venres, 24 de decembro de 2021

NOTICIAS EN "RADIO ROSIÑA"

Este curso "Radio Rosiña" segue emitindo. Algúns programas graváronse nas aulas, e outros realizáronse dentro do proxecto "RTV Enxebre" que a ONG "Ayuda en Acción" desenvolve no centro desde o curso pasado. Para iso, ao longo deste trimestre recibimos no cole a Sergio Pascual ("Laboratorio de Radio"), que nos visitou cada 15 días e con quen preparamos diferentes programas nos grupos de Primaria. O resultado chegou estes días ao meu buzón, así que non agardo máis para compartilo con vós. Seguro que durante estas vacacións tedes un ratiño para escoitalos e comentalos nos vosos fogares. 

Comezamos co programa que gravaron en 1º e 2º, "Cachorros perdidos". Se queredes coñecer a historia, escoitade atentamente:

Durante a gravación realizáronse algunhas fotografías, que podedes ver premendo aquí.

En 3º e 4º centráronse noutro tema: as fervenzas. Prepararon un concurso no que invitaron a dúas persoas moi especiais: o pai e a tía de dous rapaciños da aula. Pasámolo xenial con Javier e Silvia, e seguro que cando escoitedes o programa vós tamén pasaredes un bo rato. Non volo podedes perder!!!

Ademais do programa, nas clases fixeron un traballo de investigación sobre cinco das fervenzas máis destacadas do concello, que podedes ver exposto no colexio e tamén premendo aquí. Por suposto, tamén houbo fotos durante esta gravación, que podedes ver aquí.

Por último, o programa de 5º e 6º. Sergio propúxonos investigar sobre a ataxia SCA-36, unha enfermidade coñecida tamén co nome de mal da Costa da Morte. Para iso puxéronse a investigar sobre a mesma e prepararon un programa no que entrevistan a Manuel Rey, xornalista e divulgador científico que actualmente publica en "GCiencia". O tema é moi interesante, así que se tedes curiosidade, dádelle ao play:

Durante esta gravación tamén fixeron fotografías, algunhas das cales foron sacadas por un dos rapaces do grupo, Guille, que manexou a cámara de Sergio con gran profesionalidade. E mentras as nenas e nenos entrevistaban a Manuel, Mai realizou un retrato do noso convidado que lle agasallou ao rematar o programa. Para ver todas as fotos, premede aquí.

Sentímonos moi orgullosas deste resultado, ademais de moi privilexiadas por poder convidar a persoas do noso entorno que compartiron connosco toda esta produción: aos familiares que fixeron o esforzo por achegarse ata o cole (grazas, Javier e Silvia); a Manuel, que sabemos que tes moito traballo e non dubidaches en viaxar ata San Cosme para responder ás nosas preguntas (grazas pola túa xenerosidade); a Sergio, que con tanta paciencia nos guiou neste proceso tan fermoso... E, por suposto, á rapazada que se implica con tanta ilusión para que a radio siga sendo un medio de comunicación imprescindible!!!

Unha aperta, 

Rosiña

Ningún comentario:

Publicar un comentario