mércores, 24 de outubro de 2018

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA CON XURXO SOUTO

Fermosa a tarde que pasamos hoxe na compañía de Xurxo Souto!!! Esta persoa tan coñecida achegouse ao cole para celebrar con nós o "Día da Biblioteca", convertendo a xornada nun día moi especial. Xurxo acompañounos no xantar, para despois ser entrevistado polos rapaciños e rapaciñas de 5º e 6º en "Radio Rosiña". A emoción e os nervios levaban presentes varios días no grupo, onde pasaron algúns ratiños investigando sobre a figura deste personaxe tan entrañable e incombustible: escritor, músico, locutor... Con Xurxo inauguramos un novo programa na nosa radio, que ademais comezou a emitir neste curso. O programa titúlase "Entrevistas Porquiñas" e emitirá sempre que teñamos a ocasión de preparar algunha entrevista que poida ser emitida dende "Radio Rosiña". Pasamos un rato moi agradable conversando co noso primeiro invitado, e queremos compartilo con todas as persoas que nos siguen a través dos nosos podcast, polo que aquí volo deixamos:


Despois do interrogatorio, xuntámonos na Biblioteca, como non podía ser doutra maneira tal día coma hoxe. E todas as persoas xuntas cantamos "O rato de biblioteca" para darlle a benvida a Xurxo, que mesmo chegou a improvisar unha estrofa máis para esta divertida canción. 

E despois comezamos a viaxe co noso convidado, navegando polo mar, como a el lle gusta, escoitando o seu son a través dunha enorme buguina, coñecendo historias de mariñeiros, de seres fantásticos que habitan nas augas salgadas..., e do emblema da súa cidade: a Torre de Hércules... Houbo tempo para cantar ao son do acordeón, para rir, para descubrir cousas moi interesantes, e mesmo para chegar á conclusión de que o centro do mundo está en Pazos!!!


Ademais desta fermosa foto de grupo, podedes ver AQUÍ o resto das imaxes e vídeos que fixemos na biblioteca, e premendo AQUÍ as realizadas en "Radio Rosiña".

Desde aquí queremos dar as grazas a Isabel, da libraría "Ler" de Santa Comba, quen nos facilitou o contacto con Xurxo Souto para facer deste "Día da Biblioteca" unha auténtica ledicia. E, por suposto, a Xurxo: "MEDRE O MAR!!!!"

Ningún comentario:

Publicar un comentario