venres, 14 de outubro de 2022

BENVIDAS E BENVIDOS AO CURSO 2022 -23

 BOS DÍAS!!!

Canto me alegro de poder escribirvos de novo!!! Pensabades que xa non me acordaba de vós? Pois aquí estou de volta. Debido a problemas técnicos do blog non puiden escribirvos todo o que me gustaría.

Antes de nada quero darlle a benvida ás persoas que chegan novas ao centro, como as nenas e nenos de 3 anos: Leonel, Gael, Erea, Pablo, Lucas, Raúl e Lucía!!! Espero que teñades un curso marabilloso neste cole no que vos recibimos con moita alegría. E tamén quero saudar ao resto de profes, nenos e nenas, moitos dos cales levan días preguntándome sobre que vai tratar o proxecto deste curso 2022-23, así que hoxe chegou o momento de desvelarvos a grande incógnita...

Temos a sorte de vivir e ter o noso cole nunha contorna privilexiada. Rodeada de natureza: árbores, ríos, animais... e desfrutámola todos os días en actividades ao aire libre. Nos últimos cursos no cole aprendimos sobre diferentes temas relacionados coa mesma: o canto das aves, o ceo estrelado, o turismo sostible... Para que poidamos seguir desfrutando de todo isto debemos coidar a nosa contorna porque a man do ser humano pode facer moito dano, pero tamén moito ben. E como nós somos dos segundos sempre tratamos de coidar o medio ambiente en todo momento. Como tamén é necesario que todo o mundo aprenda a coidalo, este ano imos adicar o proxecto anual á pegada ecolóxica. Imos descubrir máis cousas que podemos facer para mellorar a nosa contorna e facer do noso mundo un lugar sostible.

E para comezar, propóñovos que me axudedes co lema para este proxecto, porque estou convencida de que as vosas ideas serán moito máis orixinais. Dádelle a esas cabeciñas e escribide as que se vos ocorran no modelo que adxunto. A última semana de outubro recollerémolas todas para elixir unha que se anunciará no cartel deste novo curso. Veña, veña, quero lelas canto antes no taboleiro do corredor...

UNHA APERTA ENORME!!!

                  Rosiña

Ningún comentario:

Publicar un comentario