martes, 25 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro. Nesta ocasión, ao coincidir cun domingo, decidimos adiantarnos o venres á celebración, aínda que algunhas das actividades programadas prolongaranse ata a semana que vén. 
Este é o cartel no que se anuncian as actividades colectivas:



Durante a tarde desenvolvemos parte delas. Xuntámonos no patio do cole para ler o poema que cada ano por esta data edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta ocasión, o texto é de Rosalía Fernández Rial, unha poeta que nos leva co libro ao mundo da palabra e da música! Podedes lelo aquí:



Despois, cantamos xuntos a canción "O libro máxico", do grupo Migallas, que rematamos cos abrazos que tanto nos gusta dar e recibir!!! Ademais, nesta ocasión puidemos compartilos tamén con Joaquín Castaño, que pasou a mañá connosco, facendo varias sesións de mindfulness nos diferentes niveis educativos.

E por último chegou o momento dos apadriñamentos e amadriñamentos lectores. O día tan espléndido que tivemos permitiu que tiveramos unha grande oferta de espazos nos que poder desenvolver as lecturas elixidas: as sombras do patio, as aulas, a sala de profes, as escaleiras... Coma sempre, desfrutamos moito deste ratiño léndonos, ao que nesta ocasión engadimos a creación de ilustracións sobre as historias que tiveron a sorte de ser elixidas. Quedaron todas moi fermosas!!! Podedes velas no "Punto de merenda" da biblioteca ou premendo AQUÍ.

E sei que andades tamén deseñando os vosos marcapáxinas. Estou desexando velos!!! Mentras tanto, podedes ir vendo as fotiños que fixemos durante esta xornada tan especial premendo AQUÍ.

Ningún comentario:

Publicar un comentario