venres, 4 de xuño de 2021

"O LIXO MARIÑO", UNHA ACTIVIDADE EN COLABORACIÓN CO CEIDA

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, CEIDA, situado na illa de Santa Cruz, Oleiros (A Coruña), é un centro de referencia en canto á educación ambiental. As súas actividades están dirixidas a traballar na procura de solucións aos problemas ambientais, así como a fomentar boas prácticas entre as cidadás para que a pegada do ser humano na natureza non sexa tan negativa. Por este motivo, este curso solicitamos unha actividade titulada "O lixo mariño", que se dividiu en dúas partes: 

-por un lado, unha charla no centro sobre a problemática do lixo, onde Laura e Flor nos falaron da importancia dos mares, os problemas que lles afectan (cambio climático, sobrepesca, explotación industrial, lixo...) ou os impactos ambientais e socioeconómicos que provocan os desperdicios que chegan ao mar, etc.;

-por outra banda, aínda que a situación é moi preocupante, non debemos rendernos, podemos mellorala facendo moitas cousas que tampouco supoñen un grande esforzo. Unha delas foi a que realizamos este venres, que consistiu en visitar a praia de O Ézaro e observar como estaba.

Despois da recollida falamos dos residuos atopados con Jorge e Laura.
 

Para esta segunda actividade acompañáronnos Laura e Jorge, e en grupos pequenos fixemos un inventariado dos residuos que atopamos na praia, facendo despois unha posta en común na que quedou claro que a maior porcentaxe do lixo que atopamos pertencía ao grupo dos plásticos!!! Afortunadamente, o Concello de Dumbría realiza unha limpeza da praia a cotío, polo que os residuos atopados non foron moitos, algo que xa nos comentou antes de comezar o traballo Raúl, un dos concelleiros que nos recibiu á nosa chegada ao Ézaro. 

Esta saída coincide ademais con dúas datas ben importantes relacionadas coa natureza, xa que mañá, 5 de xuño, celébrase o "Día Mundial do Medio Ambiente", e o vindeiro martes, día 8, o "Día Mundial dos Océanos". A xornada foi realmente interesante e sei que desfrutastes moito, tanto con esta actividade como coas outras que completaron este fermoso día: visita á fervenza do Xallas, xantar ao aire libre, paseo pola praia, xeado... Vamos, que repetiriades outra vez seguro!!!

Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron nesta importante formación!!!

Unha aperta,

                     Rosiña


Ningún comentario:

Publicar un comentario