Incrible que ata onte non coñecera algúns dos tesouros que agocha o noso concello... E mirade que me gusta camiñar para aquí e para alá, pero descoñecía por completo que aquí en Mazaricos tiñamos riquezas coma as que onte nos amosou Nina na nosa excursión polos arredores.
A primeira parada fixémola no Monte Aro, que nos regalou unha das vistas máis fermosas do lugar: montes e vales divísanse dende o lugar no que se asentou un dos castros máis importantes, e iso que o día non estivo especialmente despexado para poder apreciar incluso o mar, aínda que si puidemos ver como se asomaba un pouquiño un dos montes máis máxicos do mundo: o monte Pindo!
Despois, baixamos ata Pedras Miúdas onde, por primeira vez nas nosas vidas, merendamos ao carón dunha mámoa!!!
Por último, achegámonos a Ponte Olveira, onde o río Xallas divide os concellos de Mazaricos e Dumbría. Esta ponte, ademais, foi testemuña dunha das batallas máis heroicas na nosa historia: a loita dos veciños de toda a contorna contra o exército napoleónico durante a Guerra da Independencia (1809). Foi tamén aquí onde se orixinou, a ámbalas beiras do río) a feira que posteriormente se trasladaría ata A Picota, onde segue a celebrarse na actualidade.
E aprendemos moitas máis cousas, ademais de coñecer parte do Camiño de Santiago a Fisterra por Mazaricos e ver algúns dos lugares nos que vivides algúns dos nenos e nenas do cole, mentras cruzabamos un mar de herba que enchía os nosos ollos de infinitos tons verdes... Ai, que mañá tan fermosa!!!!
Premede sobre a imaxe ou AQUÍ para ver as fotos e presumir das cousas tan fermosas que tedes, para VALORALAS, RESPECTALAS e COIDALAS!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario