venres, 28 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA 2020

O pasado luns, 24 de febreiro, celebrouse o "Día de Rosalía". No cole estabamos de vacacións, pero foron moitos os actos que se celebraron en diferentes lugares de Galicia nos que a obra de Rosalía de Castro foi o eixe central. No noso cole, aínda que uns días máis tarde, tamén quixemos sumarnos a esta celebración, orgullosas como estamos do camiño que esta grande escritora abriu para todas nós. Para iso nos xuntamos esta mañá na biblioteca, para falar de Rosalía, para escoitar nas voces das nenas e nenos de 6º o manifesto que redactou o escritor Daniel Asorey ("Errantes polo mundo") e que nos achegou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
E na biblioteca soaron os versos de Rosalía!!! Que mellor forma de render homenaxe a unha escritora que lendo a súa obra? E ademais, no cole fixémolo dunha maneira moi orixinal, xa que intentamos unila ao tema do proxecto ao tempo que lle engadimos música. Así, en Infantil cantaron a capella "Eu ben vin estar o moucho"; en 1º e 2º elixiron unha estrofa da Alborada á que tamén puxeron música; en 3º e 4º acompañaron con pandeiretas e voz o coñecido "Adiós ríos, adiós fontes", e en 5º recitaron con acompañamentos sonoros un poema sobre a dor da muller do emigrante.
Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos, ademais de algúns vídeos, desta celebración. 

A biblioteca encheuse de versos de Rosalía e música.
Déixovos aquí tamén o enlace de "A viaxe de Rosalía", onde a narradora e titiriteira Larraitz Urruzola vai contando, con monicreques, parte da obra de Rosalía e algúns dos momentos da vida desta artista:

 


xoves, 27 de febreiro de 2020

QUEIMA DO MECO

Despois das festas do Entroido, o primeiro día tamén lle damos a despedida ao Meco. E iso foi o que fixemos esta mañanciña no cole: queimar o Meco. Ademais, como o día do desfile de Entroido non quedou tempo para realizar o xogo das piñatas que mercara a ANPA, tamén aproveitamos hoxe para facelo. Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos.

O Meco foi queimado no patio do cole.

venres, 21 de febreiro de 2020

DESFILE DE ENTROIDO 2020

Este curso puidemos desfrutar dun estupendo día para celebrar o Entroido, e é que o bo tempo sempre axuda a pasalo ben!!! Por este motivo, en canto chegamos ao centro comezamos a transformarnos en paxaros diferentes que ían enchendo de vivas cores cada un dos recunchos do cole.
De Infantil ían saíndo pavos reais azuis e verdes, que se movían con moitísima elegancia:

Infantil de 3 anos.
Infantil de 4 e 5 anos.
En 1º e 2º disfrazáronse de pingüíns, que moi mal o tiveron que pasar co pouco habituadas que están estas aves ás altas temperaturas:

1º e 2º de Primaria.

En 3º e 4º elixiron o cisne, e así de guapos e guapas desfilaron polo pobo:

Os cisnes de 3º e 4º de Primaria.
En 5º e 6º encheron os seus corpos con plumas que semellaban as dos patos, representando a historia do patiño feo:

Os patiños e patiñas de 5º e 6º.
As mestras e mestres tamén se sumaron á festa, disfrazándose co seu grupo de nenos e nenas ou de observadores de aves. E houbo tamén un grupo de mamás que apareceron lucindo as súas plumas así de espectaculares:

Estupendas as ideas destas nais, que non quixeron perderse a festa do Entroido.
Despois do paseo polo pobo, regresamos ao cole, onde contamos a todas as persoas que nos acompañaron algunhas cousiñas dos nosos disfraces: características desas aves, motivos polos que o eliximos, etc. Pronto poderedes escoitalo tamén en "Radio Rosiña"!!! E a continuación cantamos a canción que preparamos para esta ocasión: coa música da coñecida "A saia da Carolina", fixemos unha versión na que os nosos disfraces eran os protagonistas, e que acompañamos con instrumentos (turutas, pandeiretas e guitarras). 

E o resto do tempo pasámolo degustando no comedor as sobremesas que xenerosamente aportaron as familias dos nenos e nenas do cole: orellas, filloas, flores, biscoitos, rosquillas..., ao tempo que compartimos conversas, risas, fotos...  Pasámolo moi ben e esperamos que levedes todas un bo recordo desta festa que tanto nos gusta!!! Premendo AQUÍ podedes ver todas as fotos da xornada.

Vémonos o vindeiro xoves, 27 de febreiro!!!! 
BO ENTROIDO!!!!!
 







xoves, 20 de febreiro de 2020

OS MANDADIÑOS DO MECO

O Meco foi deixando os seus mandadiños para esta semana de Entroido. E todas as persoas participastes con orixinalidade desta actividade previa ao desfile de Entroido. Para ver as imaxes, premede sobre a foto:

A semana arrancaba con plumas na cabeza, como estas que amosan na clase de 4 e 5 anos.
Mañá celebraremos o desfile de Entroido, no que esperamos recibir tamén a compañía das persoas da comunidade que queiran e poidan acompañarnos; agardámosvos!!!

martes, 18 de febreiro de 2020

NOTICIA SOBRE ÁNGEL CARRACEDO

Hoxe achego aquí unha noticia que nos fai especial ilusión, xa que o seu protagonista é o padriño da nosa biblioteca: ÁNGEL CARRACEDO!!!
Ángel Carracedo recibindo o nomeamento de "honoris causa".
Son varios os medios de comunicación que recollen a noticia, así que nós tamén queremos sumarnos ás felicitacións coa alegría que dá saber que as persoas merecedoras de recoñecemento recíbeno. Ángel Carracedo foi investido "doctor honoris causa" na Universidade do Minho (Portugal), a quen consideran unha “personalidade esencial da sociedade científica” merecedora, ademais, do premio Nobel. Estaremos moi pendentes e desexando que así sexa!!!
Aquí vos deixo algúns enlaces para que poidades ler con máis detemento estas noticias: sobre a imaxe e premendo AQUÍ.

Saúdos,

  

venres, 14 de febreiro de 2020

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Rematamos a semana de viaxe a Santiago de Compostela. Nesta ocasión, tamén en dúas quendas.
Por un lado, o alumnado de 3º a 6º de Primaria asistiu a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia. Aproveitando que o concerto comezaba ás 12, ao chegar ao Auditorio fixeron unha visita guiada á exposición "Xirarei: deseño de cubertas no disco galego 1955/1995". A través dela coñecemos como foron evolucionando as carpetas dos discos de vinilo, ademais de poder ver algúns dos reprodutores e outros aparatos que xa forman parte case en exclusiva das persoas que os coleccionan.
Despois dun pequeno descanso, entramos na sala de concertos, na que o grupo de percusión Píscore nos ofreceu, acompañados pola Banda Municipal de Música, un concertazo!!! Pasámolo xenial con este espectáculo titulado "Con fusión", no que mesturan música, teatro, humor, comedia xestual, participación do público... Cunha marimba como eixo principal, van incorporando diversos matices musicais e ritmos moi diferentes: música latina, rock and roll, reggae, pop e ata música disco. Un auténtico espectáculo!!!!
Ao rematar o concerto fotografámonos cos catro membros de Píscore: Pepe, Diego, Félix e Pablo.
Por outra banda, os grupos de Infantil e 1º e 2º de Primaria visitaron o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).  

Realizando o obradoiro de arte no CGAC.
Aínda que se repartiron en dous grupos, fixeron as mesmas actividades: visitaron a exposición paisaxística relacionada coa natureza do artista lucense CHRISTIAN VILLAMIDE, titulada "In landscape mode", e a fotográfica do compostelán JESÚS MADRIÑÁN, que baixo o título "I am light" amosa unha novedosa mirada sobre a realidade do Camiño de Santiago e os seus peregrinos.
Ademais disto, realizaron un obradoiro no que modificaban fotografías de grandes cidades sobre as que pegaban diferentes elementos da natureza (árbores, flores, ríos) que atraeran a chegada de diferentes animais, que tamén incorporaron nos seus deseños.
Pasárono tamén moi ben!!!!
E despois, os dous grupos regresaron ao cole para xantar.

Para ver todas as fotos só tedes que premer sobre calquera das que aquí aparecen.

OS MANDADIÑOS DO MECO

Hoxe escríbovos para anunciar a próxima celebración no cole: o ENTROIDO!!! E para iso contamos coa presenza do Meco, que nesta ocasión ademais chegou acompañado do papá de Sofía, unha das rapaciñas da clase de 3 anos, quen se encargou de darlle a forma que despois foi cuberta con roupa e palla. Moitas grazas, Adrián!!! O Meco pasará a vindeira semana no corredor do cole, anunciando os mandadiños para cada día, pero como sei que vos fai moita ilusión participar nestas propostas propias do Entroido, este curso decidín que era moito mellor anunciárvolas todas para que poidades ir preparándoas. Aínda así, lémbrovos que non é necesario que merquedes nada, no cole ou na casa podedes aproveitar cousas que poden ser reutilizadas... 
Aquí vai o primeiro mandadiño, que teredes que traer o vindeiro luns, 17 de febreiro:

 
Para o martes, 18 de febreiro, o Meco preparou o seguinte:
O mércores, 19 de febreiro, o mandadiño é este:
O último mandadiño é para o xoves, 20 de febreiro:
Xa vos decatastes que están todos relacionados coa temática deste curso, non? Ao final aínda acabaremos voando de verdade!!!! Unha aperta e ata o luns, que nos veremos cunha pluma na cabeza!!!!

xoves, 13 de febreiro de 2020

FELIZ DÍA MUNDIAL DA RADIO!!!!

Hoxe, 13 de febreiro, en "Radio Rosiña" estamos de festa: é o "Día da Radio"!!! Desde que formamos parte do programa "Radio na biblio" non se nos escapa esta celebración, que proclamou a Asamblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2012.
Nós sentímonos moi afortunadas de contar cun estudio no noso cole, no que aprendemos dun xeito diferente. E a diferencia entendida como variedade foi tamén o tema que nesta ocasión propuxeron desde "Rede ESPORA" para celebrar o "Día Mundial da Radio" neste 2020, no que nos convidaron a participar. 
"Recén cumpridos os 75 anos do peche do campo de concentración de Austwitch, sucédense as lembranzas polas vítimas do Holocausto, ese que fixo da diversidade un castigo." En Rede ESPORA elixiron ese acontecemento histórico para reflexionar sobre o papel das escolas en canto á educación na diversidade, xa que "os nosos coles están cheos de persoas de culturas diversas que fan comunidade e aprenden a convivir entre elas facendo da escola un ámbito social común e único, cheo de variedade e riqueza. Sexamos pois exemplo de que somos diversos, pero moi iguais."
Partindo desta mensaxe de "Rede ESPORA", no CEIP Víctor Sáenz unimos parte desa diversidade para representar ao noso cole nun podcast no que participaron tamén os seguintes centros: o CEIPP San Benito de Lérez, o CEIP Canosa-Rus, o CEIP Milladoiro, o IES de Pastoriza, o CPR Jorge Juan, o CEIP Torre de Cela, o CEIP do Xurés, o IES Francisco Asorey, o CPI de Zas, o CPI Manuel Suárez Marquier e o CEIP Laredo.
Moitísimas grazas ás persoas que forman parte de "Rede ESPORA" por contar unha vez máis con nós para participar nunha proposta tan necesaria. 
Seguro que estades desexando escoitalo, así que aquí vai o enlace do podcast:




mércores, 12 de febreiro de 2020

AS CURUXIÑAS DE 1º E 2º

Portada do conto de Kalandraka
Pois ademais de corvos, en 1º e 2º tamén se animaron coas curuxas!!! E para iso animáronse a dramatizar un coñecido conto editado por Kalandraka escrito por Martin Waddell e ilustrado por Patrick Benson que lles gusta moito: "As tres curuxiñas". A min tamén me encantou como nolo contaron para todas as ouvintes de "Radio Rosiña", así que non volo perdades:




Pero se queredes tamén podedes ir vendo as ilustracións do conto ao tempo que escoitades as voces dos rapaciños e rapaciñas de 1º e 2º, xa que tamén o gravaron nun vídeo. Aquí podedes velo:



Gustouvos, eh? A min encantáronme!!!!! NORABOA!!!




O CLIMA EN MAZARICOS

Na clase de 3º e 4º estiveron facendo un estudo meteorolóxico moi interesante: como foi o clima de Mazaricos ao longo do ano 2019? Buscaron información na Internet (páxina web de Meteogalicia) e gravaron un programa especial en "Radio Rosiña" moi interesante que podedes escoitar a continuación:


Ademais do programa radiofónico, en 3º e 4º elaboraron tamén este ilustrativo mural.

EN 1º E 2º SABEN MOITO DE CORVOS...

O conto "Míster Corvo", editado por OQO.
Tantas cousas aprenderon en 1º e 2º sobre estas coñecidas aves que tamén podemos atopar na nosa contorna, que quixeron facer un programa especial en "Radio Rosiña" adicado totalmente aos corvos. Na primeira parte fan unha lectura dramatizada do coñecido conto "Míster Corvo", de Luísa Morandeira e Maurizio A. C. Quarello; na segunda parte contan todo aquelo que lles chamou máis a atención sobre o que aprenderon destas aves e queren que todas as persoas coñezamos. Pareceume moi interesante e estou segura de que a todas as persoas que nos escoitan tamén, así que escoitade o podcast e descargádeo para ter toda esa información ben gardadiña:





MATRICÚLATE NO NOSO COLE!!!!

Estades buscando un colexio no que matricular ao voso fillo ou filla? En 3º, 4º, 5º e 6º pensaron que este podía ser un bo motivo para emitir un programa especial no que anunciar aquelas cousas do noso cole das que máis orgullosos e orgullosas se senten, e aproveitaron a visita de Pablo Portabales para gravar diferentes cuñas nas que anuncialas. Para iso, organizáronse en cinco grupos e cada un fixo un anuncio que nos presentan aquí, neste estupendo programa especial:

 
Animádevos a visitarnos e a matricularvos no noso cole!!!

mércores, 5 de febreiro de 2020

"VOAMOS" ATA A RÍA DO BURGO CON ANTONIO SANDOVAL!!!

Antonio Sandoval Rey falando para todo o cole.
A de hoxe foi unha xornada que non esqueceremos, xa que realizamos unha das actividades máis bonitas ás que nos está levando o proxecto sobre as aves: saír á natureza para observalas!!! E ademais fixémolo ao grande, xa que organizamos unha excursión ata A Coruña!!! Alí esperábanos Antonio Sandoval Rey, quen nos acompañou facendo un percorrido pola ría do Burgo ao tempo que nos comentaba que tipo de aves eran, desde onde viaxaban, algunhas características do seu comportamento, etc. Foi toda unha sorte poder contar con Antonio para esta saída, xa que ademais de ornitólogo é escritor, e colabora mensualmente en "La Voz de la Escuela", o suplemento semanal que recibimos desde 4º a 6º de Primaria. A través dos seus textos descubrimos que era un apaixonado paxareiro, así que ao longo destes cursos xa puidemos ler varios artigos seus sobre as aves. E hoxe compartimos con el un fermoso día no que tivemos a sorte de ver corvos mariños, virapedras, garzas, garzotas, gaivotas, píllaras, cisnes... E mesmo algúns tímidos cullereiros.
Puidemos manexar telescopios e prismáticos profesionais.
Despois entramos no Xardín Botánico, onde Alberto Monteagudo, o compañeiro de Antonio, nos explicou en que consistía o anelamento de aves, ensinounos algúns tipos de aneis e outros materiais relacionados con esta actividade. Pero o que máis nos gustou foi poder ver de preto algúns fermosos paxariños que Alberto nos amosou con moito coidado: un par de paporroibos, unha papuxa das amoras e un picafollas
Pasámolo xenial e todas as persoas regresamos moi contentas desta fermosa mañá de febreiro. Non sabemos se algunhas se chegarán a adicar á ornitoloxía, pero o que si é seguro é que no cole xa hai un grupo de paxareiras e paxareiros a ter en conta!!! 
Desde aquí queremos agradecer a Antonio e Alberto a súa amabilidade para realizar esta actividade; sabemos que non é fácil organizar cousas que capten a atención de idades tan distantes. Vós conseguístelo, así que NORABOA!!!
Premendo sobre as imaxes poderedes ver máis información e as fotos que fixemos, e se premedes AQUÍ atoparedes algúns vídeos curtiños.
Ao rematar a excursión fixemos esta foto de grupo.

venres, 31 de xaneiro de 2020

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ

Esta mañá, un 30 de xaneiro máis, celebramos o "Día da Paz" no cole. Aínda que todos os días do curso traballamos para que os diferentes conflitos que se producen se resolvan de xeito pacífico, debemos ter en conta esta data dentro da nosa historia. Por iso, o alumnado de 5º e 6º preparou un manifesto que leu no acto que tivo lugar no corredor do colexio, onde nos falaron de Gandhi. E como unimos a esta celebración a "Carreira Save the Children", tamén fixeron un mural no que nos contaron a onde van destinados nesta ocasión os cartos que se recadaron: a Bangladesh, onde se atopa o campo de refuxiados máis grande do mundo, Cox Bazar. Aquí viven na actualidade arredor de 1.000.000 de persoas da etnia rohingya, que foron obrigadas a fuxir do seu país de orixe, Myanmar desde o ano 2017. Nós tamén nos sumamos á proposta da ONG, e para iso fixemos unha pequena carreira no centro e xuntamos diñeiro que será ingresado na conta que Save the Children nos facilitou. 
Imaxe da pomba que decoramos para celebrar o Día da Paz.
Tamén montamos a pomba da que cada grupo tiña unha parte, que decorou para a celebración, quedando fermosísima!!! Premendo sobre ela podedes ver máis fotos da celebración.

Despedimos o acto cantando e bailando "Don Melitón":

"... anda no ar o paxariño,
dame un abrazo, dáme un biquiño..."

luns, 27 de xaneiro de 2020

COÑECEMOS A PABLO PORTABALES!!!

A semana pasada recibimos a Loreto Silvoso en "Radio Rosiña", e esta mañá, a Pablo Portabales!!! Pablo é, coma Loreto, locutor de "Radio Voz", emisora na que traballan dende hai moitos anos cun programa de grande éxito na cidade herculina: "Voces de A Coruña". Pablo falounos dun interesante recurso que nos ofrece a radio: as cuñas publicitarias. E uniu este tema a outro ben preocupante na actualidade: o descenso da natalidade. Tendo en conta estes dous aspectos, Pablo invitou ás nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º a crear unha cuña publicitaria para anunciar as cousas que máis lles gustan do noso cole e atraer así a futuras persoas que non teñan decidido onde matricular aos seus fillos e fillas. Desenvolveron a actividade en grupos pequenos, traballando en equipo e amosando moito entusiasmo e orixinalidade, sobre todo no momento de gravalo en "Radio Rosiña", onde contaron coa axuda dos nosos técnicos Samuel e Jorge Otero. Estou segura de que tedes moitas ganas de escoitar o que fixeron esta mañá co xeneroso profesional Pablo, pero por agora só podedes ver as fotos; os podcast imos editalos para que poidades desfrutalos como se merece, así que pídovos un pouquiño de paciencia. Unha aperta e moitísimas grazas, Pablo, por compartir con nós estas dúas sesións formativas. 
Apertas!!!

martes, 21 de xaneiro de 2020

COÑECEMOS A LORETO SILVOSO!!!

Loreto contándonos moitas cousas sobre a radio.
Esta mañá compartimos dúas sesións con Loreto Silvoso. A locutora de "Radio Voz" visitounos para desenvolver unha sesión formativa dentro das actividades do programa "Radio na biblio". Loreto amosounos como é o estudio da radio desde o que emite, xunto con outros compañeiros, o programa "Voces de A Coruña", centrado nas cousas que pasan nesa cidade e das que fala a xente: o tempo, o deporte, a cultura, etc. 
Despois de falar do importante que é coidar a voz para o traballo radiofónico, propúxonos algúns exercicios para quentar este valioso instrumento antes de comezar a traballar a vocalización lendo trabalinguas ou tratando de dicir palabras complicadas sen trabucarnos. 
A última actividade consistiu en elixir unha actividade que nos gustara moito para falar dela durante 1 minuto. Parece pouco, verdade? Pero na radio o tempo pasa doutra maneira, e se non, que llo pregunten aos rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º, que superaron a proba grazas ao seu esforzo, e tamén á axuda de Loreto, que nos ía guiando para saír dos apuros... Premendo sobre a imaxe podedes ver algunhas das fotos que fixemos.
Pasámolo moi ben e aprendemos cousas que nos poden ser de gran axuda xa non só na radio, senón tamén á hora de falar en público. Desde San Cosme queremos agradecerche a túa aportación para que "Radio Rosiña" siga emitindo programas cada vez máis profesionais. Foi un gustazo compartir contigo esta mañá, Loreto!!!! 

luns, 20 de xaneiro de 2020

"CARABELA", UNHA OBRA SOBRE O EXCESO DE PLÁSTICOS DUN SÓ USO

La Voz de Galicia entrevistounos.


A compañía de teatro Galeatro, que xa recibimos no noso cole con obras como "Contos no faiado" ou "O xogo das letras", acaba de estrenar un novo espectáculo: "Carabela". Nesta ocasión, a temática sobre a que xira a obra é un dos temas que máis preocupa na actualidade á sociedade: o uso esaxerado do plástico, especialmente do que se emprega unha soa vez. Carabela é a protagonista da historia, cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
 

Modelo do rexistro das aulas.
Aproveito a noticia tamén para lanzar o reto das merendas deste trimestre: conseguir que, polo menos 3 días á semana, non traiamos plástico dun só uso na merenda da mañá. Durante o 1º trimestre conseguistes superar a proposta que vos fixen, así que agora é importante manterse aí ou dar un paso máis!!! Estou segura de que o faredes!!!!



 

CALENDARIO 2020

Aquí temos o calendario do ano 2020, que nesta ocasión está ilustrado coas aves que elixistes todas as nenas e nenos do cole!!! Quedou moi bonito, e estou segura de que neste ano cada mes tamén nos acompañarán os cantos das fermosas aves que realizastes. Noraboa e feliz 2020!!!!

https://issuu.com/tirititraun/docs/calendario_2020






venres, 17 de xaneiro de 2020

FORMACIÓN EN RADIO ROSIÑA

A próxima semana teremos a primeira sesión de formación do curso en Radio Rosiña!!!! Nesta ocasión recibiremos a visita de Loreto Silvoso, unha das locutoras do programa de Radio Voz "Voces de A Coruña". Estamos moi contentas de iniciar esta nova sesión formativa para rapaces e rapazas de 3º a 6º de Primaria, que ao longo do curso se esforzan por conseguir os seus carnés de técnicos de radio. O luns tamén coñecerán moitos dos secretos que agocha o noso instrumento máis potente para facer radio: a voz. Preparadas? Preparados? Seguro que si!!! Déixovos aquí o cartel: