venres, 15 de abril de 2016

CONCERTO E EXPOSICIÓN "IX PREMIO AUDITORIO DE GALICIA 2015"

Pois si que foi completamente artístico este venres. Por un lado, asistimos ao concerto didáctico que ofreceu a Banda Municipal de Santiago de Compostela no Auditorio de Galicia. O programa, baixo o título "Bandanza", incluía pezas que soan nos bailes de salón, algunhas das cales recoñecemos rapidamente!!! Pero tamén chamou moito a nosa atención o baile en directo de dúas persoas profesionais: Lucía Vázquez e Cristian García. Se premedes aquí podedes escoitar algunhas das pezas interpretadas esta mañá, ao tempo que desfrutades das fotografías que fixemos na Sala Ángel Brage do Auditorio:


Pero tamén tivemos tempo para visitar a Exposición "IX Premio Auditorio de Galicia 2015", composta por 40 obras que convidan a pensar sobre o papel das e dos artistas na actualidade. Fotografía, pintura, escultura, debuxo, instalacións, vídeo-instalacións, etc., captaron a nosa atención ao tempo que Loli (a guía que nos acompañou) nos ía contando de que trataba cada unha delas. Chamáronnos moito a atención, sobre todo a escultura feita con xoguetes que representaba a violencia a través do xogo de sombras, o cadro que tiña parte debuxada nas paredes, un espello convertido en obra de arte, unha fotografía ao lado da cal se podía ler a conversa mantida entre o fotógrafo e o retratado, ou o vídeo-montaxe na que aparecían tres mulleres musulmás falando da súa situación no noso país. Esta última, que invita a reflexionar sobre o racismo, foi a gañadora do 1º premio.
E todas estas obras nos inspiraron para crear nós mesmos, en pequenos grupos, a nosa obra de arte. E todas esas creacións están expostas no corredor do colexio, porque tamén no C.E.I.P. Víctor Sáenz hai auténticos artistas!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario