Amosando publicacións coa etiqueta aves. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta aves. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de xuño de 2021

DESPEDIMOS O CURSO 2020-21

Aquí vos deixo as fotos que fixemos o pasado 22 de xuño, o día que despedimos este curso tan diferente. Afortunadamente, a situación da pandemia foi mellorando e iso animounos a preparar unha pequena festiña á que invitamos ás familias do alumnado e a algunhas persoas que apreciamos moito no centro. Foi un acto sinxelo, feito con cariño, o mesmo que sentimos tamén por parte de todas as persoas que puidestes acompañarnos.

O alumnado de 6º presentou as actuacións que se realizaron no escenario, entregáronse os diplomas e orlas aos nenos e nenas que rematan Educación Infantil e aos rapaciños e rapaciñas que xa marchan para o Instituto...


Aproveitamos tamén a presencia de Beatriz e Lorena, delegada e representante da ONG "Ayuda en Acción", para agradecer publicamente a súa implicación co noso centro dentro do programa "RTV Enxebre":


E despois reunímonos no patio do cole para desfrutar da actuación de Peter Punk "Punkdemia".

Premendo na imaxe podedes ver todas as fotos que fixemos durante esta xornada, na que o mellor de todo foi, sen dúbida, que nos acompañarades coa vosa presenza!!!

O grupo de 6º encargouse de presentar o acto de fin de curso.

Unha aperta enorme e moi bo verán para todas!!!!

Rosiña

LIBRO DE PAXAROS

Regreso agora cunha novidade máis!!! En Educación Infantil tamén queren ensinarnos o moito que saben de paxariños, así que aquí vos deixo esta interesante recollida que, a modo de diario, fixeron durante o tempo que estivemos confinadas na primavera de 2020 e que titularon "Libro de paxaros". Despois deste curso, agora xa saben moitísimo máis, pero este traballiño ben é merecedor dun forte aplauso, porque lles quedou realmente fermoso...

Quero lembrarvos que, ao ser do curso 2019-2020, algunhas das súas páxinas están realizadas por nenos e nenas que xa están en 1º de Primaria, así que non volo perdades....

Premede sobre a imaxe para atopar algunhas das aves que viven no noso entorno:

O "Libro de Paxaros" de Infantil

Apertas,

Rosiña

AVES QUE VIVEN PRETO DA AUGA

Ola de novo!!!

Como xa sabedes, entre as actividades realizadas durante este curso estaba un pasapalabra que nós chamamos "Rosiñapalabra", que fixeron nas aulas de Primaria e gravaron en tres vídeos que podedes atopar no blog. O de 3º e 4º, centrado nas aves que viven preto da auga, vai acompañado deste traballo escrito no que participaron todas as nenas e nenos desa aula. Seguro que queredes velo, así que aquí volo deixo:

Preme aquí para coñecer esta magníficas aves

 

Apertas!

Rosiña

mércores, 23 de xuño de 2021

AS AVES E OS ODS

Como moitas de vós xa sabedes, os Obxectivos de Desarrollo Sostible son as metas que varios países pretenden acadar para o ano 2030. En 5º e 6º, nas clases de Valores, pensaron que podían unilo ao tema das aves, e fixeron un traballiño que acaba de saír da imprenta... Nel recollen cada un deses obxectivos e tamén unha ave que, por algunha das súas características, ensínanos que é posible conseguilo. Se queredes velo non tedes máis que premer na imaxe:

As aves, unha salvación ao noso planeta.

En hora boa a Mai e Ramiro, de 5º e 6º de Primaria, que se esforzaron moito nesta tarefa.

Apertas,

Rosiña

SANCOSMEIRO E GUÍA DE LECTURA

Ola!!!

A última semana do curso entregamos o nº 33 da revista "O Sancosmeiro", que recolle moitas das actividades que realizamos ao longo do curso. Xa sei que a tedes nas vosas casiñas, pero tamén vola deixo aquí, para que poidan lela outras persoas que non teñan acceso a ela:

Sancosmeiro 33

E a guía de lectura na que aparecen novidades que podedes ler durante estes meses de vacacións:

Guía de lectura

Unha aperta enorme,

Rosiña


martes, 22 de xuño de 2021

ORNITÓLOGAS E PIONEIRAS

Ola!!!

Outro traballo que chega coa fin do curso: un vídeo realizado en 5º e 6º de Primaria sobre un traballo de investigación adicado a mulleres ornitólogas. Partindo da celebración do "Día da nena e a muller na ciencia", e unido ao "Día da muller", quixeron centrar o seu estudo en mulleres que estiveran moi relacionadas co mundo das aves, e que ademais destacaran nalgún aspecto determinado. Así, aquí atoparedes sobre todo mulleres estadounidenses, pero tamén unhas cantas de España e unha latinoamericana coa que tiveron a sorte de conversar. Espero que aprendades moito e que vos resulte tan interesante como a este grupo, a quen dou tamén a en hora boa:

Unha aperta,

Rosiña

luns, 21 de xuño de 2021

ENQUISA SOBRE AVES

Boas tardes!!! 

Mural exposto na escaleira de 5º e 6º.

A piques de rematar o curso, recibo con moita ilusión os últimos dos vosos traballiños adicados ás aves. O de hoxe está feito polo alumnado de 5º nas clases de Matemáticas, onde quixeron saber cales eran as aves preferidas no noso colexio. Eses datos recolléronos nun mural e, para completalo e facelo chegar a máis xente interesada no tema, gravaron un programa en "Radio Rosiña" que vos presento aquí:


Sorpréndevos o resultado?

Unha aperta,

Rosiña

mércores, 16 de xuño de 2021

"ROSIÑAPALABRA" DE 5º E 6º

Ola!!!

Aquí chega o último programa de "Rosiñapalabra" adicado ás aves. Nesta ocasión, realizado polo alumnado de 5º e 6º, que tamén vos queren animar a xogar a este entretido xogo no que estamos aprendendo moito vocabulario. Coñecedes todas as aves terrestres das que falan as rapazas e rapaces de 5º e 6º? Imos alá!!!

Rosiña

luns, 14 de xuño de 2021

"ROSIÑAPALABRA" DE 1º E 2º

Ola!!!

Que tal estades? Estamos xa na recta final e chegan os últimos traballiños das aulas, onde estivestes aprendendo moitísimo sobre as aves. Vistes o programa "Rosiñapalabra" de 3º e 4º? Acertastes moitas palabras? Seguro que si!!! Pois hoxe tráigovos un novo programa, nesta ocasión realizado polo grupo de 1º e 2º, a través do cal descubriredes moito vocabulario relacionado co mundo da ornitoloxía. Animádesvos a participar? Pois dádelle ao play!!!

Unha aperta,

Rosiña

xoves, 10 de xuño de 2021

"ROSIÑAPALABRA" DE 3º E 4º

Como xa sabedes, unha das actividades que se programou para realizar dentro do noso proxecto adicado ás aves estaba a edición do coñecido "Pasapalabra". Aproveitando que en 3º e 4º inauguraron a canle "Rosiña TV", pensamos que era boa idea emitilo en formato audiovisual, polo que así os iremos publicando. En cada aula de Primaria elixiron un grupo de aves para describilas tendo en conta o hábitat no que se desenvolven. Ás nenas e nenos de 3º e 4º tocáronlles as aves que viven en zonas húmidas, así que aquí están para sorprendernos con esta emisión de "Rosiñapalabra". Animádevos a xogar!!!!

 

Rosiña

luns, 7 de xuño de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DOS CIRRIOS CON ELIA

Hoxe foi o "Día Mundial dos Cirrios", unhas das aves máis fascinantes que tamén podemos atopar nesta zona a partir da primavera, xa que é unha ave que migra no outono, para pasar o inverno en África. Sorprende a cantidade de tempo que poden pasar no aire sen pousarse, xa que excepto para aniñar, o seu ciclo vital desarróllase en voo. Incluso durmen no aire!!! Así nolo contou a bióloga Elia Pérez Taboada ("Puertas Afuera Comunicación Medioambiental"), unha rapaza que nos veu falar hoxe sobre algunhas das aves coas que compartimos territorio, ao tempo que escoitamos o canto dalgunhas delas: o "chi-chi-pán" do ferreiriño real, a risotada do peto verde, o enigmático son da curuxa ou o peculiar canto da avenoiteira foron algúns deles.

Pero Elia tamén nos amosou materiais moi interesantes, algúns dos cales nunca tiveramos a oportunidade de observar: plumas de peto real, de curuxa, niños de aves paseriformes (que coñecemos como paxaros), pero tamén cranios moi diferentes e incluso egragópilas!!!

Ademais, Elia tamén nos amosou algunhas das amezas coas que poden atoparse as aves no noso concello e noutros lugares de Galicia. Entre eles: os cambios que realiza o ser humano na paisaxe, eliminando a natureza que nela se atopaba (estradas, autovías, minas, etc.), os tendidos eléctricos de alta tensión, as plantacións en grandes superficies que acaban coa biodiversidade do lugar, o uso de elementos químicos que poden ser moi perigosos (insecticidas e praguicidas de diferente tipo), a acumulación de lixo en zonas nas que non se xestiona (preocupa moito o plástico pero son moitos os desperdicios que poden influír negativamente nos animais), etc.

Elia é unha namorada das aves e as bolboretas.
 

Foi unha actividade moi interesante na que desfrutamos moito con Elia, ademais de aprender un montón de cousiñas moi importantes e necesarias para coidar a nosa natureza. Moitísimas grazas por todo, Elia!!!

Unha aperta,

                  Rosiña

martes, 2 de febreiro de 2021

DÍA DA CANDELORIA E DAS ZONAS HÚMIDAS

Bos días!!! Hoxe, 2 de febreiro, o calendario sinala dúas datas ben fermosas: o Día da Candeloria e o Día Mundial das Zonas Húmidas. No cole non chegan as xornadas para adicar tempo a falar de todos os temas que consideramos interesantes facéndoos coincidir con estas celebracións, pero desde aquí podo contarvos algunhas cousiñas...

A Candeloria coincide coa metade do inverno, como afirma o dito popular "pola Candeloria, medio inverno vai fóra"; os días xa medraron e a natureza comeza a prepararse para a algarabía primaveral. 

Hai tamén un refrán popular que di "a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa", xa que neste mes regresan as aves migratorias, os cortexos anuncian novas niñadas, e as vodas son tan románticas que ben podería mudar o día do amor para esta data en lugar da adicada ao chamado Valentín, un crego romántico do século III. A ti que che parece?

En canto ás Zonas Húmidas, quería lembrarvos que son de grandísima importancia para a existencia da biodiversidade. Estas extensións de terra, inundadas de auga doce ou salgada, forman ecosistemas con nomes que seguramente coñezas: ríos, rías, lagos, lagoas, marismas, pantanos, etc. Estas zonas, nas que viven moitos animais e vexetais, regulan o ciclo da auga e o clima, ademais de aportarnos moitos recursos que melloran a nosa calidade de vida. Sen embargo, nos últimos anos desapareceron moitísimas zonas húmidas en todo o mundo.

A colombiana Martha Rojas Urrego fala sobre a súa importancia neste 2021:


Por suposto, tamén os paxariños necesitan destas zonas para vivir. Son moitas as aves migratorias que se deteñen nelas para descansar e alimentarse antes de continuar a súa viaxe, pero tamén as aves que permanecen todo o ano connosco precisan destas zonas. O mazarico é unha delas, que se alimenta grazas ao seu longo peteiro, que introduce nas zonas húmidas para extraer invertebrados de todo tipo.

A AUGA É IMPRESCINDIBLE PARA A VIDA, 

ASÍ QUE DEBEMOS COIDALA ENTRE TODAS!!!



 





luns, 25 de xaneiro de 2021

DÍA DA PAZ

O vindeiro día 30 celebraremos o Día da Paz. Neste 2021 tamén queremos unirnos á proposta de Save The Children, a ONG que colabora con países que se atopan en situacións peores que as que estamos vivindo nos países chamados desarrollados. Nesta ocasión, adican a "Carreira de Solidaridade" á República Democrática do Congo, así que durante estes días trataremos de coñecer máis algúns datos sobre este país africano.


Mentras tanto, cóntovos que no Google sites adicado ao proxecto tedes un texto sobre a ave que eliximos este curso como símbolo da paz: a grúa. Premendo aquí podedes lelo e acceder a algúns vídeos. 

E mentras non chega o venres, seguiremos facendo grúas de papel... Chegaremos ás 1000? Cumpriranse os nosos soños?

Unha aperta enorme!!!!


 

 



venres, 23 de outubro de 2020

EN EDUCACIÓN INFANTIL FALAN DE DISFRACES EN "RADIO ROSIÑA"

O curso pasado adicamos o proxecto documental integrado ás aves, e debido á suspensión de clases no mes de marzo, quedaron algunhas cousiñas pendentes de facer ou de rematar. Este foi o caso de Educación Infantil, quenes se disfrazaron de pavos reais para celebrar o Entroido. En "Radio Rosiña" emitimos varios programas adicados aos disfraces, pero este grupo non puido rematar a súa gravación naquel momento, así que aproveitaron estes días de regreso ás nosas actividades presenciais para facelo. E quedoulles así de chulo!!! Escoitade, escoitade:

 




domingo, 4 de outubro de 2020

AS AVES, INDICADORES DE CALIDADE DE VIDA

Cartel de SEO/Birdlife

Esta fin de semana celebrouse o "Día das aves", para a cal a organización SEO/Birdlife elixiu un lema que amosa a importancia destes animais no noso entorno: "As aves, indicadores de calidade de vida". As aves son os mellores indicadores do estado de saúde do noso ambiente, son símbolo de vida, de calidade de vida. 

E no cole, xa que este curso seguiremos aprendendo todo o que poidamos sobre elas, tamén queremos ter en conta esta data, desexando que os seus cantos se sigan escoitando día tras día!!! 




mércores, 4 de marzo de 2020

3º E 4º FALAN DE DISFRACES EN "RADIO ROSIÑA"

Un cisne mudo na Ría do Burgo (A Coruña).
Así como fixeron en 5º e 6º, tamén os grupos de 3º e 4º visitaron "Radio Rosiña" para emitir un programa sobre os seus disfraces do pasado Entroido. As nenas e nenos de 3º e 4º elixiron o cisne para esta ocasión tan especial, e no programa "Os disfraces de Rosiña" cóntannos moitísimas cousas interesantes sobre esta espectacular ave. Para que non volo perdades, aquí vos deixo o seu podcast, no que participaron todas e todos: Ismael, Íker, Ángel, Soraya, Guille, Brais, Sara, Aroa, Paula, Martina, Xoel e Mai, ademais da profe Alba, quen lles axudou na búsqueda da información e na gravación deste programa. NORABOA polo voso traballo!!!!!




luns, 2 de marzo de 2020

5º E 6º FALAN DE DISFRACES EN "RADIO ROSIÑA"

Parella (femia e macho) de lavancos reais.
Rematado o Entroido, en "Radio Rosiña" comezamos a gravar os programas nos que explicamos os motivos polos que eliximos o disfraz que luciu cada un dos grupos do cole. En 5º e 6º facíalles especial ilusión o dos patos, partindo do coñecidísimo conto "O patiño feo". Pero a partir de aí, ademais de recortar e pegar un montón de plumas no seu disfraz, descubriron outras moitas cousas sobre estas coñecidas aves, que quixeron contarnos neste programa adicado ao Entroido: "Os disfraces de Rosiña". Aquí vos deixo o podcast, no que participaron todas as nenas e nenos de 5º e 6º: Joel (presentador), Paula Barcia, Nerea, Alejandro, Brais, Miguel, Samuel, Ramiro, Alba, Andrea, Paula López (nos micrófonos), Jorge Lema e Jorge Otero (nos micrófonos e no control técnico). NORABOA!!!


mércores, 12 de febreiro de 2020

AS CURUXIÑAS DE 1º E 2º

Portada do conto de Kalandraka
Pois ademais de corvos, en 1º e 2º tamén se animaron coas curuxas!!! E para iso animáronse a dramatizar un coñecido conto editado por Kalandraka escrito por Martin Waddell e ilustrado por Patrick Benson que lles gusta moito: "As tres curuxiñas". A min tamén me encantou como nolo contaron para todas as ouvintes de "Radio Rosiña", así que non volo perdades:




Pero se queredes tamén podedes ir vendo as ilustracións do conto ao tempo que escoitades as voces dos rapaciños e rapaciñas de 1º e 2º, xa que tamén o gravaron nun vídeo. Aquí podedes velo:



Gustouvos, eh? A min encantáronme!!!!! NORABOA!!!




mércores, 5 de febreiro de 2020

"VOAMOS" ATA A RÍA DO BURGO CON ANTONIO SANDOVAL!!!

Antonio Sandoval Rey falando para todo o cole.
A de hoxe foi unha xornada que non esqueceremos, xa que realizamos unha das actividades máis bonitas ás que nos está levando o proxecto sobre as aves: saír á natureza para observalas!!! E ademais fixémolo ao grande, xa que organizamos unha excursión ata A Coruña!!! Alí esperábanos Antonio Sandoval Rey, quen nos acompañou facendo un percorrido pola ría do Burgo ao tempo que nos comentaba que tipo de aves eran, desde onde viaxaban, algunhas características do seu comportamento, etc. Foi toda unha sorte poder contar con Antonio para esta saída, xa que ademais de ornitólogo é escritor, e colabora mensualmente en "La Voz de la Escuela", o suplemento semanal que recibimos desde 4º a 6º de Primaria. A través dos seus textos descubrimos que era un apaixonado paxareiro, así que ao longo destes cursos xa puidemos ler varios artigos seus sobre as aves. E hoxe compartimos con el un fermoso día no que tivemos a sorte de ver corvos mariños, virapedras, garzas, garzotas, gaivotas, píllaras, cisnes... E mesmo algúns tímidos cullereiros.
Puidemos manexar telescopios e prismáticos profesionais.
Despois entramos no Xardín Botánico, onde Alberto Monteagudo, o compañeiro de Antonio, nos explicou en que consistía o anelamento de aves, ensinounos algúns tipos de aneis e outros materiais relacionados con esta actividade. Pero o que máis nos gustou foi poder ver de preto algúns fermosos paxariños que Alberto nos amosou con moito coidado: un par de paporroibos, unha papuxa das amoras e un picafollas. 
Pasámolo xenial e todas as persoas regresamos moi contentas desta fermosa mañá de febreiro. Non sabemos se algunhas se chegarán a adicar á ornitoloxía, pero o que si é seguro é que no cole xa hai un grupo de paxareiras e paxareiros a ter en conta!!! 
Desde aquí queremos agradecer a Antonio e Alberto a súa amabilidade para realizar esta actividade; sabemos que non é fácil organizar cousas que capten a atención de idades tan distantes. Vós conseguístelo, así que NORABOA!!!
Premendo sobre as imaxes poderedes ver máis información e as fotos que fixemos, e se premedes AQUÍ atoparedes algúns vídeos curtiños.
Ao rematar a excursión fixemos esta foto de grupo.

domingo, 12 de xaneiro de 2020

DÍA MUNDIAL DAS AVES

O pasado venres, 10 de xaneiro, foi o "Día Mundial das Aves", e na prensa que chega ao cole recolleron unha noticia relacionada con esta celebración, que ademais leva a firma do corresponsal de "La Voz de Galicia" no concello de Mazaricos. Xoán Ramón Alvite fala, nesta ocasión, de Mazaricos como lugar para observar aves, actividade coa que este curso estamos moi sensibilizadas. 
O periodista fala dunha ruta polo concello que permite ver diferentes especies: patos, garzas, paspallás, píllaras, lavandeiras, miñatos e falcóns. Podedes ler a noticia completa premendo na imaxe:

Mazaricos conta cunha ruta para observar aves.
Tamén me gustaría aproveitar para lembrarvos que tedes un texto sobre esta actividade no "Google sites" adicado ao proxecto, e podedes lelo premendo aquí. Observar aves é unha actividade fascinante, así que non deixedes de practicala!!!!

Por outro lado, tamén vos quero comentar que a Sociedade Española de Ornitoloxía convoca cada ano a elección dunha ave para adicarlle o ano. Desde o ano 1988, esta organización elixe 3 candidatas para chamar a atención da situación preocupante que atravesan. Nesta ocasión, para o 2020 propoñen ás seguintes: picanzo real, paspallás e tartaraña cincenta. Cal elixiriades vós? Na páxina de SEO Birdlife (premendo aquí) tedes información sobre cada unha delas, e se vos apetece participar na votación, adiante!!!