luns, 11 de febreiro de 2019

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o ¨Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia". Esta conmemoración é moi recente, xa que foi establecida pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015. Este día é un recordatorio de que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental neste campo, e a súa participación debe fortalecerse. 
Ao longo da historia, o papel da muller na ciencia estivo pouco presente, e moitas nenas e rapazas viron prohibido o seu acceso polo simple feito de non ser homes. Este curso, co noso proxecto "Le con-ciencia", podemos comprobar que no noso cole todas as persoas somos capaces de aportar neste campo: os experimentos científicos fixéstelos todos e todas, a mesa de son da radio é manexada por nenos e nenas, nos proxectos estades participando nenos e nenas... Como pensar que a ciencia está relacionada co xénero? Para nada!!!!
Déixovos aquí un vídeo no que a gran coñecedora dos chimpancés Jane Goodall envía unha mensaxe moi interesante a todas as rapazas que queren ser científicas. Non podedes perdelo!!!

 
Gustaríame tamén invitarvos a participar nunha actividade ao longo desta semana, para a cal teredes de prazo ata o 8 de marzo, que é cando celebramos outra data: o Día da Muller.
Consiste no seguinte: elixir unha científica galega e investigar un pouquiño sobre ela (datos biográficos, estudos, traballo, en que destacou, por que tela en conta, etc.). O texto que elaboredes acompañarase dunha ilustración que fará cada unha e cada un de vós. En breve pasareivos o modelo que podedes empregar, así como a científica que vos será asignada. Ao mellor algún ou algunha de vós descubre a súa vocación, quen sabe...
E lembrade que hai unha páxina moi interesante na que podedes descubrir un montón de cousas interesantes sobre esta data no seguinte enlace (que tedes no Google Sites do proxecto):

https://11defebrero.org/


Ningún comentario:

Publicar un comentario