Amosando publicacións coa etiqueta Camiño de Santiago. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Camiño de Santiago. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de abril de 2018

UN ALTO NO CAMIÑO

Iso foi o que lle fixemos esta mañá a uns peregrinos moi peculiares: Ginés, Marina e Komotú. Ginés é un home que decidiu facer o Camiño ata Fisterra desde Santurce (Biscaia) dunha maneira diferente ao que estamos acostumadas a ver, e para iso elixiu a compañía dunha burra chamada Marina e dun canciño co simpático nome de Komotú.
Coñecedores da súa localización, o profesorado decidiu que era un bo momento para entrevistalos e saudalos ao seu paso pola estrada, e así fixemos. Eu esperei un ratiño, porque con tanto animal, tiña algo de medo a que a burra ou o can se asustaran ao ver unha porquiña no medio de tantos pequenos e pequenas. Pero non se asustaron nadiña, nen cos vosos agarimos nen coas vosas preguntas!!!
https://photos.app.goo.gl/md9zQk1z5BNFYXYp2

Xunto con eles viaxaba tamén Yosu, outro home que atopou a Ginés durante o seu percorrido e que, casualidades da vida, tamén facía o Camiño de Santiago desde Santurce!!! 
Con todos eles pasamos un ratiño, desfrutando das historias que nos contaron e mesmo se prestaron a ser gravados para "Radio Rosiña", así que en breve poderedes escoitar a entrevista que improvisaron nun tempo récord o grupo de 5º e 6º.  
Premendo na imaxe podedes ver o resto das fotos.

mércores, 11 de abril de 2018

ENQUISAS NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Como ben sabedes, o Camiño de Santiago a Fisterra pasa polo concello de Mazaricos. E na parroquia de Santa Mariña hai dous albergues moi ligados ao noso centro, xa que pertencen a dúas familias que aquí teñen escolarizadas ás súas rapaciñas: Paula e Carla. Foi este o motivo polo que, unido ao Proxecto Documental sobre o turismo que propuxemos desde a Biblioteca, así como o Plan Proxecta no que tamén estamos inscritos, o que nos motivou a elaborar unhas enquisas para que cubriran todas as persoas que fan o Camiño ata o fin da terra. Entregámolas antes da Semana Santa e xa temos unha grande parte delas cubertas. Todo isto foi posible grazas á colaboración das mencionadas familias e aos peregrinos que, desinteresadamente, adicaron un ratiño do seu tempo a cubrilas. A todas elas, MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

Se queredes saber as preguntas que lles fixemos, aquí vos deixamos a que está en galego:



Pero tamén as fixemos noutros idiomas, xa que as persoas que fan o Camiño veñen de lugares moi diferentes. Premendo sobre os diferentes idiomas, podedes lelas en castelán, en inglés e tamén en francés.



sábado, 17 de marzo de 2018

DÍA DA POESÍA 2018

Hoxe, mentras comiades, andiven pasando polo colexio, e deixeivos unha cartiña que creo que vos fixo moita ilusión! Que alegría!!! Pois vouna poñer tamén aquí para que todas as persoas que queiran lela poidan facelo, e se se animan tamén as invito a facer a mesma actividade ca vós...
Unha aperta grande para todas!!!




sábado, 3 de marzo de 2018

VIAXE ATA O FIN DA TERRA!!!

Rematamos a semana viaxando ata o fin da Terra. Así foi o nome que puxeron os romanos (Finis Terrae) ao que agora coñecemos como Fisterra. Debido ao mal tempo, tivemos que cancelar parte das actividades previstas (visita á fervenza de O Ézaro e ao Castelo de San Carlos en Fisterra), pero podemos alegrarnos de que a chuvia e o vento permitíronnos facer unha paradiña nunha das paisaxes máis fermosas que existen aos pés do Océano Atlántico: o cabo Fisterra. Dende alí puidemos contemplar, pese ao vento que facía, o monte Pindo, a praia de Carnota, as illas Lobeira, a rocha do Centolo... Tamén a montaña do tramo final do Camiño de Santiago a Fisterra. E o faro! Construído no ano 1853, ten 17 metros de altura e a súa luz pode verse a 65 quilómetros! Debido á néboa do inverno, no ano 1888 decidiuse engadirlle unha serea, que se coñece popularmete como "a vaca de Fisterra". Podes escoitala premendo AQUÍ.

Despois de facer algunhas fotos, marchamos para Cee, onde asistimos a un concerto moi divertido do grupo de percusión Odaiko, con quenes tamén nos retratamos despois da función.

Ao rematar, regresamos ao cole, onde nos esperaba un xantar quentiño que nos sentou de marabilla!!!
Para ver o resto das fotos de Fisterra preme AQUÍ, e as do concerto de Odaiko AQUÍ.


martes, 5 de decembro de 2017

UN PROXECTO MÁIS: "MIRANDO POLO CAMIÑO"

"Mirando polo camiño" é o título da modalidade na que nos inscribimos dentro do Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
O noso centro foi un dos 9 seleccionados  para participar nesta modalidade, que solicitamos tendo en conta tamén o proxecto "O mundo é máis lindo lendo" que propuxemos desde a Biblioteca para este curso. Xa que a temática central será o turismo e o patrimonio etnográfico da nosa comunidade, que mellor que incluír o Camiño de Santiago coma unha parte do noso traballo!!!

A través deste programa, preténdese traballar co alumnado sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que se sitúa o noso cole: o Camiño de Fisterra.

luns, 23 de outubro de 2017

O CAMIÑO DE SANTIAGO CUMPRE 30 ANOS

Hoxe, 23 de outubro, o Camiño de Santiago de Compostela está de cumpreanos: hai 30 anos que se nomeu como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Este curso, no que queremos centrar os nosos proxectos de investigación sobre o turismo e o patrimonio cultural da nosa comunidade, pensamos que é esta unha noticia a ter en conta, xa que o Camiño de Santiago foi, e segue sendo, a ruta máis antiga, concurrida e celebrada do continente europeo, e unha das maneiras elixidas por moitas persoas para chegar a Galicia.
Hai, ademais, diferentes rutas para facer o Camiño, e mesmo unha prolongación do mesmo que nos leva a Muxía e Fisterra e que pasa polo concello de Mazaricos: As Maroñas, Santa Mariña ou Lago son algunhas das poboacións que atravesan as persoas que realizan esta ruta.