Amosando publicacións coa etiqueta gastronomía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta gastronomía. Amosar todas as publicacións

xoves, 31 de outubro de 2019

CELEBRAMOS O SAMAÍN

Na exposición de cabazas había moitas ideas relacionadas coas aves.
A última xornada desta terrorífica semana pasámolo xenial!!!! Comezamos a mañá cantando a canción do moucho, que acompañamos con xestos, e que nos emociona moito cando a música comeza co seu accelerando! Despois falamos desta ave (como é, onde vive, a que grupo de aves pertence, de que se alimenta...), para rematar decorando un moucho enorme que formará parte das ilustracións deste curso cheo de plumas.

A canción do moucho inspirounos para este Samaín.
Unha familia de pitiños.
A seguinte actividade foi gastronómica: elaborar os petiscos terroríficos para merendar no recreo. Moitos deles estaban relacionados tamén coas aves, por iso neste menú había niños feitos con pan, ovos convertidos en pitiños, pavos reais, gusanos e arañas, que son insectos dos que se alimentan moitas das aves que coñecemos, etc. Quedaron xenial, pasámolo moi ben facéndoos e papámolos todos!!!!



Rímonos moito coa profe Puri.

Despois do recreo chegou o momento de realizar o obradoiro de maquillaxe e caretas, onde descubrimos que algunhas e algúns de vós faino coma auténticas/os profesionais.













O xantar, tamén terrorífico, foi tamén o momento elixido para facer entrega dos premios do "X Concurso de Relatos de Medo" e do "Concurso de Cabazas"

O grupo de 3 anos de Infantil estaba emocionadísimo co seu premio.
E pola tarde celebramos unha "Hora de Ler" moi especial, convidándovos a apadriñar e amadriñar ás nenas e nenos de Infantil e 1º e 2º de Primaria. Moitas de vós elixistes historias de medo, pero tamén houbo persoas que quixeron outros contos, e o certo é que calquera boa lectura é estupenda para celebrar e compartir. 
Ramiro estrenouse nesta actividade lendo para Lucía.
Como estou segura de que teredes moitísimas ganas de ver as fotos, non me entreteño máis. Premendo sobre elas poderedes ver as correspondentes a cada obradoiro. E para ler os textos gañadores, premede AQUÍ. Pronto poderedes escoitalos tamén en "Radio Rosiña". Estade moi atentas/os!!!
Unha aperta enorme!!!! Vémonos o próximo 4 de novembro!!!


domingo, 22 de xaneiro de 2017

O PAN CHEGA AO COLE CUN SORRISO



Dende hai 6 anos, Silvia reparte o pan da Panadaría Ignacio na súa furgoneta. Moitas das persoas que formades parte do Víctor Sáenz tal vez nin a coñezades, porque chega máis cedo que a maioría de vós, pero cada mañá, Silvia tráenos o pan que acompaña as comidas que nos preparan Lourdes e Mariví. Silvia baixa do seu coche, agarra o saco co pan recén feito, e saúda cunha enerxía e un sorriso que se contaxia a todas as persoas que temos a sorte de cruzarnos con ela. Onte entrevistárona en "La Voz de Galicia", e pareceume moi boa idea compartir a noticia convosco. Moitas veces fixámonos nas mensaxes que transmiten persoas famosas, que saen a diario nos medios de comunicación, e non nos damos conta de que as que viven ao noso redor dannos, coma Silvia, toda unha lección para a vida. "Eu penso que se ti dás, tamén recibes", di. Seguro que despois de ler a súa entrevista, cada vez que collades un anaco de pan debuxaredes un sorriso no voso rostro...
 


venres, 31 de outubro de 2014

SAMAÍN 2014

Este ano celebramos o Samaín desfrutando non só coas actividades programadas, senón tamén dun tempo marabilloso que nos enche a todos/as de bo humor e moita enerxía. Será por iso que trouxemos ao cole unhas cabazas moi ben decoradas e con moitas alusións ao cine, o tema do proxecto deste curso. Así puidemos ver dende directores de cine, equipados con todo detalle, ata algún actor ou varios protagonistas de películas moi coñecidas por todos vós!
Entre todas elas, os nenos e nenas do cole elixístedes unha, e despois de sumar todos os votos obtidos, saíron 3 cabazas gañadoras que esta mañá recolleron o seu premio no cole. Lembrades cales foron?
Un premio foi para IRIA LÓPEZ CARREIRA (3º de Ed. Primaria), pola súa cabaza reconvertida en Spiderman, un dos personaxes de cómic máis coñecidos; outro para PAULA BARCIA BLANCO (1º de Ed. Primaria), que a transformou en Minnie Mouse; e un primeiro premio para JULIA PEREIRA FACAL (6º de Ed. Primaria), polo seu simpático Minion. As profes Isabel, Cruz e Rocío entregáronlles os agasallos:



Pero houbo un montón de cabazas máis que alegraron o noso corredor durante esta semana. Como sabemos que vos encantará velas de novo, aquí as tedes!

Durante esta semana tamén convocamos o "V Concurso de Relatos de Medo". E que sucedeu? Pois que Rosiña pasou unhas noites tremendo coas historias de todos vós, pero houbo algunhas que lle fixeron pensar que estaban rodando unha peli de terror nos prados que hai ao redor do colexio e do cemiterio. Ai, que malas noites pasou estes días!!! E os "culpables" foron: a historia "O monstro papanenas", que idearon en EDUCACIÓN INFANTIL; "O medo e o terror", de PAULA MANEIRO BERGANTIÑOS (2º de Ed. Primaria); "A resurrección imposible", de ANDREA LABANDEIRA OTERO (4º de Ed. Primaria); e "Os tres directores: o bo, o vello e o malo", de FROILÁN MUÑIZ PONTE (6º de Ed. Primaria). Si, si, aquí teñen cara de boas persoas os tres, e coas mestras que lles entregaron o agasallo, pero lede as súas historias! Pasarédelo de medo!!!





E finalmente chegou o momento de probar as nosas elaboracións gastronómicas: mandarinas que transformamos en cabazas, plátanos que se converteron en pantasmas, salchichas que semellaban dedos sanguentos, sándwiches que parecían momias, vasoiras de meigas, queixos que se transformaron en ollos ou ratiños... E comémolo "todito, todito"...

Pola tarde o cole converteuse nun cine, onde se proxectaron varias películas en diferentes "salas": en Infantil dúas curtametraxes de Disney ("A danza dos esqueletos" e "A casa encantada"); no 1º ciclo, "O alucinante mundo de Norman"; no 2º, "Frankenweenie"; e no 3º, "O Apóstolo". Moito medo a verdade é que non pasamos, pero desfrutamos moito da sesión cinematográfica e, ademais, por primeira vez estivo acompañada de... FLOCOS DE MILLO!!!

mércores, 28 de maio de 2014

AS RECEITAS DAS MOCHILAS

Unha das actividades programadas dentro do Proxecto Integrado deste ano Papacontos Zampalibros consistía en:
  • levar para a nosa casa, dentro da Mochila Viaxeira, libros de cociña con receitas 
  • o día que tiñamos que traela de volta, debiamos traer feita unha receita dun dos libros de cociña da mochila ou dos que tiñamos na casa, elaborada xunto cos nosos pais. 
  • explicarlles aos nosos compañeiros o proceso de elaboración da receita cociñada
  • compartir e saborear as nosas receitas cos nosos compañeiros


Deste xeito, compartimos tempo de lectura coas nosas familias e tamén tempo de cociña.

Aquí tedes as fotos das algunhas das riquísimas receitas que saboreamos durante o curso.

AS RECEITAS DE INFANTIL

AS RECEITAS DE 1º CICLO

AS RECEITAS DE 3º

AS RECEITAS DE 4º

AS RECEITAS DE 5º

AS RECEITAS DE 6º

BIBLIOLARPEIRADAS

Os rapaces e rapazas de 5º queremos compartir con todos vós as nosas riquísimas receitas
A idea era que compartísemos cos nosos pais a elaboración dunha receita e logo desfrutar desa comida na clase cos compañeiros, despois de explicar en público o proceso de elaboración.
Con esta actividade queriamos participar no proxecto integrado deste curso PAPACONTOS ZAMPALIBROS, centrado no tema da gastronomía; traballar un tipo concreto de texto: a receita; mellorar a nosa expresión oral; e tamén  aprender a falar diante dun público.
O de falar diante dos compañeiros e que te estean gravando cunha cámara de vídeo era unha experiencia totalmente nova para nós e a algúns costounos máis que a outros, porque a vergoña, ás veces, podía con nós; outras veces tamén nos entraba a risa floxa.
Aquí tedes o resultado.
SEDE COMPRENSIVOS CON NÓS!! 
É moi difícil falarlle á cámara!






xoves, 3 de abril de 2014

CURIOSIDADES SOBRE A ALIMENTACIÓN


Hoxe, 3 de abril, tivemos a sorte de recibir no noso centro a Adrián Blanco, Técnico Superior en Industrias Alimentarias que aceptou ofrecernos unha charla titulada "Curiosidades sobre a alimentación". Esta charla está enmarcada dentro do programa de actividades do Proxecto Intregrado deste curso "Papacontos, zampalibros" centrado no tema da gastronomía e a alimentación. 

Con Adrián aprendemos unha chea de cousas. Lembrades os temas tratados: tipos de nutrientes, que son as calorías e a vitaminas, a enfermidade do mariñeiro, o valor do sal, a lactosa, graxas saturadas e insaturadas, graxas hidroxenadas, as chuches, a pirámide dos alimentos, o azucre nos refrescos, o aspartano e a sacarina, a deshidratación e o exceso do sal, as propiedades organolécticas, a alimentación na prehistoria, a domesticación dos animais, a alimentación en función da xeografía, a relixión e a cultura, o polo: a carne máis consumida, a conservación dos alimentos, as propiedades do mel, alimentos xurdidos de erros: o champán, o queixo, o reparto da comida no mundo, os alimentos tranxénicos, as diferencias entre entolerancia e alerxia, celíacos, alimentos tóxicos, os cogomelos, a importancia da hixiene na alimentación, a bacteria E-Coli, a salmonelosis, a toxina botulínica...


mércores, 19 de marzo de 2014

MAPAS APETITOSOS

Ola rapaces!!

Jose Ramón, o pai de Nuria Esperante de 4º, acaba de facernos chegar este fermoso material que queremos compartir con todos vós. Estamos seguros de que vos vai a encantar pois está directamente relacionado coa temática do Proxecto Integrado deste ano: "Papacontos, zampalibros".
Veredes!
Varios artistas participaron nun proxecto para recrear mapas dalgúns países cos alimentos típicos de cada rexión. O resultado é visualmente impresionante e apetitoso.
Os responsables deste proxecto son Caitlin Levin e Henry Hargreaves, dous apaixonados das viaxes. No vídeo podemos comprobar como conseguiron facer estas montaxes, e na galería inferior o resultado en imaxes. 
Como podedes comprobar, souberon elixir algúns dos alimentos máis característicos de cada rexión: de Francia o queixo, de América do Sur os cítricos, de Italia o tomate...
A gastronomía é un dos grandes praceres do ser humano, así que, DISFRUTÁDEO!!
Grazas José Ramón pola túa colaboración e polas seguintes!!




venres, 22 de novembro de 2013

PRESTAMO DA FUNDACIÓN GERMÁN SÁNCHEZ RUIPEREZ

Recentemente chegaron ao noso cole os libros que pedimos prestados á FUNDACIÓN GERMÁN SÁNCHEZ RUIPÉREZ  relacionados co noso Proxecto Integrado deste curso: PAPACONTOS ZAMPALIBROS que xira entorno ao tema da gastronomía.
Poderemos disfrutar destes fondos da FUNDACIÓN  durante o resto do curso. 
Este é xa o segundo ano que solicitamos a colaboración desta Fundación que traballa dende hai moitos anos en relación a literatura infantil e xuvenil
Esperamos que os disfrutedes e lles saquedes o mellor partido.


martes, 5 de novembro de 2013

OBRADOIRO DE COMIDAS TERRORÍFICAS NO SAMAÍN 2013

Para celebrar a festa do Samaín, este curso argallamos unha actividade diferente. Xa que o noso proxecto xirará en torno á gastronomía, pensamos que estaría ben elaborar unhas tapiñas para degustar no recreo o 30 de outubro. Claro que nesta ocasión, os ingredientes destas sinxelas receitas amosaban a súa cara máis terrorífica:

-VASOIRAS DE MEIGAS e PANTASMAS, con pan, xamón cocido, queixo, chourizo e olivas negras.
-DOCES PANTASMAS e CABACIÑAS, con plátanos, mandarinas e chocolate. 

-MANS DE MOMIA, con pan, fiambre, salchichas, tomate (natural e en salsa) e aceitunas.

-RATIÑOS, con queixo, galletas, salchichas e aceitunas, e ARAÑAS, con ovos cocidos e olivas negras.


Unha vez rematamos todo, cantamos a canción Samaín, de Jesús Pareja. E despois chegou o mellor momento: degustar as nosas propias elaboracións! E certamente, todo estaba boísimo e non deixamos migalla de nada!!! Que chefs tan larpeiros!!!

domingo, 20 de outubro de 2013

20 DE OUTUBRO: DÍA DO COCIÑEIRO

Hoxe 20 de outubro celébrase o DÍA INTERNACIONAL DO COCIÑEIRO en recoñecemento ao labor exercido polos cociñeiros que cada día queren sorprender aos seus clientes con pratos novos e novidosos. Este día xurdiu co obxectivo de render homenaxe a todos os profesionais culinarios que mediante diferentes ténicas convirten os nosos alimentos nun bo manxar.
Dende a nosa biblioteca, e xa que este ano dedicaremos o noso proxecto integrado ao tema da gastronomía, queremos celebrar con todos eles este día  compartindo unha chea de lecturas relacionadas coa cociña.


xoves, 17 de outubro de 2013

OS PEQUERRECHOS ELABORAN MARMELO

Os rapaces de Infantil e os de primeiro de Primaria está feitos uns perfectos cociñeiros. Hoxe estiveron preparando MARMELO na súa clase.
Esta actividade foi deseñada dentro do programa do PROXECTO INTEGRADO deste ano titulado PAPACONTOS ZAMPALIBROS  que xira entorno ao tema da gastronomía.

Por deus!!! que ben cheira rapaces!!

martes, 8 de outubro de 2013

PAXINA DE RECURSOS PARA O NOSO PROXECTO

Como todos os anos estamos confeccionando unha PAXINA WEB onde iremos recompilando todos os recursos que vamos atopando e que nos sexan útiles para o noso proxecto e tamén todos aqueles materiais que vaiamos elaborando.

Para acceder a ele pincharemos no cartel do proxecto na columna da esquerda do blogue.

Desde aquí tamén podedes acceder pinchan no cartel: