venres, 11 de decembro de 2015

DEREITOS E DESEXOS PARA O NADAL

Esta tarde xuntámonos no patio do colexio para celebrar un acto con motivo do Día dos Dereitos do Neno (20 de novembro) e os Dereitos Humanos (10 de decembro). Aínda que ambas datas xa pasaron, hoxe reunímonos para falar do traballo realizado nas aulas durante estas últimas semanas, e o alumnado de 6º tamén nos leu un pequeno resumo sobre a Convención dos Dereitos do Neno, aprobada pola Asamblea das Nacións Unidas no ano 1989. 
Xunto á actividade de traballar nas aulas os dereitos, este curso tamén engadimos unha novidade, que consistíu en convertir un aro olímpico nun adorno para a nosa árbore de Nadal. Así, cada grupo decorou varios aros e escribiu un desexo en cada un relacionado cos dereitos. Esta tarde lémolos e colgámolos na árbore, na que tamén engadimos imaxes relacionadas coas Olimpíadas: deportes, iconas, deportistas, etc.
E por último, fixemos unha carreira moi especial, ao participar na XII edición de "Quilómetros de solidariedade" de SAVE THE CHILDREN. Medrar san e feliz, cumprir anos, soñar con ser maior..., son algunhas das cousas que esperamos suceda na vida de calquera neno/a. Pero non todos poden facelo. Cada día morren no mundo 16.000 nenos e nenas menores de 5 anos a causa de enfermidades como a desnutrición, a diarrea, o xarampón ou a malaria, debido a que non teñen acceso á atención médica ou non dispoñen de alimentos e tratamentos adecuados a tempo. Así ocorre en países do continente africano coma Burkina Faso, Níxer, Mauritania ou Malí. E a estes países e aos que Save the Children destinará os fondos recadados entre todos/as nós. 
E aquí están as imaxes dunha tarde solleira na que tamén escoitamos cancións tradicionais africanas, mais estas non saen nas fotos:

Ningún comentario:

Publicar un comentario