lle gusta, escoitando o seu son a través dunha enorme buguina, coñecendo historias de mariñeiros, de seres fantásticos que habitan nas augas salgadas..., e do emblema da súa cidade: a Torre de Hércules... Houbo tempo para cantar ao son do acordeón, para rir, para descubrir cousas moi interesantes, e mesmo para chegar á conclusión de que o centro do mundo está en Pazos!!!


Ademais desta fermosa foto de grupo, podedes ver AQUÍ o resto das imaxes e vídeos que fixemos na biblioteca, e premendo AQUÍ as realizadas en "Radio Rosiña".

Desde aquí queremos dar as grazas a Isabel, da libraría "Ler" de Santa Comba, quen nos facilitou o contacto con Xurxo Souto para facer deste "Día da Biblioteca" unha auténtica ledicia. E, por suposto, a Xurxo: "MEDRE O MAR!!!!"

mércores, 5 de abril de 2017

VISITOUNOS CONCHA BLANCO

A mañá de hoxe foi moi especial no cole. O motivo? Recibimos a visita da escritora CONCHA BLANCO, como xa anunciaramos hai varias semanas. Tres días despois de que se celebrara o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, recibir a unha das escritoras en lingua galega máis coñecidas foi todo un orgullo para nós.
Despois do recreo xuntámonos na biblioteca, e alí Concha falounos un pouco de datos históricos que sucederon o 5 de abril de diferentes anos. Tamén nos lembrou datas relacionadas cos libros e outras anécdotas máis persoais. Pero o momento no que mellor o pasamos foi cando puidemos facerlle as preguntas que fomos apuntando durante esta temporada, preguntas que xurdiron tras ler a súa autobiografía ou algunha das súas obras. E Concha contestou tranquilamente unha por unha, convertendo a sesión nun rato moi entretido. Así, descubrimos cal é o seu escritor preferido, por que lle gusta escribir dentro do coche, como se fixo escritora, as súas afeccións, se prefire comezar a escribir as súas historias a man ou directamente no ordenador, cales son as súas temáticas preferidas..., e un montón de cousas máis!!! 
Despois, firmounos algúns dos exemplares dos nenos e nenas que os trouxeron ao cole, e tamén algúns dos que temos na biblioteca e que tanto nos gustan. Un deles, ademais, inspirou ao profe Óscar para preparalo con música, e esta foi a nosa maneira de agradecerlle a Concha a súa visita ao noso centro: cantando e lendo o poema "Un, dous, tres" do seu libro "Do, Re, Mi, fantasía". E pensamos que lle gustou moito!!! Como seguro que lle gustaron os agasallos das meniñas e meniños de Infantil, e que Concha levou para a súa casiña.
Desde aquí queremos agradecer a posibilidade de reunirnos con Concha a Isabel, da libraría "Ler" de Santa Comba, que nos facilitou este encontro e moitas outras cousas! Graciñas ás dúas por facer posible un rato tan agradable.

Quen sabe se desta xuntanza sae algunha historia, ou algún escritor ou escritora?

Premede AQUÍ para ver todas as fotos do encontro.

luns, 27 de marzo de 2017

ENCONTRO CON CONCHA BLANCO

Ola, rapaciñas e rapaciños!!!
Como xa ben saberedes polos vosos mestres e mestras, o próximo 5 de abril visitaranos CONCHA BLANCO!!!!! No cole estamos todos moi ilusionados coa visita desta escritora tan achegada a nós. Por un lado, porque na biblio contamos con varias das súas obras, así que algunhas desas historias seguro que viaxaron nas mochilas viaxeiras, nos caixóns de lecturas, ou mesmo as elixistes vós mesmos para ler no tempo libre. Por outro, porque no clube de lectura do cole comezaron a ler unha das súas últimas publicacións, que redactou conxuntamente coa súa filla María Canosa: "Será correcto?" é unha guía sobre o protocolo escrita de maneira entretida e informal e a excusa destes días para pasar un rato falando entre "Os Xurelos Lectores" do cole. Pero ademais Concha Blanco é de Cee, que é un pobo que coñecemos moitas das persoas que estamos no cole!!! E o seu último libro publicado, "Do, Re, Mi, fantasía" está na exposición de libros sobre o proxecto deste curso "Bailemos na musiteca".
Pois con todo isto, eu, Rosiña, decidín prepararvos un pequeno caderno con toda a información que penso deberades coñecer para recibir a Concha. Nel atoparedes a súa autobiografía, así coma as obras publicadas e unha páxina para que vaiades pensando e anotando todo aquelo que vos gustaría saber sobre esta grande escritora. E non esquezades que tedes un recuncho adicado a ela no corredor do cole, así que... a que estades esperando para coñecer algunha das súas obras? 
Aquí vos deixo tamén o caderno para que poidades lelo tantas veces como desexedes!

Unha aperta!

domingo, 5 de outubro de 2014

xoves, 2 de outubro de 2014

VISITA DE ÁNGEL PEREIRA

Mañá venres 3 de outubro, recibiremos pola mañá na nosa biblioteca a ÁNGEL PEREIRA CARRACEDO, ex-alumno do noso cole e mestre de Educación Física (que fixo as súas prácticas tamén connosco), e autor do libro “LO QUE LLEVO TATUADO” que escribiu baixo o sobrenome de Jason Bross.


Aínda que o libro de Ángel non é para rapaces de Primaria, Rosiña está segura que cando cumprades uns aniños vos encantará lelo e disfrutalo.
 
Ángel tivo o detalle de viaxar dende Londres, lugar onde actualmente reside, para vir a presentarnos o seu traballo, para falar cos rapaces e rapazas do cole sobre como foi a súa experiencia como escritor e para demostrarnos que calquera de nós pode escribir un libro se temos unha historia interesante que contar aos demais.
Seguro que todos tedes moreas de preguntas que facerlle, verdade??

Os rapaces de 6º curso prepararon, con moito agarimo, un cartel para anunciar a súa visita. Está pegado no corredor do colexio pero tamén o colgamos aquí para que todo o mundo poida velo:




O sábado día 4, terá lugar a presentación do libro e a firma de exemplares na Casa de Cultura de Mazaricos.

Estades todos invitados!!