sábado, 2 de febreiro de 2019

A CANDELORIA

Hoxe, 2 de febreiro, é o Día da Candeloria!!! E a min faime moita ilusión, porque é unha data ben bonita. Cóntovos...
A palabra "candeloria" procede do termo latín candela, que significa "luz alimentada con cera ou sebo". A festividade que leva o seu nome celébrase o 2 de febreiro, un momento moi importante no ciclo astronómico, xa que coincide coa metade do inverno, xusto entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera. Son moitos os refráns que fan referencia a ela, coma este:

POLA CANDELORIA... 
SE CHORA, INVERNO FÓRA; 
SE RI, INVERNO AQUÍ; 
PERO QUE CHORE, QUE DEIXE DE CHORAR, 
MITÁ DO INVERNO ESTÁ SEN PASAR.

Pero a min gústame moito tamén estoutro:

A PARTIR DA CANDELORIA, 
NINGUNHA AVE VOA SOA

lembrándonos que a celebración especial é que casan os paxariños.

https://www.canto-pajaros.es/

É certo que actualmente as persoas estamos algo saturadas de datas a celebrar, pero tamén penso que algunhas merecen a pena. A importancia que ten esta representación en Europa está representada en multitude de estampas nas que o símbolo do amor son parellas de aves xuntando os seus peteiros. Imaxinade aos paxariños migratorios retornando, para instalarse de novo no noso contorno, celebrando con cantos inimitables o que pode ser considerado o renacer da primavera. Isto si que é toda unha declaración de amor, nada que ver coa que nos queren convencer as campañas publicitarias...

E se queredes celebralo investigando sobre o canto das aves, premede sobre a imaxe e descubriredes moitos deles!

Ningún comentario:

Publicar un comentario