Amosando publicacións coa etiqueta Picasso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Picasso. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de xuño de 2022

RECOLLIDA DOS PREMIOS DO CONCURSO DE DEBUXO PICASSO

Esta tarde nove das nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria viaxaron ata A Coruña para recoller os premios no VII Concurso de Debuxo Picasso, convocados pola Asociación de Prensa da cidade. O acto de entrega tivo lugar no Instituto Eusebio da Guarda, e estarán expostos na Casa Picasso ata o próximo 10 de xullo, en horario de visita de 11 a 13:30 e de 18 a 20 horas, de martes a sábado; e de 12 a 14 horas os domingos. No acto estiveron presentes o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, e a presidenta da Asociación da Prensa, Doda Vázquez. O alumnado do noso cole recibiu os tres primeiros premios na categoría de primaria; nas categorías de secundaria foron premiados estudantes de institutos de Culleredo, Narón, Laracha e Santiago de Compostela. Ademais concedéronse tamén 19 accésits, dous deles tamén para o noso cole. 

As nenas e nenos dos debuxos premiados foron acompañadas/os das súas nais e a mestra de plástica.
 

En hora boa a todas as persoas que participastes e, por suposto, ás gañadoras!!! Desfrutade moito do premio pero, sobre todo, non deixedes de expresarvos a través do debuxo e da pintura, xa que os seus beneficios van moito máis alá dun premio: para comunicarse, para aumentar a nosa capacidade de concentración, a nosa sensibilidade e creatividade, reducimos o estrés... 

Unha aperta,

Rosiña

venres, 17 de xuño de 2022

CONCURSO PICASSO

Hoxe escríbovos para contarvos unha noticia que recibimos esta semana no cole. Como sabedes, ao longo do curso realizamos algunhas actividades que nos ofertan outros colectivos, asociacións, etc. Algunhas desas propostas tamén inclúen concursos nos que en ocasións participamos. Así sucedeu este curso, cando recibimos as bases para participar no VII Concurso de Debuxo Picasso (convocado pola Asociación da Prensa), dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria. Como a todas as persoas destes grupos lles encanta este artista, non dubidaron en intentalo, e parece que os astros se puxeron de acordo para conceder os tres primeiros premios ao alumnado do noso centro, ademais de dous accésit!! Por este motivo, o vindeiro martes, as nenas e nenos ás que lles concederon un premio, irán ata A Coruña para recollelo: Alicia, Íker, Guille, Paula, Mai, Ángel, Xoel, Soraya e Aroa, así como as súas familias e algunha mestra ou mestre. 
Pero tamén vos quero dicir que todos os traballos presentados merecen un forte aplauso e a felicitación para as súas autoras e autores, xa que foron moi ben valorados polo xurado do citado concurso, e así nolo transmitiron telefonicamente. 
E para que poidades desfrutar de todas estas creacións, premendo AQUÍ podedes velas todas.
Unha aperta para todas,
Rosiña