Amosando publicacións coa etiqueta pintura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pintura. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de xuño de 2022

RECOLLIDA DOS PREMIOS DO CONCURSO DE DEBUXO PICASSO

Esta tarde nove das nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria viaxaron ata A Coruña para recoller os premios no VII Concurso de Debuxo Picasso, convocados pola Asociación de Prensa da cidade. O acto de entrega tivo lugar no Instituto Eusebio da Guarda, e estarán expostos na Casa Picasso ata o próximo 10 de xullo, en horario de visita de 11 a 13:30 e de 18 a 20 horas, de martes a sábado; e de 12 a 14 horas os domingos. No acto estiveron presentes o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, e a presidenta da Asociación da Prensa, Doda Vázquez. O alumnado do noso cole recibiu os tres primeiros premios na categoría de primaria; nas categorías de secundaria foron premiados estudantes de institutos de Culleredo, Narón, Laracha e Santiago de Compostela. Ademais concedéronse tamén 19 accésits, dous deles tamén para o noso cole. 

As nenas e nenos dos debuxos premiados foron acompañadas/os das súas nais e a mestra de plástica.
 

En hora boa a todas as persoas que participastes e, por suposto, ás gañadoras!!! Desfrutade moito do premio pero, sobre todo, non deixedes de expresarvos a través do debuxo e da pintura, xa que os seus beneficios van moito máis alá dun premio: para comunicarse, para aumentar a nosa capacidade de concentración, a nosa sensibilidade e creatividade, reducimos o estrés... 

Unha aperta,

Rosiña

venres, 17 de xuño de 2022

CONCURSO PICASSO

Hoxe escríbovos para contarvos unha noticia que recibimos esta semana no cole. Como sabedes, ao longo do curso realizamos algunhas actividades que nos ofertan outros colectivos, asociacións, etc. Algunhas desas propostas tamén inclúen concursos nos que en ocasións participamos. Así sucedeu este curso, cando recibimos as bases para participar no VII Concurso de Debuxo Picasso (convocado pola Asociación da Prensa), dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria. Como a todas as persoas destes grupos lles encanta este artista, non dubidaron en intentalo, e parece que os astros se puxeron de acordo para conceder os tres primeiros premios ao alumnado do noso centro, ademais de dous accésit!! Por este motivo, o vindeiro martes, as nenas e nenos ás que lles concederon un premio, irán ata A Coruña para recollelo: Alicia, Íker, Guille, Paula, Mai, Ángel, Xoel, Soraya e Aroa, así como as súas familias e algunha mestra ou mestre. 
Pero tamén vos quero dicir que todos os traballos presentados merecen un forte aplauso e a felicitación para as súas autoras e autores, xa que foron moi ben valorados polo xurado do citado concurso, e así nolo transmitiron telefonicamente. 
E para que poidades desfrutar de todas estas creacións, premendo AQUÍ podedes velas todas.
Unha aperta para todas,
Rosiña



martes, 22 de marzo de 2022

O COLE ESTÁ DE CUMPREANOS!!!

"Parabéns para ti..." é unha das cancións que máis escoitamos ao longo do curso no cole. Pero nesta ocasión non a cantamos adicándolla a un neno ou unha nena, tampouco a un/unha profe, nin a ningunha das mamás ou papás que fan garda no comedor... Estes días cantámoslla ao cole, xa que o edificio no que se atopa a escoliña que tanto queremos está de cumpreanos: 50 ANOS!!! Case nada, eh? Cantas persoas pasaron parte da súa vida neste espazo!!! Se botamos contas seguro que sae unha cantidade ben grande: entre alumnado, profesorado, familias, persoas que nos visitaron con certa frecuencia... Ai, se as paredes deste cole falaran cantas historias nos contarían... Nós quixemos poñelo ben guapo para a celebración, polo que durante este mes ocupou o patio do cole Brais, un rapaz que forma parte do colectivo "Vella Escola", que se adica a realizar cultura urbana, e transformou deste xeito tan colorido a parede do ximnasio:

O cambio na fachada do ximnasio é moi notable.

Ademais, o alumnado de 3º a 6º puido experimentar como se pinta con spray, algo que lles encantou e no que amosaron ser verdadeiros/as artistas. 

Unha aperta, Rosiña.  

luns, 1 de febreiro de 2021

NOITE ESTRELADA EN "RADIO ROSIÑA"


Ola!!! Este título ao mellor vos confunde... Non pensedes que as nenas e nenos de 3º e 4º pasaron a noite en "Radio Rosiña"!!! O que fixeron foi investigar sobre un dos pintores máis destacados do chamado postimpresionismo, estilo caracterizado por darlle moito protagonismo á cor: VINCENT VAN GOGH. O cadro elixido para facer o traballo de investigación foi "A noite estrelada", por iso anunciei a entrada da noticia dese xeito.

Mural realizado en 3º e 4º sobre Van Gogh e "A noite estrelada".

Despois de buscar información na aula de informática, redactar o texto e facer un mural para expoñer, no que incluíron unha representación do cadro en equipos, quixeron contárnolo en "Radio Rosiña", así que aquí vai o novo programa deste fantástico grupo:

EN HORA BOA!!!




luns, 1 de abril de 2019

DÍA DAS ARTES GALEGAS

Hoxe comeza abril, e inaugurámolo coa celebración do "Día das Artes Galegas". Nesta ocasión, a Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba), decidiu adicarlle a xornada do 1 de abril a Luís Seoane López, recoñecendo así unha das figuras artísticas máis importantes de Galicia. Luís Seone, que naceu en Bos Aires (Arxentina) no ano 1910 e morreu en A Coruña en 1979 , desarrollou facetas moi diversas: teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante ou pintor.
A Rede do Patrimonio Cultural de Galicia súmase a esta celebración a través de carteis que resaltan a figura do artista, con texto elaborado pola experta Rosa Espiñeira Pan.




 Premendo AQUÍ tamén tedes a Unidade Didáctica elaborada no CEIP "Juan Fernández Latorre" de A Coruña.
Anímovos a coñecer a obra desta grande figura da nosa cultura.
 

luns, 2 de xullo de 2018

PREMIO NA FUNDACIÓN FERNANDO BLANCO DE CEE

A Fundación Fernando Blanco de Lema, en Cee, convocou para este curso recén rematado o "V Concurso de Debuxos". Nesta ocasión, o tema sobre o que xirarían os mesmos eran os xogos populares e tradicionais, e na clase de 3º e 4º animáronse rapidamente a participar, xa que o curso pasado un dos gañadores foi Miguel Barrul, lembrádesvos?
Pois nesta edición tamén tivemos unha persoa gañadora: NEREA Ozón Otero, de 4º curso!!!! Que alegría, Nerea!!!! Xa sabemos que estabas moi nerviosa o pasado sábado, día da entrega de premios, pero nas fotos o que podemos apreciar é que estabas guapísima e moi ben acompañada!!!!
 
Nerea acompañada pola súa familia o día da entrega dos premios.
 Ademais da túa familia, ata Cee tamén se achegou Xavier, o noso director, sempre tan pendente dos nosos pasos, quen ademais se encargou de mandarme estas fotiños para o noso blog (podedes ver mais premendo sobre a imaxe).


Este foi o debuxo que presentou Nerea, no que representa a unha nena xogando á mariola, e para o cal empregou témperas, rotuladores, papel prateado e plastilina. Que bonito quedou!!!

Un exemplo máis de que, con ganas e ilusión podemos conseguir moitas cousas!!!!

Alegría e orgullo para todas as persoas que formamos parte desta etapa da túa vida. NORABOA, NEREA!!!!


mércores, 11 de abril de 2018

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este martes foi un día atípico no noso cole, xa que os grupos de 3º a 6º foron de excursión a Santiago, e o centro quedou coas rapaciñas de Infantil, 1º e 2º, e os mestres Patricia, Óscar e David. A saber o que farían mentras estabamos de viaxe... Pero eu vouvos contar o ben que o pasamos na capital galega. A primeira parada fixémola na Praza do Toural, onde visitamos a Fundación Eugenio Granell. A través dunha visita guiada puidemos coñecer un pouquiño máis a obra deste destacado pintor surrealista. Ademais, este artista galego viaxou e viviu en moitos outros lugares (Madrid, República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico e Nova York entre eles), o que influíu moito na súa obra. E non só na pictórica, xa que entre os óleos tamén descubrimos algunhas esculturas, debuxos, colaxes e mesmo obxectos persoais do artista.
Ademais, tivemos a oportunidade de pisar unha das terrazas máis espectaculares do casco histórico de Compostela, xa que o museo atópase no Pazo de Bendaña, que ademais de ser un edificio fermosísimo, amosa unha vista pouco coñecida da cidade. 
Despois camiñamos ata o Teatro Principal para asistir ao espectáculo de danza "Emoticores", interpretado por "Las Tricotouses", onde as emocións toman forma a través das cores e o movemento, unido ao son e ás proxeccións audiovisuais.
Ao rematar, subimos camiñando ata a Praza de Abastos, onde aínda tivemos tempo para visitar algúns dos seus postos (carnizarías, peixarías, panadarías e froitarías), nalgúns dos cales nos detivemos para facer preguntas sobre aquelo que máis nos chamou a atención ou para escoitar aos vendedores que, amablemente, nos contaron cousas moi interesantes. 
Desde logo, pasámolo pipa!!!!! Podedes comprobalo vendo as fotos que fixemos se premedes AQUÍ.

E se queres aprender máis sobre a Fundación Eugenio Granell, premendo sobre a imaxe podes visitar a súa páxina web.

http://www.fundacion-granell.org/actualidad/index.php


venres, 27 de xaneiro de 2017

DE VISITA AO MACUF

O venres deixamos o cole baleiro, para visitar o Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa en A Coruña. Este lugar é especial para nós, xa que todas as actividades que realizamos a través del aportáronnos moitísimo, e tamén nesta ocasión foi así. Os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º fixemos unha visita guiada por algunhas das exposicións que no museo se atopan, dándonos conta de que moitas veces as imaxes poden enganar moito, ou fixándonos en aspectos que poden quedar nun segundo plano... Os grupos de Infantil, 1º e 2º fixemos un obradoiro sobre o medo. De xeito semellante á nosa celebración do Samaín, falamos en voz alta das cousas que máis nos asustan, coñecemos a historia de Carmola representada en directo para nós, e incluso conseguimos que os nosos medos desapareceran. Como? Pois facendo unha chocolatina moi especial, e ao comela desapareceron todas as nosas teimas!!!
Despois, aproveitando o día de sol, comemos no Monte San Pedro, e recibimos a visita da profe Cruz!!! Pasámolo moi ben e quero que todos vexades as fotos tan fermosas desta xornada. Premede AQUÍ!

martes, 24 de marzo de 2015

MÚSICA E CINE EN COMPOSTELA

Comeza a última semana do trimestre cargadiña de actividades e saídas. Esta mañá parte do alumnado (3º, 4º, 5º e 6º) viaxamos a Santiago de Compostela, para asistir a un espectáculo no colexio La Salle, ofrecido polo grupo "La armónica invisible". Este grupo, formado por tres músicos (teclado, guitarra, batería e voces) interpretou unha serie de temas ilustrativos do que foi e é a música na historia do cine. Desfrutamos con temas adaptados aos distintos xéneros cinematográficos e faláronnos sobre a función da música nalgunhas escenas de películas moi coñecidas. Todo iso, con música en directo e imaxes dos filmes proxectados nunha pantalla que nos mantivo moi atentos/as durante parte da mañá.
Despois, completamos a viaxe coa visita á exposición no Auditorio de Galicia "Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns". Alí puidemos ver parte da produción deste creador pontevedrés, que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes. As obras expostas no Auditorio, en papel e cartón (probas de autor, gravados, técnicas mixtas sobre papel, pochoirs, etc.), fixeron voar a nosa imaxinación!
E a pesar de que ameazaba chuvia, puidemos desfrutar da nosa comida ao aire libre e dun ratiño facendo o que máis nos gusta: XOGAR!!!
Aquí van as fotos dun día especial no que botamos de menos aos rapaciños e rapaciñas que non puideron vir e ao resto dos grupos e mestres que quedaron no cole.

martes, 16 de decembro de 2014

ANIVERSARIO DE WASSILY KANDINSKY

Xa sei que estades a mil por hora preparando o festival de Nadal, rematando os últimos traballos do trimestre, pensando nas vacacións... Pero quería contarvos: coñecedes a Wassily KANDINSKY? Foi un pintor ruso considerado o precursor da abstracción. Seguro que viches algún dos seus cadros! Pois Kandinsky cumpriría hoxe 148 anos, así que lendo un ratiño por Internet atopei parte dunha película adicada a el, no que se ve ao pintor traballando directamente sobre un lenzo. A película foi gravada no ano 1926, nunha galería de arte de Berlín (Alemania), e o director da mesma foi un pioneiro na realización de documentais de arte: Hans Cürlis. Así que aquí volo deixo, para que imitedes os trazos xeométricos dun dos maiores artistas do século XX. Quen sabe se algún/algunha de vós seguirá os seus pasos e se converte nun artista do século XXI...

venres, 4 de abril de 2014

VISITAMOS SANTIAGO: ARTE E MÚSICA

Hoxe, venres 4 de abril, viaxamos e pasamos o día en Santiago, onde participamos en diversas actividades. 

  • As 11 chegamos ao Auditorio de Galicia onde realizamos unha visita guiada á exposición dunha mostra de 46 traballos plásticos seleccionados por un xurado de entre todos os presentados ao Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas.

  • As 12 asistimos ao concerto "Manifestacións Musicais Lúdicas: Ultreia e a tradición Galega". O Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia realiza un percorrido practicamente exhaustivo por todos aqueles instrumentos que o pobo galego ten empregado na súa música tradicional, procurando sempre non sacar os instrumentos e as manifestación do seu contexto orixinal para que se poida comprender con facilidade cal é, ou cal foi, o papel que cada manifestación ou instrumento musical desenvolvía na nosa cultura. A través do coñecemento dos nosos instrumentos de música poderemos afondar un pouco máis na cultura dos nosos devanceiros, unha herdanza, que nos chega dende a máis profunda escuridade dos tempos.  

  • As 13:15 o alumnado de Infantil e 1º ciclo de Primaria tiñan previsto realizar un percorrido pola Praza de Abastos pero a choiva fixo imposible esta visita. Polo que tiveron que desprazarse a Área Central e comer alí.

  • A esa mesma hora o alumnado de 2º e 3º ciclo visitou a exposición "Maside en Compostela" na Fundación Novacaixagalicia. Despois de ver a exposición do testamento pictórico do mestre Maside coa axuda dunha guía os rapaces participaron nun Obradoiro no que trataron de poñer en práctica algunha das técnicas aprendidas deste ilustre pintor galego. 
A pesar do tempo, a excursión resultou moi proveitosa, e aquí vos deixamos as fotos que así o atestiuan. 




A biblioteca quere lembrarvos que podedes consultar varios libros sobre a obra do pintor galego Carlos Maside do que tantas cousas aprendestes hoxe: 

Carlos Maside
Mª Esther Rodríguez Losada
Editado pola Diputación de Coruña.
Carlos Maside
Mª Esther Rodríguez Losada y Daniel Fernández Rey
Editado polo Auditorio de Galicia









Carlos Maside
Luis Seoane
Edicións do Castro.

luns, 17 de xaneiro de 2011

PINTANDO MÚSICA

A nosa profe de música, Susi recoméndanos este fermoso vídeo no que poderedes comprobar cómo a música non só se pode oír, escribir se non tamén "pintar" e, como non, disfrutar. Así que, xa sabedes, disfrutádeo !!!

luns, 29 de novembro de 2010

UN POUQUIÑO DE ARTE

Ola rapaces !!!!
Atopei este vídeo navegando por internet que é unha verdadeira obra de arte. Trátase dun Morphing que recolle a evolución da figura da muller na pintura ao longo da historia.
O Morphing é un efecto dixital de transición entre dous planos mediante cal o primeiro deles transfórmase gradualmente no segundo, a unha velocidade que ven determinada por o número de fotogramas intermedios e mediante un sutil fundido encadeado.
O vídeo titúlase "500 anos de Retratos femininos no Arte Occidental" e trátase dun traballo do creador norteamericano Philip Scott Johnson nominado ao mellor vídeo creativo nos premios anuais que concede o portal Youtube. Comeza co "Arcángel" da Escola rusa de Nowgord datado na segunda metade do século XII e remata co "Retrato de Françoise" de Pablo Picasso que data de 1946. A peza musical que se escoita é a Sarabande da "Suite para cello No. 1 en G Maior" de Johann Sebastian Bach. A lista completa de cadros e autores podedes consultala aquí.
Disfrutádeo!!


E agora outro regaliño máis para que coñezades un pouco a algúns dos pintores máis recoñecidos do mundo. Pincha neste enlace e pídelle a túa profe que che fale deles.
Rosiña