Esta mañá pasamos un ratiño no Auditorio Municipal de Santa Comba, onde asistimos á representación "Pum, pum", da compañía Baobab Teatro.
"Pum Pum" é un espectáculo que fala da historia de Marieta, unha meniña rodeada de portas que se abren e contan historias, historias cotiás que lles pasan a todos os nenos e nenas. Pero unha delas garda un segredo que Marieta non contara a ninguén. E esta última porta fálanos dunha historia moi diferente ás outras que nos deixa unha mensaxe: non gardedes un mal segredo, contádeo e pesará menos!
Aínda que foi unha mágoa que non viñerades todos/as a vela, o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria desfrutou moito con este espectáculo que presentaba varias técnicas (teatro de actor/actriz, monicreques, máscaras, sombras) e con música orixinal creada para a obra e interpretada en directo. Aquí podedes ver o tráiler:
Queremos agradecer ao Concello de Santa Comba a súa invitación a un espectáculo tan interesante, e á compañía Baobab Teatro polo seu traballo tan ben feito sobre un tema tan delicado. E, ademais, aínda se pararon a saudarnos a todos/as ao remate da actuación e a fotografarse diante do escenario con todos/as nós. Moitísimas grazas!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario