A xornada de onte pasámola nunha cidade moi coñecida por todas e todos nós, xa que foron varias as saídas que fixemos ata A Coruña. Sen embargo, ata esta ocasión non visitaramos os lugares nos que nos detivemos onte: o Porto e o Castelo de San Antón.
Na visita ao porto fixemos unha parada na Lonxa, onde nos explicaron como se realizaba a poxa polo peixe cada mañá, e vimos tamén a zona na que se coloca en caixas para a súa distribución ou se despeza no caso de exemplares de gran tamaño.
Despois regresamos ao autobús para achegarnos ao Peirao de Transatlánticos, onde a mesma mañá de onte atracou o transatlántico "Ventura". Esta enormidade foi construída no ano 2008, mide case 300 metros de eslora e ten capacidade para máis de 3.500 pasaxeiros. As persoas que traballan nel, que reciben o nome de tripulación", son 1226. Nós só puidemos velo de cerca, pero a verdade é que nos impresionou o seu tamaño!!!!
A última parada foi no Castelo de San Antón, fortaleza construída no século XVI. Durante os dous séculos seguintes foi un edificio defensivo e prisión. O museo como tal inaugurouse en 1968, e desde 1994 é monumento histórico-artístico, no que podemos atopar obxectos arqueolóxicos de diferentes épocas (megalitismo, Idade de Bronce, Cultura castrexa, romanización...). Fíxonos moitísima ilusión subir á terraza, onde as vistas da cidade son espectaculares, e baixar ao alxibe.
Despois de comer no "Fórum Metropolitano", regresamos ao cole, cansadiñas/os pero contentas/os dunha estupenda mañá!!!! Premendo AQUÍ podedes ver todas as imaxes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario