xoves, 23 de decembro de 2021

RAPAZAS EMPRENDEDORAS NAS TIC

Ola a todas!!!

Comezaron as vacacións de Nadal, pero non por iso o noso blog está inactivo. Todo o contrario, xa que sei que o visitaredes para lembrar moitos dos momentos que celebramos no cole, ou para descubrir cousas ben interesantes como esta que nos conta o alumnado de primaria

Como sabedes as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) son un dos sectores máis importantes na actualidade, pois permiten unha comunicación eficiente, rápida e clara, favorecendo sectores vitais como a educación, a saúde ou a economía.

A inmensa maioría dos traballos actuais requiren algún grao de coñecemento destas tecnoloxías aínda que, segundo a Comisión Europea, só o 30% do sector TIC está formado por mulleres.

Por esta razón, este curso o alumnado de educación primaria está a participar no programa “Rapazas emprendedoras nas TIC” do Plan Proxecta+. Este ten como obxectivo principal fomentar o uso das TIC no alumnado e no resto da comunidade educativa, poñendo especial atención no rol das nenas, rapazas e mulleres como referentes do sector e como creadoras de contidos. 

Entre as actividades que realizaron está este vídeo no que as nenas e nenos de 3º a 6º nos explican aspectos relacionados co ámbito científico-tecnolóxico (que tamén inclúe o outro proxecto que estamos a desenvolver no cole: o Universo) e con este proxecto (que é o emprendemento, que son as TIC…). 

Tamén asistiron a unha charla virtual sobre ciberseguridade enmarcada dentro do ciclo de conferencias “Educación século XXI” de Afundación TV. 

Bernardo Viqueira explicou ao alumnado como enfrentarse aos dispositivos dixitais que manexamos diariamente. 
Bernardo é "hacker" e deu consellos sobre como mellorar as nosas condicións de seguridade ante ese tipo de dispositivos.

Por último, entre todo o alumnado de primaria gravaron un “Rosiñapalabra” con palabras do “A” ao “Z” relacionadas co campo da ciencia e da tecnoloxía. 

En hora boa por este traballo tan completo e interesante, ademais de moi necesario!!!

Agardo impaciente as vosas novidades a partir de xaneiro, que sei que nos ensinarán moitísimo a todas as persoas que visitan o noso blog.  

Aperta enorme,

Rosiña


Ningún comentario:

Publicar un comentario