martes, 2 de febreiro de 2021

DÍA DA CANDELORIA E DAS ZONAS HÚMIDAS

Bos días!!! Hoxe, 2 de febreiro, o calendario sinala dúas datas ben fermosas: o Día da Candeloria e o Día Mundial das Zonas Húmidas. No cole non chegan as xornadas para adicar tempo a falar de todos os temas que consideramos interesantes facéndoos coincidir con estas celebracións, pero desde aquí podo contarvos algunhas cousiñas...

A Candeloria coincide coa metade do inverno, como afirma o dito popular "pola Candeloria, medio inverno vai fóra"; os días xa medraron e a natureza comeza a prepararse para a algarabía primaveral. 

Hai tamén un refrán popular que di "a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa", xa que neste mes regresan as aves migratorias, os cortexos anuncian novas niñadas, e as vodas son tan románticas que ben podería mudar o día do amor para esta data en lugar da adicada ao chamado Valentín, un crego romántico do século III. A ti que che parece?

En canto ás Zonas Húmidas, quería lembrarvos que son de grandísima importancia para a existencia da biodiversidade. Estas extensións de terra, inundadas de auga doce ou salgada, forman ecosistemas con nomes que seguramente coñezas: ríos, rías, lagos, lagoas, marismas, pantanos, etc. Estas zonas, nas que viven moitos animais e vexetais, regulan o ciclo da auga e o clima, ademais de aportarnos moitos recursos que melloran a nosa calidade de vida. Sen embargo, nos últimos anos desapareceron moitísimas zonas húmidas en todo o mundo.

A colombiana Martha Rojas Urrego fala sobre a súa importancia neste 2021:


Por suposto, tamén os paxariños necesitan destas zonas para vivir. Son moitas as aves migratorias que se deteñen nelas para descansar e alimentarse antes de continuar a súa viaxe, pero tamén as aves que permanecen todo o ano connosco precisan destas zonas. O mazarico é unha delas, que se alimenta grazas ao seu longo peteiro, que introduce nas zonas húmidas para extraer invertebrados de todo tipo.

A AUGA É IMPRESCINDIBLE PARA A VIDA, 

ASÍ QUE DEBEMOS COIDALA ENTRE TODAS!!!



 





Ningún comentario:

Publicar un comentario